Abrimos unha nova páxina musical en Mesturas para vos achegar parte dos novos valores das músicas finesas contemporáneas. Nesta primeira entrega presentámosvos á xoven Islaja, alterego da artista Merja Kokkonen.
Islaja naceu en Helsinki no ano 1979, aínda que actualmente reside e traballa en Berlín. A mediados do 2005 editou o seu primeiro traballo discográfico, Meritie, respaldado polo selo independente Fonal, unha das disqueiras máis arriscadas e eclécticas de todas as que nestes intres traballan en Finlandia. O disco espertou críticas entusiastas en diversos medios especializados, os cales definiron a Islaja como unha sorte de mestura entre psicodelia folk e nova canción de autor. Ben certo é que Islaja se afasta dos ecos máis tradicionais do folclore finés, mais cómpre sinalar que no xeito de modular a voz e os contrapuntos é onde aparece a cadencia musical máis puramente suomalainen. Alén do seu traballo en solitario forma parte do grupo Hertta Lussu Ässä xunto a outras dúas creadoras, as estimulantes Lau Nau e Kuupuu (das cales falaremos en vindeiras entregas), ademais de colaborar esporadicamente con artistas da talla de Ville Leinonen.
Hai poucos días Islaja ven de editar o seu novo traballo, Keraminen pää (testa de cerámica), do cal vos presentamos o primeiro single, esta densa e atmosférica canción titulada pimeyttä kohti (cara a escuridade):







No comments:
Post a Comment