Thursday, 24 February 2011

Sesións do alumnado 1º BAC TIC na biblioteca. IV. Internet e a situación das mulleres en contextos de represión e illamento.

Hoxe estaba a biblioteca practicamente ao completo coa presenza de dous grupos de alumnado de 4º ESO. Unha audiencia tan numerosa sempre impón e supón unha dificultade engadida para os responsables de calquera exposición. Con todo Diego Baqueira, David Domíngez, Alicia Cores e Javier García non tiveron demasiados problemas en captar a atención dos seus compañeiros e compañeiras ao falar da situación das mulleres en contextos de represión e aillamento. Un traballo moi completo e coidado que até se apoiaba no deseño estético do fondo dos glogs, o mesmo para todos. O grupo decidiu utilizar a imaxe que podedes ver para simbolizar o illamento destas mulleres ás que a rede brinda unha oportunidade extraordinaria para mellorar a súa visibilidade. O traballo incide en aspectos tan interesantes como a restrición dos espazos aos que estas mulleres teñen acceso a pesar de, en moitos casos, a súa formación e o seu elevado nivel económico . Falouse da importancia, ás veces relativa, do veo. Comentouse que moitas delas non o ven como o maior dos seus problemas a pesar dos intensos debates que o seu uso provoca nas nosas culturas. Sobre todo incidiuse no feito de que hai colectivos de mulleres que non responden exactamente ao papel de vítimas pasivas que a miúdo lles asignamos. Mesmo en contextos tan hostís como Afganistán, hai organizacións tremendamente activas de mulleres que se organizan e loitan e fan da rede unha aliada imprescindible para darse a coñecer.
Tras centrar o tema os alumnos relatores de hoxe entraron con máis detalle nos casos particulares da activista chinesa Liu Xia e a Asociación  Revolucionaria de Mulleres Afganas RAWA. para eXemplificar o anteriormente exposto. Por último queremos resaltar un excelente sumario utilizando de novo a ferramenta Vuvox como soporte.

DIEGO BAQUEIRO FARIÑA
DAVID DOMÍNGUEZ VIVAR
ALICIA CORES BARTOLOMÉ
JAVIER GARCÍA ALVAREZ

1 comment:

Burgers Recipes said...

Much appreciate you writing this

Related Posts with Thumbnails