Thursday 29 January 2009

CONSPIRACIÓN POLA PAZ

PAZ?????????????
PAZ: PAM!. Balas. Confusión, asasinatos, bombas.
PAZ: PAF!. Golpes. Cambadelas da vida cotiá. Rancor. Violencia.
PAZ: PAZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ. Soño. Sono indiferente da irresponsabilidade.

Non é un xogo. É a fraxilidade da palabra. Espello fiel da inestabilidade do seu significado.

Utopía imposíbel.

Palabra que xera poesía.

Poesía? Poesía e Paz.

Esta é a nosa proposta: un mundo reinado pola esperanza das palabras, palabras sublimes que permiten melodías, risos, soños... PAZ.

Xesto simbólico o das Bibliotecas Escolares, que novamente unen voces, azos e esperanzas. A través do mosaico que supón, por fin na nosa comunidade, a integración de diferentes cores, razas, linguas... chega a poesía capaz de expresar unha mesma arela.

O frenesí da humanidade dominado pola forza da palabra. Unidos contra a ignominia da morte inxusta, das violacións das mulleres, da violencia extrema, da existencia dos nenos-soldado, da vinganza. Optamos polo silencio das palabras, da súa mudez. Porque a súa música festexe os días de coñecemento. Porque os aloumiños que desprenden estas balas sexan quen de recargar o porvir. Porque o nosos pentagramas debuxen as fusas non confusas da ilusión, do mañá cargado de bombas de papel. Papeis que falan de sorrisos, de amores, de xustizas. Papeis convertidos en poesía.

Hoxe, o noso alumnado, dende esas diferenzas que os converten en iguais, transfórmanse en trasnos portadores de equidade. Dende o pasado poético ao presente sonoro, ao futuro harmonioso.

Tanques de algodón
Armas de caramelo
O noso soño
O noso desexo
A nosa conspiración.

O “disparo” do IES Sánchez Cantón

dia da paz

Outras potentes armas de exércitos aliados



  • Para visitar todas as conspiracións

Blog da biblioteca do IES Alexandre Bóveda. Vigo.
O Segrel do Penedo. IES de Fene. Fene. A Coruña.
Mesturas. IES Sánchez Cantón. Pontevedra.
Bibliobelesar. CEIP de Belesar. Belesar. Pontevedra.
Biblioandrade CEIP de Andrade. Pontedeume. A Coruña.
Bemilladoiro. Biblioteca do Ceip. Milladoiro. Malpica. A Coruña .
Biblioteca Olhos Grandes IES Nosa Señora dos Ollos Grandes . Lugo
Biblioteca do CEIP de Pazos. CEIP de Pazos. Ferrol. A Coruña.
Biblioteca do cole. CEIP Quintela de Moaña. Pontevedra
Cadernos de Vide. Escola Unitaria de Vide. As Neves. Pontevedra.
Biblioteca Brea Segade. C.E.P. Xose Mª Brea Segade. Taragoña. Rianxo.
Biblioteca IES de Sanxenxo. Sanxenxo. Pontevedra.
Biblioteca IES R. O. do Uruguai. IES República O. do Uruguai. Vigo.
Biblioblogreboreda. Ceip Santo Paio de Abaixo, Reboreda. Pontevedra.
Biblioteca Colexio de Cervo. CEIP de Cervo. Lugo.
Bibliochispi. CEIP A Laxe-Marin. Pontevedra.
Participa tamén neste proxecto o blog Trafegando Ronseis

Wednesday 21 January 2009

Cando o corpo é arte

Encantounos o traballo de Hans Sylvester e por iso decidimos publicalo, aproveitando a ocasión para destacar unha vez máis as dificultades de establecer os límites conceptuais do que debe ser considerado Arte.

…“Nos confíns de Etiopía, a séculos da modernidade, Hans Sylvester fotografiou durante seis anos a unhas tribos nas que homes, mulleres, nenos e anciáns, son xenios dunha arte ancestral. Teñen aos seus pés o río l´Omo, están a cabalo do triángulo formado por Etiopía, Sudán, e o gran val do Rift que se separa lentamente de África. É  unha rexión volcánica que lles proporciona unha inmensa paleta de pigmentos, ocre vermello, kaolin branco, verde cobrizo, amarelo luminoso ou gris cincento. Teñen o don da pintura, e o seu corpo de dous metros de estatura é unha inmensa tea.
A forza da súa arte resúmese en tres en tres palabras : os seus dedos, a velocidade e a liberdade. Debuxan coas mans abertas, coa punta das uñas, ás veces coa punta dunha pola, cunha cana, ou un talo partido . Con xestos vivos, rápidos, espontáneos, inspirados na infancia, con ese movemento esencial que investigan os grandes mestres contemporáneos cando aprenderon xa moito e intentan volver esquecelo todo. Desexo de decorarse, de seducir, de conseguir estar fermosos, de lograr unha actuación e un pracer permanente. Bástalles mergullar os dedos na arcilla e, en dous minutos, sobre o peito, os seos, o pubis, as pernas, nace nada menos que un Miro, un Picasso, un Pollock, un Tapies, un Klee”
Traducido da presentación

Monday 19 January 2009

Edgar Allan Poe e o Corvo

poe2sg5

.

Hoxe, 19 de xaneiro, queremos lembrar a Edgar Allan Poe, no bicentenario do seu nacemento. Entre as múltiples opcións, decidimos reproducir esta orixinal versión de “The Raven”, probablemente o poema máis famoso da tradición literaria en língua inglesa.


A publicación e difusión deste poema significou o recoñecemento definitivo do seu polémico autor e, dende entón, foi miles de veces reimpreso, interpretado, eloxiado, denostado, parodiado, traducido, difundido e aprendido.

Este video de You tube é unha homenaxe ao polifacético escritor, considerado un mestre do relato curto do suspense e da literatura fantástica. O famoso poema é interpretado por varias persoas que recrean a súa maneira cada unha das estrofas.
Achegamos tamén unha das múltiples versións en castelán



Sunday 18 January 2009

A voz da poesía israelí: Aharon Shabtai acusa

Un grupo de poetas e artistas israelís uníronse para producir unha publicación que chama ao fin do conflito armado na Franxa de Gaza. Acaban de publicarse os primeiros 1000 exemplares
A decisión de producir o libro tomouse durante unha concentración contra a campaña militar en Gaza, fronte á casa do ministro de Defensa israelí, Ehud Barak, o xoves pasado.
Un dos promotores da iniciativa é o poeta israelí
AHARON SHABTAI , que desde hai xa tempo vén opoñéndose sistematicamente á política do seu país no concernente ao conflito árabe-israeli.

Deixámosvos algúns fragmentos que nos gustaron especialmente.

( As traducións non teñen pretensión de calidade ou rigor absoluto)

 Aharon_Shabtai-2

Cultura


O soldado, que se tomou o seu tempo en visitar museos,
cando apunta a súa arma
á cabeza dun rapaz,
actúa como un embaixador da Cultura:
actualiza e recicla
os bocetos de Goya
e o Guernica
.

Nostalxia

Ah Terra, Terra Miña,
en cada sandalia,
en cada fibra
dos meus pantalóns
como te amei.

Podería escribir salmos
á túa ensalada de cebola
con queixo branco.

E agora ¿con quen me atoparei
cando entre ao restaurante?
¿Cos carcereiros de Gramsci?
¿Que voz sairá da fiestra
que dá á rúa?

E cando todo remate, querido lector,
¿en que banquiños
deberemos sentarnos
os que gritamos
¡Morte aos árabes!?
e aqueles que nada quixemos saber?

Sobre tradución de Gerardo Lewin

PALESTINA1

 SOL

Sol, oh Sol

Sol, oh sol,
¿como é que brillas
e o país escurécese?

Nin sequera unha folla de luz
penetra nas cabezas
e xa non hai raios
nas cámaras do corazón.

¿Como é que o teu resplandor
derrámase en balde
sobre os soldados e os ladróns de terra
en Bidu, Budrus, e Bil’in?

Como é que ilumina
a túa lámpada o camiño
a aqueles que golpean anciáns
e envenenan os pozos?
Sol, oh sol,
es, parece, non un sol
senón apenas un anaco de excremento

Saturday 17 January 2009

Onte, hoxe

Este documento está realizado coas imaxes que circulan pola rede asinadas por Rodolfo Walsh.


Thursday 15 January 2009

Israelís valentes

Hoxe, día terrible da entrada dos tanques israelís en Gaza, queremos dedicar esta entrada a todas as iniciativas en contra a estas actuacións infames que xorden no propio seo da sociedade israelí, entre outras:

Lazet:

Revista satírica contra a guerra en Gaza. Podedes descargar un exemplar virtual

lazet1

Machsom Watch.

Existe desde 2001. É unha organización de mulleres israelís contra a ocupación dos territorios e a sistemática represión da nación palestina. Reclaman liberdade de movemento dentro dos territorios e o final da ocupación que destrúe a sociedade palestina e tanto dano causa á sociedade israelí. Estas admirables mulleres gravan, filman e testemuñan diariamente, hora por hora, todo tipo de vexames e abusos . Logo difunden ese material a través de internet porque é imposible facelo doutro xeito dentro do seu propio país. É evidente o risco que esta actividade implica para elas.

Drafted Art.

É unha iniciativa que parte dun grupo de artistas israelís. Este é parte do seu manifesto

“...Opoñémonos á guerra. Moitos de nós asinamos peticións, participado en manifestacións e distribuído información esencial a través dos medios de comunicación e da rede. Aínda que son accións significativas só serven para acentuar o noso sentimento de impotencia. Non hai resposta máxicas. Cada acción é só un paso no camiño á revolución. Esta exposición é unha petición que consiste en sinaturas visuais, en lugar de só nomes.

Usamos fotos, cómics, videos, cuadros... Utilizamos a nosa creatividade para loitar contra a guerra”



Created with Admarket's flickrSLiDR.

Wednesday 14 January 2009

Palestina

Dos nosos queridos Anxo e Gracia, que tan sabiamente están ao timón do blog amigo Trafegando Ronseis este documento tan necesario




Estás pola solución


Interesantes materiais para detectar a violencia de xénero no ámbito sanitario.
.


Monday 12 January 2009

Escribe que son árabe ( جل، أنا عربي)

2751732461_622dc106ea[1]

Soubemos da conmovedora obra do poeta palestino Mahmoud Darwish, unha das voces máis brillantes no panorama literario do mundo árabe, co gallo da guerra de Iraq. No pasado mes de Agosto, á volta das vacacións de verán, o seu corazón enfermo rendeuse por fin. Unha perda irreparable que ocorría non moito tempo despois da partida do seu querido amigo, o inesquecible Edward Said.

Internacionalmente recoñecido, a súa vida sempre estivo marcada polo conflito árabe-israelí. A calidade dos seus poemas é tal que, aínda que está totalmente identificado coa causa árabe, lemos que as autoridades israelís chegaron nalgunha ocasión a valorar a inclusión dalgúns dos seus poemas no curriculum educativo dese país. Viviu sempre no exilio. Nalgunha ocasión comentou:


“Hai anos que a miña patria é unha maleta e a miña nación só linguaxe”.


O seu poema “Escribe que son árabe” é xa un clásico entre a mocidade palestina.

O poema é unha reivindicación da identidade árabe e simboliza o acoso cotián ao que a poboación palestina é sometida diariamente nos numerosos controis nos que deben acreditar a súa identidade varias veces cada día.

Non podemos pensar nun comentario mellor nestes tempos tan escuros.

Reproducimos o poema completo pedindo desculpas polas posibles inexactitudes na tradución. Incluímos tamén unha versión musicada do poema interpretada polo artista libanés George Qirmiz.

Recomendamos vivamente unha visita á web de Darwish onde podedes escoitar unha das súas poesías máis coñecidos con subtítulos en español.  Paga a pena

Escribe que son árabe

Escribe que son árabe
e o número do meu carné é o cincuenta mil;
que teño xa oito fillos,
e chegará o noveno ó final do verán.
¿Enfadaraste por iso?
***
Escribe
que son árabe,
e cos meus camaradas de infortunio
traballo na canteira.
Para os meus oito fillos
arranco, das rochas,
o anaco de pan,
o vestido e os libros.
Non mendigo esmolas á túa porta,
nin me rebaixo
ante os teus chanzos.
¿Enfadaraste por iso?
Escribe
que son árabe.
Son nome sen alcume.
Espero, paciente, nun país
no que todo o que hai
existe alporizadamente.
As miñas raíces,
afundíronse antes do nacemento
dos tempos,
antes da apertura das eras,
do ciprés e a oliveira,
antes da primicia da herba.
Meu pai...
da familia do arado,
non de nobres señores.
Meu avó era un labrego,
sen títulos nin nomes.
A miña casa é unha choupana campesiña
de canas e paos,
¿Aquéceche?...
Son nome sen alcume.
***
Escribe
que son árabe,
que teño o pelo negro
e os ollos castaños;
que, para máis detalles,
me cubro a cabeza cun veo;
que son as miñas palmas duras como a rocha
e pinchan ó tocalas.
E gústame o aceite e o tomiño.
Que vivo
nunha aldea perdida, abandonada,
sen nomes nas rúas.
E todos os seus homes
están na canteira ou no campo...
¿Enfadaraste por iso?
***
Escribe
Que son árabe;
Que roubaches as viñas de meu avó.
E unha terra que araba,
Eu, con todos os meus fillos.
Que só nos deixaches
estas rochas...
¿Non vai quitarmas o teu goberno tamén,
como se di?...
***
Escribe, pois...
Escribe
no comezo da primeira páxina
que non aborrezo a ninguén,
nin a ninguén roubo nada.
Mais, que si teño fame,
devorarei a carne de quen a min me roube.
¡Coidado, pois!...
¡Coidado coa miña fame,
e coa miña ira!

Sunday 11 January 2009

A vaca galega na Viaxe do elefante



Esta sim, foram doze dias e doze noites nuns montes da galiza, com frio, e chuva, e gelo, e lama, e pedras como navalhas, e mato como unhas, e... a história de uma vaca que se perdeu nos campos coma a sua cria de leite, e se viu rodeada de lobos durante doze dias e doze noites, foi obrigada a defender-se e defende o filho, uma longuíssima batalha, agonia de viver no limiar da morte... aqueles momentos em que o vitelo procurava as tetas da mae, e sugava lentamente, enquanto os lobos se aproximavam... ao fim dos doze dias a vaca foi encontrada salva, mais o vitelo, e foram levados em triunfo para a aldeia... por mais dois dias, ao fim dos quais, porque se tinha tornado brava, porque aprendera a defender-se, porque ninguém podia já dominá-la ou sequer aproximar-se dela, mataram-na, nao os lobos que em doze dias vencera, mas os mesmos homens que a haviam salvo, talvez o próprio dono, incapaz de compreender que, tendo aprendido a lutar, aquele antes conformado e pacífico animal nao poderia parar nunca mais.


(José Saramago, A viagem do elefante, Caminho, 2008)



Xa Castelao falaba da vaca como un dos símbolos de Galicia, Manuel Rivas fíxoa protagonista de Un millón de vacas. É agora un dos narradores máis coñecidos (desde o seu Nobel) que lle fai esta fermosa homenaxe á vaca galega, un lindo canto á liberdade, á loita por ser.

Saturday 10 January 2009

Mens sana in corpore sano

O IES Sánchez Cantón estivo tradicionalmente ligado ao deporte como acreditan as vitrinas cheas de trofeos que calquera que visite o centro pode admirar. Durante anos, o profesor Rafael Sánchez Agostino foi recompilando unha excelente colección de fotografías que foron expostas o ano pasado con motivo da conmemoración da consecución, por parte do centro, do primeiro Campionato Nacional de Ximnasia Educativa en 1957. Agora podemos gozar de parte deste material grazas á montaxe elaborada polo profesor Gabriel Carral. Grazas aos dous e a seguir mantendo o listón tan alto...


Saturday 3 January 2009

MESTURAS: libros e tics, tradición e modernidade


Imaxinemos un espazo público (e privado, de pago, nada de Administracións) no que convivan tics, libros, o antigo e o moderno. Por exemplo un café no que haxa:
-Unha tv de plasma, coa voz baixiña e conectada con Mtv
-Un PC fixo por se alguén non trouxo o portátil, e conexión á rede
-Conexión inarámica para quen traia o portátil
-Taboleiro de anuncios: traballos, cuartos libres, trocos...
-Aparello de limpar zapatos automático (como o dos hoteis)
-Señor de oficio limpar zapatos co tradicional caixón de utensilios e vestido cunha camiseta que pon: bon in bed
-Surtido de xogos de mesa: xadrez, damas...
-Unha morea de xornais e revistas
-E o mellor de todo: UNHA BIBLIOTECA cun mangado de libros (en conexión coa biblioteca municipal), presidida por este lema: non deixe o libro arrefriar, o café pode esperar.
-E, claro, un bo café.
Pois todo isto é posíbel no Café Óscar en Guimaraes-rúa José Sampaio (Portugal) no que hoxe por uma bica (1 café só) pagamos, asómbrense,: 60 céntimos de euro.
Está claro que viaxando se aprende...

Related Posts with Thumbnails