Hai uns días morreu a escritora Corín Tellado e de súpeto vinme transportada de novo á infancia, cando visitabamos no verán á avoa que, como a maioría das veciñas do seu barrio na aldea, non sabía ler nin escribir. Estas mulleres adoitaban saír coas súas cadeiras á porta da casa ao caer un pouco a calor, concluídas xa as innumerables tarefas da mañá. Era o momento da costura. Bordaban a velocidades incribles manteis que logo un home levaba cada semana, deixándolles a cambio unhas cantidades que entón xa a min parecíanme ridículas. Elas limitábanse a recoller o diñeiro e levar para casa máis tea e máis fíos de cores para seguir bordando. A memoria desas tardes está asociada para sempre coas fotonovelas de Corín Tellado. As fillas daquelas mulleres, que a min parecíanme tan maiores pero que non podían ser senón raparigas moi novas, literalmente devorábanas. En casa da avoa non había moito que ler, así que moi pronto eu tamén sumeime a aquela moda. Podería dicirse que houbo un verán en que pasei directamente dos contos a esas fotonovelas que me descubriron todo un mundo descoñecido e tortuoso de secretarias, enfermeiras e dependentas eternamente torturadas por aqueles señores que na última páxina resultaban, despois de todo, ser perfectos para elas. Hoxe lembrei de novo esas fotonovelas. E descubro abraiada que Corín Tellado é a escritora máis lida en castelán, que escribiu máis de 4.000 títulos, que era unha traballadora infatigable, que non era romántica en absoluto, que casou con máis de 30 anos, que se separou con dous nenos moi pequenos no 62, cando case ninguén o facía. Ademais, mantivo unha relación moi amistosa e fluída con Mario Vargas Llosa e Cabrera Infante, xa lía a Henry Miller con 11 anos e dixo que lle encantaría ter sido a autora dos Santos Inocentes de Delibes ou do De profundis, de Oscar Wilde. Miúda sorpresa.
2 comments:
Lembranzas ben fermosas as desas lecturas.
Sorprendente esta muller, e sorprendente que tivera vendido máis de 400 millóns de exemplares das súas novelas. Incrible!!
Certo e por se todo isto é pouco sumouse ao mundo dixital e TEN UNHA NOVELA ESCRITA PARA SER LIDA NA REDE....
Post a Comment