Están son as que máis nos gustan e as que máis utilizamos polo momento. En todas elas hai ligazóns ás correspondentes páxinas e tamén exemplos de documentos elaborados no centro. Esperamos que esta escolma sexa de utilidade.
Wednesday, 25 April 2012
Wednesday, 18 April 2012
Onde estás?
Hai só uns días publicabamos o “making off” desta animación que fixeron na biblio un grupo de alumnos de 2ESOC que ten como base un dos contos preferidos polos pequenos do CEIP Crespo Rivas que visitaran a nosa biblio en breve. Forma parte dos materiais cos que agasallaremos a tan importantes visitantes.
Como vedes un resultado totalmente profesional
Wednesday, 21 March 2012
Type in motion: A visita.
| Esta é a animación Slow Motion para os créditos da fascinante “Resacón en Vigo” que esperamos ver algún día. |
| Estes son só algúns dos exemplos dos materiais que podedes ver na mostra |
| "Subterranean Homesick Blues" é unha canción composta polo cantante estadounidense Bob Dylan. Foi incluída no álbum Bringing It All Back Home, editado o 22 de marzo de 1965. Esta canción inspirou, xa en 1965, un dos primeiros vídeoclips da historia da música, no cal Dylan exhibe carteis con distintas palabras e frases da canción. Durante o episodio, o poeta Allen Ginsberg fai un cameo. Wikipedia. |
| Un vídeo clip feito exclusivamente con tipografía? Pois si. En The Child, Alex Gopher pon a música e Antoine Bardou-Jacquet o deseño. A curta conta a historia do traxecto dunha parella ata o hospital onde ela dará a luz despois dunha accidentada viaxe pola cidade onde cada elemento está representado tipográficamente. Unha preciosidade. |
| Ludorama é unha reflexión, unha mensaxe crítica cara ás nosas formas de consumo. Calquera que vexa todos estes logos, máis de 2.000, inmediatamente sabe de que marca estamos a falar e o que esas marcas significan. É alucinante decatarse da cantidade de memoria que utilizamos nas mensaxes publicitarias e a potencia dos mundos que estas constrúen. Nicolás Schmerkin, un dos produtores, fundador do estudo realizador Ludovic Houplain, que recibiu o Oscar á mellor curta en 2010, é un arxentino que vive en Francia. |
Monday, 19 March 2012
Gravando animacións
Os rapaces e rapazas de 2º ESO non paran de preparar materiais para os pequenos de Crespo Rivas. O outro día estiveron tomando incontables fotos para unha animación moi profesional que contan que quedou impecable. Xa a veremos cando estea totalmente rematada. De momento aquí tedes o “making off”.
.
Monday, 12 March 2012
Unha de contos
Sesión de gravación na biblio. Un grupo de alumnado de 2º ESO están a escenificar e gravar os contos preferidos dos pequenos do colexio infantil Crespo Rivas como parte dun proxecto Portfolio que ten coma base e punto de partida as bibliotecas dos dous centros.
A escenificación dos contos, para que poidan ser entendidos por nenos e nenas de 4 anos, correu a cargo deste grupo de alumnado que leva xa tempo preparando esceas e textos en galego, castelán, inglés e francés. Impecable a posta en escea, os decorados, os traxes, os complementos… e o esforzado manexo de cámara de Xose Luis Penas, como non… Haberá que ver ese video cando estea rematado.
Saturday, 28 May 2011
Proxecto: ASÍ NACEU UN CADRO PARA A BIBLIOTECA
Unha magnífica homenaxe aos libros e á lectura.
Un curso enteiro de traballo. Primeiro houbo que ver ducias de ilustracións e deixar que a idea tomase forma. Despois contribuír con debuxos e propostas de personaxes. Logo empezar a dotar aos personaxes elixidos de movemento. Logo traspasar ao lenzo, despois a cor, por último o personaxe principal que se resistiu a nacer, logo…..
Tardes e tardes pasadas no instituto. Primeiro un grupo bastante numeroso de rapaces e rapazas. Logo as catro ou cinco que resistiron ata o final a dura proba de facer e refacer, dos pequenos detalles, dos cambios, dos “isto non me acaba de convencer….”
Por iso fixemos a exposición ASI NACEU UN CADRO no vestíbulo do centro, coma unha homenaxe a todo o proceso, longo e non sempre fácil entre exames, traballos e outras esixencias.
Na exposición, ademais de mostrar a obra a toda a comunidade educativa do centro, recollemos os primeiros deseños, as tentativas, os estudos de composición, de cor, os personaxes que ao final non aparecen no cadro… Son 5 grandes paneis cunha ampla e valiosísima documentación que permite seguir todo o complexo traballo de creación ata acadar o espectacular resultado final.
Estamos felices con esta exposición e co noso indescriptible cadro
Por iso visitounos Fina Casalderrey, amiga persoal da nosa artista Carmen Pernas, que coordinou todo o traballo. Fina falou do inestimable valor da amizade, dos libros, da lectura. E, nesta ocasión tan especial, falou sobre todo da maxia da arte, das emocións que provoca en cada un de nós, do mérito dunha obra tan xenerosa e colectiva coma esta. E falou e falou da nosa querida artista e compañeira Carmen.
| PARA VER O CADRO CON TODO DETALLE |
| |
| PARA VER IMAXES DA BENVIDA OFICIAL CON FINA CASALDERREY E O SALVAMENTO DOS SEUS LIBROS |
| |
| PARA VER O LONGO PROCESO E OS MATERIAIS XERADOS |
| |
Sunday, 15 May 2011
LETRAS GALEGAS 2011. Salvando libros
SALVANDO LIBROS
Que libro salvarías ti?
Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.
Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.
Maio 2011
Queremos dar moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.
Podedes ver o perfil de Jaime, arquitecto e debuxante, aquí
e algunhas das interesantes cousas que fai aqui
e tamén aquí….
Grazas de novo, Jaime, pola túa xenerosidade
Moitísimos libros están a ser salvados nas nosas bibliotecas, que organizan as súas propias exposicións e actos.
Esta é só unha pequena escolma dos que representan a cada un dos centros que participaron na actividade.
Salvar un libro consiste en aprender de memoria un pequeno fragmento para simbolizar a asimilación de todo o seu contido. Entón xa seremos unha persoa-libro e poderemos preservalo para sempre.
A idea está baseada na obra de Ray Bradbury “Fahrenheit 451”.
Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Infantil
.
Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Primaria
.
Tuesday, 26 April 2011
A campana de Anllóns
Desde o IES PONTECESO informan desta actividade que queremos compartir convosco. Esta fermosísima iniciativa sobre o poema A campana de Anllóns de Eduardo Pondal foi desenvolvida polo alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato, en colaboración coa Fundación que leva o nome do poeta. O evento foi difundido recentemente no programa BEN FALADO da TVG
Esperamos que gocedes dela tanto coma nós
Tuesday, 12 April 2011
ENCONTROS PLAMBE 2011
Xa é difícil organizar unhas xornadas de formación que cumpran cunhas expectativas de rigor e utilidade para un grupo de persoas máis que numeroso. Facelo de forma ininterrompida como fai a Asesoría das Bibliotecas Escolares Galegas ano tras ano é case imposible. Non negamos que a formación a distancia poida ter a súas vantaxes e hai exemplos que acreditan un custo menor e unha calidade aceptable pero nada pode substituir á necesidade de compartir experiencias e ver de cando en vez a outros compañeiros e compañeiras que fan nos seus centros un traballo inmenso moitas veces nunha soidade a miúdo difícil de soportar. Agradecemos o recoñecemento verbal da Administración pero esperamos que se traduza en estruturas organizativas que o expliciten porque, doutro xeito terminaremos por convencernos de que para os nosos gobernantes as bibliotecas escolares galegas son un adorno máis ou menos presentable pero sen ningún peso á hora de prever a organización dos centros e a correspondente dotación de persoal. A primeira ollada é imposible negar que aumentan exponencialmente os centros integrados no PLAMBE. Con todo a quen levamos nesta irrepetible aventura desde os seus inicios, apénanos ver xa demasiados abandonos por cansazo, desánimo ou esgotamento. Haberá que estar alertas. Hai moitas formas sutís, non por iso menos efectivas, de facer que unha iniciativa dunha potencia dificilmente igualable, esmoreza e se desvirtúe lenta pero inexorablemente.
Ao buscar unha crónica do evento non dubidamos nin un momento en recorrer á nosa compañeira Loly Lago seguros de que no seu Segrel atopariamos o relato máis fiel do que alí sucedeu. Como sempre cumpriu e superou as nosas expectativas.
Aquí a tedes:
Onte, e como xa ven sendo habitual nestas xuntanzas dos centros que formamos parte de PLAMBE, a labor da Asesoría de Bibes Galegas foi excelente. Excelente pola organización, (xefas, fantástica esa comida no campeiro...!!), @s magnífoc@s poñentes, -como sempre tamén nestas ocasións, tiñamos "o corasón partío " nas sesións simultáneas, así que decidimos ir ao obradoiro de Kiko da Silva no que xurdiu o que pode ser o Proxecto do vindeiro curso- (a cabesiña, que non para....!) o ambiente que se crea entre os asistentes, as reunións dos grupos de zona... todo sen excepción perfecto!! Parabéns Cristina e Pilar polo voso bo facer!!
Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".
E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?
Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos". Do extraordinaria que foi para el a descuberta da escrita. Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...
Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías de vello da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.
A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa Fundación...
Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino "Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".
Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.
Grazas Don Xosé!!
Ligazóns do artigo vía Asesoría
Programa dos Encontros clicando no cartel.
Todo sobre estes Encontros, no espazo Moodle no que se pode entrar como convidado.
As imaxes teñen a mesma fonte: O Segrel do Penedo
Wednesday, 16 March 2011
“Máis que caras” contado en Prezi
Tuesday, 15 March 2011
Somos máis que caras. Acto final na biblioteca
Hoxe luns 14 de Marzo ás 11.30 tivo lugar na biblioteca o acto final da actividade “Máis que caras” que é o remate dun proceso ao redor da celebración e o significado do “Día da muller traballadora” no que participaron un grupo numeroso de rapaces e rapazas de 1ª BAC, profesorado, e ANPA durante varias semanas.
Como xa contamos o alumnado implicado preparou e expuso conferencias sobre diversos temas relacionados co evento durante dúas semanas e ademais, cos seus deseños gráficos converteron 30 mandis, o símbolo tradicional do traballo oculto das mulleres, en mensaxes que invitan á reflexión sobre roles e estereotipos.
Tamén celebrouse no centro un obradoiro de creación de 30 caras en pintura cerámica coas que invitamos a reflexionar sobre os complexos matices que implica o tratamento da imaxe das mulleres.
Todos estes materiais foron sorteados entre o alumnado do centro nun acto que rematou cunha actuación musical.
Foi un acto moi entrañable.
GRAZAS A0 EQUIPO DIRECTIVO POLO SEU APOIO PARA A ORGANIZACIÓN DESTA ACTIVIDADE
GRAZAS A TODAS AS PERSOAS QUE O FIXERON POSIBLE
Sunday, 13 March 2011
Violencia de xénero na rede. Elementos que a impulsan e elementos que a combaten
Tuesday, 8 March 2011
8 de Marzo. Día da Muller Traballadora. Somos máis que caras
E para culminar os materias elaborados para esta conmemoración que este curso decidimos traballar moi especialmente, queremos presentar este documento aos lectores de Mesturas.
A creación destas caras pintadas sobre unha placa metálica con pintura cerámica correu a cargo dun grupo de mulleres: alumnas, nais, profesoras...
Algunhas foron elaboradas nas casas, sacando un pouco de tempo das tarefas cotiás.
Outras na biblioteca do instituto, nun pequeno obradoiro despois da xornada laboral.
Todas serán sorteadas como parte das múltiples actividades en torno ao Día da Muller Traballadora que este curso celebraremos o LUNS 14 DE MARZO
Serán un agasallo para o noso alumnado e tamén pretenden ser unha pequena homenaxe a todas as mulleres que a diario asumen e crean novas tarefas e espazos de visibilidade.
Grazas moi especiais a Carmen Pernas que ten o don de espertar ao artista que habita en cada persoa.
Grazas a todas as creadoras destas caras tan valiosas.
8 de marzo. Día da Muller Traballadora. Mandís
Dificilmente podemos atopar unha peza que simbolice mellor as tarefas domésticas tradicionalmente asumidas polas mulleres que o mandil. Ademais da elaboración de todos os materiais que viñemos expoñendo durante estes días o alumnado de 1º BAC TIC deste curso tivo un reto máis: converter 26 mandís en mensaxes que conviden a reflexionar sobre roles e estereotipos e poñan en valor as tarefas compartidas. Estes mandís sortearanse entre o alumnado como parte do acto que celebraremos na Biblioteca o luns 14 de marzo.
Todos estes deseños foron executados co programa Fireworks. Todos son orixinais e precisaron de moitas horas de traballo.
Grazas polo voso esforzo.
Monday, 7 March 2011
Procesos de alfabetización informática en persoas maiores, especialmente en mulleres.
O que parecía que ía ser un tema algo aburrido ao final resultou ser todo o contrario. Miguel Alonso Pena, Mariña Andón e David Antelo engancharon a toda a audiencia. Falamos dos avós e avoas e o seu comportamento como usuarios das TIC, dos seus temores, as súas dúbidas e as súas preguntas reflectidas nalgún vídeo en clave de humor. Pasamos logo a tratar das vantaxes das que os maiores poden gozar cunhas destrezas mínimas. Cun esforzo perfectamente asumible estas persoas poden obter información sobre as súas localidades, a súa contorna ou os seus intereses e afeccións. Falamos tamén da axuda que os netos poden prestar, das características que deben ter os equipos ou os xogos cos que os maiores poden iniciarse e das iniciativas autonómicas ou municipais das que poden beneficiarse. Definitivamente estamos certos de que a partir de agora os asistentes a esta exposición tentarán botar unha man aos seus avós e avoas con paciencia e sentido do humor, que é a mellor maneira de tender pontes entre as persoas.
| MIGUEL ALONSO PENA |
| MARIÑA ANDÓN |
| DAVID ANTELO |
Blogs
Non podiamos rematar estas sesións sen falar dos blogs, unha das ferramentas máis populares da web 2.0. Falamos de Mesturas e aproveitamos a oportunidade para contar o papel que desempeñan os blog en difundir e informar o traballo en rede das bibliotecas escolares galegas. Tamén falamos do seu uso como ferramenta educativa utilizada por algúns docentes porque dadas as súas características son apropiados para promover o traballo colaborativo entre o alumnado. Ademais o blog pode ser unha opción individual ou colectiva interesante para manter un diálogo constantemente actualizado cos visitantes sobre calquera tema do noso interese. Vimos algunhas das ferramentas que os bloggers utilizan para lograr máis tiron entre os seus lectores. Pedro Gefaell e Iago Félix Solla tiveron o detalle de crear un blog exclusivamente para a charla e até puidemos ver unhas nocións prácticas de como engadir un gadget pegando unha secuencia de código html ou como utilizar o editor para publicar unha entrada. A ver se alguén se anima.
| |
| PEDRO GEFAELL |
Violencia de xénero na rede. Elementos que a impulsan e elementos que a combaten
Probablemente un dos temas máis difíciles de tratar pero que non podiamos pasar por alto nestas charlas. Sorte que Xabier Vilán, Adrián Roo e Silvia Chan, os relatores, case desde o principio deixaron claro os perigos que entrañaba. Tamén previñéronnos contra o enfoque recibido en tantos programas de televisión e mesmo algúns xornais ao caer constantemente no morbo e na difusión de detalles innecesarios. A charla concentrouse nos perigos ocultos do tratamento sexista que ás veces se fai da imaxe das mulleres na publicidade, ou mesmo nos requirimentos para certos postos de traballo. Aínda que aparentemente non hai relación algunha entre estes feitos e a violencia de xénero demostraron que inconscientemente se promove unha actitude cara ás mulleres como cidadás de segunda clase ás que se valora máis polo seu aspecto que por outras capacidades. vimos tamén todo tipo de asociacións de axuda, teléfonos nos que denunciar situacións de risco e algunha páxina interesante exclusivamente masculina onde moitos homes queren deixar clara a súa actitude contra actitudes machistas ou de violencia contra as mulleres. Vimos tamén a imaxe das mulleres que se proxecta nalgúns dos videoxogos máis populares e fomos convidados a reflexionar sobre as súas características.
| XABIER VILÁR |
| ADRIÁN ROO |
| SILVIA CHAN |
Wednesday, 2 March 2011
Sesións do alumnado 1ºBAC TIC na biblioteca. XII. As mulleres e a arte dixital
De novo un tema complexo e conceptual, nada doado de explicar a alumnos e alumnas tan novos. Con todo Uxía Couto, Brais García e Lucía Sobral saíron máis que airosos do reto. Primeiro sorprendéronnos a todos coa estética do fondo dos seus tres glogs, moi adecuada para o contido que nos ían expor. Empezaron contándonos cales eran os presupostos que definen a arte dixital e quedounos claro que, á parte dos soportes utilizados máis ou menos innovadores e ligados ás novas tecnoloxías, estas creacións fannos reflexionar sobre o propio concepto de arte. Seica o alumnado asistente escoitou por primeira vez que a arte dixital permite acceder e crear obras de arte fóra das canles habituais e non depende para a súa creación, exhibición e goce exclusivamente de museos e galerías. A continuación, como xa ocorreu en días anteriores coa exposición do tema sobre Ciberfeminismo , vemos a conexión entre arte dixital e reivindicación destes novos espazos de visibilidade por parte das mulleres ao utilizar estas ferramentas para crear as súas propias manifestacións artísticas e non limitarse só a pousar como modelos como viña ocorrendo na maioría dos casos noutras manifestacións artísticas máis tradicionais e menos trasgresoras. Recomendamos especialmente que visitedes o seu traballo, os vídeos e algunhas das moitas galerías virtuais propostas.
| UXÍA COUTO |
| BRAIS GARCÍA |
| LUCÍA SOBRAL |
Monday, 28 February 2011
Sesións do alumnado 1º BAC TIC na Biblioteca. XI. Google
Despois de que cada uns dos grupos de 4º ESO asistisen dúas veces a estas sesións durante a semana pasada, agora é a quenda dos máis pequenos. Iniciamos as sesións esta mañá con Google como tema central. Primeiro Daniel e Manuel describiron brevemente as ferramentas que ían utilizar para a exposición dos seus materiais: unha ampla exposición que se apoiaba no uso de dous glogs e tamén en Issuu e Vuvox. Logo pasaron directamente a falarnos do omnipresente e todopoderoso Google a quen, con todo, poderiamos sacar moito máis partido se o soubésemos “espremer” mellor. Esperamos que despois da charla de hoxe os asistentes sexan capaces de efectuar procuras máis precisas, e tamén coñecer todos os servizos deste potente motor de búsqueda: gozar das delicias de Google Art, explorar con Google Maps. ou botar unha ollada a Google Books e isto son só algúns exemplos. Preferides saber inmediatamente a equivalencia entre dúas moedas de países diferentes ou dispor dunha calculadora sempre a man?. A partir de hoxe xa sabedes como.
| |
| DANIEL DE LA TORRE |
| MANUEL COUTO |
.
..
Saturday, 26 February 2011
Sesións do alumnado 1º BAC.TIC na biblioteca. X. Traballo colaborativo.
| |
| SARA SERTAL |
| ZIQIU ZHANG |