Wednesday 31 October 2007

Non fixeron falta TICS

.
.
Seica os antigos celtas celebraban a festa do Samaín. Despedíase o ano e esa noite abríase a fiestra entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Facíanse fogueiras e poñíanse candeas dentro dun nabo ou dun calacú. Os irlandeses levaron a tradición aos Estados Unidos e de alí nós volve a festa do Halloween. Por aquí pasaron os romanos e despois a cristianización da festa pero algo quedou: o 1 é o día de Todos os Santos e o 2 o día dos defuntos. O 1 fanse en moitos lugares os magostos, coa castaña de protagonista; en Pontevedra hoxe na Praza da Verdura traballarase con calacús. E as ánimas dos defuntos son protagonistas da Santa Compaña e de moitos contos e lendas.
.
.
.
.
Por iso hoxe o alumnado de 1º ESO A/C apagou as luces e acendeu unha vela na clase de lingua galega... para entre todos contar os contos e as lendas que escoitaron dos seus pais e máis que nada dos avós e avoas, agradecéndolles que non deixasen perder as nosas tradicións. Seica hoxe moitos deles van xuntar coa familia e amigos a contar contos de medo. Boa celebración!

Tuesday 30 October 2007

Un Plan Lector diferente

Para botar unha ollada cando as cousas non van todo o ben que quixésemos....

Monday 29 October 2007

Senegal fast food

Un dos mellores temas dos cantantes de Mali, Amadou e Mariam, máis a inconfundible impronta de Manu Chao neste Senegal Fast Food. Fala de falsos paraisos, de expectativas, de visados, do que se deixa atrás cando decides montar nun cajuco e empezar outra vida. O malo é cando, en lugar de comezar, remata. Un video ben feito.

"il est maintenant, 5 heures zéro huit minutes"
C'est au Manhattan fast food Dakar Sénégal cinéma le Paris demain je serais parti
La gare Dakar Bamako mon p'tit y'a pas de problème
Tout vas bien aujourd'hui je me marie
J'ai confiance amour solo gao l'Algérie Tunisie Italie
Y'a pas de problème, j'aime au Manhattan fast food Dakar Sénégal cinéma le Paris
ascenceur pour le ghetto Il est minuit à Tokyo, il est cinq heures au Mali
Quelle heure est-il au paradis.Il est minuit à Tokyo, il est cinq heures au Mali
Quelle heure est-il au paradis
C'est au Manhattan fast food Dakar Sénégal,
la grand-mère à l'hopital dans tête tout vas bien Cairek, moi ici, toi là-bas, le visa au consulat Numéro 39, y'attends y'attends à l'étal civil déjà l'an 2000, déjà 2000 ans
Au Manhattan fast food Dakar Sénégal cinéma le Paris (cinéma le paris)....

Nesta ligazón a letra enteira e a tradución

Wednesday 24 October 2007

Titoría para previr a homofobia nun IES de Madrid

O instituto Duque de Rivas de Madrid é pioneiro na organización dunha titoría para previr a homofobia na comunidade escolar. Nunha entrevista con Joaquín Álvarez, profesor que ten o gran mérito de promover esta interesante iniciativa, fálase de obxectivos tan de sentido común como:

Implementar adecuadamente unha educación sexual, que poña o acento non só na profilaxe, senón tamén na importancia dos afectos, sexan do tipo que sexan.


Falar sobre diversidade afectivo-sexual en todas as etapas do currículo. Traballar a igualdade entre homes e mulleres.
Combater o sexismo e a homofobia.
Explicar a beleza e a grandeza da diversidade. Traballar a Cultura da Non Violencia.

Mostrar referentes positivos de homosexuais e transexuais que contribuíron co seu traballo, ao longo da historia da humanidade, ao desenvolvemento cultural e científico.
.
Facilitar ao profesorado GLBT (gays, lesbianas, Bisexuais, transexuais) mostrarse como tal ante os demais, con respecto exquisito cara ao seu feito diferencial. Escoitar e atender ao alumnado GLBT, que demanden unha atención específica.
Estender as actividades formativas aos proxenitores do alumnado, facilitándolles a realización de cursos e talleres sobre resolución de conflitos con adolescentes, intelixencia emocional, e de orientación afectivo-sexual.

E tamén di:

"A homofobia é unha realidade nas aulas. O insulto que con maior frecuencia se repite en calquera centro educativo, é un epíteto ben coñecido. Hai distintos tipos de homofobia: Ás veces maniféstase dun modo violento, noutras ocasións, de xeito soterrado. O feito de que se siga sen visibilizar a realidade GLBT nos institutos e colexios españois é indicativo de que as sexualidades minoritarias seguen estando estigmatizadas. Moitos mozos e mozas sofren en silencio acoso por orientación sexual e non atopan nin no ámbito educativo nin no ámbito familiar, apoios para saír desa situación. Os dereitos humanos, séguense vulnerando, aquí e agora, en contornos que proclaman como idearios "o desenvolvemento integral do individuo", co silencio cómplice dos compañeiros? de pupitre e o que é máis grave, de responsables (?) educativos, que prefiren mirar para outro lado cada vez que se producen actos homófobos... ". (Fuente Pisando Fuerte)

Esta é a ligazón ao blog da titoría, onde proporcionan referentes positivos da homosexualidade e facilitan un correo para pórse en contacto cos responsables. Nesta ligazón hai unha interesante relación de recursos que proporciona este blog. Aquí podedes descargar o cómic que aparece na ilustración, e nesta ligazón pódese descargar unha unidade didáctica con máis información sobre o tema: películas, literatura, publicacións....en breve ambos documentos estarán a dispor de toda a comunidade escolar. Polo momento, aparte de "Homosexualidade e familia", que xa mencionamos nun post anterior, adquirimos recentemente estas dúas obras "Jim en el espejo" e "Sandra ama a Meike". Seguiremos informando.



Só resta felicitar aos responsables desta importante e, sobre todo, necesaria iniciativa.

Tuesday 23 October 2007

Obradoiro de narrativa


AGRADECEMENTO Á ANPA DO NOSO INSTITUTO
Desde a Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura queremos manifestar o noso agradecemento á O Verxel, a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do centro por levar adiante o II Obradoiro de Narrativa. Aproveitamos a experiencia do ano pasado e tentaremos mellorar neste curso. Por iso estivo hoxe no centro o escritor Manuel Lourenzo, que tan grata lembranza deixou no alumnado do curso 06-07, e quedamos con el en que o martes 13 de novembro ás 10´40 o alumnado de Literatura galega do século XX e algúns "elixidos" máis ... na Biblioteca... comezarán o traballo de aprender a narrar con xeito.

Monday 22 October 2007

GRAZAS

Máis de 1000 persoas no Pazo de Congresos en Santiago de Compostela que cambiaron un fin de semana de tempo marabilloso por falar, escoitar, compartir experiencias acerca do papel que desexamos poidan chegar a desempeñar as Bibliotecas Escolares de Galicia nestes confusos tempos en que os docentes temos tantas e tan diversas responsabilidades. Unha organización inmellorable grazas unha vez máis a Cristina Novoa e Pilar Sampedro, ás persoas responsables deste proxecto que xa é imparable. Moitas expectativas, moita ilusión, algunha cea inesquecible e unha chea de amigos cos que é un privilexio compartir tantas cousas.

De todos e todas vós aprendemos cada día. O equipo da biblioteca do IES Sánchez Cantón quere darvos publicamente as grazas. Aquí podedes ver o ambiente, a incrible cantidade de xente disposta a seguir adiante e, de paso, facer unha visita a A Nosa Biblioteca, un blog excelente e amigo.

Thursday 18 October 2007

Traducir, Traicionar?

Unha breve nota con respecto á obra de Romeo e Xulieta que puidemos ver onte no teatro principal. Sabemos que a linguaxe utilizada polos amigos de Romeo e Xulieta, criados na versión orixinal, causou lóxica sorpresa pola súa crueza e alusións sexuais totalmente explícitas.
Ás veces os tradutores tómanse licenzas que fan que as obras de escritores moi celebrados, como é o caso de William Shakespeare, queden bastante desvirtuadas nalgún dos seus aspectos. Romeo e Xulieta sempre foi considerada polos grandes estudosos do xenial dramaturgo inglés como unha obra menor, que carecía da relevancia doutras traxedias máis celebradas como Othello , Macbeth, o King Lear...aínda así sempre gozou de gran popularidade entre o público e quedou como prototipo do amor desditado fronte ao destino cruel. Shakespeare estableceu unha clara diferenza entre a linguaxe dos criados, vulgar e cheo de expresións, por así dicilo, da rúa, e a linguaxe poetica, chea de cultismos e refinadas metáforas dos protagonistas principais. Na versión orixinal Mercuccio por exemplo é deliberadamente soez, con alusións explícitas a termos obscenos e cunha forte carga sexual. Dependendo do período en que a obra foi traducida, estas expresións fixéronse máis "aceptables" ou simplemente suprimíronse. Só en épocas relativamente recentes puidemos ter acceso a traducións máis fieis que refllicten e respectan na súa integridade o texto orixinal. Xulgade por vós mesmos.
Traducción de Ángel Luis Pujante, Premio Nacional de Traducción pola súa versión de The Tempest. 1998.
BENVOLIO: Ven, que se ha escondido entre estos árboles, / en alianza con la noche melancólica. / Ciego es su amor, y lo oscuro, su lugar.
MERCUCIO: Si el amor es ciego, no puede atinar. / Romeo está sentado al pie de una higuera / deseando que su amada fuese el fruto / que las mozas, entre risas, llaman higo. / ¡Ah, Romeo, si ella fuese, ah, si fuese / un higo abierto y tú una pera! / Romeo, buenas noches. Me voy a mi camita, / que dormir al raso me da frío.

Traducción do mesmo texto de Ramón Menéndez Pidal, publicada no ano 1967, en pleno periodo franquista.
BENVOLIO: Sígueme; se habrá escondido en esas ramas para pasar la noche. El amor es ciego, busca tinieblas.
MERCUCIO: Si fuera ciego, erraría siempre sus tiros. Buenas noches, Romeo.
Pois agora resulta que a versión que vimos onte axústase bastante ao orixinal e o gran Shakespeare tamén sabe ser vulgar e irreverente e iso, en determinadas épocas, non era presentable. Como é pouco probable que adquiramos de repente o don de linguas e poidamos ler a todos os autores que nos interesan en versión orixinal, dependemos do bo oficio dos tradutores, que, ás veces, poden caer na tentación de recrear a obra á súa vontade. Esperemos que xa non sexa certo aquilo de traduttore, traditore .
Podedes ver El traductor-Autor, de Luisa Pastor Martínez, o ensaio que consultamos para este post, se queredes máis información. Moi interesante.


Wednesday 17 October 2007

Romeo e Xulieta

.

O amor e a traxedia nunha das obras teatrais máis coñecidas: Romeo e Xulieta. O enfrontamento entre familias e entre pandas de mozos, o destino que todo o dirixe. A obra de Shakespeare posta por Eduardo Alonso diante dos ollos da xente nova: música, vestiario, escenografía do máis actual con botellón incluído. Rapaces e rapazas de 4ª ESO B tiveron a oportunidade de ocuparen unha butaca no Teatro Principal para ver e escoitar a un grupo de actores novos encabezados pola experimentada Luma Gómez. Conseguiría Teatro do Noroeste con esta versión facer atractivo o teatro para a xente nova? Conseguiría achegar un clásico da literatura universal á sensibilidade do noso alumnado?

Na biblioteca temos a versión orixinal en inglés e en español... e na rede hai moita informac
ión

Tuesday 16 October 2007

Cancións do mundo

Hoxe queremos recomendar a excelente colección Un Libro, un CD, Ed Kókinos que ofrece tres repertorios de cancións populares infantís en tres preciosos volumes ilustrados, con texto bilingüe, acompañados por un CD no que se recollen unha trintena de cancións.
Os seus títulos: Á sombra da oliveira (adicada ao Magreb e con textos en árabe e español), Cancioneiro infantil do papagaio . (cancións de Brasil e Portugal, en portugués/español) e Cancións infantís e nanas do baobab (adicada á África negra e con textos en español e nunha decena de linguas africanas). A profesora de música está encantada e pensando en todas a cousas que poderá facer con eles.


Ao final do libro todos os textos das cancións están comentados, explicando os seus referentes culturais, Por exemplo: ulah xaulah .

"Esta canción de berce de refinadísima melodía cántase dun xeito semellante á música árabe andaluza. O arrolo da nai, xunto coas palabras amorosas e repetitivas en forma de ladaíña, envolven ao neno en caricias..."

Monday 15 October 2007

Pensando en rede

Aproveitamos este partido de fútbol tan especial para anunciar a inauguración de dous novos blogs de traballo do Departamento de Filosofía. Pode accederse desde Biblogteka, onde xa contabamos cos do Departamento de Lingua e Literatura Galega. Os novos blogs un para 2º Bac e outro para 1º bac, proporán moitas e diversas actividades: debates baseados en fragmentos tomados das obras de lectura recomendadas para este curso, comentarios a vídeos, temas de actualidade. Teñen moi boa pinta e iso que están recén estreados. O Departamento de Francés tamén anda moi animado, e desde o equipo de Biblioteca pronto reactivaremos o blog Cociña Cooltural para que forme parte, entre outras cousas, do proxecto interdisciplinar de 1º ESO, que ten como tema a alimentación. Xa vos avisaremos, a ver que pasa... Por certo, tamén estreamos Tabolerio no instituto para todos e todas aqueles que teñades algo que dicir.

Friday 12 October 2007

Sinestesia: Cores que saben, sons que berran

Cando tiña tres anos, a Vladimir Nabokov regaláronlle un xoguete consistente nuns cubos de madeira de diferentes cores, cada un dos cales levaba pintada unha letra. Ao ver o cubo vermello, correspondente á letra A, o futuro autor de 'Lolita' reaccionou enfadado e díxolle á súa nai: «O A non é vermello, é azul». A súa queixa non foi un arrebato de precocidade poética; A súa discrepancia coas cores do xogo procedía dunha percepción meramente física: para el, os sons representados pola letras non só chegaban ao oído, senón que tamén eran portadores de cromatismo; isto é, entraban polos ollos.
O ocorrido a Nabokov era un fenómeno que sofren -ou habería que dicir «gozan»- cinco de cada 10.000 persoas: a sinestesia. Dáse cando os suxeitos, ao recibir a información pola canle dun dos cinco sentidos, experimentan reaccións propias doutro: é dicir, «mesturan sensacións», uns cheiran melodías, outros oen cores ou saborean números. Na maioría de casos non se trata de percepcións transitorias, froito de estados de alucinación ou sobreexcitación, senón sensacións claras e permanentes. Os neurólogos que estudaron o fenómeno non acaban de pórse de acordo na súa orixe. Para uns, débese ao comportamento de determinado tipo de conexións entre células cerebrais. Outros dan máis importancia a factores hereditarios, hipótese avalada pola frecuente existencia de varios sinestésicos nunha mesma familia. A nai do propio Nabokov, por exemplo, vía formas e cores ao escoitar música; e Dimitri, o fillo do escritor, tamén tiña impresións similares.
O interese da sinestesia como peculiaridade neurolóxica combínase co seu indiscutible valor como forza creativa. Eran sinestésicos o compositor Rimsky Korsakof como tamén o foi o pintor Vassily Kandinsky. Un paciente describía ao seu terapeuta os sons agudos da seguinte forma: «Vese algo como fogos artificiais vermellos e rosados; a tira de cor resulta áspera e desagradable; teñen un sabor horrible, como o do cogombro en conserva; podería un ferirse a man con iso».
Kandinsky consideraba aos sinestésicos uns seres envexables situados «na vangarda espiritual da humanidade». Quizais non estivese equivocado.

Moi interesante e documentada esta ligazón para os que queirades saber máis.

Thursday 11 October 2007

Isto de facer a compra está cambiando

Unha empresa estadounidense encargou a Microsoft que deseñase unha nova aplicación para incorporar a uns mini-computadores para os carriños do súper. O “super-carriño” é quen de dirixir ao consumidor aos seus lugares favoritos do supermercado, xa que por medio dunha “tarxeta de fidelidade” vai saber o que acostuma mercar, a frecuencia da compra, que cantidades consome e mesmo os problemas de saúde do cliente e a súa familia.

Evidentemente esta información resúltalle de moita utilidade á cadea comercial que tamén se aproveita do invento para dar a coñecer ofertas, e publicitar certos produtos, ou sexa dirixir a nosa compra.

De cara ao consumidor dise que nun futuro, lendo o código de barras, poderá dar información sobre os compoñentes nutritivos dun alimento, país de orixe, envasado etc.

Haberá que estar pendente deste asunto porque vai ter máis repercusións do que pode parecer nunha primeira ollada, aínda que os medios de comunicación dan a noticia coma quen ofrece un caramelo.

En relación co tema da compra publicouse recentemente o libro Supermercados, non grazas que axuda a reflexionar sobre a forma en que compramos na actualidade e as consecuencias que isto ten. Está á vosa disposición na biblioteca.

Wednesday 10 October 2007

Disidentes (so tired of you America)


Queremos poñer ao voso dispor a última obra de Naomi Klein A doutrina do Shock. Obra documentadísima na que ofrece as súas conclusións tras numerosas entrevistas e investigacións levadas a cabo nos últimos catro años. A súa principal conclusión é que o neoliberalismo salvaxe vai a miúdo da man de políticas gobernamentais afíns e pode chegar a utilizar desastres de todo tipo, naturais ou terroristas, como combustible da súa voracidade nos momentos en que as poboacións se senten máis indefensas.
A súa tese é que do mesmo xeito que tras un duro interrogatorio os prisioneiros quedan en situación de desorientación e vulnerabilidade extremas e dispostos a colaborar, igualmente as poboacións aterrorizadas estarían dispostas a seguir a aqueles individuos que aseguran ser os únicos apropiados para salvalas. Serían estes os mellores momentos para modelar as sociedades segundo os seus intereses. Temos o libro do trinque, recén traducido e adquirido, o aspecto é impresionante pola extensísima bibliografía e documentación. Moi interesante, provocador e sen dúbida polémico, como tamén o foi No Logo
, o anterior traballo desta activista canadense . A teoría de Klein sobre como avanzou o capitalismo global ata a súa agresiva fase actual impactou a Alfonso Cuarón, o director do inquedante filme Fillos dos Homes. Cuarón realizou unha chamativa curta de seis minutos, presentada no festival de Venecia e que ten gran forza visual, na que Naomi Klein resume a súa teoría. Paga moito a pena vela .


Este libro salvarache a vida é a última novela de A.M. Homes, unha escritora estadounidense que algúns se empeñan en cualificar de "bad girl" por ir ao centro dos asuntos perturbadores da condición humana en Estados Unidos e que outros consideran unha desas elixidas que transcende os adxectivos. Nela cóntanos a vida de Richard Novak, un millonario que non precisa traballar e vive nunha ultramoderna casa de Los Ángeles e que só mantén contacto coa súa asistenta, a nutricionista, a masaxista e a adestradora persoal. Pero de súpeto un par de sucesos illados devolverana á sociedade, á familia, á realidade tan peculiar desa cidade coa atmosfera evasada ao vacio de Hollywood na que Novak iniciará a súa peculiar singradura cara a unha nova vida. A novela, poboada por personaxes de carne e óso nuns ambientes tan cribles como absurdos, mestura o realismo máis cru coas aventuras máis estrambóticas. Este libro salvarache a vida é, unha vez máis, unha acertada aposta de Anagrama que entretén, emociona e divirte grazas á feroz e aceda pluma da súa autora.
.
E por último un dos nosos máis recentes e mellores desubrimentos musicais: Rufus Wainwright. Todo un personaxe coas características para converterse nun ídolo musical á antiga usanza: novo, atractivo, cunha vida intensa e tortuosa... e cunha voz indescritible e chea de matices. Wainwright é totalmente ecléctico e impredicible. Seguro que o oiríades sen decatarvos en numerosas bandas sonoras, como en Shrek onde canta o famoso Hallelujah de Leonard Cohen, ou en algúns dos temas de Brokeback Mountain, pero interésanos esta magnífica I'm going to a town que hoxe nos vén moi ben para este post. Nela evidénciase a suxestiva voz deste intérprete tan especial, que ten unha solidísima formación musical e se descolga con versos que máis ou menos veñen a dicir ..que canso estou de tí América... como te aproveitaches do amor que tanta xente che tiña...pensas que non te condenarás precisamente tí, que presumes de facer todo ben , tí que cubriches de sangue o corpo de Cristo?... Agora voume resarcir polo que nos contan no Sunday Times e nas cancións infantís e que son só mentiras.... Teatral, excesivo e orixinal este Mr Wainwright, encántanos a súa balada. Haberá que seguirlle a pista.

Monday 8 October 2007

Durmir nos cibercafés


O equipo de En Portada da TVE 2 visitou, nunha interesante reportaxe, os cibercafés de Tokio onde pasan a noite un número crecente de persoas, moitas delas mozos e mozas que teñen contratos de traballo que non lles permiten acceder a unha vivenda.
Estes cambios na supostamente próspera sociedade xaponesa cun dos máis altos niveis de vida do mundo, son consecuencia da introdución en Xapón da economía neoliberal que levou á aplicación de medidas que chocan coas características do modelo empresarial xaponés. A reportaxe de En Portada explica como a tradicional economía de Xapón, moi protexida polo estado, vive agora unha transición cara ao modelo liberal no que as empresas privadas teñen un maior protagonismo e liberdade de acción.
Moitos xaponeses están tamén enoxados pola deriva nacionalista e belicosa que tomou ultimamente a facción ultra conservadora do Partido Democrático Liberal. Este partido que goberna o país dende o final da segunda Guerra Mundial, quere potenciar as forzas armadas, e sancionou a máis de 400 mestres por negarse a cantar o himno nacional nas escolas públicas, algo que o goberno fixo obrigatorio.
Os centos de cibercafés que se reparten por Tokyo ofrecen tarifas nocturnas especiais por 1.500 yens (uns dez euros), inferiores ás das pensións máis baratas da capital. Neses tipos de establecementos, cunhas instalacións sempre dunha limpeza inmaculada, o usuario dispón dun pequeno cubículo privado cun cómodo sofá reclinable, televisión e un ordenador de mesa con conexión a Internet, no que tamén se poden ver películas e xogar cos videoxogos.

Ademais, moitos destes centros dispoñen de coleccións de DVD e de cómics manga, baños comúns, máquinas dispensadoras de bebidas e comida para os seus usuarios e ata sillón para masaxes. Algúns destes negocios, conscientes das necesidades dos novos 'refuxiados de Internet' -como se lles coñece en Xapón-, chegan a vender roupa interior para que poidan cambiarse.
Aquí podedes ver o aspecto destas pequenas habitacións totalmente equipadas, abertas as 24 horas e que contan cada día con máis demanda para pernoctar. Que vos parece?. Que horror!

Saturday 6 October 2007

A Voar

Insistindo na idea de todo o tempo que temos de máis...

Thursday 4 October 2007

Aung San Suu Kyi

Queremos presentarvos á líder da oposición de Myanmar, Birmania, Aung San Suu Kyi, que celebrou o pasado verán un novo aniversario no seu domicilio, convertido desde hai 17 anos nunha prisión. O símbolo da liberdade para millóns de birmanos cumpriu 62 anos baixo o arresto domiciliario que o réxime militar se resiste a levantar. Nacida en Rangún, o 19 de xuño de 1945, asumiu a dirección da Liga Nacional para a Democracia, que gañou as eleccións en 1990 por maioría aplastante. Como as autoridades militares se negaron a ter en conta este resultado, o seu partido non puido formar un goberno civil. Aung San Suu Kyi, suxeita a estreita vixilancia, preferiu permanecer á beira do seu pobo dando testemuño da súa fe en "a idea do ben e do xusto". A Xunta de goberno que mantén o poder no seu país non aforrou as invitacións de exilio á súa eminente e enoxosa semirreclusa, xogando co elemento da separación familiar, como un xeito rápido de desfacerse dela. Un capítulo desta táctica de acoso psicolóxico sucedeu cando o seu esposo, Michael Aris, morreu de cancro de próstata en marzo de 1999, sen volver ver á súa muller, esperando a visa que o Goberno birmano nunca lle concedeu. O pasado setembro foi trasladada a un novo recinto penal debido ás manifestacións que se realizan en todo o país esixindo democracia.

O confinamento de Aung San na súa casa foi prolongado un ano máis o pasado mes de maio, a pesar dos chamamentos da comunidade internacional a favor da súa liberación. Foi laureada co Premio Nobel dá Paz no ano 1991.

Birmania: algúns datos básicos

Nome oficial:
Unión de Myanmar
(antes Birmania)
Capital:
Pyinmana; ata novembro de 2005, o foi Yangón (Rangún)
Sistema de goberno:
Consello Militar
Xefe do Estado:
Xeral Than Shew, presidente do 'Consello para a Paz e o Desenvolvemento do Estado', desde o 23.04.1992
(Goberno no exilio: NCGUB, Coalición Nacional da Unión de Birmania, constituída tras as eleccións de 1990 e recoñecida internacionalmente desde 1991, cando Aung San Suu Kyi recibiu o premio Nobel da Paz)
Poboación:
42.909.464 (est. xullo 2005)
Superficie:
676.000 km²
Idioma: o myanmar (birmano) é o oficial. Tamén se falan outras linguas tribais como o karen e o shan
Relixión: Budista (87%). Tamén hai minorías animistas, musulmás, hindús e cristiás

CONFLITO
O país está gobernado por unha Xunta Militar que, tras negarse a recoñecer os resultados das eleccións de 1990, exerce unha forte represión sobre os grupos opositores ao réxime, acusado, ademais, de violar os dereitos das minorías étnicas.

Wednesday 3 October 2007

Hijab

Hoxe gustaríame falar de TV, prensa e medios de comunicación; dos mundos virtuais e dos conflitos que crean. Quero falarvos de mulleres afgás que levan burka, de nenas marroquís que pretenden ir con veo aos seus colexios...
Penso que as mulleres somos símbolos útiles, non suxeitos. Onde están as voces das mulleres afgás?. Fálase delas, mais elas non aparecen. Se aparecesen, tal vez contasen o inferno no que viven desde hai moitos anos e que só foi noticia cando os talibáns deixaron de ser socios de EE.UU; despois, o réxime talibán foi derrotado, e alí seguen elas, cos seus burkas, sen poderen ir traballar, porque a situación apenas mellorou, pero elas xa non interesan como noticia. Desapareceron...


Por suposto que hai problemas no mundo árabe. Os talibáns son un caso extremo mais apenas representan a ninguén. Somos moitas as persoas que pertencemos á mesma cultura aínda que esteamos en total desacordo con eles.
Agora dúas palabras sobre o veo e o seu significado na cultura islámica. Non ten que ver nada en absoluto co concepto de submisión. Trátase dunha pretensión de ocultar o corpo para non ser considerada só como un obxecto de desexo, para ser valorada por outras calidades. Evidentemente un pode estar ou non estar de acordo: os teólogos discuten incesantemente sobre a súa obrigatoriedade. Tamén o fan as mulleres sobre o seu uso, algunhas o levan e outras non. Toda esta situación simplificouse e distorsionouse nos medios. Que se transmitiu?: que é algo funesto sobre o que non merece a pena nin reflexionar. Estas actitudes non fomentan o diálogo entre culturas nin axudan a achegarse ao outro"...
MUNDO ÁRABE, OCCIDENTE E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN (extracto de conferencia)
Awatef Ketiti. Periodista e investigadora feminista tunecina.

Se queredes ler o artigo enteiro e máis opinións de mulleres musulmás falando da súa cultura podedes visitar a correspondente sección do traballo
Mulleres no Islam, colgado na páxina da biblioteca do centro.
Este video, obtido via o blog
Iguales en las 3000 é un documento excelente que exemplifica o texto anterior e que todos deberíamos ver. O uso do hijab nos centros escolares debe ser sometido a debate, é verdade, pero é un asunto complexo que non podemos solventar con tópicos de escaso rigor e ideas en exceso simplificadoras dunha realidade tan complexa e plural como é a cultura islámica.

Tuesday 2 October 2007

FEMINISMO CONTRA HOMOFOBIA



Hai moitas maneiras de facer arte: debuxando, creando música, ou na rede mediante ferramentas informáticas.
Pois ben, algunhas mulleres foron dándose conta de que podían usar iso que se chama o ciberespazo para construíren unha nova realidade na que elas existen como realmente desexan ser, onde se poden facer a si mesmas sen ter que estar sometidas aos mandados dunha sociedade machista que distribúe as persoas en dous xéneros aos que lles asigna unhas determinadas maneiras de actuar (roles), sen deixar case escapatoria. Xorde así o
ciberfeminismo.
Neste contexto hai mulleres e homes que se afogan porque non encaixan en ningún deses estereotipos. Así que as loitas feministas e os movementos contra a homofobia coinciden en reivindicar que hai “outros”(homosexuais e as mesmas mulleres) que teñen que poder mostrarse como realmente son, máis alá dos moldes que a publicidade e determinados sectores impoñen.
A pintora portuguesa, Paula Rego, da que o Museo Reina Sofía vai expor unha parte da súa obra, rompe con bastantes deses estereotipos: observa a serie Dancing Ostriches que, entre outros moitos cadros, aparecen na web da
Universidade de Cmbridge.


Para quen desexe ler unha breve pero profunda fundamentación teórica sobre a feminización da cultura a través de Internet pode consultar este documento de Remedios Zafra.
Por certo no Museo de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela inaugurouse unha exposición baixo o título A batalla dos xéneros. Quizais non é doada para ser visitada polo alumnado, pero é interesante para adultos.

Non é tan doado


Estonia, Latvia, Chipre, Malta?...? Seguro que sabemos exactamente onde se atopan todos estes países dos nosos veciñ@s europeos?
O xogo consiste en arrastrar o país ata a súa localización exacta. supostamente todos deberiamos acadar un 90%,de acertos, especialmente os profes. Atrevémonos? Xa nos contaredes...

Monday 1 October 2007

Unha do bo de Cuttlas


Enlazando co post anterior hoxe queremos recomendar os cómics de Calpurnio, pseudónimo de Eduardo Pelegrín Martínez, de recente adquisición na biblioteca. Este ilustrador demostra que non é necesario o virtuosismo no debuxo para producir personaxes inesquecibles e escenas tan maxistrais como a que aquí aparece . O seu personaxe: O Bo de Cuttlas, é un heroe á vella usanza coa súa noiva (Mabel) e un malo (moi malo), Jack o malvado. Este personaxe emblemático, Cuttlas, é un tenro boneco minimalista concibido con trazos simples e estilo naïf, Calpurnio relátanos a través del as inquietudes e aventuras dun cowboy que situado na época actual medita sobre a existencia, as relacións humanas e a arte.
Recomendamos unha visita á súa interesante web, especialmente a esta sección onde aparecen algunhas das súas mellores creacións. Comenta un dos profesores do Departamento de Plástica que este tipo de cómic é moi axeitado para animar ao alumnado a que constrúa as súas propias historias. Non é necesario ser un mestre do debuxo para crear algo interesante. É a xenialidade do sinxelo

Related Posts with Thumbnails