Showing posts with label COCIÑA CULTURAL. Show all posts
Showing posts with label COCIÑA CULTURAL. Show all posts

Thursday, 15 October 2009

Unha de ovos ou a desgraza de ser “galiña batería”

 

Xa sabemos que todo leva o seu tempo e que andamos a cen por hora a maioría das veces. De todos os xeitos é importante estar medianamente ben informad@s para que as nosas decisións sexan, na medida do posible, realmente nosas. Pois ben, centrémonos no tema de hoxe. Que non come ovos con frecuencia? Realmente son un manxar pero… pensamos algunha vez nas galiñas que os “fabrican”? Tedes oído falar das chamadas galiñas batería?. Non? Pois recomendámosvos esta ligazón. Non vos levará moito tempo e comprenderedes a razón da nosa proposta. Polo tanto, se queredes evitar o consumo deste tipo de ovos, tedes que mirar a primeira cifra do código que aparece en calquera ovo que consumades. Se é un 3, coma o ovo do exemplo, é exactamente así  como o ovo que imos comer foi producido. Se é un 2, practicamente tamén, aínda que os animais están amontoados no chan e non en gaiolas. un 0 ou un 1 son, sen dúbida a mellor opción. Comentádeo na casa. Informémonos ben do que estamos a comer.

Thursday, 24 September 2009

Cociña e matemáticas

Pódese escribir a cociña con linguaxe matemática?

Esta é a pregunta que aparece no blog “Comida e matemáticas”. Como mostra do seu evidente interese e infinitas posibilidades, recollen esta apetitosa e formativa proposta do Departamento de Matemáticas no IES Rio Aguas de Sorbas


1premio-tarta-pi-con-decimales

1º PREMIO: Tarta de PI con decimales “Anna Sophia Aldridge” 3º A

Wednesday, 3 September 2008

Acordos

Hai un par de semanas escoitamos por casualidade que en The Pigs, un pub de Edgefield, pequena localidade británica, os seus propietarios aceptan cambiar as consumicións dos seus clientes por produtos alimenticios da zona. Así todos e todas se benefician: nestes tempos de crise as populares pintas de cervexa non afectan o orzamento familiar e, ao mesmo tempo, o menú do pub enriquécese con produtos frescos e locais de excelente calidade. Nestes intres acabamos de verificar a noticia e é rigorosamente certa como podedes comprobar ao botar unha ollada aos numerosos recortes de prensa colgados na web do establecemento: colas de clientes aportan todo tipo de froitas, carnes e peixes que os cociñeiros preparan para ledicia dos clientes.
.
A miña avóa vivía nunha pequena aldea de Toledo onde pasabamos os veráns de nenos e a min, que sempre fun habitante de cidades, sorprendíame ver como as mulleres apenas usaban diñeiro: polos, coellos, froitas e legumes simplemente cambiaban de man tras breves e cordiais acordos coas veciñas dictados pola necesidade do momento.

Thursday, 19 June 2008

Sobremesas doces e solidarias


Desde FAIRTRADE-Comercio Xusto chéganos o novo libro de receitas Postres doces e solidarios. Este receitario de sobremesas elaboradas a base de ingredientes de Comercio Xusto foi redactado por FAIRTRADE e contén moito máis que só receitas de sobremesas (que por certo, son realmente deliciosas). O libro permítenos coñecer a realidade detrás dos ingredientes que usamos na elaboración destas sobremesas: podemos coñecer como se cultiva a cana de azucre desde hai miles de anos ou como os membros de Kuapa Kokoo, unha cooperativa en Ghana, cultivan o cacao e en que invisten os ingresos adicionais tan necesarios que lles proporciona esta forma alternativa de comercio... o libro pódese adquirir nas tendas de comercio xusto ou pódese descargar de forma gratuita. A verdade é que as sobremesas teñen un aspecto do máis apetecible.

Wednesday, 27 February 2008

A comida basura a debate en USA



"Os publicistas non están obrigando á xente a comer alimentos pouco saudables, simplemente están ofrecendo o que os clientes queren".
"A mercadotecnia responde ao libre mercado". "Non é un bo modelo que os publicistas sexan os que digan aos consumidores que comer e facer, non poden ser paternalistas".
"A xente é responsable de tomar as súas propias decisións na vida, as decisións das empresas baséanse no que os clientes manifestan que queren comer".

Fronte a declaracións nesta línea tan favorable aos seus proprios intereses, o feito é que moitos anuncios destes produtos están dirixidos a sectores da poboación tremendametne vulnerables como son os adolescentes. En tal sentido, será bo saber que a publicidade de alimentos ocupa o primeiro lugar na televisión mundial e que a maioría está dirixida a un determinado sector da poboación. En Inglaterra, Estados Unidos e Australia, países onde a obesidade infantil creceu notablemente, o número de comerciais de alimentos en horarios infantís son os máis altos do mundo. A polémica está servida.

Thursday, 11 October 2007

Isto de facer a compra está cambiando

Unha empresa estadounidense encargou a Microsoft que deseñase unha nova aplicación para incorporar a uns mini-computadores para os carriños do súper. O “super-carriño” é quen de dirixir ao consumidor aos seus lugares favoritos do supermercado, xa que por medio dunha “tarxeta de fidelidade” vai saber o que acostuma mercar, a frecuencia da compra, que cantidades consome e mesmo os problemas de saúde do cliente e a súa familia.

Evidentemente esta información resúltalle de moita utilidade á cadea comercial que tamén se aproveita do invento para dar a coñecer ofertas, e publicitar certos produtos, ou sexa dirixir a nosa compra.

De cara ao consumidor dise que nun futuro, lendo o código de barras, poderá dar información sobre os compoñentes nutritivos dun alimento, país de orixe, envasado etc.

Haberá que estar pendente deste asunto porque vai ter máis repercusións do que pode parecer nunha primeira ollada, aínda que os medios de comunicación dan a noticia coma quen ofrece un caramelo.

En relación co tema da compra publicouse recentemente o libro Supermercados, non grazas que axuda a reflexionar sobre a forma en que compramos na actualidade e as consecuencias que isto ten. Está á vosa disposición na biblioteca.

Tuesday, 1 May 2007

ENTREGA DE RECEITARIO E MATERIAIS DA III MOSTRA GASTRONÓMICA


O próximo mércores 2 de maio ás 18:30 na biblioteca, faremos entrega aos participantes na III Mostra Gastronómica do IES Sánchez Cantón do receitario correspondente, como xa vos temos adiantado.


Nesta edición complétase cun CD que ademais das receitas aporta diversos materiais sobre trastornos de conduta e cultura alimentaria.


Sortearanse tamén tres memorias USB entre as persoas que participaron ou colaboraron na organización.

Sunday, 22 April 2007

COCIÑA COOLtural. Entrega de materiais

Aproveitando a celebración do Día do Libro o equipo de profesorado da biblioteca vai proceder á entrega de parte dos materiais elaborados en torno ao proxecto COCIÑA COOLtural a todos os participantes neste proxecto.
Un dos nosos obxectivos é a elaboración, polo menos unha vez por curso, dun "libro" de produción propia. Un dos libros do presente curso é este receitario colectivo que inclúe, entre outros materiais, a elaboración de todos os pratos presentados á Mostra Gastronómica celebrada en decembro xunto ás correspondentes lendas, lembranzas, vivencias persoais etc asociadas a estes pratos.
O receitario vai acompañado dun CD coa seguinte documentación:

  • PRESENTACIÓN COCIÑA COOLTURAL que inclúe receitas, vivencias e fotos de todos os pratos. ESTAMOS SEGUROS DE QUE VOS GUSTARÁ.
  • TCA.- Documento elaborado polo equipo da biblioteca con información sobre os trastornos da conduta alimentaria máis frecuentes e a súa relación coa autoestima, a adolescencia e o culto á imaxe. Estes materiais están supervisados pola Dra. Carmen Rodríguez del Toro, xefa do Departamento de Psiquiatría do Hospital Meixoeiro De Vigo.
  • EU COMO: Pequeno proxecto documental sobre hábitos de alimentación saudable, publicidade, desenvolvemento sostible y algunhas reflexións sobre o feito cultural da alimentación.
  • COMO COMEN OS DEMAIS?: Información sobre hábitos alimenticios noutros países e culturas.
  • SABORES DE CINE: Relación de películas nas que a comida ten un protagonismo esencial.

Proximamente publicaremos na web do centro o resto de materiais elaborados polos Departamentos que participaron no proxecto así como bibliografía e ligazóns que consideramos de interese.

Esperamos que esta documentación sexa de utilidade para vós e as vosas familias.
(No acto de entrega de materiais procederemos ao sorteo de dúas memoria USB entre os/as organizadores e os participantes na Mostra gastronómica.)

Grazas a todas as persoas que colaboraron neste proxecto

Wednesday, 14 March 2007

LEONARDO DA VINCI COCIÑEIRO E OUTRAS EXQUISITECES

Están a piques de rematarse os receitarios para os participantes na III Mostra gastronómica dentro do programa COCIÑA COOLTURAL, xa vos avisaremos.
Varios grupos de compañeir@s, seguindo este proxecto, están traballando en diferentes cursos en temas relacionados coa cultura alimentaria, a forma en que comemos e as repercusións que a alimentación ten tanto para cada un de nós como para a sociedade. A todos eles ánimo e visitade esta páxina onde baixo o titulo de
Caldeirada de letras podedes encontrar suxestións bibliográficas acompañadas dun breve comentario. Entre esas referencias hai unha que promete aportar moita luz sobre a tendencia dos galegos e doutros pobos a celebrar con grandes e interminables banquetes os acontecementos sinalados: vodas, bautizos e mesmo pasamentos.
Non vos preguntachedes como nun momento de proliferación de dietas e de publicidade encamiñada a vender unha imaxe estilizada do corpo proliferan as festas gastronómicas e persisten as comidas pantagruélicas?
O libro en cuestión chámase El hambre en España. Una Historia de la alimentación, escrito por Miguel Ángel Almodóvar.
No prologo dise: "Sólo un pueblo que ha pasado mucha hambre durante siglos y milenios puede desarrollar un gen, o una enzima, que permita a sus miembros trasegar las descomunales cantidades de comida que trasiegan los nuestros".
Quizais conveña non esquecer as vicisitudes históricas cheas de fame e miseria polas que atravesamos non só para entender os nosos costumes senón para comprender as persoas e pobos que padecen a inxustiza e a pobreza.
Noutra sección da páxina hai varios comentarios suxestivos como o que conta as peripecias de Leonardo da Vinci como cociñeiro e deseñador de artefactos de cociña entre eles un muíño para pica-los grans de pementa e un forno de cociña (ver a imaxe). Tamén vos ofrecen a súa receita de sopa de castañas. Pincha nas imaxes.
Fai clic en
Cociñando na lareira para entrar no receitario con elaboracións da cociña tradicional galega.

Related Posts with Thumbnails