Friday, 31 October 2008

Honrar os defuntos, as ánimas

.
Veñen uns días nos que a xente lembra especialmente os seus defuntos. Visítanse os cemiterios... Fíxense que na entrada ao adro e tamén cemiterio de moitas igrexas hai un enreixado, que sempre se facía moi incómodo para os zapatos de tacón das mulleres. Cal é a súa función? pois parece que era para que o calzado non levase para fóra a terra sagrada do adro. Este da foto que nos envía Xosé Manuel está en Buciños (Lugo) fronte á casa natal do famoso escultor.


.
Como o cemiterio quedaba lonxe hai moitos petos das ánimas para rezarlles e botar esmolas pola súa salvación. Este peto está en Trasar de Carballo (Lugo), seica na Fonsagrada hai algo similar e chámanlles santiñas. Estar calado coma un peto, din os vellos que é porque lle botas a esmola e ninguén che contesta nin che dá as grazas. Hoxe igual xa non se botan as cadeliñas no peto, pero a xente vainos restaurando porque os sente como algo de seu.

1 comment:

Anonymous said...

Pois que interesante, resulta que na miña aldea tamén había un enrellado deses e eu non tiña nin idea de para que servía... Uf o que nos queda por aprender.
Grazas

Related Posts with Thumbnails