Monday 30 June 2008

De viaxe nun vello tren

Agora que algúns de vós sodes afortunados en ter tempo, diñeiro e ganas de montarse unha viaxe exótica propómosvos coñecer Alaska nesta marabillosa liña de ferrocarril e de paso contemplar a espectacular paisaxe nestes vagóns á vella usanza. Construído a finais do XVIII en plena febre do ouro, considérase un fito na historia da enxeñería civil, á altura da Torre Eiffel ou a canle de Panamá.
Debido a que teño unha tarde un pouco ociosa direivos que me molestei en investigar a música de fondo e resulta que é un himno relixioso escrito en 1890 chamado "Life is like a mountain railroad". Por se volo queredes aprender e o atopades edificante nestes relaxados días estivais
Moito mellor a pantalla completa

Saturday 28 June 2008

Inglés divertido



A verdade é que atopamos moitas e variadas posibilidades nesta ligazón. Ata hai videos para completar letras de cancións, actividades sobre cine e un montón de cousas máis. Por se alguén se anima os días que non poidades ir á praia.

Thursday 26 June 2008

Retratos

Unha excelente colección de retratos que reflicten xestos cotiáns tan familiares que nos convencen unha vez máis de que o racismo é probablemente a maior infamia de calquera cultura cara a calquera outra.

Recomendamos que utilices a función de pantalla completa para ver o documento

Wednesday 25 June 2008

Non ás bolsas de plástico

Interesante documento sobre as bolsas de pástico, probablemente a icona máis popular da nosa cultura e un dos artigos máis utilizados no planeta. Un xesto tan familiar e aparentemente inocuo como librarnos da bolsa que traemos do supermercado é moito máis pernicioso do que podemos imaxinar. Un xesto tan doado de cambiar, por outra banda. Paga a pena botar unha ollada e pensar noutras alternativas cando facemos a compra diaria.

Recomendamos que utilices a función de pantalla completa para ver o documento


Tuesday 24 June 2008

Algo se vai lendo: 3.000 libros




Hai días que dabamos conta da participación nos blogues da Biblogteka. Hoxe pásanos o Departamento de Lingua Galega e Literatura os datos de lecturas durante este curso 2007-2008

(Só as lecturas controladas polo profesorado de Galego):
.
.
1.433 libros lidos voluntariamente (sobe nota)
1.617 libros lidos obrigatoriamente
380 alumnos leron libros voluntariamente (sobe nota)
267 alumnos non se prestaron a ler libros voluntariamente
Total de libros lidos polo alumnado do ies: 3.050
Alumnado contabilizado:
647.

Algunhas alumnas exemplares en ler libros voluntarios:
.
Raquel Piay López: 22 libros
Sara Cobas González del Valle: 19 libros
Alba Fiúza Fernández: 17 libros
Nereida Galajares Cabada: 17 libros .
Por cursos:

1º ESO:Alumnos 94, obrigatorios 285, voluntarios: 142
2º ESO:Alumnos 103, obrigatorios 295, voluntarios 270
3º ESO:Alumnos 95, obrigatorios 270, voluntarios 132
4º ESO:Alumnos: 104, obrigatorios 298, voluntarios: 246
1º BAC:Alumnos: 144, obrigatorios 418, voluntarios: 263
2º BAC:Alumnos 107, obrigatorios 210, voluntarios 380

Monday 23 June 2008

V Festa do Muíño en Taboadelo

Asociación de veciños

“O Carballo”
V FESTA DO MUÍÑO EN TABOADELO

 

O pasado sábado 21 tivemos o privilexio de asistir a V Festa do Muíño organizada pola asociación de veciños "O Carballo" de Taboadelo, Ponte Caldelas (Pontevedra). Este grupo de veciños e veciñas restauró dous muíños nos últimos oito anos de forma totalmente altruísta.A actuación feita por estes veciños de Taboadelo é a demostración de que o único camiño posible para a recuperación do numeroso patrimonio etnográfico existente na nosa terra é a intervención e a implicación da poboación. Son os propios veciños os que deben sentir o orgullo de posuir bens patrimoniais e reclamar o apoio incondicional das institucións para o desenvolvemento de proxectos integrais de recuperación e mantemento.Imos camiñando cara unha uniformización cultural e consumista que nos despersonaliza. Actuacións como esta de restaurar os muíños de Arriba e Abaixo son un símbolo de resistencia. Hai que estar moi concienciado e querer cada recuncho desta parroquia para empregar de forma voluntaria moitos sábados, dende o ano 2000, en recuperar este espazo. Esperamos que con esta pequena reportaxe poidades ter unha idea do ambente que iniciativas deste tipo xeran entre os participantes de todas as idades congregados en torno a esta festa tan entrañable.Parabéns aos organizadores

Sunday 22 June 2008

Arte dixital e só dixital

Dqbooks é unha iniciativa de varios fotógrafos e artistas gráficos que, de momento, só esta dispoñibel de forma gratuita na rede. Por agora podemos gozar destas catro publicacións virtuais que, de seguro, veremos pronto incrementadas. Unha idea francamente interesante que poderíamos discutir no seu momento cando nos preguntamos se a arte é posible fóra das canles habituais. Os catro libros exhiben temáticas moi diversas e estan executados por artistas moi diferentes. Todas as presentacións traen un fondo musical incorporado.

Vía El País

Friday 20 June 2008

Follas parroquiais curiosas



MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
CADERNO ABERTO
A sinceridade do párroco


"A sinceridade do cidadán Armindo Iglesias, de profesión crego, ou párroco, resulta admirábel. El di o que pensa, libremente, e a diplomacia, no seu caso, adquire a redondez do cero. Armindo Iglesias é certeiro e brutal. Transparente en grao sumo. Non anda con circunloquios. Fala o que ordena a súa cabeciña. É voceiro do seu corazón. E do corazón de moitos, máis dos que pensamos. Sostén o cura de Vedra –e por escrito, que ten máis valor– que o idioma galego é un "dialecto local" e, di textualmente, "una gran incomodidad que hay que soportar". O clérigo católico expresa con absoluta naturalidade o odio –o "autoodio"– que sente cara ao galego e avoga, como dicía onte este mesmo xornal, pola súa desaparición. E non se trata, non, dun aiatolá, imán ou mulá; non se trata dun cura islámico chamado, poñamos por caso, Mohamed Omar. Non. O seu nome é Armindo Iglesias Diéguez e foi ordenado sacerdote no Congreso Eucarístico Internacional de Barcelona no ano 1952. Mais o reverendo, contrario ás teses do Arcebispado compostelán en materia de lingua galega, ademais de se mostrar "etnocida" convencido –"También mis padres usaron el arado romano y el carro de bueyes y ahora se usa el tractor, el coche y máquinas modernas..." ou "cada año dicen que desaparecen del mundo 50 idiomas. Lástima que no desaparezcan muchos más"—, é tamén un consumado "misóxino" (puideramos dicir tamén "xinéfobo"), ou se non que llo pregunten ao Grupo de Estudios Sobre a Condición da Muller Alecrín, que no ano 1999 lle concedeu ao cura párroco de Vedra e de Lestedo o Premio Alacrán por "utilizar a súa influencia como crego para manter e perpetuar a situación de submisión das mulleres que sofren malos tratos, convencéndoas para que non denuncien ou retiren as denuncias presentadas contra os seus agresores e por posicionarse ao lado dos maltratadores". As mulleres, di o mulá de Vedra, deben "preparar con esmero comida variada e procurar ter a casa limpa e ordenada". En fin. Lingüisticidio e machismo "ad maiorem Dei gloriam".

Sen comentarios, para que?

Thursday 19 June 2008

Sobremesas doces e solidarias


Desde FAIRTRADE-Comercio Xusto chéganos o novo libro de receitas Postres doces e solidarios. Este receitario de sobremesas elaboradas a base de ingredientes de Comercio Xusto foi redactado por FAIRTRADE e contén moito máis que só receitas de sobremesas (que por certo, son realmente deliciosas). O libro permítenos coñecer a realidade detrás dos ingredientes que usamos na elaboración destas sobremesas: podemos coñecer como se cultiva a cana de azucre desde hai miles de anos ou como os membros de Kuapa Kokoo, unha cooperativa en Ghana, cultivan o cacao e en que invisten os ingresos adicionais tan necesarios que lles proporciona esta forma alternativa de comercio... o libro pódese adquirir nas tendas de comercio xusto ou pódese descargar de forma gratuita. A verdade é que as sobremesas teñen un aspecto do máis apetecible.

Monday 16 June 2008

O ensino en Galicia e en Wuxi



Nacín na República Popular China, un estado situado no oeste de Asia con máis de 1300 millóns de habitantes e que ten máis de 5000 anos de cultura.
A visión da vida, a lingua, os costumes, a gastronomía...dos chineses son totalmente diferentes á dos occidentais. Vivín en Wuxi durante 10 anos, aínda que os chineses están cada vez asimilando máis aos occidentais na vestimenta, na forma de vivir e de se divertir, na política... resultoume difícil adpatarme aos cambios cando cheguei a Galicia.


No colexio, tiven que comezar a aprender a ler desde o abecedario, os números etc. O ensino de Galicia e de Wuxi ten enormes diferencias: en Galicia o ensino é obrigatorio ata os 16 anos, en cambio en Wuxi van ao colexio os que poden, xa que o ensino e bastante caro e, por iso, os rapaces considérano como unha oportunidade moi valiosa que lles concederon os seus pais; en Galicia os alumnos están moi ben protexidos polos seus pais e polas leis, un mestre non pode nin tocar (pegar) ao alumnado, os alumnos poden discutir co mestre, en Wuxi os mestres están obrigados a educar ben aos seus alumnos e, en caso necesario, poden pegarlles; en Wuxi, en cada aula hai como mínimo 40 alumnos, o curso comeza o 1 de Setembro e remata o 4 de xullo e, ademási diso hai unha clara diferencia nas horas de estudo dos alumnos: os chineses permanecen polo menos 9 hora no colexio diariamente; en Wuxi, hai un só exame de cada materia ao semestre, a nota que sacan neses exámenes é a que levará nos seus boletíns e a data do exame é fixada pola xunta de educación da provincia, polo que todos os niveis de estudantes terán o exame no mesmo día; en Wuxi, os estudantes son moito máis competitivos ca os de aquí. Todos os colexios ao rematar o curso premian aos 3 alumnos máis excelentes de cada nivel, é, por iso moitos esfórzanse ao máximo; en Wuxi, os alumnos deben realizar as tarefas de limpeza todos os días ao rematar a clase porque esto é considerado parte da formación do ensino...


O bacharelato en China ten unha duración de 3 anos e é o nivel máis difícil, todos o consideran xunto coa selectividade factores que determinarán o futuro, totalmente decisivo. Para estar mellor preparados nos 3 anos de bacharelato, os alumnos só ten 2 días de descanso ao mes, estudan 11 horas cada día. Como se sabe, China é o país que ten maior número de habitantes do mundo, por iso alí é moi difícil atopar un bo traballo e, como consecuencia, os alumnos esfórzanse moitísimo para poder entrar nunha universidade de fama e poder formarse mellor (en China, a universidade en que se estude tamén é un factor determinante). En China cada ano hai unos cantos alumnos que se suicidan pola presión da selectividade ou pola depresión que levaron por non ter sacado a nota xusta para entrar na universidade que desexaban.


En fin, hai moitísimas diferencias entre Wuxi e Galicia.

Shu Quing 2º BACH. IES Sánchez Cantón.
Artigo recén publicado en CARTAFOL, a revista do Equipo de Normalización Ligüiustica do ies Sánchez Cantón

Sunday 15 June 2008

Case mil entradas nos blogs de Galego

Biblogteka. Xestionada pola Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura: para subir comentarios dos libros de lectura recomendados en galego (é algo voluntario, o que se premia é a lectura e reflexión, non todos poñen o comentario no blog).
-Total de comentarios neste curso 2007-2008: 933
-Por cursos: 2º BACH: 343, 1º BACH: 126, 4º ESO: 48, 3º ESO: 6, 2º ESO: 185, 1º ESO: 225
-Libros con máis comentarios:
Contos por palabras: 50 / Intercambio cun inglés: 35 / O crepúsculo e as formigas: 37 /As humanas proporcións: 34 /O misterio das badaladas: 27 /As flores radioactivas: 27

Será certo que a xente nova non le? Será certo que a xente nova non le en galego? Será certo que a xente nova non participa en nada? Desde logo que o alumnado do Sánchez Cantón le en galego e participa. Se despois ao deixar os estudos tamén deixan de ler é outro cantar. Mais unha base, un certo hábito lector non hai quen llelo quite.
Por que o maior éxito está nos máis novos (1º-2º ESO) e nos máis vellos (1º-2º BAC)? Terá algo que ver a adolescencia?

Parabéns a todos e todas pola participación.

Saturday 14 June 2008

Manuel Lourenzo



Manuel Lourenzo González resultou gañador do Premio Xerais de Novela 2008, dotado con 25 mil euros, pola súa obra O Xardín das Pedras Flotantes, considerada polo xurado como "un relato de amor insólito, extraordinario e pasional" e presentado baixo o lema Flor da Xunqueira e o seudónimo Manalva...
Pois vaia sorte a que tivo o alumnado de Lit. Galega do S. XX e 5 alumnas de 4º B... porque puideron participar nun obradoiro de narrativa que se desenvolveu ao longo do curso na Biblioteca... e Manuel Lourenzo comentoulles e corrixiulles as súas creacións... nada menos que un dos primeiros espadas da narrativa galega.
O equipo da Biblioteca, o Departamento de Galego, o alumnado participante no obradoiro, a ANPA organizadora... todos estamos encantados de que o premio Xerais fose para o noso amigo Manuel. Xa nos tarda ter a novela entre as mans, chegará a tempo para a cercana praia? Moreas de parabéns para Manuel Lourezo

Friday 13 June 2008

Probando novo editor

1323984627_f254e6260a_m

NON ESTÁ MAL

PODES FACER ALGUNHAS COUSAS INTERESANTES

HABERÁ QUE INVESTIGAR

A VERDADE É QUE PAGA A PENA.  ANIMÁDEVOS

Pois se vos gusta, xa sabedes Windows Live Writer.
via
A Nosa Biblioteca

Thursday 12 June 2008

Máis do Maio Francés

.
.
.
.
Si, xa sei que esta entrada en realidade debería formar parte da entrada de hai dous días, pero que queredes, hai dous días non atopara esta páxina tan ben deseñada do País Dixital de hoxe, onde os afiches pódense ver de dúas formas diferentes e con toda comodidade. Así que xa vedes, máis dos mesmo. Claro que non sempre é o 40 aniversario do maio francés. Para que a entrada non quede tan eslamiada incluímos esta fotografía que foi unha das iconas do momento. A imaxe da moza que leva a pancarta, que en realidade non é francesa, senón unha modelo escocesa moi identificada coa causa, iso si, deu a volta ao mundo e chegouse a dicir dela que era unha moderna versión da famosa Liberdade guiando ao Pobo de Delacroix, todo un símbolo para os franceses.

Queridos morosos

Agora que temos unha acusada tendencia a mostrar un certo malhumor cando vemos que hai bastantes moros@s que NON DEVOLVEN OS LIBROS A TEMPO...E NON SÓ ALUMNOS E ALUMNAS, QUE QUEDE CLARO...
Coa incerta esperanza de que vos animedes antes de que rematen as clases, e a ameaza inminente de persecución incansable se non o facedes. A todos e todas vós nestas datas de exames e esgotamento final. je,je,je...
Chéganos video vía Librosfera
I want to be a librarian
i want to check out your books
please give them to me
with the bar code facing up
please don't bring them back too late
or i'll have to charge you 30 cents a day

(i won't like that)
i want to be a librarian
wearing glasses every single day
don't you find me appealing
in a nerdy sort of way?
please don't talk so loudly
please, please
shhhhhhhhhhhh
meet me in the closed reserve
i'll let you read all the new magazines
i'll let you touch the first editions
if you promise me
if you promise me
if you promise me
your hands are clean.


Wednesday 11 June 2008

O Maio de 1968



Cun pouco de retraso porque o tempo é limitado nestas datas, organizouse dende o GNL e os Departamentos de Francés e Artes Plásticas unha pequena pero moi interesante exposición sobre as lendas do Maio Francés. Esta é a información con que se presenta a mostra:

Durante o mes de Maio de 1968, Francia é o teatro dun importante movemento estudiantil e social que forza ao xeneral De Gaulle a disolver a Asemblea Nacional e a organizar novas eleccións. Este movemento forma parte dun conxunto de acontecementos nos medios estudiantís e comeza nos dous lados da cotrina de aceiro. A partir de 1967, varios campus nos Estados Unidos ou Polonia, por exemplo, levántanse contra a política educativa. En Francia estes acontecementos toman con todo unha amplitude particular xa que se acompañan de potentes manifestacións de estudantes, logo dunha folga xeral que paraliza completamente o país (os camións militares deberán asegurar o transporte).

Tamén se acompaña dunha onda de reunións informáis dentro dos organismos, empresas, administracións, os colexios e as universidades, teatros, casas de cultura, etc. En todo o país, as portas ábrense a calquera cidadán, a palabra libérase e pasa a ser por algunhas semanas a razón de ser dos franceses. entusiasmados, abatidos, dubitativos, ou meditativos, cada un, segundo a súa sensibilidade poarticipa ou observa. Diálogos intensos establécense nas rúas, entre descoñecidos, e a través das xeracións. As lendas do 69 eran poéticas, subversivas, apocalípticas, revolucionarias. Velaquí tes boa mostra.



Que pasaba en España naqueles anos? Non é o momento de comentalo, pero desde MESTURAS non nos resistimos a pór un fondo musical a esta entrada. Eliximos a un cantautor que naquela época tiña unha imaxe certamente sesentayochista. Non volo perdades.

Monday 9 June 2008

Remata MercaArs Constructor


Rematamos a actividade MercaArs Construtor na biblioteca e, a verdade, foi moi gratificante ver tanta xente intentando reflexionar sobre o concepto de Arte, que resultou ser en grao sumo escurridizo. Intentouse definir que elementos debemos ter en conta para determinar cando unha manifestación pode ser considerada ou non unha obra de arte. Previamente entre tod@s mandaramos propostas ao foro e confeccionouse unha galería de imaxes. Dentre elas seleccionáronse 35 propostas que incluían arquivos de son e imaxes de banda deseñada. Os dados decidían quen debía defender ou rexeitar cada unha destas propostas que subirían ou non ao panel de MercaArs unha vez rematada a discusión co resto dos participantes que opinaban libremente. Dúas horas de intensa discusión. De 6.30 a 8.30 nada menos, logo de toda unha tarde de clases. Houbo aplausos ao final. Parabéns a tod@s os participantes.


Saturday 7 June 2008

O efecto Lucifer e a maldade


Temos hai algún tempo un curioso libro na Bibioteca, chámase "O efecto Lucifer: el porqué de la maldad" do psícólogo social Philip Zimbardo. O autor intenta demostrar que en realidade temos un coñocemento moi precario sobre nós mesmos, e sobre as persoas coas que convivimos. Sendo certo que, en xeral, as persoas tendemos a buscar situacións seguras nas que o noso comportamento é previsible, se esas circunstancias cambian o código ético dos seres humanos pode sufrir trastornos profundos e radicais e persoas en principio pacíficas e "normais" poden converterse en torturadores sádicos desprovistos dos máis elementais sentimentos de empatía. Non son procesos irreversibels, pero se coñecemos os factores que operan nesas circunstancias límite entenderemos mellor o que pode acontecer.


É interesante ler esta entrevista e tamén botar unha ollada ao libro. Ao longo das súas páxinas descríbese o experimento Stanford no que asistimos aos cambios de conduta sufridos por un grupo de estudantes que voluntariamente aceptaron participar nel. O experimento debía durar 15 días. Tiveron que interrompelo ao sexto ante a dureza da situación creada. Moitos tranquilos estudantes convertéronse en brutais e sádicos gardiáns,
Ocorreu algo así no cárcere de Abu Ghraib en Iraq?.

Tuesday 3 June 2008

Dende hai mais de 5 anos os alumnos do ciclo Superior de Animación de Actividades Físicas e Deportivas do IES Sánchez Cantón veñen realizando unhas xornadas de animación con xogos para nenos de entre 3 e 6 anos de idade dos colexios Villaverde Mourente, Os Campos e Vidal Portela de Pontevedra.
Nestas xornadas participan cada ano ata 250 nenos dirixidos polos alumnos do Ciclo.
Ao mesmo tempo estas xornadas serven para que os profesores dos módulos de Animación e Dinámica de Grupos, Xogos , e Didáctica poidan valorar a asimilación das ensinanzas teóricas unha vez que se poñen en práctica nunha situación real e non simulada.
Velaí algunhas imaxes destas xornadas
.

Sunday 1 June 2008

Espirais


"A espiral é un círculo espiritualizado. Na forma espiral, o círculo, desenrolado, devanado, deixou de ser vicioso... A volta segue á volta, e toda síntese é a tese da nova serie..."
Vladimir Nabokov.

Deixámovos esta orxía de espirais de todo tipo que atopamos no CiberPaís. Atopamos tamén esta ligazón para os máis entusiastas onde descubremos a fermosa cita de Nabokov que non coñecíamos.

.

Related Posts with Thumbnails