Showing posts with label FINLANDIA. Show all posts
Showing posts with label FINLANDIA. Show all posts

Saturday, 25 September 2010

Nova música finesa (I): Islaja

Abrimos unha nova páxina musical en Mesturas para vos achegar parte dos novos valores das músicas finesas contemporáneas. Nesta primeira entrega presentámosvos á xoven Islaja, alterego da artista Merja Kokkonen.

Islaja naceu en Helsinki no ano 1979, aínda que actualmente reside e traballa en Berlín. A mediados do 2005 editou o seu primeiro traballo discográfico, Meritie, respaldado polo selo independente Fonal, unha das disqueiras máis arriscadas e eclécticas de todas as que nestes intres traballan en Finlandia. O disco espertou críticas entusiastas en diversos medios especializados, os cales definiron a Islaja como unha sorte de mestura entre psicodelia folk e nova canción de autor. Ben certo é que Islaja se afasta dos ecos máis tradicionais do folclore finés, mais cómpre sinalar que no xeito de modular a voz e os contrapuntos é onde aparece a cadencia musical máis puramente suomalainen.

Alén do seu traballo en solitario forma parte do grupo Hertta Lussu Ässä xunto a outras dúas creadoras, as estimulantes Lau Nau e Kuupuu (das cales falaremos en vindeiras entregas), ademais de colaborar esporadicamente con artistas da talla de Ville Leinonen.

Hai poucos días Islaja ven de editar o seu novo traballo,
Keraminen pää (testa de cerámica), do cal vos presentamos o primeiro single, esta densa e atmosférica canción titulada pimeyttä kohti
(cara a escuridade):




Wednesday, 17 September 2008

Olavi Virta.

Olavi Virta naceu o 27 de febreiro do ano 1915 en Särkilahti, pequena vila do sur de Finlandia. Neno precoz, dende moi cativo amosou unhas capacidades innatas para a canción popular, comezando a construír un estilo pausado, aínda que ao mesmo tempo enérxico e directo. En 1939 gravou o seu primeiro tema, comezando deste xeito unha traxectoria que o levou a asinar máis de seiscentas cancións. No seu repertorio mestúranse tendencias e estilos diverxentes: tango, canción popular finesa (iskelmä) e adaptacións de aires tradicionais procedentes de distintos países, tanto europeos como latinoamericanos.

Ao longo da súa vida participou en calidade de actor en ata vinte películas, convertíndose nun referente tanto popular coma cultural. Actualmente o legado de Virta nutre as inquedanzas artísticas dos novos valores musicais fineses, tales como Johanna Juhola ou Milla Viljamaa, quen non dubidan á hora de definilo como un dos seus grandes referentes artísticos. Do mesmo xeito, o seu impacto cultural trascende o puramente musical. O afamado director finés Aki Kaurismäki adoita incluír os temas de Virta nas bandas de son de todos os seus filmes, reivindicando o seu legado sonoro e emocional. De feito, o propio Julio Medem utilizou un dos temas máis populares de Virta para rotular varias paisaxes da súa Los amantes del círculo polar.

O declive de Virta comeza no ano 1962, cando foi arrestado por conducir bébedo, o cal lle gañou entre a prensa o alcume de laulava lihapulla (a bola de carne cantante). Morre en Tampere, mergullado na pobreza, o 14 de xullo de 1972.

Unha pequena escolma:


Sinitaivas (O ceo azul). Tema orixinal do alemán Josef Rixner, adaptado ao finés por Lauri Jauhiainen. Esta canción foi usada por Julio Medem para o score de Los amantes del círculo polar. Acompañan aos coros as Harmony Sisters.


Cantando en español, no ano 1959 versionou o clásico de Osvaldo Farrés: quizás, quizás, quizás.


Hopeinen Kuu (lúa de prata): adaptación finesa do clásico de Fred Buscaglione.

Saturday, 26 January 2008

Värttinä: 25 anos

Alén da Finlandia utópica e paisaxística atópase a música de Värttinä, banda creada no ano 1983 na vila de Rääkkylä, na rexión de Karelia. Concebida orixinariamente como proxecto cultural multidisciplinar axiña encamiñaron esforzos e enerxías á difusión da tradición sónica suomi, sen renunciar á renovación contemporánea da canción tradicional. En 1990 editaron o seu disco Oi Dai, traballo seminal de marcado sotaque folqui e definidas tendencias pop, asentando un libro de estilo directo e coidadamente divertido. Grazas sobre todo ao traballo do violinista Kari Reiman é aos seus visionarios arranxos e á dirección artística da cantante Mari Kaasinen o proxecto medrou en perspectiva, abríndose a un mercado europeo que, a mediados da década dos 90, estaba a vivir o boom da inclasificable música folk. Logo de varias transformacións, discos e lustros, Värttinä son, inexcusablemente, o referente musical da tradición vogal finesa.


Katariina

25 anos, 14 proxectos, intensas xiras ao longo de todo o mundo e tendencias eclécticas na difusión do legado cultural de Karelia. Toda unha vida.


Äijö

Discografía básica:
1. Seleniko (1992)
2. Aitara (1994)
3. Ilmatar (2000)
4. Iki (2003)
5. 25 (2007)

Related Posts with Thumbnails