Monday 19 December 2011

A biblio máxica do Sánchez Cantón

Durante estes días tedes ao voso dispor un servizo de Autopréstamo especial para Nadal, que consta dun total de máis de 60 libros, todos eles novidades, repartidos coma sempre en narrativa, narrativa xuvenil, ensaio e divulgación, con algunha achega interesante á poesía e a banda deseñada.

Dende o blog Lecturas do Trinque podedes acceder á información e reseñas de cada un destes libros. Se premedes en labels, aparecerán clasificados por categorías.

Este servizo, unido a exposición de Autopréstamo permanente no vestíbulo do centro, posibilitan un acceso directo a unha considerable oferta de posibilidades de lectura para estas festas.

É a nosa pequena contribución para que gozedes dun ben merecido tempo de lecer cheo de bos desexos durante estas datas.

Coma sempre queremos expresar o noso agradecemento porque sodes todos e todas vós, a comunidade educativa do IES Sánchez Cantón, os que facedes que esta sexa unha biblioteca máxica.

 



Wednesday 14 December 2011

Laura no deserto. Unha recomendación para Nadal recén saídiña…

Achegamos reseña do noso compañeiro Anxo González Guerra.

Magnífico. Un dos mellores libros dos últimos anos. Libro longo (722 páxinas) e complexo -máis en absoluto complicado - que engaiola desde as primeiras páxinas e fai difícil pousalo para tomar un descanso.
A acción desenvólvese no ano 1982 a través de catro personaxes principais, nun principio totalmente independentes, que se moven en cidades diferentes: Diana, na corentena, pertence á vella burguesía industrial catalá; Pablo é un intelectual compostelán; Bob, un fotógrafo de Brooklyng, e a Sra. Mulish, internada nun psiquiátrico neoiorquino que leva meses sen pronunciar palabra nin responder a ningún estímulo. O punto de unión é A Pobra do Caramiñal, onde se acabarán fundindo nunha única historia. Polas súas páxinas pasarán tamén a Guerra Civil española, cos seus dramas e miserias; a Resistencia francesa; os campos de concentración nazis... e moita literatura. Desde os libros que escriben algúns dos personaxes, resumido un e integrado outro a xeito de metarrelato; Pablo Neruda ou Valle Inclán, que aparecen como personaxes –aínda que moi secundarias- ; o profesor que prometeu de mozo ler todos os libros do mundo ou as innúmeras referencias a autores e obras, desde Rosalía de Castro ata a Odisea de Homero, pasando por Balzac, Shakespeare ou Óscar Wilde e O retrato do artista adolescente, etc.
Os protagonistas narran en 1ª persoa cadansúa parte da historia, polo que a perspectiva múltiple de diversas situacións nos dá unha visión máis enriquecedora; noutras partes atoparemos un narrador en 3ª persoa ou outro que utiliza unha 2ª persoa a modo de espello. Pero todas teñen a súa motivación interna, non son de ningún xeito meros xogos estilísticos.
Non se equivocaba Carlos Casares cando hai xa máis de dez anos nos recomendaba non perder de vista a Antón Riveiro Coello porque era un dos narradores con máis futuro na literatura galega. Ese é o lugar que ocupa agora e esta novela nolo demostra.

Anxo González  Guerra.

Para máis recomendacións expostas no vestíbulo do centro pasádevos por Lecturas do Trinque

Sunday 11 December 2011

Os dereitos humanos en viñetas

 

Achegamos esta interesante recompilación   dos compañeir@s do IES O Mosteirón

10 de decembro. Día dos Dereitos Humanos


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

Entrada elaborada no SEGREL DO PENEDO

Saturday 10 December 2011

“Tinta Viva” e os libreir@s

Hai  xa un tempo que estabamos moi ocupad@s en Tinta Viva cos preparativos desta visita a Culturgal porque a ocasión ben o merecía. Tratábase de entrevistar e coñecer un pouco máis a algúns dos libreiros máis representativos da nosa cidade e non queríamos quedar mal con eles porque teñen todo o nosos aprezo e consideración. Levabamos días preparando entrevistas, redactando unha carta onde expresar todo o que queremos trasmitirlles e pensando nalgún agasallo digno de persoas tan importantes para nós e a nosa cidade.

Que mellor agasallo que unha reprodución do mural da entrada á biblioteca?. Por detrás as sinaturas de todos os compoñentes do club de lectura e, como bos e boas lectores que somos, unha breve reflexión sobre o que representan os libros e os libreiros nas nosas vidas.

Gravamos entrevistas, limos a carta, fixemos compras para a exposición de novidades do Nadal, paseamos por Culturgal onde nos fixeron toda sorte de agasallos e por se faltaba algo tivemos o prazer de asistir ao marabilloso obradoiro de regueifas onde gozamos da presenza de Pinto de Herbón e Luis “o Caruncho” da asociación ORAL. Todo un privilexio.

Deixámovos estas diapositivas para que comprobedes o ben que o pasamos.

MELLOR A PANTALLA COMPLETA E CON MÚSICA




Tamén a carta e a entrevista

 

 
 

Unha mañá estupendamente aproveitada en  Culturgal.

Tuesday 6 December 2011

Pizarras dixitais

Gustounos moito esta presentación por áreas con recursos e ideas para utilizar a pizarra dixital.
Trae moitas direccións en cada páxina para poder levar a cabo as indicacións.
Atopamos, por exemplo, Tubeoke, este recurso tan simpático que non coñecíamos.

Related Posts with Thumbnails