Monday, 31 March 2008

Panoramas


O verán pasado designáronse as novas 7 marabillas de mundo tras a primeira votación supostamente "global" que no seu momento xa comentamos. Deixando a un lado posibles consideracións sobre a convocatoria e os seus resultados, ofrecémosvos unha viaxe virtual a pantalla completa dos monumentos que resultaron gañadores coa posibilidade de obter vistas de 360º facendo xirar as imaxes. Supoñemos que, en xeral, gozaredes da da visita porque, en xeral, as fotografías son excelentes, se ben hai algunha lixeira distorsión na perspectiva dalgunha delas.

Adeus aos rickshaws



Que pensas de viaxar nun vehículo tirado por outro ser humano?

Calcuta modernízase, empezan a despuntar os altos edificios de negocios e os centros comerciais . Desde 2001 cambiou o seu nome oficialmente por Kolkata e a pesares de que a Nai Teresa uniuna a imaxes de miseria, o certo é que é unha cidade emerxente e un dos centros intelectuais e culturais máis ricos da India. As autoridades da cidade coñecida polas tres eMes: Marxismo, Mother Calcuta, e Mishti, un polular iogurte endulzado, parecen inclinarse pola opción de eliminar os rickshaws, que circulan na India desde hai máis de 100 anos, e están relacioados no imaxinario colectivo co pasado colonial deste país.
Invitámosche a ver a magnífica reportaxe da prestixiosa fotógrafa Ami Vitale, que penetra na durísima vida dos condutores de rickshaws ou wallahs. Proceden na súa maioría do estado de Bishar, unha das zona máis pobres da India. O seu día empeza cedo, antes das 5 da mañá. Levántanse, toman unha ducha e un té, nunha especia de galpón ou dera onde viven xunto aos seus vehículos e outros condutores sen ningún tipo de comodidades nin intimidade. Fan unha breve pausa sobre as 11 para tomar algún alimento cociñado de forma comunitaria e descansar un intre, logo continúan ata as 11 da noite. Algúns traen ás súas familias a vivir con eles nestas naves en condicións precarias, doutro xeito apenas se verían unha vez ao ano pois os seus ingresos non lles permiten desprazarse ata os seus lugares de orixe. Non teñen forma de enviar aos seus fillos ao colexio, co que estes se verán obrigados a desempeñar o mesmo ou parecido traballo. Os seus clientes?: nenos e nenas aos que levan diariamente ao colexio con todo coidado, eles que apenas ven aos seus fillos. As familias confían totalmente nestes homes e contrátanlles durante todo o curso para desempeñar esta tarefa. Tamén traballan para os comerciantes dos grandes mercados aos que axudan co transporte de mercancías polo complicado labirinto de rúas da cidade. Imprescindibles nos grandes festivais relixiosos para desprazarse entre a multitude, probablemente a época de traballo máis dura para eles, pero tamén na que sacan un beneficio maior sexa a tempada de choivas monzónicas: literalmente chégalles a auga ao peito en moitas ocasións debido ao deficiente sistema de rede de sumidoiros dalgunhas das zonas da cidade. Estes homes din sentirse orgullosos do seu durísimo traballo que é o seu único medio de vida.
En varias ocasións as autoridades ameazaron coa supresión deste duro oficio pero nunca se decidiron do todo, mentres tanto eles seguen transportando pasaxeiros coñecendo ata o máis mínimo detalle do pavimento das rúas por onde transitan para evitar lesións: sería a súa ruína definitiva.
fonte: National Geographic
fotos : Ami Vitale.

Saturday, 29 March 2008

Castelos no aire. A arquitectura tamén é política

Parecen libros apilados, pero é un edificio con plantas superpostas, xirando sobre si mesmas, que se constrúe en Barcelona, donominado Spiralling Tower pola súa creadora, a arquitecta Zaha Hadid, nacida en Irán, premio Pritzker en 2004, o "nobel" da Arquitectura.
Esta muller que foi a única que conseguiu tan prestixioso premio, ten varias obras no noso país e moitas outras repartidas polo mundo, quizais as máis impactantes sexan os proxectos para a capital dos Emiratos Árabes, Dubai.

Proxectos como estes posiblemente estean xerando vocacións entre a nosa mocidade, algun@s aspiran a poder estudar esa carreira cegados por tanta beleza, creatividade e boas expectativas profesionais.



















.


Comparemos con estoutras imaxes:
















A da esquerda é a Casa da Muller sede da Unión de Mulleres Saharauís en Dahla. Un espazo xestionado e constuído por e para mulleres. Nela se reunen para recibir formación, debater, compartir experiencias, participar en asuntos públicos ...
A cúpula da dereita, é un tipo de edificación tradicional, moi apropiada ao clima, sinxela de levar a cabo pero nos campamentos saharauís quedan poucas familias que saiban construílas.

Algunhas ONG (Arquitectos sen fronteiras) están intentando mellorar estes campamentos, nos que este pobo leva instalado máis de trinta anos, para iso experimentan cos sistemas construtivos. É o caso desta edificación feita cunha mestura de adobe e cemento, trátase de que l@s morador@s incorporen novas técnicas construtivas tras ver o modelo realizado nun dos campamentos.

Estas tres imaxes son moito menos espectaculares que as das obras de Zaha Hadid, dificilmente se converterán en iconas da arquitectura. Grandes centros comerciais, de negocios, museos, si alcanzan ese grao de icona admirada. Seica un edificio de vivendas, unha escola, un ambulatorio, non poden converterse en referentes da arquitectura de século XXI?


Retomando a entrada anterior, cal é a situación da construción e a arquitectura en Palestina? Unha das estratexias seguidas polas autoridades israelís para conseguir o seu obxectivo, anexionar os territorios palestinos sen os seus habitantes, consiste en dificultar a creación de proxectos de urbanismo, de vivendas, de forma que as novas parellas teñan graves obstáculos para establecerse. A destrución de edificios públicos e privados, redes de abastecemento de auga,etc. están na mesma liña.


No outro lado, a casa dos Shawamreh na aldea de Anata, situada en Cisxordania, unha familia de nove persoas cuxa vivenda foi demolida catro veces, converteuse en símbolo da resistencia palestina ante esa política. Con infinita paciencia e a axuda de veciños é reconstruída unha e outra vez para denunciar a ilegalidade da medida que aplica Israel.

Jumana Odeh Esawee (palestina) Ivonne Mansbach (israelí)


Chegaron, sorriron e logo de seren presentadas, deron as grazas ao numeroso público que esperaba expectante. Dixeron ser amigas desde hai 15 anos, ter dúas fillas cada unha ás que puxeron os mesmos nomes antes de coñecerse e dixeron ser, tamén as dúas, descendentes de familias de refuxiados. Unha é israelí, a outra palestina. Abriron os seus portátiles e empezou a proxección de imaxes que explicaron por quendas, no caso da muller palestina coa axuda dunha tradutora. Non eran, como cabía esperar, imaxes de persoas malferidas nin de bombardeos ou atentados contra a poboación civil; eran sobre todo imaxes da constante, cotiá e esgotadora humillación á que se ve sometida diariamente a poboación palestina: continuos controis para moverse nos seus desprazamentos ao traballo e ao colexio, humillantes e constantes rexistros de roupa e pertenzas, tornos polos que deben pasar unha e outra vez e que son a metade de estreitos dos que atopamos en calquera outra parte do mundo. Tamén hai imaxes do bloqueo con inmensas pedras que impiden o tráfico e o transporte nas vías máis importantes dos teritorios ocupados, fotos de nenos que deixaron de falar por algo que viron e nunca deberon ver, máis fotos de nenos e nenas que andan quilómetros só para asistiren a un local onde poder rir e xogar un pouco durante un intre sempre demasiado curto. Elas sorrín e din que é necesario atopar unha linguaxe común para ambos os pobos, que os dereitos civís hai que gañalos cada día, que ninguén poderá destruír xamais o pobo palestino que se levanta obstinadamente, unha e outra vez. Falan tamén de fundamentalistas exaltados que sementan o terror entre a poboación civil israelí e de como ese medo é utilizado habilmente polos políticos . Pero pronto sorrín de novo e contan como crece a disidencia, como cada vez máis mozos non queren bombardear os territorios palestinos indiscriminadamente, como algúns se negan a cumprir os tres anos de servizo militar obrigatorio. Admirables estas dúas mulleres polo que fan e o que simbolizan.
As Mulleres de Negro, tal como as coñecemos hoxe, xorden en 1988 en Israel. Grupos de mulleres israelís comezan a reunirse periodicamente, vestidas de negro, en lugares públicos para protestaren contra a ocupación dos territorios palestinos. Pronto colaboran con mulleres palestinas, denuncian abusos, visitan prisioneiros palestinos nos cárceres israelís para intentar impedir torturas e vexames .

A doutora Jumana Odeh Esawee é palestina vive en Xerusalén e é a directora do centro pediátrico Palestine Happy Child Center. Membro moi activo na súa comunidade, loitadora infatigable polos dereitos civís, acredita nas numerosas charlas fóra do seu país as vexacións e o sufrimento a que está sometida a poboación palestina, especialmente nos seus elementos máis vulnerables: os nenos e nenas e as mulleres.






.
Queremos pór en valor especialmente a figura de Ivonne Mansbach pola súa valentía e honestidade . Malia que ela en ningún momento o mencionou, podemos intuír as dificultades e o custo persoal que debe supor para ela e as súas compañeiras manter as súas conviccións e a súa actividade de denuncia das atrocidades cometidas contra o pobo palestino sendo como é, unha cidadá do estado de Israel.
É unha activista da asociación MachsomWatch.
.
.
.


Machsom Watch existe desde 2001. É unha organización de mulleres israelís contra a ocupación dos territorios e a sistemática represión da nación palestina. Reclaman liberdade de movemento dentro dos territorios e o final da ocupación que destrúe a sociedade palestina e tanto dano causa á sociedade israelí. Estas admirables mulleres gravan, filman e testemuñan diariamente, hora por hora, todo tipo de vexames e abusos . Logo difunden ese material a través de internet porque é imposible facelo doutro xeito dentro do seu propio país. É evidente o risco que esta actividade implica para elas.

Seleccionamos, ao azar, as fotos que podedes ver nesta entrada e o seguinte vídeo que testemuña a tortura diaria dos checkpoints ou puntos de control. Contrariamente ao que poderíamos pensar, estes postos de control non só están situados nas fronteiras entre ambas as comunidades, senón que están espallados por todo o territorio palestino dificultando a vida cotiá, o paso ao traballo, ao colexio, á compra. Algúns deles, os chamados flying checkpoints, varían o seu emprazamento sen previo aviso. Recomendamos o visionado deste vídeo, un de tantos, onde se observa o amoreamento, os rexistros, a estreitez dos pasos, a espera, o trato por parte dos soldados israelís. Por si isto fose pouco hai que contar coa arbitrariedade das medidas que posiblitan ou non o paso logo de horas de espera. Estas medidas cambian de día en día sen ningunha lóxica nin anuncio previo. Podemos ver neste documento como o día desta filmación un soldado decide que un mozo duns 18 anos ou máis é demasiado novo para pasar só e necesita ir acompanado do seu pai. Tras horas de espera é obrigado a volver á casa.
Se visitades a súa web, teredes acceso a todo este material publicado en Flickr, You Tube...
Recomendamos a visita e a difusión destes materiais.
A ponencia a cargo de Jumana Odeh Esawee e Ivonne Mansbach forma parte da Semana de Filosofíaorganizada pola Aula Castelao.

Friday, 28 March 2008

Vestido novo

Vestido novo é a historia de Mario, un neno que o día de Entroido na escola decide levar un vestido de nena para sorpresa de alumnado, profesorado e familiares. Dez premios en diversos festivais nacionais avalan esta curta de Sergi Pérez, de factura impecable e inmensa sensibilidade.

vía el País

Wednesday, 26 March 2008

Profesións respectables

Contemplamos con absoluto asombro esta publicidade da óptica belga Oogmerk. Como podedes observar contrapón unhas profesións a outras en termos de respectabilidade. "Consegue o respecto que tí mereces", di o slogan. Ou sexa, que un carniceiro non é respectable, nin tampouco un condutor de camión, pero si o son un deseñador de moda ou un médico. O que xa é o colmo do descaro é o tratamento dado ao debuxo que representa a única muller da serie, que non está definida por ningunha profesión. O/a publicista limítase a etiquetar como moza fácil, a que non leva lentes, difícil, a que as leva. Antes de publicala démonos unha volta pola rede e o máis preocupante de todo son os comentarios que a definen en diversas bitácoras: xenial, imaxinativa, divertida, orixinal.

Que non nos sorprenda que un grupo de enfermeiras sexan sancionadas por non querer levar uniformes curtos e escotados nunha clínica privada. Levarán ou non lentes? Serán ou non mulleres fáciles?.
Recomendamos visitar sexismo publicitario, a nosa excelente fonte.


Buda estalou por vergoña


Chámase Hana Makhmalbaf e é iraniana, unha rapaza iraniana de tan só 18 anos, nada máis. Cunha cámara, os impactantes escenarios naturais de Aghanistán, uns cantos nenos afgáns, e unha meniña de pouco máis de 5 anos fixo esta película que non pode deixar indiferente a ninguén. Tampouco tivo que inventar moito: só ter os ollos ben abertos nun desgraciado país onde ser nena, ser muller é, sen dúbida, a peor das desgrazas. A protagonista é unha nena de case 6 anos que ten a absurda pretensión de ir ao colexio porque lle dixeron que os libros son divertidos: calquera cousa é mellor que unha realidade onde todo é sombra e morte. Pero a súa pretensión custaralle cara: golpes, insultos, burlas, persecucións e o peor, o máis aterrador de todo é que os seus torturadores son nenos que só imitan aos maiores e reproducen o demencial mundo no que nacen e medran.

Podedes ver no video a desenvoltura coa que esta rapaza tan nova contesta ás preguntas dos xornalistas, o ben que se expresa, o acertado das súas respostas. Por exemplo:

P.-¿Como conseguiches que a nena fixera as esceas máis violentas? Cal foi a súa preparación?
R.-Foi moi doado, en realidade. Forma parte da súa cotidianedade. É así como ela vive todos os días.
P.-É unha película para nenos ou adultos?
R.-É algo que a miúdo dubidei no seu momento. Agora penso que os nenos tamén deben vela porque hai moitos nenos e nenas que viven esas situacións e para eles non hai censura.


Monday, 24 March 2008

Morte temida, morte desexada

Hoxe en día non abundan as directoras de cine pero en 1943 era realmente excepcional, mais neste ano Maya Daren presenta unha curtametraxe de estilo surrealista que é considerada coma unha auténtica obra de arte.
De que trata?
É suficientemente polisémica como para que cada quen lle dea unha interpretación diferente. En Meshes of the Afternoon (As trampas da tarde) os soños, os desexos reprimidos, a morte, amósanse nunha especie de poema realizado con imaxes, onde unha moza se encontra cun estraño personaxe que ten por rostro un espello, encontro repetido desde distintas perspectivas que poden xerar unha certa distorsión do tempo.
Quizais este filme pode servirnos de desculpa para iniciar unha reflexión sobre as caras da morte neste momento en que parece absolutamente necesario establecer un diálogo social sobre a loucura das mortes temidas polas mulleres maltratadas, sobre a morte desexada por persoas que como a francesa Chantal Sébire reivindican o seu dereito a morrer, sobre milleiros de mortes forzadas en Iraq, Palestina, Somalia ....

Malia a pouca calidade desta copia merece a pena dedicar 13 minutos a ver esta curtametraxe.

video

O gran Bansky



Oístes falar de Bansky?


É curiosa a personalidade deste grafiteiro de Bristol do que pouco ou nada se sabe. Uns 35 anos, alto, louro e pouco máis. El mesmo se define como un vándalo profesional e parece estar cómodo entre a veneración de miles de fans aínda que outros o consideren un simple gamberro. Acúsano de criticar sen piedade a sociedade de consumo e vender as súas obras a prezos exorbitantes. Bansky é un artista da camuflaxe: ninguén, salvo o seu reducido círculo de amigos, di coñecelo ou saber realmente como é. Empezou enchendo todas as superficies de Bristol dunhas ratas moi críticas que se rían de todo: das normas, das prohibicións, da xente. Desde entón a súa obra é fotografada polos turistas, coma se fose un monumento máis. Ás veces chegou a entrar disfrazado en museos de fama mundial como a Tate Gallery ou o MOMA e conseguiu deixar creacións súas que parodian a obras de famosos pintores, sen que ninguén o advertise. Pinta o muro de Gaza e acusa a Israel de converter Palestina no maior cárcere ao aire libre do mundo. Traballa ás veces para organizacións como Greenpeace, pero non deixa de actuar na rúa: chega pola noite coas plantillas dos seus debuxos xa preparadas, para poder pintar con sprais e así rematar máis cedo e non ser descuberto. As autoridades non se poñen de acordo: pintar nun edificio sen permiso é un acto de vandalismo que debe ser perseguido, pero tratándose de Bansky todo se complica. En Bristol o concello viuse forzado a convocar unha consulta popular e o 95% dos votos decidiu que a súa obra permanecese na parede . Todo un personaxe.




Sorprendente auga virtual



O consumo dunha soa cunca de café equivale a gastar 140 litros de auga.
Para obter un anaco de queixo de 500 gramos serían necesarios uns 2.500 litros deste recurso.
Para un litro de leite, máis de 3.000.
Para un quilo de carne de res, máis de 10.000...
É dicir, no menú diario, un consumidor emprega entre 2.000 e 5.000 litros de 'auga virtual'.


O profesor John Anthony Allan do King's College de Londres e da Escola de Estudos Orientais e Africanos, foi laureado co prestixioso Premio Estocolmo da Auga 2008, pola súa invención deste concepto da AUGA VIRTUAL


A xente non consome auga só cando a bebe ou se ducha. En 1993, o profesor Allan realizou o importante descubrimento de como demostrar esta teoría utilizando "auga virtual", unha forma de medir a auga empregada na produción de alimentos e produtos de consumo. Para poder tomar unha cunca de café pola mañá son necesarios 140 litros de auga empregados no cultivo, produción e empaquetado dos grans de café. Isto equivale aproximadamente á cantidade media de auga que utiliza unha persoa no Reino Unido durante o día, para beber e realizar as tarefas do fogar. Para dispor dunha hamburguesa empréganse 2.400 litros. Un americano consome como media ao redor de 6.000 litros de auga virtual cada día; cerca do triplo da media chinesa. Estas conclusións, derivadas do traballo do profesor Allan, causaron un gran impacto nas políticas de investigación e comercio internacional e redefiniron as políticas e xestión da auga. As materias primas que requiren o emprego dun gran volume de auga pódense importar de lugares con gran índice de recuperación da auga cara a economías cunha produción menos eficiente. Este estudo influíu nas políticas nacionais de comercio e da auga e ten importantes implicacións no equilibrio dos recursos acuíferos mundiais. O profesor Allan, autor prolífico e educador, é un experto en recursos hídricos e resolución de conflitos en todo o mundo e especialmente nas rexións de Oriente Medio e norte de África. Está considerado un dos pensadores máis influentes do sector hídrico.

Thursday, 20 March 2008



20 de marzo - Día Mundial da Auga 2008: Saneamento
A Asemblea Xeral da ONU declarou o Ano 2008, Ano Internacional do Saneamento. En consecuencia, o Día Mundial da Auga 2008, que se celebra este ano o xoves 20 de marzo, fará énfase en cuestións relacionadas co saneamento, de conformidade co establecido.

A auga e o Sol son as fontes da vida. Aquí en Galicia a auga sempre sobrou, temos moitos nomes para as diferentes formas de chover e para a paciencia necesaria cando chove tanto. Mais agora tamén lle estamos a ver as orellas ao lobo e a xente di que xa non chove coma antes, nos veráns arde medio país pola seca e...

En moitos lugares do planeta a auga é un ben escaso e máis aínda a auga potábel. Hai pobos africanos nos que o xefe custodia as pedras da chuvia. Cando hai moita seca sacan as pedras e lávanas e fanlles ofrendas. Elas son quen trae a esperada auga que fará que as formigas saquen logo a secar os grans de millo que tiñan agochados nos formigueiros e se lles mollaron. E virán uns paxaros que fan alí os niños para poderen aproveitar eses grans de millo que sacan as formigas e lles emprestan aos paxariños porque lles sobran. E o millo sementado pola xente medrará grazas á chuiva e os paxaros devolveranlles o favor ás formigas peteirando nas espigas para que caian grans e os poidan apañar eses bechos tan traballadores. É a vida que vai e vén.

Nesta paisaxe do Xurés temos pedras, auga, formigas... conservemos o medio no que vivimos e aprendamos a aprecialo e entendelo como hai tanto tempo facían xa en África. Non vaia ser que cando acordemos xa sexa tarde!

Friday, 14 March 2008

Cambiamos

Este documento foi concibido hai un par de anos como unha presentación para promover o debate e a reflexión entre un grupo de alumnado de secundaria en Denver, Colorado. Desde entón ata agora recibiu literalmente millóns de visitas na rede. A actual versión cos datos actualizados e unha voz neutra de sintetizador en español, chega ata nós vía A Nosa Biblioteca.

Facendo unha excepción en Mesturas, esta entrada está adicada a Manuel, Alicia, José Manuel, Paula, Silvia, Cora, Joaquín, Gabriel, Darío, Paula, Mateo, Isabel e Marián por colaborar en facer realidade unha pequena aventura nestes tempos de cambio.

Aproveitamos para desexar aos visitantes de Mesturas unhas felices vacacións de Semana Santa. Despedímonos ata dentro dunha semana.

Thursday, 13 March 2008

Toscani ataca de novo

Probablemente lembredes ao famoso fotógrafo italiano Oliviero Toscani moi coñecido polas súas comentadas campañas publicitarias para a firma Benetton nos anos 90. De novo volveu provocar polémica en Italia pola súa publicidade contra a violencia de xénero. No cartel, como podedes ver aparecen unha nena e un neno espidos, etiquetados coas palabras torturador e vítima. Segundo o fotógrafo, con esta campaña quere plasmar como unha educación equivocada pode marcar a nenos e nenas nun principio inocentes e carentes de todo prexuicio. Segundo el, a educación ten un papel fundamental no desenvolvemento dos roles de nenos e nenas e é nos primeiros anos onde se inculca o xerme do que pode derivar en violencia de xénero. Como podedes supoñer, a campaña provocou numerosas reaccións a favor e en contra. Admítense comentarios.

Wednesday, 12 March 2008

As novas tecnoloxías nas grandes superficies

Parece que hai novidades espectaculares en Alimentaria, o Salón Internacional da Alimentación, que estase a celebrar estes días en Barcelona. Sen dúbida unha das instalacións máis visitadas será Tenda Futura onde podemos facernos unha idea exacta do que, en breve, nos espera nas grandes superficies. Seremos asaltados por imaxes tridimensionais que flotan no ar e camiñaremos por alfombras interactivas que lanzarán mensaxes e proxectarán imaxes publicitarias accionadas polos nosos máis lixeiros movementos. Por se isto fose pouco faremos a nosa compra asistidos por carriños intelixentes que terán o noso perfil concreto de comprador eficientemente reflectido no noso cartón de fidelidade emitido polo establecemento onde adoitamos facer a nosa compra e dirixirannos aos lugares onde se supón que os produtos que precisamos esperan por nós. Ademais ofrecerá ofertas personalizadas especiais para os clientes que máis consuman, favorecendo ás familias fronte aos pobres mortais que decidan vivir utilizando outras fórmulas, como xa denunciaron algúns grupos de consumidores.
Recomendámosvos ver este idílico vídeo onde parece que facer a compra nunha gran superficie será a actividade máis gratificante das nosas vidas nun futuro próximo. Verdadeiramente as grandes empresas alimentarias deben estar fregándose as mans...
video da nova tecnoloxía IMAGEPRO aplicada ás grandes superficies

Monday, 10 March 2008

Mulleres do III Reich

Ao fío do Día internacional da Muller Traballadora querémosvos mostrar este curioso documento que atopamos na rede dunha forma totalmente casual e fortuíta. Como podedes ver é a unha colección de fotografías de mulleres que participaron dunha forma activa co III Reich. O que máis fascina do documento é o fácil que resulta atribuír a estas mulleres de forma imaxinaria unha vida totalmente normal e cotiá con pais, maridos, noivos, fillos... supoñemos que así era, en realidade, que unha sociedade deslízase colectivamente e de forma imperceptible cara ao seu lado máis escuro fabricando todo tipo de desculpas e motivos que adormecen as conciencias ata extremos difíciles de crer e soportar. De ahí a importancia dos líderes políticos e das mensaxes que transmiten e tamén a nosa ineludible responsabilidade como cidadáns. Supoñemos que o documento pretende ser unha homenaxe a estas mulleres que nas fotografías aparecen, na maior parte dos casos con caras riseiras e ilusionadas. Por tanto, e para non esquecer as atrocidades cometidas durante este período, animámosvos a ver unhas imaxes do ghetto de Varsovia recollidas na maxistral película de Polanski "O Pianista", que mostran os efectos tan devastadores que tiveron as extremas condicións e a privación severa dos alimentos máis elementales ás que foron expostas as persoas alí recluídas. Estas privacións fixeronse especialmete visibles nos individuos máis débiles e vulnerables: os nenos.
Botade unha ollada para que non esquezamos o que somos capaces de facer e desculpar
.


Saturday, 8 March 2008

Tom Zé ao vivo: alén da marxinación tropicalista.

Condeado ao ostracismo artístico por un movemento tan aperturista como monocorde na súa perspectiva creativa, pouco se pode engadir ás vivenzas do grande Tom Zé co mundo do Tropicalismo: logo da súa eclosión nas rúas e escenarios de Salvador de Baía, aló polo lonxano ano 1968, o de Irará afastouse da progresión melódica da tropicalia, que outros como Veloso ou Gil seguiron, para se centrar na experimentación máis radical e popular, traballando novas tendencias nas atmósferas culturais de São Paulo. Recompensas, poucas: a súa proposta non foi comprendida, nin aceptada, e logo de anos de reivindicación popular mergullarase Zé no espazo máis underground dunha sociedade reaccionaria coas novas tendencias.

Damos un salto: estamos xa a finais dos anos oitenta. O que fora líder dos Talking Heads, David Byrne, anda á procura de novos talentos para gravar nun recén creado selo discográfico, Luaka Bop. Zé aparece no horizonte dun músico tan inquedo como visionario. Axiña publica unha compilación coas súas mellores cancións, Tom Zé (Luaka Bop, 1990), á vez que comeza a ser mundialmente recoñecido.

No ano 2005 publica o seu Estudando o pagode (Trama), traballo que continúa de xeito lóxico o disco Estudando o samba de 1975, onde Zé reivindica o pagode en canto expresión da vontade creativa popular, mais matizándoo. O pagode, reinvención do samba nacido nas rúas de Rio de Janeiro nos anos oitenta, adoita tratar temas amorosos en clave fondamente sexista, vicio do cal Zé quixo fuxir, rescatando a víscera rítmica á vez que modificaba os contidos dos seus textos. O resultado, unha opereta xenial, Segregamulher, politicamente comprometida, musicalmente exuberante. En 2006 presentou o seu último disco, Danç-Êh-Sá (Tratore), ecléctico e fondamente contemporáneo: dese risco nace unha xira que o vai levar a Santiago de Compostela o vindeiro domingo día 13 de Abril, no Auditorio de Galicia, dentro dunha nova entrega do Ciclo Sons da Diversidade.


O amor é um rock... e a personalidade dele é um pagode.


Ao vivo, creando un dos temas do seu estudo do Pagode: estúpido rapaz.

8 de Marzo. Día da Muller Traballadora

¿Ata cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)


A Muller Galega de principios do Século XX




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Thursday, 6 March 2008

O medo á escola das nenas


A diario miles de nenas de todo o mundo son agredidas de camiño á escola ou cando están nela. Algunhas sofren ameazas de agresión sexual doutros estudantes, hai profesores que ofrecen notas máis altas a cambio de favores sexuais, e ata son violadas na escola. En Estados Unidos, o 83 por cento das estudantes de 12 a 16 anos sufriron acoso sexual. En Sudáfrica, unha terceira parte das violacións de nenas foi cometida por profesores. En Tanzania, 14.000 nenas foron expulsadas nos últimos anos por quedar embarazadas. En Xamaica, Togo, Nicaragua, Haití ou México, o acoso sexual está xeneralizado na escola. O resultado é que innumerables nenas non chegan a ir á escola ou abandonan os seus estudos. Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, Amnistía Internacional fai un chamamento mundial para pór fin á violencia contra as nenas nas escolas.


Informe Amnistía Internacional Sección Española

Imos contar mentiras

Imos contar mentiras...
Ou non.
video

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade


Mulleres e arte


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.


.
GALERÍA DE IMAXES no documento Mulleres, Libros e Internet, elaborado polos compoñentes do equipo da biblioteca do IES Sánchez Cantón.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade

A Muller na Literatura Española ata o S. XIX


Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

Rita Levi- Montalcini


Rita Levi-Montalcini unha muller a quen a opresión de todo tipo acompañou ao longo da maior parte da súa vida. Non só pola súa decisión de ser científica, algo inconcebible na sociedade italiana de principios do século XX, senón tamén pola súa pertenza a unha familia liberal e xudea que fixeron da súa vida en aqueles anos un inferno continuo.



Rita Levi-Montalcini, un admirable exemplo de solidariedade e de loita pola igualdade

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.

Wednesday, 5 March 2008

10 Mulleres de cine no século XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar mán do cine.


Hoxe, anticípándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo fiminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en
La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que difrutan unha infancia chea de comodidades e o mesmo tempo chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckhamn.

E seguindo co inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos a ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron e preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambialos, pero tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna e vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos
inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


Pero como dicía unha consigna: podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera. Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de
La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que se ben non nos mostra un gran exemplo de vida si nos invita a una profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos convírtense en documentos de vida deste 2008.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Tuesday, 4 March 2008

Maruja Mallo. A gran transgresora do 27



Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.

A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".

No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.

Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.

A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.


Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos
Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.


aruja

Sunday, 2 March 2008

Unha tabla periódica diferente


Encántanos esta iniciativa atopada no país dixital, consiste nun intento de aúnar arte e ciencia consistente en reunir a 96 deseñadores gráficos que ilustran os 118 elementos naturais en todo tipo de soportes: seda, madeira, tea..A única condición para participar no proxécto era que o signo e o número periódico de cada elemento estivesen reflectidos con claridade. Este é o resultado

Related Posts with Thumbnails