MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
CADERNO ABERTO
A sinceridade do párroco
CADERNO ABERTO
A sinceridade do párroco
"A sinceridade do cidadán Armindo Iglesias, de profesión crego, ou párroco, resulta admirábel. El di o que pensa, libremente, e a diplomacia, no seu caso, adquire a redondez do cero. Armindo Iglesias é certeiro e brutal. Transparente en grao sumo. Non anda con circunloquios. Fala o que ordena a súa cabeciña. É voceiro do seu corazón. E do corazón de moitos, máis dos que pensamos. Sostén o cura de Vedra –e por escrito, que ten máis valor– que o idioma galego é un "dialecto local" e, di textualmente, "una gran incomodidad que hay que soportar". O clérigo católico expresa con absoluta naturalidade o odio –o "autoodio"– que sente cara ao galego e avoga, como dicía onte este mesmo xornal, pola súa desaparición. E non se trata, non, dun aiatolá, imán ou mulá; non se trata dun cura islámico chamado, poñamos por caso, Mohamed Omar. Non. O seu nome é Armindo Iglesias Diéguez e foi ordenado sacerdote no Congreso Eucarístico Internacional de Barcelona no ano 1952. Mais o reverendo, contrario ás teses do Arcebispado compostelán en materia de lingua galega, ademais de se mostrar "etnocida" convencido –"También mis padres usaron el arado romano y el carro de bueyes y ahora se usa el tractor, el coche y máquinas modernas..." ou "cada año dicen que desaparecen del mundo 50 idiomas. Lástima que no desaparezcan muchos más"—, é tamén un consumado "misóxino" (puideramos dicir tamén "xinéfobo"), ou se non que llo pregunten ao Grupo de Estudios Sobre a Condición da Muller Alecrín, que no ano 1999 lle concedeu ao cura párroco de Vedra e de Lestedo o Premio Alacrán por "utilizar a súa influencia como crego para manter e perpetuar a situación de submisión das mulleres que sofren malos tratos, convencéndoas para que non denuncien ou retiren as denuncias presentadas contra os seus agresores e por posicionarse ao lado dos maltratadores". As mulleres, di o mulá de Vedra, deben "preparar con esmero comida variada e procurar ter a casa limpa e ordenada". En fin. Lingüisticidio e machismo "ad maiorem Dei gloriam".
Sen comentarios, para que?
2 comments:
Como coincidimos na estrañeza de que existan tipos así, sobran comentarios. Pero... ¿quen raios lle segue indo á misa?
Como coincidimos na estrañeza de que existan tipos así, sobran comentarios. Pero... ¿quen raios lle segue indo á misa?
Post a Comment