Friday 31 October 2008

Honrar os defuntos, as ánimas

.
Veñen uns días nos que a xente lembra especialmente os seus defuntos. Visítanse os cemiterios... Fíxense que na entrada ao adro e tamén cemiterio de moitas igrexas hai un enreixado, que sempre se facía moi incómodo para os zapatos de tacón das mulleres. Cal é a súa función? pois parece que era para que o calzado non levase para fóra a terra sagrada do adro. Este da foto que nos envía Xosé Manuel está en Buciños (Lugo) fronte á casa natal do famoso escultor.


.
Como o cemiterio quedaba lonxe hai moitos petos das ánimas para rezarlles e botar esmolas pola súa salvación. Este peto está en Trasar de Carballo (Lugo), seica na Fonsagrada hai algo similar e chámanlles santiñas. Estar calado coma un peto, din os vellos que é porque lle botas a esmola e ninguén che contesta nin che dá as grazas. Hoxe igual xa non se botan as cadeliñas no peto, pero a xente vainos restaurando porque os sente como algo de seu.

Thursday 30 October 2008

Entre a vendima e a castañeira

O mellor estudoso que tivo a nosa paisaxe, Otero Pedrayo, dicía que cando máis bonita estaba Galicia era nestes días que van entre a vendima e a recollida das castañas. Moito lle gustaban estes seráns unha miga outonizos. Nos institutos de Pontevedra mañá é día non lectivo e podemos aproveitar para viaxar pola Terra: a Ribeira Sacra, o val de Verín, O Courel, Os Ancares... están preciosos. E tamén diante da porta do centro temos esta fermosura de cores que nos permite ir seguindo a evolución do outono.

Wednesday 29 October 2008

Sabes a letra II. Viva la vida. Cold play

Que queredes, gústanos este grupo. Para que non sexa só cuestión de ver o video sen facer nada máis, propoñémosvos un pequeno exercicio.

Para os que non saibades moitísimo...ou sexa principiantes.

Para máis experimentados e experimentadas.

Para @s que din que saben moito


Podedes ver máis videos no portal de anglesonline.

Tuesday 28 October 2008

Le Clézio na casa. X.L. MÉNDEZ FERRÍN .


A Concesión do Nobel de Literatura a Jean-Marie Le Clézio ocasionou que a atención pública se fixase estes días na obra do interesante autor francés que publicara en 1978 (Gallimard) o seu libro de contos Mondo et autres histories. Nove anos máis tarde, RaquelVillanueva chamou a atención de Luís Mariño, director de Edicións Xerais de Galicia, sobre tal autor e tal libro. Mariño, que ao tempo coñecía ben Le Clézio, animou a Villanueva para que o traducise ao galego, o que ela fixo en colaboración con Valentín Arias. O texto en galego estivo axiña terminado baixo o título de Mondo e outras historias. Na editorial todo o mundo andaba ilusionado coa colección Xabarín e eu vin a Mariño, a Crego e a equipa enteira da rúa do Doutor Marañón, Vigo, traballando a toda máquina para pór o libro nas mans dos mozos lectores aos que estaba destinado en Galicia. De xeito que o Mondo se terminou de imprentar con debuxos de M. Uhía e chegou ás mans dos interesados no ano 1987. Le Clézio estivo encantado de ser traducido ao galego e concedeu razoabelmente os permisos oportunos. A traducción ao galego de Mondo é a primeira que se fixo do orixinal francés a calquera outra lingua do Planeta.A tirada foi de 5.000 exemplares.O que asegura que hoxe Le Clézio no noso idioma se encontra en grande número de bibliotecas privadas e públicas, incluídas as bibliotecas de centros de ensino e mesmo as de prisións. Teño información de que na cadea de Teixeiro, moi concretamente, Mondo suscitou o interese de ben de presos. Todo parece indicar que Jean-Marie Le Clézio, lonxe de ser un descoñecido en Galicia, é, no noso universo lector, un autor moi aprezado.O éxito desta versión ao galego foi validado pola concesión de dous importantes premios a traducción literaria: o do Ministerio de Cultura de Madrid (1989) e o "Ramón Cabanillas"da Xunta de Galicia (1989). Somos agora informados de que Le Clézio, despois de recibir o Nobel, volveu cederlle a Edicións Xerais os dereitos de traducción ao galego, de Mondo e outras historias e doutras súas obras que esperamos que saian axiña á luz...
... Teño entenido que os clézistas galegos están moi interesados en que sexa traducido ao noso idioma unha novela na que o autor admirado nos transporta á sociedade dos tuaregs, este pobo bérbere que foi condenado ao silencio pola historia e que, coma outros de África e non de Africa, no viu nin por unha fenda a luz da desconolización. Estou seguro de que en Galicia e no mundo se vai falar moito deste Jean-Marie Le Clézio que hoxe recibe a atención preferente dos lectores de todos os continentes e nacións.

(Faro Vigo 27-10-08)

Wednesday 22 October 2008

Areoplanos

Grazas ao Concello de Pontevedra, que cada ano organiza varias sesións de teatro para escolares, 50 alumnos e alumnas de 4º ESO A e 2º BAC (Literatura galega do século XX) van este xoves ao Teatro Principal. Estes dous coñecidos actores (quen non viu algún capítulo de Pratos combinados? Quen non sabe quen é Miro Pereira?) serán os encargados de facer que gocen dun espectáculo no que dous viúvos discuten, falan, comentan. Convidamos aos asistentes a que deixen aquí os seus comentarios. Que lles pareceu Aeroplanos? Que opinan da obra? e da actuación de Ernesto Chao e Xosé Manuel Oliveira?

Tuesday 21 October 2008

Dereitos de autor confusos

Chéganos hoxe a través do correo a curta gañadora no último Festival de Cannes celebrado no pasado mes de Maio. Esta Historia dun letrero pouco despois xeraría unha viva polémica ao ser acusado de plaxio o seu autor, o mexicano Alonso Alvarez Barreda por ser a historia que conta sorprendentemente parecida á do video que aparece en segundo lugar, "Una limosna, por favor" tamén presentado con anterioridade, na categoria de curtas de menos de 30 segundos de duración, noutro festival cinematográfico Notodofilmfest. O curioso é que o seu autor, o español Francisco Cuenca Alcaraz comentou non sentirse ofendido, nin moito menos plaxiado, porque tampouco el era o creador da idea orixinal, senón que ésta baseábase nunha historia anónima que circulaba pola rede. Cada vez máis difícil o tema este dos dereitos de autor. Miúda complicación.


Historia de un Letrero en Yahoo! Video

Monday 20 October 2008

Ródchenko e os libros



Coñecedes este cartel de Alexander Ródchenko ?. Rodchenko é un dos artistas mais coñecidos do Constructivismo, que desenvolveu a súa carreira artistica en Rusia a comezos do século XX. Libros, (1925) é unha das súas creacións publicitarias máis soadas.
O cartel creouse para a sección de Leningrado da Gosizdat (Editorial Literaria Estatal) Este movemento propiciaba a contribución dos artistas ao deseño de obxectos de uso cotiá.
Vedes a teoría levada á práctica nesta famosa obra de gran forza expresiva.

Wednesday 15 October 2008

Sabes a letra?. Violet Hill. Cold Play

Sabes a letra? Se é así, esta entrada non vai contigo. Se non a sabes e, supoñendo que che guste a canción, podes ver o vídeo e cantar á vez (podes controlar o texto para que vaia ao ritmo das imaxes) . E ademais, cando remates tes que entrar nesta ligazón e poderás facer un pequeno exame.
Nivel elemental de todo. Podes deprimirte se fallas...





www.quedeletras.com

Tuesday 14 October 2008

La lámpara de Aladino. Volve Luis Sepúlveda



Ten moi boa pinta este novo libro de contos de Luis Sepúlveda ao que tod@s coñecemos polo seu vello lector de novelas de amor.

Traducimos a crítica literaria que nos convenceu para compralo:

Para rescatar do esquecemento momentos, lugares e existencias irrepetibles, o autor escribiu este libro baixo a metáfora dunha "lámpada da que xorden, como por arte de maxia, doce contos maxistrais".
A Alejandría de Kavafis, Ipanema en carnavais, un Hamburgo frío e chuvioso, a Patagonia, o Santiago de Chile dos anos 60 ou a recóndita fronteira de Perú, Colombia e Brasil son algúns dos escenarios de 'La lámpara de Aladino'. Estes doce relatos, destacou a editorial, son cada un deles "unha novela en miniatura", onde Luis Sepúlveda "dá vida a personaxes inesquecibles e ás historias máis fermosas que se contaron en moitos anos".

Monday 13 October 2008

Lena Guiseke


Hai algún tempo que circula pola rede un magnífico traballo sobre o Guernica reaizado pola artista dixital de orixe alemá Lena Guiseke. Buscamos información e atopamos ademais un interesante traballo fotográfico e unha investigación constante para utilizar as ferramentas dixitais como medio de contar historias cun sentido artístico nada desdeñable. Podedes curiosear pola súa páxina e tamén ver unha pequena montaxe con algunhas das súas creacións en 3D

Sunday 12 October 2008

Por se aínda non entendedes

Que queredes, non nos resistimos a compartir esta delirante explicación da crise económica.Entre outras cousas porque ten toda a pinta de ser certa.

Saturday 11 October 2008

Viaxe a un autor: Le Clézio

Provir da Bretaña e nacer na Provenza. Descender dunha familia emigrada ás Británicas illas Mascareñas, bañadas polo océano Índico, e doutorarse na Universidade de Perpiñán, ao abeiro do mar Mediterráneo. Ter pai inglés e ser da nai francesa. Criarse na illa Mauricio e especializarse en México. Formarse en Inglaterra e ensinar nos Estados Unidos de América. Denunciar a prostitución infantil en Tailandia e convivir cos amerindios en Panamá. Escribir en francés e reivindicar o crioulo. Novelar a marítima historia dos devanceiros e compartir o deserto coa súa muller de proxenie saharauí. Morar en Novo México e recrear Nixeria. Traducir a mitoloxía amerindia e compilar adiviñas afroasiáticas. Vir ao mundo en Niza e viaxar sempre ao mundo. Le Clézio sabe de amor e dor, gozo e enfermidade, infancia e loucura, liberdade e inxustiza, aventura e contemplación, natureza e poder, independencia e colonización, sabe en fin do salvaxe corporal e do civilizado verbal. Del podería dicirse o que Cervantes fai dicir a don Quijote: El que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho. A súa obra pon de manifesto que buscamos linguas para dicirmos todo o que nos dicimos sen linguas. (Claudio Rodríguez Fer, La Voz de Galicia, 10-8-2008)

Por se che interesa, temos 4 exemplares de Mondo e outras historias do novo premio Nobel de literatura na Biblioteca

Thursday 9 October 2008

O misterio das miradas do Thyssen

O museo Thyssen-Bornemisza ofrece este interesante recurso didáctico consistente nun xogo para dar a coñecer algunhas das obras da súa colección. O xogo consiste en ir descubrindo a que cadro pertencen as miradas que, acompañadas de diferentes pistas, ofrécense como enigma aos visitantes. Moi intuitivo e sinxelo de manexar, permite moverse polas diferentes salas do museo virtual coas frechas do teclado. 2º Premio Innova 2008.

Por amor de Deus



Hai xa algúns anos uns amigos escoceses, de volta dunha viaxe a Londres, faláronme soprendidos dun tal Damien Hirst, a última sensación no cambiante mercado da arte. Este artista, daquela case descoñecido, fíxose pronto famoso coa súa exposición de animais mortos metidos en grandes tanques de formaldehido. A súa máis coñecida obra era, por aquel entón, un enorme tiburón tigre que deu en chamar The Physical Impossiblity of Death in the Mind of Someone Living (a imposibilidade física da morte na mente dalguén vivo) . Bastante choveu desde entón e aquel mozo irreverente resultou ser tamén un xenio do márketing que en pouco tempo foi quen de chegar a ser o artista británico vivo máis acudalado, incluíndo a Elton John, o cal non é ningunha broma. Probablemente oiriades falar de For the love of God, o nome da súa última creación, unha caveira totalmente recoberta de diamantes. Din que foi exactamente o que a súa nai exclamou cando lle contaron o que o fillo estaba a piques de facer. Hirst non oculta nada. Sabemos cantas pedras ten a cousa, 8.601 diamantes dos máis puros do mundo, un masivo diamante central en forma de pera, e case 3 kilos de platino; sabemos tamén cantos cartos pagou por ela (20 millones de euros), e por canto a vendeu (75 millones). Como vedes, unha vez máis utiliza a morte como tema central das súas creacións. O que poida que non saibades é que traballou sobre unha caveira real dun varón que viviu no s XVIII e que tiña uns 30 anos cando morreu. Nesta ligazón podedes ver as fotos de todo o elaborado proceso no que participaron varios orfebres. Paga a pena unha visita.
Para ver máis obras de Hirst
O artista na wikipedia

Monday 6 October 2008

Parkour II. Dangerous ground project: No more landmines



Desprazarse andando pode converterse nunha actividade letal para aquelas persoas que viven en territorios minados. O proxecto Non More Landmines: Dangerous Ground consegue visualizar o perigoso día a día de tantas persoas desta forma tan orixinal, coa colaboración de practicanters de parkour ou free running. A iniciativa consistía en percorrer 50.000 m2 na cidade de Londres sen tocar o chan. Non deixedes de botar unha ollada á páxina , ver os vídeos, as fotos... e lembrar as cifras.
...

Cada 30 minutos unha persoa morre por feridas causadas polas minas.
O 90% destas persoas son civís.
Falamos de máis dun millón e medio de mortes ao ano.
Un terzo destas mortes son nenos.
Falamos tamén de máis de medio millón de graves mutilacións.

E as cifras medran constantemente porque...
quedan máis de 100 millóns de minas no mundo.
Hai, polo menos, 40 paises que se negan a asinar tratados de non proliferación deste tipo de armamento
.

Saturday 4 October 2008

Parkour



Sabedes que é o parkour?

Citamos da Wikipedia:

O parkour é unha disciplina que consiste en desprazarse polo medio urbano, superando os obstáculos que se presenten no teu percorrido da forma máis fluída e eficiente posible, e coas únicas posibilidades do corpo humano. Esta disciplina precisa unha gran preparación física para realizar os distintos movementos (saltos, escaladas, etc.) , pero ademais esixe unha mente decidida a superar os propios medos, unha gran concentración e un espírito forte. Para saber máis...

Prometemos información sobre unha interesantísima iniciativa baseada neste deporte .




Friday 3 October 2008

Diminutos



Diminutos.

Dependendo, coma sempre, de con quen nos comparemos...

Related Posts with Thumbnails