Wednesday 28 March 2007

O alumnado de Literatura galega do século XX visita os escritores pontevedreses.

Ás 13´40 os 23 alumnos e alumnas saíron do Sánchez Cantón listos para leren textos preparados por eles en honor dos autores que fosen atopando. A primeira parada foi diante do Café Moderno. Alí homexearon as conversas de Daniel Castelao (Esperanza), Alexandre Bóveda (Vicente), Ramón Cabanillas (Carolina e Rebeca), Paz Andrade (Melania, Antía e Sumana), Carlos Casares (Sheila e Julia) e Manuel Quiroga (Alberto e Daniel) -que puxo a música na visita-. Seguiron pola Oliva ata unha das inspiracións pontevedresas dos últimos anos, o loro Ravachol (Romina e Sandra). Diante da emblemática Peregrina lembraron a María Victoria Moreno (Ana e Patricia) e moi cerca a casa con placa na que viviu Amado Carballo (Eugenia e Isabel). Seguiron logo ata a praza na que se honra a Alexandre Bóveda (Francisco). Baixaron poñerlle unha chaquetiña a Valle-Inclán (Laura e Carlos) pola cuestión do frío. Alí ao lado fixeron parada xunto á casa na que viviu o frade Martín Sarmiento (Ana e Alba). A visita rematou xunto á estatua do ilustre pontevedrés de adopción –Meu Pontevedra- que foi Daniel Castelao (Judhit).




ARTE E MULLERES

PREME AQUÍ PARA VER A PRESENTACIÓN A PANTALLA COMPLETA.
..

Tuesday 27 March 2007

EL FINAL DEL CUENTO DE HADAS


waronwom
Originally uploaded by ies sánchez cantón.

Estes son dous titulares aparecidos na prensa durante o fin de semana pasado. "A Garda Civil busca ao marido dunha muller achada morta nun descampado en Murcia" .
"Detido un home en Alacante tras incendiar un coche coa súa ex parella dentro. A muller, que está ingresada no Hospital Xeral de Alacante, atópase grave con quemaduras no 28% do seu corpo".

É un constante suma e sigue ante o que sobran os comentarios, tan só unha puntualización: é normal entre as victimas de abusos non ser conscientes da situación en que se atopan e tamén ter sentimentos de culpabilidade pensando que, dalgún xeito, elas provocan o maltrato coa súa actitude. Por favor entra no seguinte cuestionario e busca axuda se contestarías SI a algunha destas preguntas. Ti soa non poderás resolver o problema.

Se vos apetece podedes ver o seguinte video feito por un grupo de alumnos e alumnas de Valladolid sobre un tema de El Chojín.

Tuesday 20 March 2007

DÍA INTERNACIONAL DA POESIA. BAGHDAD BURNING

No DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA, e cando se cumpren 4 anos do inicio da guerra de Iraq, propoñémosvos tres poemas e unha recomendación:

O primeiro poema

Desde o lonxe saúdo a túa ribeira, ¡oh Tigris! dono de xardíns
Sedento saúdo a túa ribeira, buscándote cal buscan as pombas
entre a auga, entre a lama.
Tigris, por sempre fortificado
con cidades de miseria,
cos teus mártires que, de tumba en tumba
ven como a túa estrela sangra.
Bagdad, non es máis que un cemiterio para os teus seres queridos.
Bagdad, o meu poema de amor extraviado.
Al-Bayati


Al-Bayati de nacionalidade iraquí, naceu en Bagdag en 1926 e foi amigo de Rafael Alberti. É unha das catro grandes voces que gozan dun merecido respecto e admiración no mundo árabe, se ben son moi pouco coñecidas en Europa. Son o poeta palestino Mahmoud Darwish, o sirio nacionalizado libanés Alí Nizar e o sirio Nizar Quabani. .
De Nizar Quabani é o seguinte fragmento do poema "Lección de debuxo"
..
O meu fillo senta a carón da miña cama
.E pídeme que lle recite un poema,
unha bágoa cae dos meus ollos á almofada.
O meu fillo próbaa, abraiado, dicindo:
"¡Pero esta é unha bágoa, pai, non un poema!"
E eu dígolle:
"Cando medres, meu fillo,
e leas o diván de poesía árabe,
descubrirás que a palabra e a bágoa son irmás
e o poema árabe
non é máis que unha bágoa chorada polos dedos que a escriben".

O meu fillo pon as súas plumas, a súa caixa de xiz fronte a min
e pídeme que lle debuxe unha patria.
Entón o pincel treme nas miñas mans
E bótome a chorar.

.
O terceiro é o fermoso poema de Benítez Reyes.
...


Siempre ha tenido el más hermoso nombre de ciudad.
En los cuentos exactos de la infancia
Era el confín nativo de un ladrón,
Un extraño lugar con hombres raros,
Tocados con turbante, a lomos de caballos presurosos.
Hoy es sólo un desierto en que brillan estrellas violentas.
Bombardeada tierra, en fin, de las imaginaciones,
desdichada Bagdad,
..Yo que te imaginaba fulgente por tus cúpulas de oro...
( Una forma de profanación. Escaparate de venenos, 2000)
..

A recomendación é unha visita ao blog Bagdag en llamas, tradución ao español da bitácora Baghdad Burning, mantida por Riverbend pseudónimo dunha rapaza iraquiana. Extraordinario documento da sinrazón dunha guerra tan real como a de Irak. Que a cronista sexa unha xove muller iraquí culta -é informática- que se relaciona co mundo por Internet métenos a todos no horror máis cotián onde conta as experiencias dela e da súa familia e amigos na desdichada cidade. A bitácora foi varias veces galardoada e declarada Mellor blog africano e de Oriente Medio 2006 (Bloggies). Paga a pena unha visita. De verdade.

Thursday 15 March 2007

LENDO AÍNDA MÁIS

Moi pronto empezaremos o proxecto de lectura na aula deseñado especialmente para o alumnado de 1º A. Tan só falta que o titor, o profesor Fran Pérez Bo, regrese da excursión á neve. Xa veredes os libros, haberá sorpresas...

Wednesday 14 March 2007

LEONARDO DA VINCI COCIÑEIRO E OUTRAS EXQUISITECES

Están a piques de rematarse os receitarios para os participantes na III Mostra gastronómica dentro do programa COCIÑA COOLTURAL, xa vos avisaremos.
Varios grupos de compañeir@s, seguindo este proxecto, están traballando en diferentes cursos en temas relacionados coa cultura alimentaria, a forma en que comemos e as repercusións que a alimentación ten tanto para cada un de nós como para a sociedade. A todos eles ánimo e visitade esta páxina onde baixo o titulo de
Caldeirada de letras podedes encontrar suxestións bibliográficas acompañadas dun breve comentario. Entre esas referencias hai unha que promete aportar moita luz sobre a tendencia dos galegos e doutros pobos a celebrar con grandes e interminables banquetes os acontecementos sinalados: vodas, bautizos e mesmo pasamentos.
Non vos preguntachedes como nun momento de proliferación de dietas e de publicidade encamiñada a vender unha imaxe estilizada do corpo proliferan as festas gastronómicas e persisten as comidas pantagruélicas?
O libro en cuestión chámase El hambre en España. Una Historia de la alimentación, escrito por Miguel Ángel Almodóvar.
No prologo dise: "Sólo un pueblo que ha pasado mucha hambre durante siglos y milenios puede desarrollar un gen, o una enzima, que permita a sus miembros trasegar las descomunales cantidades de comida que trasiegan los nuestros".
Quizais conveña non esquecer as vicisitudes históricas cheas de fame e miseria polas que atravesamos non só para entender os nosos costumes senón para comprender as persoas e pobos que padecen a inxustiza e a pobreza.
Noutra sección da páxina hai varios comentarios suxestivos como o que conta as peripecias de Leonardo da Vinci como cociñeiro e deseñador de artefactos de cociña entre eles un muíño para pica-los grans de pementa e un forno de cociña (ver a imaxe). Tamén vos ofrecen a súa receita de sopa de castañas. Pincha nas imaxes.
Fai clic en
Cociñando na lareira para entrar no receitario con elaboracións da cociña tradicional galega.

MÁIS SAÚDOS E PARABÉNS PARA SECRETOS DE ARGOS

Ulises e as sirenas. de Herbert Draper (1909).

Empezamos esta bitácora mencionando o traballo realizado no blog Secretos de Argos. Queremos mandar un novo saúdo e máis parabéns ás persoas que o fan posible. Aproveitamos a ocasión para, como nos indican dous dos profesores que traballan neste proxecto, puntualizar que o alumnado participante é de de Elche (Alacant), de Castellón e de Benicàssim (Castellón). É un traballo colectivo que aproveita os recursos que ofrece a rede. Os alumnos só se coñecen de forma virtual e a maior parte do seu traballo é voluntario e desde a casa, como complemento ao que ven na clase.

Nestas datas recomendamos, como non, todo o material
aportado sobre temas relacionados co rol desempeñado polas mulleres e os seus referentes no mundo clásico.
Bicos desde Pontevedra

Sunday 11 March 2007

POÑER FIN Á IMPUNIDADE DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E AS NENAS

Marga Conde

"POÑER FIN Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E AS NENAS" FOI O LEMA ELIXIDO PARA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER NO ANO 2007.
A eliminación da violencia contra as mulleres segue sendo, por desgraza, un dos desafíos máis graves e imperiosos dos nosos tempos. Todo o mundo ten a responsabilidade de actuar ante tal violencia. Todos e cada un de nós temos o deber de apoiar e manter un contexto político e social no que non se tolere a violencia contra as mulleres e as nenas, no que os amigos, os familiares, os veciños, os homes e as mulleres interveñan para impedir que os autores deses actos queden impunes.

Non che levará demasiado tempo ler a información que hai neste documento. Di cousas como esta:
"
Polo menos unha de cada tres mulleres foi golpeada, obrigada a ter relacións sexuais ou maltratada doutro xeito ao longo da súa vida. Polo xeral, o autor da violencia é un membro da súa propia familia ou algún coñecido. A violencia no fogar é a forma máis xeralizada de maltrato da muller no mundo enteiro, independentemente da orixe étnica, a educación, a clase social e a relixión".
Lembra que hai bastante información na páxina do centro, aínda que non temos tratado o tema da violencia de forma explícita e tes unha ampla bibliografía na biblioteca. Esta é a ligazón ao SERVIZO GALEGO DE IGUALDADE, onde podes atopar unha guía PRÁCTICA PARA MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO.
Hai un teléfono de atención as 24 horas: 900.400.273.

Noutra orde de cousas non deixes de botar unha ollada a esta páxina: ALBUM DAS MULLERES. Moi interesante.
Maruja Mallo

Wednesday 7 March 2007

DIA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA. "ELLAS CREAN"

A terceira edición da Mostra “Ellas Crean” afrontará do día 1 ao 8 de marzo en Madrid unha programación que consolida este festival como unha importante cita cultural en torno á conmemoración do “Día Internacional das Mulleres” (8 de marzo). Este ano, as principais liñas argumentais da súa oferta xiran en torno ás mulleres do continente africano. Por uns días as mulleres africanas darán a coñecer a súa capacidade creadora e organizativa, a miúdo silenciada e oculta. Parece pois, por fin, necesario considerar as mulleres africanas como un eixo fundamental para o desenvolvemento das súas sociedades no que a comunidade internacional atopará un instrumento válido no seu intento de cooperación e axuda. PODEDES ACCEDER AO PDF DO DOCUMENTO DA MOSTRA
Como exemplo desta necesaria visualización das mulleres africanas como persoas fortes, emprendedoras e cunha inesgotable capacidade de organización, eliximos a fotografa camerunesa ANGÈLE ESSAMBA. Ela non pretende ser unha documentalista da miseria, nin dar vida aos novos mitos románticos da 'Nai África'. Essamba quere romper o cliché da muller negra oprimida, mostrando mulleres fortes cheas de autoestima.
Non deixedes de visitar a ligazón para ver algunhas das súas fotografías. É unha boa maneira de celebrarmos o Día Internacional das Mulleres

Monday 5 March 2007

UNHA DE CORES

É interesante ver como a simboloxía e o significado asociado ás cores varía coas diferentes culturas ou as distintas épocas. O outro día catalogando uns libros de francés, unha das profesoras deste departamento contaba a curiosa historia da aversión dos actores e o mundo do teatro en xeral a incluír a cor amarela no vestiario ou a decoración durante unha representación teatral. Esta é a historia:

A última obra de Moliere, destacado dramaturgo, actor e director francés do século XVII, titulouse "O enfermo imaxinario". O autor reservouse para si mesmo o papel principal, xa que de feito estaba doente: sufría unha avanzada tuberculose. Na cuarta representación da obra, o 17 de febreiro de 1673, Moliere sufriu un terrible ataque de tose. Tan forte tusiu que se lle rompeu unha vea e o seu traxe amarelo manchouse de sangue. Perdeu o coñecemento sobre o escenario e morreu unhas horas despois. A partir dese momento, vestirse de amarelo en escena pasou a ser sinónimo de mala sorte. O mundo do espectáculo ten as súas propias regras en canto á boa e a mala fortuna. Paradoxicamente, no teatro (e logo por extensión en calquera outro espectáculo), desexar sorte, din, dá mala sorte. Nesas circunstancias débese recorrer ao coñecido merde ( merda) cuestión que tamén ten a súa explicación racional: cando este costume empeza, eran épocas nas que as carruaxes e os cabalos eran o medio de locomoción por excelencia, ter moito excremento na porta do teatro representaba ter a sala chea cos propietarios deses animais.
Temos unha versión adaptada do Enfermo imaxinario e otros moitos e moi interesantes libros de francés recén mercados e catalogados. Agardan por vós.

Related Posts with Thumbnails