Showing posts with label CONFLITOS ARMADOS. Show all posts
Showing posts with label CONFLITOS ARMADOS. Show all posts

Monday, 12 April 2010

Enola Gay

Hai só uns días escoitamos na CADENA SER que morreu en Estados Unidos Morris Richard Jeppson ( na fotografía), un dos técnicos a bordo do Enola Gay no fatídico voo sobre a cidade de Hiroshima

O Enola Gay foi o bombardeiro B-29 que lanzou a primeira bomba atómica utilizada durante a segunda guerra mundial sobre a cidade xaponesa de Hiroshima, o 6 de agosto de 1945. A bomba foi bautizada como Little Boy. O Enola Gay tomou o seu nome da nai do piloto, o coronel Paul Tibbets. Tres días máis tarde, outro B-29, o Bockscar, lanzou unha segunda bomba atómica, Fat Man, sobre Nagasaki. Little Boy e Fat Man foron as únicas armas nucleares utilizadas contra cidades. (Wikipedia).


Orecémosvos Enola Gay o famoso tema composto por OMD EN 1980 para lamentar tan triste acontecemento. Tamén a letra da canción.

Enola Gay, you should have stayed at home yesterday
Aha words can't describe the feeling and the way you lied
These games you play, they're gonna end in more than tears someday
Aha Enola Gay, it shouldn't ever have to end this way
It's 8:15, and that's the time that it's always been
We got your message on the radio, conditions normal and you're coming home
Enola Gay, is mother proud of little boy today
Aha this kiss you give, it's never ever gonna fade away
Enola Gay, it shouldn't ever have to end this way
Aha Enola Gay, it shouldn't fade in our dreams away
It's 8:15, and that's the time that it's always been.
We got your message on the radio, conditions normal and you're coming home
Enola Gay, is mother proud of little boy today
Aha this kiss you give, it's never ever gonna fade away.

 

Friday, 13 November 2009

Xogo de espellos en Somalia

Sempre hai, como pouco, dúas formas de ver iso tan intanxible que chamamos realidade e que en ningún caso resulta simple ou fácil de definir e analizar. Agora que estamos inmersos nese circo mediático no que entre todos convertemos a retención do Alakrana e as posteriores ameazas de morte aos seus tripulantes, entendendo a difícil e complicada situación pola que pasan todas as persoas implicadas, ofrecémosvos esta curiosa mirada da produtora independente británica Journeyman Pictures sobre os efectos do fenómeno coñecido como piratería nas augas de Somalia.
Se logo de ver o vídeo apetécevos contrastar a información que aparece nos medios habituais con outros posicionamentos menos difundidos, propómosvos un interesante paseo polo blog de Félix Soria. Podedes botar unha ollada aquí. Deixando meridianamente claro que non queremos en absoluto defender a figura destes chamados piratas, nin pretendemos reivindicar as súas accións en absoluto, si pensamos que é necesario engadir algún elemento máis ao debate. Coñecemos a existencia deste vídeo a través do Departamento de Economía. Por suposto que é un excelente punto de partida para analizar e debater en clase un par de temas, polo menos…

Sunday, 26 April 2009

Aínda estremecen…

…estas fotos dos atentados do 11-S tomadas desde un avión militar.

Tuesday, 10 March 2009

Zona pechada

'Zona pechada' é una curta dun dos creadores da película de animación Vals con Bashir que describe o bloqueo da franxa de Gaza dende hai máis dun ano. O protagonista, un neno que persigue un paxaro, decátase pronto de que, en realidade, está atrapado. Non pode saír da empobrecida franxa cara a Cisjordania. Tampouco pode fuxir en barco e, cando tenta cruzar o paso de Rafah con Exipto, as autoridades non llo permiten. Caen as bombas pero el non atopa refuxio e tan só pode correr sen rumbo determinado.

En tan só 90 segundos, Yoni Goodman, director da curta, consegue a empatía dos espectadores e mostra aos residentes de Gaza "como o que na realidade son: un millón e medio de seres humanos aos que se lles prohíbe perseguir as súas aspiracións porque teñen todos os seus movementos absolutamente limitados". "Espero que cando a xente vexa a curta, sexa quen de esquecer as asociacións automáticas sobre o ben e o mal", di Godman, que creou a curta para unha ONG israelí, Gisha, que traballa pola liberdade de movemento dos palestinos.
Fonte ElPaís


Saturday, 21 February 2009

A masacre de Sabra e Shatila aspirante a Oscar

A guerra do Líbano e a masacre de Sabra e Shatila, en debuxos animados. O cineasta israelí Ari Folman atreveuse a facer da súa experiencia persoal no exército un documental de animación e recibiu recompensa. 'Vals con Bashir' non só gañou un Globo de Ouro, senón que aspira con forza a levarse o Oscar á mellor película de fala non inglesa.
Folman asegura que lle foi imposible realizar este documental con imaxes reais. O estrés postraumático que lle provocou o horror da guerra impídelle lembrar con exactitude os feitos, que no seu cerebro mestúranse con pesadelos.

Para lembrar un dos episodios máis sanguentos cometido contra refuxiados indefensos. Para lembrar o consentimento e máis que probable complicidade das autoridades israelís. Para lembrar o silencio culpable dos nosos gobernos.

Friday, 6 February 2009

Un día normal na vida de…

...un cidadán ou cidadá en Palestina. O malo é que a cotidianidade é isto: controis interminables colocados estratéxicamente entre os fogares e os centros médicos, as tendas, as escolas, as universidades... horas e horas soportando a diario vexames e decisións arbitrarias que dependen exclusivamente do "celo" dos soldados de quenda. Abofé que sempre é mellor ser humillado que bombardeado. É cuestión de afacerse.

Recomendamos vivamente o visionado deste video.
Axudaranos a soportar pacientemente calquera atasco, fila ou sá de espera.










Sunday, 18 January 2009

A voz da poesía israelí: Aharon Shabtai acusa

Un grupo de poetas e artistas israelís uníronse para producir unha publicación que chama ao fin do conflito armado na Franxa de Gaza. Acaban de publicarse os primeiros 1000 exemplares
A decisión de producir o libro tomouse durante unha concentración contra a campaña militar en Gaza, fronte á casa do ministro de Defensa israelí, Ehud Barak, o xoves pasado.
Un dos promotores da iniciativa é o poeta israelí
AHARON SHABTAI , que desde hai xa tempo vén opoñéndose sistematicamente á política do seu país no concernente ao conflito árabe-israeli.

Deixámosvos algúns fragmentos que nos gustaron especialmente.

( As traducións non teñen pretensión de calidade ou rigor absoluto)

 Aharon_Shabtai-2

Cultura


O soldado, que se tomou o seu tempo en visitar museos,
cando apunta a súa arma
á cabeza dun rapaz,
actúa como un embaixador da Cultura:
actualiza e recicla
os bocetos de Goya
e o Guernica
.

Nostalxia

Ah Terra, Terra Miña,
en cada sandalia,
en cada fibra
dos meus pantalóns
como te amei.

Podería escribir salmos
á túa ensalada de cebola
con queixo branco.

E agora ¿con quen me atoparei
cando entre ao restaurante?
¿Cos carcereiros de Gramsci?
¿Que voz sairá da fiestra
que dá á rúa?

E cando todo remate, querido lector,
¿en que banquiños
deberemos sentarnos
os que gritamos
¡Morte aos árabes!?
e aqueles que nada quixemos saber?

Sobre tradución de Gerardo Lewin

PALESTINA1

 SOL

Sol, oh Sol

Sol, oh sol,
¿como é que brillas
e o país escurécese?

Nin sequera unha folla de luz
penetra nas cabezas
e xa non hai raios
nas cámaras do corazón.

¿Como é que o teu resplandor
derrámase en balde
sobre os soldados e os ladróns de terra
en Bidu, Budrus, e Bil’in?

Como é que ilumina
a túa lámpada o camiño
a aqueles que golpean anciáns
e envenenan os pozos?
Sol, oh sol,
es, parece, non un sol
senón apenas un anaco de excremento

Saturday, 17 January 2009

Onte, hoxe

Este documento está realizado coas imaxes que circulan pola rede asinadas por Rodolfo Walsh.


Thursday, 15 January 2009

Israelís valentes

Hoxe, día terrible da entrada dos tanques israelís en Gaza, queremos dedicar esta entrada a todas as iniciativas en contra a estas actuacións infames que xorden no propio seo da sociedade israelí, entre outras:

Lazet:

Revista satírica contra a guerra en Gaza. Podedes descargar un exemplar virtual

lazet1

Machsom Watch.

Existe desde 2001. É unha organización de mulleres israelís contra a ocupación dos territorios e a sistemática represión da nación palestina. Reclaman liberdade de movemento dentro dos territorios e o final da ocupación que destrúe a sociedade palestina e tanto dano causa á sociedade israelí. Estas admirables mulleres gravan, filman e testemuñan diariamente, hora por hora, todo tipo de vexames e abusos . Logo difunden ese material a través de internet porque é imposible facelo doutro xeito dentro do seu propio país. É evidente o risco que esta actividade implica para elas.

Drafted Art.

É unha iniciativa que parte dun grupo de artistas israelís. Este é parte do seu manifesto

“...Opoñémonos á guerra. Moitos de nós asinamos peticións, participado en manifestacións e distribuído información esencial a través dos medios de comunicación e da rede. Aínda que son accións significativas só serven para acentuar o noso sentimento de impotencia. Non hai resposta máxicas. Cada acción é só un paso no camiño á revolución. Esta exposición é unha petición que consiste en sinaturas visuais, en lugar de só nomes.

Usamos fotos, cómics, videos, cuadros... Utilizamos a nosa creatividade para loitar contra a guerra”



Created with Admarket's flickrSLiDR.

Monday, 12 January 2009

Escribe que son árabe ( جل، أنا عربي)

2751732461_622dc106ea[1]

Soubemos da conmovedora obra do poeta palestino Mahmoud Darwish, unha das voces máis brillantes no panorama literario do mundo árabe, co gallo da guerra de Iraq. No pasado mes de Agosto, á volta das vacacións de verán, o seu corazón enfermo rendeuse por fin. Unha perda irreparable que ocorría non moito tempo despois da partida do seu querido amigo, o inesquecible Edward Said.

Internacionalmente recoñecido, a súa vida sempre estivo marcada polo conflito árabe-israelí. A calidade dos seus poemas é tal que, aínda que está totalmente identificado coa causa árabe, lemos que as autoridades israelís chegaron nalgunha ocasión a valorar a inclusión dalgúns dos seus poemas no curriculum educativo dese país. Viviu sempre no exilio. Nalgunha ocasión comentou:


“Hai anos que a miña patria é unha maleta e a miña nación só linguaxe”.


O seu poema “Escribe que son árabe” é xa un clásico entre a mocidade palestina.

O poema é unha reivindicación da identidade árabe e simboliza o acoso cotián ao que a poboación palestina é sometida diariamente nos numerosos controis nos que deben acreditar a súa identidade varias veces cada día.

Non podemos pensar nun comentario mellor nestes tempos tan escuros.

Reproducimos o poema completo pedindo desculpas polas posibles inexactitudes na tradución. Incluímos tamén unha versión musicada do poema interpretada polo artista libanés George Qirmiz.

Recomendamos vivamente unha visita á web de Darwish onde podedes escoitar unha das súas poesías máis coñecidos con subtítulos en español.  Paga a pena

Escribe que son árabe

Escribe que son árabe
e o número do meu carné é o cincuenta mil;
que teño xa oito fillos,
e chegará o noveno ó final do verán.
¿Enfadaraste por iso?
***
Escribe
que son árabe,
e cos meus camaradas de infortunio
traballo na canteira.
Para os meus oito fillos
arranco, das rochas,
o anaco de pan,
o vestido e os libros.
Non mendigo esmolas á túa porta,
nin me rebaixo
ante os teus chanzos.
¿Enfadaraste por iso?
Escribe
que son árabe.
Son nome sen alcume.
Espero, paciente, nun país
no que todo o que hai
existe alporizadamente.
As miñas raíces,
afundíronse antes do nacemento
dos tempos,
antes da apertura das eras,
do ciprés e a oliveira,
antes da primicia da herba.
Meu pai...
da familia do arado,
non de nobres señores.
Meu avó era un labrego,
sen títulos nin nomes.
A miña casa é unha choupana campesiña
de canas e paos,
¿Aquéceche?...
Son nome sen alcume.
***
Escribe
que son árabe,
que teño o pelo negro
e os ollos castaños;
que, para máis detalles,
me cubro a cabeza cun veo;
que son as miñas palmas duras como a rocha
e pinchan ó tocalas.
E gústame o aceite e o tomiño.
Que vivo
nunha aldea perdida, abandonada,
sen nomes nas rúas.
E todos os seus homes
están na canteira ou no campo...
¿Enfadaraste por iso?
***
Escribe
Que son árabe;
Que roubaches as viñas de meu avó.
E unha terra que araba,
Eu, con todos os meus fillos.
Que só nos deixaches
estas rochas...
¿Non vai quitarmas o teu goberno tamén,
como se di?...
***
Escribe, pois...
Escribe
no comezo da primeira páxina
que non aborrezo a ninguén,
nin a ninguén roubo nada.
Mais, que si teño fame,
devorarei a carne de quen a min me roube.
¡Coidado, pois!...
¡Coidado coa miña fame,
e coa miña ira!

Tuesday, 25 November 2008

25 de Novembro: O Cántico das Mulleres Invisibles do Congo

2008-08-03-DSC_0519_village_women



Cada día que pasa, a situación no Congo é máis desesperada para miles de persoas e especialmente para as mulleres que, como en calquera conflito armado, teñen que enfrontarse ás necesidades dos seus fillos e aos constantes vexames e violacións sistemáticas dos exércitos en conflito. Neste 25 de Novembro queremos tamén publicar este conmovedor documento das mulleres congoleñas. Válido, na súa insuperable dignidade, para todas as culturas e latitudes.




Sunday, 23 November 2008

E pronto outro 25 de Novembro



Esta semana conmemoramos outro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Levamos días sen poder esquecer as historias das rapazas autoinmoladas en Afganistán das que falamos a semana pasada. Teñen, polo xeral, 18, 17, 20 anos. Hai xa 3 ou 4 anos que liamos na páxina oficial da RAWA que estes casos aumentaban exponencialmente, pero parece que estanse as cumplir as peores expectativas. Atopamos "Las hijas del silencio" unha magnífica reportaxe da ONG ACAF de Catalunya para chamar a atención sobre o tema.

Pensamos que as mulleres que intentan suicidarse dunha maneira tan brutal son unha chamada de atención fronte á trivialidade con que as veces se trata o tema da violencia contra as mulleres. Poder escoller a morte para liberarse do sufrimento é ao que os seres humanos aspiramos que nos sexa recoñecido como un dereito nas diferentes lexislacións.
Mais que grado de desesperación e dor hai que sufrir para preferir a morte queimándose? Temos a impresión de que non é do que falamos cando reclamamos unha morte digna, aínda que non poidamos máis que aceptar a dignidade de persoas que se revelan con todos os medios ao seu alcance para saír do martirio imposto por quen exerce un poder absolutamente ilexítimo e inxusto aferrado a caducos valores patriarcais.
Esta situación é asquerosamente insoportable. Desgraciadamente non é a única.




Wednesday, 19 November 2008

…e de novo Afganistán

Hai só uns días celebráronse en Figueirido Pontevedra os actos fúnebres polos dous soldados da Brilat falecidos como consecuencia dun atentado en Afganistán. Lemos unha reportaxe no Magazine do Faro de Vigo e lembramos o que hai anos xa publicaba Newsweek: que unha porcentaxe abafadora de persoas nese país padecían graves trastornos mentais debido ás circunstancias tan terribles nas que viven.
Hai xeracións enteiras de afgáns que descoñecen o que é vivir en paz. Non foi isto o que máis nos sorprendeu entón; foi ler que os afgáns esqueceron como se vive en tempos de paz porque xa non teñen referentes. A nosa cotidianidade
burka baséase nunha serie de destrezas e mensaxes sutís coas que somos quen de convivir con outras persoas e levar a cabo proxectos comúns. É un complexo sistema que se transmite de xeración en xeración. Por terrible que pareza, a transmisión dese esencial coñecemento en Afgnistán está destruída.
Vimos unhas fotos magníficas de Paula Bronstein e buscando información da autora atopamos un estremecedor reportaxe sobre mulleres que se queiman vivas. Deixamos á vosa decisión
ver as fotos ou non. E xusto nestes días chegounos esta presentación tamén sobre mulleres afgás e a terrible imposición do burka.
Xa coñeciamos algunhas imaxes que regularmente publica a RAWA (Asociación de Mulleres Afgás) pero nunca viramos algunhas outras moi ilustrativas.
Seguir esta ligazón para poder ver a reportaxe a pantalla completa. Paga a pena

.

Wednesday, 5 November 2008

Monday, 6 October 2008

Parkour II. Dangerous ground project: No more landmines



Desprazarse andando pode converterse nunha actividade letal para aquelas persoas que viven en territorios minados. O proxecto Non More Landmines: Dangerous Ground consegue visualizar o perigoso día a día de tantas persoas desta forma tan orixinal, coa colaboración de practicanters de parkour ou free running. A iniciativa consistía en percorrer 50.000 m2 na cidade de Londres sen tocar o chan. Non deixedes de botar unha ollada á páxina , ver os vídeos, as fotos... e lembrar as cifras.
...

Cada 30 minutos unha persoa morre por feridas causadas polas minas.
O 90% destas persoas son civís.
Falamos de máis dun millón e medio de mortes ao ano.
Un terzo destas mortes son nenos.
Falamos tamén de máis de medio millón de graves mutilacións.

E as cifras medran constantemente porque...
quedan máis de 100 millóns de minas no mundo.
Hai, polo menos, 40 paises que se negan a asinar tratados de non proliferación deste tipo de armamento
.

Saturday, 29 March 2008

Castelos no aire. A arquitectura tamén é política

Parecen libros apilados, pero é un edificio con plantas superpostas, xirando sobre si mesmas, que se constrúe en Barcelona, donominado Spiralling Tower pola súa creadora, a arquitecta Zaha Hadid, nacida en Irán, premio Pritzker en 2004, o "nobel" da Arquitectura.
Esta muller que foi a única que conseguiu tan prestixioso premio, ten varias obras no noso país e moitas outras repartidas polo mundo, quizais as máis impactantes sexan os proxectos para a capital dos Emiratos Árabes, Dubai.

Proxectos como estes posiblemente estean xerando vocacións entre a nosa mocidade, algun@s aspiran a poder estudar esa carreira cegados por tanta beleza, creatividade e boas expectativas profesionais.



















.


Comparemos con estoutras imaxes:
















A da esquerda é a Casa da Muller sede da Unión de Mulleres Saharauís en Dahla. Un espazo xestionado e constuído por e para mulleres. Nela se reunen para recibir formación, debater, compartir experiencias, participar en asuntos públicos ...
A cúpula da dereita, é un tipo de edificación tradicional, moi apropiada ao clima, sinxela de levar a cabo pero nos campamentos saharauís quedan poucas familias que saiban construílas.

Algunhas ONG (Arquitectos sen fronteiras) están intentando mellorar estes campamentos, nos que este pobo leva instalado máis de trinta anos, para iso experimentan cos sistemas construtivos. É o caso desta edificación feita cunha mestura de adobe e cemento, trátase de que l@s morador@s incorporen novas técnicas construtivas tras ver o modelo realizado nun dos campamentos.

Estas tres imaxes son moito menos espectaculares que as das obras de Zaha Hadid, dificilmente se converterán en iconas da arquitectura. Grandes centros comerciais, de negocios, museos, si alcanzan ese grao de icona admirada. Seica un edificio de vivendas, unha escola, un ambulatorio, non poden converterse en referentes da arquitectura de século XXI?


Retomando a entrada anterior, cal é a situación da construción e a arquitectura en Palestina? Unha das estratexias seguidas polas autoridades israelís para conseguir o seu obxectivo, anexionar os territorios palestinos sen os seus habitantes, consiste en dificultar a creación de proxectos de urbanismo, de vivendas, de forma que as novas parellas teñan graves obstáculos para establecerse. A destrución de edificios públicos e privados, redes de abastecemento de auga,etc. están na mesma liña.


No outro lado, a casa dos Shawamreh na aldea de Anata, situada en Cisxordania, unha familia de nove persoas cuxa vivenda foi demolida catro veces, converteuse en símbolo da resistencia palestina ante esa política. Con infinita paciencia e a axuda de veciños é reconstruída unha e outra vez para denunciar a ilegalidade da medida que aplica Israel.

Jumana Odeh Esawee (palestina) Ivonne Mansbach (israelí)


Chegaron, sorriron e logo de seren presentadas, deron as grazas ao numeroso público que esperaba expectante. Dixeron ser amigas desde hai 15 anos, ter dúas fillas cada unha ás que puxeron os mesmos nomes antes de coñecerse e dixeron ser, tamén as dúas, descendentes de familias de refuxiados. Unha é israelí, a outra palestina. Abriron os seus portátiles e empezou a proxección de imaxes que explicaron por quendas, no caso da muller palestina coa axuda dunha tradutora. Non eran, como cabía esperar, imaxes de persoas malferidas nin de bombardeos ou atentados contra a poboación civil; eran sobre todo imaxes da constante, cotiá e esgotadora humillación á que se ve sometida diariamente a poboación palestina: continuos controis para moverse nos seus desprazamentos ao traballo e ao colexio, humillantes e constantes rexistros de roupa e pertenzas, tornos polos que deben pasar unha e outra vez e que son a metade de estreitos dos que atopamos en calquera outra parte do mundo. Tamén hai imaxes do bloqueo con inmensas pedras que impiden o tráfico e o transporte nas vías máis importantes dos teritorios ocupados, fotos de nenos que deixaron de falar por algo que viron e nunca deberon ver, máis fotos de nenos e nenas que andan quilómetros só para asistiren a un local onde poder rir e xogar un pouco durante un intre sempre demasiado curto. Elas sorrín e din que é necesario atopar unha linguaxe común para ambos os pobos, que os dereitos civís hai que gañalos cada día, que ninguén poderá destruír xamais o pobo palestino que se levanta obstinadamente, unha e outra vez. Falan tamén de fundamentalistas exaltados que sementan o terror entre a poboación civil israelí e de como ese medo é utilizado habilmente polos políticos . Pero pronto sorrín de novo e contan como crece a disidencia, como cada vez máis mozos non queren bombardear os territorios palestinos indiscriminadamente, como algúns se negan a cumprir os tres anos de servizo militar obrigatorio. Admirables estas dúas mulleres polo que fan e o que simbolizan.
As Mulleres de Negro, tal como as coñecemos hoxe, xorden en 1988 en Israel. Grupos de mulleres israelís comezan a reunirse periodicamente, vestidas de negro, en lugares públicos para protestaren contra a ocupación dos territorios palestinos. Pronto colaboran con mulleres palestinas, denuncian abusos, visitan prisioneiros palestinos nos cárceres israelís para intentar impedir torturas e vexames .

A doutora Jumana Odeh Esawee é palestina vive en Xerusalén e é a directora do centro pediátrico Palestine Happy Child Center. Membro moi activo na súa comunidade, loitadora infatigable polos dereitos civís, acredita nas numerosas charlas fóra do seu país as vexacións e o sufrimento a que está sometida a poboación palestina, especialmente nos seus elementos máis vulnerables: os nenos e nenas e as mulleres.






.
Queremos pór en valor especialmente a figura de Ivonne Mansbach pola súa valentía e honestidade . Malia que ela en ningún momento o mencionou, podemos intuír as dificultades e o custo persoal que debe supor para ela e as súas compañeiras manter as súas conviccións e a súa actividade de denuncia das atrocidades cometidas contra o pobo palestino sendo como é, unha cidadá do estado de Israel.
É unha activista da asociación MachsomWatch.
.
.
.


Machsom Watch existe desde 2001. É unha organización de mulleres israelís contra a ocupación dos territorios e a sistemática represión da nación palestina. Reclaman liberdade de movemento dentro dos territorios e o final da ocupación que destrúe a sociedade palestina e tanto dano causa á sociedade israelí. Estas admirables mulleres gravan, filman e testemuñan diariamente, hora por hora, todo tipo de vexames e abusos . Logo difunden ese material a través de internet porque é imposible facelo doutro xeito dentro do seu propio país. É evidente o risco que esta actividade implica para elas.

Seleccionamos, ao azar, as fotos que podedes ver nesta entrada e o seguinte vídeo que testemuña a tortura diaria dos checkpoints ou puntos de control. Contrariamente ao que poderíamos pensar, estes postos de control non só están situados nas fronteiras entre ambas as comunidades, senón que están espallados por todo o territorio palestino dificultando a vida cotiá, o paso ao traballo, ao colexio, á compra. Algúns deles, os chamados flying checkpoints, varían o seu emprazamento sen previo aviso. Recomendamos o visionado deste vídeo, un de tantos, onde se observa o amoreamento, os rexistros, a estreitez dos pasos, a espera, o trato por parte dos soldados israelís. Por si isto fose pouco hai que contar coa arbitrariedade das medidas que posiblitan ou non o paso logo de horas de espera. Estas medidas cambian de día en día sen ningunha lóxica nin anuncio previo. Podemos ver neste documento como o día desta filmación un soldado decide que un mozo duns 18 anos ou máis é demasiado novo para pasar só e necesita ir acompanado do seu pai. Tras horas de espera é obrigado a volver á casa.
Se visitades a súa web, teredes acceso a todo este material publicado en Flickr, You Tube...
Recomendamos a visita e a difusión destes materiais.
A ponencia a cargo de Jumana Odeh Esawee e Ivonne Mansbach forma parte da Semana de Filosofíaorganizada pola Aula Castelao.

Wednesday, 26 March 2008

Buda estalou por vergoña


Chámase Hana Makhmalbaf e é iraniana, unha rapaza iraniana de tan só 18 anos, nada máis. Cunha cámara, os impactantes escenarios naturais de Aghanistán, uns cantos nenos afgáns, e unha meniña de pouco máis de 5 anos fixo esta película que non pode deixar indiferente a ninguén. Tampouco tivo que inventar moito: só ter os ollos ben abertos nun desgraciado país onde ser nena, ser muller é, sen dúbida, a peor das desgrazas. A protagonista é unha nena de case 6 anos que ten a absurda pretensión de ir ao colexio porque lle dixeron que os libros son divertidos: calquera cousa é mellor que unha realidade onde todo é sombra e morte. Pero a súa pretensión custaralle cara: golpes, insultos, burlas, persecucións e o peor, o máis aterrador de todo é que os seus torturadores son nenos que só imitan aos maiores e reproducen o demencial mundo no que nacen e medran.

Podedes ver no video a desenvoltura coa que esta rapaza tan nova contesta ás preguntas dos xornalistas, o ben que se expresa, o acertado das súas respostas. Por exemplo:

P.-¿Como conseguiches que a nena fixera as esceas máis violentas? Cal foi a súa preparación?
R.-Foi moi doado, en realidade. Forma parte da súa cotidianedade. É así como ela vive todos os días.
P.-É unha película para nenos ou adultos?
R.-É algo que a miúdo dubidei no seu momento. Agora penso que os nenos tamén deben vela porque hai moitos nenos e nenas que viven esas situacións e para eles non hai censura.


Thursday, 7 February 2008

1000 grullas de papel

grullas de papel

O 6 de agosto de 1945, Estados Unidos arroxou a bomba atómica en Hiroshima, Xapón coa esperanza de rematar a Segunda Guerra Mundial. En poucos minutos, máis de 200.000 persoas pereceron por causa da explosión.
Sadako Sasaki só tiña dous anos de vida cando a bomba caeu na súa cidade. Era unha nena sá e feliz e parecía que non lle afectou a explosión da bomba, pero nove anos despois detectóuselle leucemia, unha enfermidade causada pola irradiación da bomba. Cando estaba no hospital unha amiga súa, Chizuko Hamamoto, tróuxolle unha grulla de papel e contoulle a historia da grulla. Os xaponeses cren que a grulla vive mil anos. Se unha persoa enferma fai mil grullas de papel, os deuses concederanlle o seu desexo de mellorarse. As grullas aumentáronlle a esperanza a Sadako e entón púxose a facer grullas de papel con moito entusiasmo.

Con todo, lamentablemente ela faleceu o 5 de outubro de 1955 logo de facer 644 grullas de papel. Os amigos e compañeiros de Sadako continuaron a súa misión e fixeron o resto para completar as mil grullas.
En 1958 construíron unha estatua dunha nena sostendo unha grulla dourada nos seus brazos abertos no Parque da Paz en Hiroshima. Cada ano xente de todo o mundo fai grullas de papel e mándaas a Hiroshima, Na súa base pódese ler

Este é o noso berro

Esta é a nosa oración.
Paz no mundo.


Desde a biblioteca do IES Poeta Añón chéganos unha fermosa experiencia para celebrar o dia da Paz baseada nesta historia

Related Posts with Thumbnails