Wednesday 29 April 2009

Dia Internacional dos Traballadores

Nestas datas próximas á celebración do Día Internacional dos Traballadores, cando a economía ocupa portadas en todos os xornais e informativos do mundo, queremos darvos a coñecer esta curiosa reportaxe que atopamos en The Big Picture, páxina á que no seu día chegamos por recomendación de A Nosa Biblioteca.
Seleccionamos esta sección chamada "At work" e traducimos os pés de foto. É a nosa homenaxe a todos e todas nós que compoñemos un curioso mosaico de ocupacións ás veces insólitas e sempre consumidoras dun importante numero de horas ao longo das nosas vidas.

Tuesday 28 April 2009

Expresso Book Machine

'The Espresso Book Machine' (a 'máquina expres' de libros) é unha fábrica de libros sen traballadores, unha planta de impresión de dous metros e medio de longo que pode imprimir, aliñar, pegar, cortar e terminar un libro cada catro minutos sen intervención humana de ningún tipo. 

jghv8fkp[1] 


Pode producir dez libros diferentes ao mesmo tempo e co mesmo custo que dez copias do mesmo libro. 
Pode fabricar libros en calquera idioma, coa espiña a esquerda ou dereita e coas súas correspondentes tapas a toda cor, cun máximo de 550 páxinas.

Algúns din que é a revolución máis importante no mundo da edición de libros desde a invención da imprenta.

fonte Consumer Eroski, onde tedes unha completísima información.

book_atm.03[1]

Sunday 26 April 2009

Aínda estremecen…

…estas fotos dos atentados do 11-S tomadas desde un avión militar.

Thursday 23 April 2009

Celebración Día do Libro

  • Imos contarvos como celebramos este ano o Día do Libro no noso instituto. Para comezar, dirémosvos que o alumnado de 4º ESO por fin puido ver exposto no vestíbulo o traballo que levan elaborando durante varios meses : un fermosísimo grupo de figuras que son unha sentida homenaxe a toda a maxia, as sorpresa, a sabedoría que podemos atopar se nos achegamos de cando en vez aos nosos queridos compañeiros, os libros. Había que decorar o vestíbulo para esta ocasión tan sinalada así que deseñamos un cartel que é toda unha declaración de principios: no Sánchez Cantón apreciamos os libros, lémolos, coidámolos, prestámolos, calquera que nos visite pode ver que os temos por todas partes. O resultado é impresionante. Temos un Departamento de Plástica que é todo un luxo.
  • Tamén aproveitamos a ocasión para celebrar a entrega de premios do Certame Literario do Departamento de Lingua e Literatura. Tema? “Amor máis aló da morte”. Nin máis nin menos. Decoración especial do Salón de Actos, como podedes ver na foto. O mellor de todo: escoitar a un grupo de alumnado recitar unha pequena antoloxía de poemas para ilustrar o tema coas palabras de Petrarca, Lope, Miguel Hernández, Lorca, Benedetti…

  • Tivemos a gran sorte de contar, ademais, cun grupo de instrumentistas que intercalaron varias pezas ao longo do acto. Para que logo digan que estes rapaces non aproveitan ben o tempo…! Felicidades ao Departamento de Música que logrou vencer as reticencias dos máis tímidos que estaban un pouco asustados de ter un auditorio tan numeroso.
  • Logo asistimos á entrega de premios. Comentan os compañeir@s de Lingua e Literatura que o nivel é excelente este curso.
  • Tamén houbo unha sorpresa para o profesorado:
    Cando chegou a hora do café apareceu unha gran fonte de madalenas. Ao degustalas, aparecía un paquetiño cun poema. Os mesmos poemas que o alumnado recitaría uns minutos máis tarde no Salón de Actos. Os mesmos que recibirán, nunha pequena edición caseira, todos os asistentes ao recital xa nas súas aulas como lembranza deste día.

  • Grazas a tantas persoas que axudaron, felicitaron, fotografiaron, arranzaron cables e cortinas, encargaron flores, deron ánimos... así da gusto traballar

    E para rematar, unha mención moi moi especial aos nosos queridos compoñentes do club de lectura Tinta Viva. Que mestres de cerimonia tan impecables!. Vese que lle van collendo o gusto a isto de presentar actos literarios. Como debe ser,

  • Queredes fotos?



  • O complexo proceso de creación das figuras


A antoloxía máis o cartel


Wednesday 22 April 2009

Friday 17 April 2009

De Cangrexos e Doutrinas do Shock

De volta dos encontros PLAMBE tan felices de ver de novo a Cristina e Pilar, aos nosos “vellos” amigos e amigas de sempre e constatar a ilusión doutros compañeiros que empezan esta viaxe, poñemos ao voso dispor esta información que no seu día publicamos en Mesturas e retomamos agora, por se é dalgún interese, despois de asistir á conferencia de Emilio Pascual “A lectura dos outros”. Recomendamos especialmente o video que non deixará indiferente a ninguén. Tamén adxuntamos esta ligazón a un texto de Samaniego que vos resultará moi familiar.

  • Temos na biblioteca a última obra de Naomi Klein A doutrina do Shock. Obra documentadísima na que ofrece as súas conclusións tras numerosas entrevistas e investigacións levadas a cabo nos últimos catro años. A súa principal conclusión é que o neoliberalismo salvaxe vai a miúdo da man de políticas gobernamentais afíns e pode chegar a utilizar desastres de todo tipo, naturais ou terroristas, como combustible da súa voracidade nos momentos en que as poboacións se senten máis indefensas.
    A súa tese é que do mesmo xeito que tras un duro interrogatorio os prisioneiros quedan en situación de desorientación e vulnerabilidade extremas e dispostos a colaborar, igualmente as poboacións aterrorizadas estarían dispostas a seguir a aqueles individuos que aseguran ser os únicos apropiados para salvalas. Serían estes os mellores momentos para modelar as sociedades segundo os seus intereses. Temos o libro do trinque, recén traducido e adquirido, o aspecto é impresionante pola extensísima bibliografía e documentación. Moi interesante, provocador e sen dúbida polémico, como tamén o foi No Logo, o anterior traballo desta activista canadense . A teoría de Klein sobre como avanzou o capitalismo global ata a súa agresiva fase actual impactou a Alfonso Cuarón, o director do inquedante filme Fillos dos Homes. Cuarón realizou
    unha chamativa curta de seis minutos, presentada no festival de Venecia e que ten gran forza visual, na que Naomi Klein resume a súa teoría.


Thursday 16 April 2009

Corín Tellado

Hai uns días morreu a escritora Corín Tellado e de súpeto vinme transportada de novo á infancia, cando visitabamos no verán á avoa que, como a maioría das veciñas do seu barrio na aldea, non sabía ler nin escribir. Estas mulleres adoitaban saír coas súas cadeiras á porta da casa ao caer un pouco a calor, concluídas xa as innumerables tarefas da mañá. Era o momento da costura. Bordaban a velocidades incribles manteis que logo un home levaba cada semana, deixándolles a cambio unhas cantidades que entón xa a min parecíanme ridículas. Elas limitábanse a recoller o diñeiro e levar para casa máis tea e máis fíos de cores para seguir bordando. A memoria desas tardes está asociada para sempre coas fotonovelas de Corín Tellado. As fillas daquelas mulleres, que a min parecíanme tan maiores pero que non podían ser senón raparigas moi novas, literalmente devorábanas. En casa da avoa non había moito que ler, así que moi pronto eu tamén sumeime a aquela moda. Podería dicirse que houbo un verán en que pasei directamente dos contos a esas fotonovelas que me descubriron todo un mundo descoñecido e tortuoso de secretarias, enfermeiras e dependentas eternamente torturadas por aqueles señores que na última páxina resultaban, despois de todo, ser perfectos para elas. Hoxe lembrei de novo esas fotonovelas. E descubro abraiada que Corín Tellado é a escritora máis lida en castelán, que escribiu máis de 4.000 títulos, que era unha traballadora infatigable, que non era romántica en absoluto, que casou con máis de 30 anos, que se separou con dous nenos moi pequenos no 62, cando case ninguén o facía. Ademais, mantivo unha relación moi amistosa e fluída con Mario Vargas Llosa e Cabrera Infante, xa lía a Henry Miller con 11 anos e dixo que lle encantaría ter sido a autora dos Santos Inocentes de Delibes ou do De profundis, de Oscar Wilde. Miúda sorpresa.

nostalgia-personajes-corin2nostalgia-personajes-corin6

Tuesday 14 April 2009

Un libro que está para comelo

A nova editorial PATASDEPEIXE edita un libro que está para comelo.devorador1

Non, esta non é a portada, é a traseira e cómpre vela antes de nada porque ten un aviso moi importante: Por favor non intente comer este libro na casa. Está ben que avisen porque o libro é tan delicioso que da gana de devoralo.

Ten aparencia dun conto infantil pero é unha historia para goce de cativos e maiores, con excelentes ilustracións, que fala dun neno que se achegou á lectura por unha indixestión de libros.

A presentación oficial do libro será en Santiago o vindeiro 29 de abril pero xa está en moitas librerías e se vos interesa podédelo pedir a editorial Patasdepeixe .devorador2

Este é un libro mimado, primeiro produto desta nova, arriscada e fresca iniciativa editorial, eles din que é o seu primeiro peixiño, e nós desexamos que teñan moitos máis porque estamos necesitados de ter en galego contos, fantasías e realidades.

Por certo non deixedes de ler como argallaron o libro nun proceso galego-anglo-chinés.

patasdepeixe

Grazas

Á volta das vacacións atopamos nada menos que estes dous agasallos d@s nos@s compañeir@s nesta viaxe virtual que os blogs das bibliotecas escolares comezamos hai non tanto tempo.selo_violeta

O primer agasallo é este selo violeta da Biblioteca. Milladoiro.Malpica

É unha idea que procede de Blogstórias Essenciais

Segundo os seus creadores "O Selo Violeta representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".

Xa podedes imaxinar o felices que estamos con este selo violeta e o que representa…

Pero non remataron aquí as sorpresas; non, nin moito menos…

Tamén temos outro premio de Raioteca que di que somos un blog moi, pero que moi maneiro. E algúns intentos máis de premiarnos que chegaron tarde pero que nos emocionan igualmente. É realmente abrumador. GRAZAS.

maneiro

Estas son a regras que temos que cumplir:

  • Exhibir os Selos .
  • Publicar o nome do blog que cho deu
  • Indicar cantos blogs consideras que tamén os merecen.
  • Avisar aos indicados.
  • Publicar as reglas.
  • Comprobar que os blogs indicados sigan as reglas.

Entón temos un problema, como chegamos con retraso agora é un pouco difícil para nós investigar que blogs teñen xa os agasallos e cales non. E, a verdade, entendemos que todos os blogs das bibliotecas escolares gozan de excelente sáude e son máxicos e maneiros e máis que marabillosos polo que simbolizan e representan: que en Galicia as bibliotecas escolares están cheas de vida. Teremos que investigar cun pouco máis de tempo e atopar 20 blogs para pasar o premio, porque non queremos perder os nosos galardóns.

Monday 13 April 2009

Excelente hemeroteca dixital

Atopamos en Papel en blanco información sobre esta excelente hemeroteca dixital facilitada pola Vanguardia que nos permite ter un acceso inmediato e gratuíto ao xornal de calquera dia que nos interese dende 1881, nada menos, e permite procurar a información por data e palabras clave con diversas ferramentas de filtrado: tema, só portada etc . Podemos descargar o exemplar dixital elixido ao noso equipo en formato PDF e dispor del para ver que sucedeu o día que nacemos, por exemplo, ou para que o alumnado rastrexe unha nova determinada ocorrida hai moito tempo, como o inicio da guerra civil , ou a primeira viaxe á lúa, ou botar unha ollada ás páxinas de publicidade, poñamos por caso. Interesante.

Totalmente ao azar, eliximos esta páxina do 25 de Abril de 1956


Related Posts with Thumbnails