Foi un querido amigo a Avilés a pasar estes días da ponte e mandou este pequeno texto despois de ver a última película de Amenábar sobre a suxestiva figura de Hipatia de Alexandría. Non podemos pensar nunha recomendación máis autorizada.
“Será recomendable para os que andamos nisto das bibliotecas ver Ágora, estrea nos cines esta fin de semana. Quen non se vai emocionar entrando na nai de todas a bibliotecas, a de Alexandría, que gardaba todo o saber dos tempos pasados. Mais outra vez os intolerantes, os maniáticos e fanáticos acaban queimando os libros, esas cousas tan malas que transmiten o coñecemento e a liberdade de saber e poder elixir. E se ademais anda polo medio unha muller intelixente (máis que os homes) e libre, coma tantas veces na historia, haberá que condenala por bruxa. Mira que crer na filosofía en vez de crer nun deus coma todo o mundo!
Moitos dos que gustamos de compartir na rede a información e os coñecementos esperamos que internet sexa a Alexandría do futuro, na que se almacenen os saberes de todos os humanos para poder coñecer e logo decidir en liberdade; que sirva de vacina universal contra os queimadores dos libros. Por certo, as máis de 2 horas con Hipatia vanse nun plis plas! “
Pola nosa banda, atopamos esta obra que non coñecíamos do pintor británico Charles William Mitchell, contemporáneo de Waterhouse, onde se representa á Hipatia pouco antes da súa absurda e cruel morte vítima do fanatismo relixioso máis ignorante e fanático . Tamén investigamos un pouco o curioso boom editorial con motivo da estrea. Bastantes novos títulos e un par de reedicións. Lemos en varias fontes que unha delas, reeditada por Siruela, Hipatia de María Dzielska é considerada a mellor biografía, a máis completa e mellor documentada.
Hypatia (Charles William Mitchell).
Podedes ver a obra ampliada.Fonte Wikipedia






