Wednesday 13 June 2007

WEB 2.0: UNHA ACTITUDE, NON SÓ UNHA TECNOLOXÍA

Un excelente vídeo que nos mostra dunha forma clara e sinxela o concepto de Web 2.0, as tecnoloxías nas que se basea a filosofía desta nova rede e as súas importantísimas repercusións. Cando teñades un momento, recomendamos unha atenta ollada...
Grazas aos compañeir@s da Nosa Biblioteca 3.0 dos que tanto aprendemos
.

Sunday 10 June 2007

VELLOS ROCKEIROS

Non é fácil ser vello nesta sociedade onde a beleza e a mocidade son valores en constante alza. Que che pasará pola cabeza cando ves que a sabedoría acumulada ao longo da túa vida non vale para nada, que te tratan como a un neno torpe e ignorante? Como se sente unha persoa nunha institución para anciáns? A idea deste vídeo xorde cando o documentalista británico Tim Samuels decide recrutar a unha chea de anciáns solitarios e abandonados, crear unha banda de rock con eles, facelos saír das súas casas en busca da gloria rockeira e facer unha película con todo isto, incluíndo a linguaxe xestual das míticas bandas de rock e utilizando a emblemática canción My generation dos inesquecibles THE WHO. Ides ver unha banda moi especial: ademais de ser un grupo moi numeroso, hai que sinalar que o seu cantante ten 90 anos, e non é o máis vello, xa que hai algún membro de case 100 .

Este vídeo está na liña da mellor crítica social británica que ás veces nos deleita con películas inesquecibles: é brillante, ácido, conmovedor divertido e deixa a porta aberta á esperanza dun mundo un pouco máis acolledor para todos nós.
Que o disfrutedes

Friday 8 June 2007

REFLEXIÓNS FOTOGRÁFICAS: DANIEL CANOGAR

De inquietante e fermosa foi definida a obra deste fotógrafo madrileño e pensamos que é certo, que é ambas as cousas á vez. Da súa páxina web destacamos a sección OUTRAS XEOLOXÍAS. Obxectos descartados (xoguetes, ordenadores, cintas de vídeo) atopados en vertedoiros foron a materia prima coa que creou estes grandes e impactantes murais fotográficos. Corpos espidos están atrapados entre estes residuos. Outras Xeoloxías é unha meditación sobre o consumo excesivo, o desexo febril e masivo de rodearnos de obxectos que, en realidade, non precisamos e que acabarán, sen dúbida, por anularnos. Certamente merece unha visita e unha reflexión.


Para ver esta sección en concreto entra na súa web preme en PROXECTOS, NOVAS XEOLOXÍAS. Pódense ampliar todas as fotos a pantalla completa.

Thursday 7 June 2007

ARTE E MULLERES

Cando rematedes de ver este interesante video, será evidente, unha vez máis a enorme diferencia entre a inmensa cantidade de mulleres que aparecen plasmadas ao longo da Historia da Pintura e as escasísimas mulleres coñecidas como pintoras ou escultoras famosas. Se che interesan estes temas, lembra que tes bastante información na páxina do centro.

Related Posts with Thumbnails