Showing posts with label TRASTORNOS DO COMPORTAMENTO. Show all posts
Showing posts with label TRASTORNOS DO COMPORTAMENTO. Show all posts

Thursday, 21 October 2010

Savants

O chamado sindrome do savant ou savantismo é un trastorno , ao parecer, estrechamente relacionado co autismo. As persoas afectadas por esta síndrome teñen un extraordinario desenvolvemento de determinadas habilidades que, poderiamos dicir, conforman unha especie de sistema pechado, un código propio e independente da linguaxe, como as matemáticas, a pintura ou a música.

Non están moi claras as súas caus
as nin as súas características, do mesmo xeito que tampouco o están outros temas asociados a estes trastornos como as dificultades para avaliar o rendemento intelectual dos suxeitos autistas. Hai investigadores que defenden a idea de que os baixos resultados destas persoas ao pasar determinados tests de intelixencia débense simplemente a que non comprenden o que se espera deles, non son capaces de decodificar correctamente as preguntas ou instrucións por sinxelas que estas sexan. Isto explicaría, en parte, que os individuos afectados de savantismo teñan especialmente desenvolvidas as habilidades correspondentes a catro grandes áreas, en certo modo independentes da linguaxe. 
Confirmamos esta información en Wikipedia, onde efectivamente aparecen estas destrezas divididas nos mesmos catro grandes grupos:

• Arte (música, pintura e escultura): Caracterízanse por ser grandes intérpretes musicais, especialmente ao piano, pintores e escultores. Adoitan ter habilidades innatas para comprender e interpretar a música.
• Cálculo de datas: Algúns savant poden memorizar calendarios enteiros e recordar datos referentes a cada un deses días.
• Cálculo matemático: Capacidade para a realización de complexos cálculos matemáticos mentalmente, de forma instantánea e con gran precisión, por exemplo o cálculo de números primos ou a realización de divisións con 100 decimales.
• Habilidades mecánicas e espaciais: Capacidade para medir distancias case exactas sen a axuda de instrumentos, construción de detalladas maquetas, memorización de mapas e direccións...

Desgraciadamente, como ocorre co resto de persoas afectadas de autismo, é un trastorno que, ata o día de hoxe, ten o seu lado escuro: os inmensos escollos para relacionarse coa contorna e as enormes deficiencias nos procesos comunicativos fan que estas persoas teñan serias dificultades en levar vidas autónomas e son, a miúdo, disfuncionais e dependentes.

Os varóns savant superan seis veces en número ás mulleres.

Wednesday, 20 October 2010

Stephen Wiltshire. Síndrome do savant

Stephen Wiltshire é un artista británico. Ten autismo.
Se tedes ocasión de ver un vídeo do seu traballo quedaredes moi sorprendidos. Só con con mirar un lugar unha vez, é quen de plasmalo con todo luxo de detalles. Normalmente, percorre grandes cidades como Roma, Tokio, Hong Kong, Madrid … a bordo dun helicóptero e despois dun paseo relativamente curto, duns 30 minutos, é quen de lembrar e logo debuxar toda a cidade nun lenzo de 10 metros sen utilizar fotografías da mesma. A exactitude dos debuxos é impresionante.

Stephen, que tardou anos en aprender a falar un mínimo de palabras para poder comunicarse a nivel básico está diagnosticado co chamado síndrome do savant, peculiaridade dunha escasísima incidencia na poboación mundial (calcúlanse uns 100 individuos aproximadamente) que adoita estar relacionada con persoas afectadas de autismo.  Mañá contarémosvos algúns feitos que vos sorprenderán. De momento podedes botar unha ollada a este vídeo de Stephen. Se facedes clic nas imaxes podédelas ver ampliadas. Aquí tedes a ligazón a súa galería

Monday, 18 October 2010

María y yo

Incorporamos  a biblioteca do centro o libro “María y yo” de Miguel Gallardo. Trátase dun cómic en primeira persoa que fala do amor incondicional dun pai -o autor de cómic Miguel Gallardo- cara á súa filla María, unha nena autista.
Citamos do epílogo do libro:
”Moitos pais de nenos autistas sofren a escasa sensibilidade do mundo cara aos seus fillos. A nosa contorna cada vez é máis acelerada, máis ruidosa e impersonal. Cada vez menos apta para persoas cun exceso de sensibilidade ou que sencillamente teñen problemas e necesitan unha mínima xenerosidade. Este libro plasma caras de asombro, desgusto, rexeitamento cando María sofre e expresa o seu malestar en gritos, pellizcos ou medo. Caras que recoñecerán os pais que teñen fillos chamados diferentes e que senten esas miradas como ráfagas cravadas nos seus fillos ou neles mesmos. A ignorancia pode chegar a ser moi inxusta”.
Amaia Hervas Zúñiga
Directora da Unidade de Psiquiatría infnto-xuvenil do Hospital Mutua de Terrassa
.

O cómic ven de ser trasladado ao cine da man de Félix Fernández de Castro.
Aqui tedes unha curta realizada polo proprio Gallardo para a Fundación Orange.
Tamén un trailer do documental

Wednesday, 3 February 2010

Fogo na mente

Onte lemos un interesante artigo sobre o difícil que é ser fillo, ou filla dun xenio. Aturar as súas excentricidades, o seu proverbial mal carácter, os seus periodos escuros e a probable falta de horarios regulados tan necesarios na infancia. A adolescencia adoita ser peor. Marca o comezo dunha etapa interminable na que en maior ou menor medida estás destinado a establecer comparacións con alguén a quen case todos verán mellor ca ti.
Ás veces os herdeiros viven unhas vidas cómodas e felices xestionando cuantiosas herdanzas e patrimonios. As veces son quen de contar divertidas anécdotas como a que aparece no artigo anterior onde lemos que Yeats, nun paseo en autobús especialmente creativo durante o que estaba totalmente concentrado, atopou a súa filla que lle acompañou a casa e ao chegar xuntos á porta, o poeta preguntou cortesmente á rapaza a razón da súa “visita”e o nome da persoa coa que quería falar.
Pero non sempre é tan divertido. Moita peor sorte tivo Lucia Joyce, a prometedora e brillante filla de James Joyce que chegou a tomar clases de baile con Isadora Duncan ata que, aos poucos, foi perdendo o contacto coa realidade. Lucia sempre mantivo unha estreita e atormentada relación co seu pai quen de nena arrastrouna por toda Europa, de país en país , sen unha residencia nin unha lingua estable á espera de que a súa obra literaria fora finalmente recoñecida.
Levounos ata o desgarrado personaxe de Lucia Joyce a obra Hurry Down Sunshine (Hacia el amanecer, Seix Barral) onde o seu autor, o escritor e articulista Michael Greensberg, nárranos en primeira persoa o proceso durante o que a súa filla de 15 anos perde a razón.

“Spinoza hablaba de la vitalidad como de la virtud más pura, la única virtud. El impulso a persistir, a florecer, decía, es la virtud absoluta, compartida por todos los seres vivos. ¿Que pasa, sin embargo cuando la vitalidad se hace tan poderosa que la virtud de Spinoza se invierte y, en vez de florecer, uno se ve empujado a comerse vivo a sí mismo”…
Hacia el amanecer. M.Greensberg

Saturday, 7 June 2008

O efecto Lucifer e a maldade


Temos hai algún tempo un curioso libro na Bibioteca, chámase "O efecto Lucifer: el porqué de la maldad" do psícólogo social Philip Zimbardo. O autor intenta demostrar que en realidade temos un coñocemento moi precario sobre nós mesmos, e sobre as persoas coas que convivimos. Sendo certo que, en xeral, as persoas tendemos a buscar situacións seguras nas que o noso comportamento é previsible, se esas circunstancias cambian o código ético dos seres humanos pode sufrir trastornos profundos e radicais e persoas en principio pacíficas e "normais" poden converterse en torturadores sádicos desprovistos dos máis elementais sentimentos de empatía. Non son procesos irreversibels, pero se coñecemos os factores que operan nesas circunstancias límite entenderemos mellor o que pode acontecer.


É interesante ler esta entrevista e tamén botar unha ollada ao libro. Ao longo das súas páxinas descríbese o experimento Stanford no que asistimos aos cambios de conduta sufridos por un grupo de estudantes que voluntariamente aceptaron participar nel. O experimento debía durar 15 días. Tiveron que interrompelo ao sexto ante a dureza da situación creada. Moitos tranquilos estudantes convertéronse en brutais e sádicos gardiáns,
Ocorreu algo así no cárcere de Abu Ghraib en Iraq?.

Friday, 9 May 2008

Oliver Sacks III : Espertares


E xa só resta facer unha breve mención á que é probablemente a obra máis coñecida de Sacks: Awakenings (Despertares), que posteriormente foi levada á pantalla con Robert de Niro e Robin Williams como protagonistas.
A película está precisamente baseada na experiencia clínica de Oliver Sacks, que devolveu transitoriamente a “liberdade” aos seus pacientes, paralizados durante décadas, tratándoos co que, daquela, foi considerado un medicamento milagroso, a Ldopa. Ese espertar evidenciou a traxedia que tiñan ante os seus ollos: o paso do tempo que non todos admitían. Planéase tamén o dilema dos efectos adversos fronte aos beneficios de certos fármacos, por moi evidentes que parezan, e que é sempre un terreo difícil na relación médic@-paciente. Ambas as partes deben aceptar a realidade. Toda unha lección de ética médica e do valor da existencia.

Os protagonistas, que reflicten fielmente a personalidade de moitos dos enfermos reais de Sacks deben afrontar un dobre reto: primeiro deben aceptar o paso implacable do tempo decorrido desde que enfermaron e perderon a consciencia e segundo, e aínda máis terrible, que cando empezan a aceptar a súa situación e a gozar dela descobren que os efectos da droga son transitorios e aos poucos, a maioría van caendo de novo no estado anterior de inconsciencia.
Neste punto é onde estriba a diferenza entre a película e o libro. Na primeira, o final non é o real, xa que algúns dos pacientes descritos por Sacks, lonxe de quedaren nun punto similar ao comezo, foron capaces de soportar a situación e adaptarse, ben por eles mesmos ou con axuda externa, e superar as limitacións que o medicamento non conseguiu emendar. O libro, moi na liña de Sacks, é a constatación de que o día a día destes pacientes mellorou amplamente para aqueles que decidiron tomar as rendas da súa nova realidade insistindo na idea de que cando fallan os tratamentos farmacolóxicos, pódense e débense pór en marcha outras medidas, persoais e sociais, para conseguir eses novos "espertares".
Estes pacientes estaban afectados de encefalite letárxica que apareceu, como epidemia entre 1916 e 1925. Pode tratarse dun virus causal non extinguido nunca, que se mantén en fase latente ou non virulenta, e que emerxerá innumerables veces ao longo da historia.



Thursday, 8 May 2008

Máis Oliver Sacks

Cando encargamos os libros de Oliver Sacks nunha das nosas librerías que tan ben nos aconsellan, aínda nos recomendaron un terceiro "O tío Tungsteno", así pois decidimos seguir falando deste interesante personaxe. Neurólogo, londinense de orixe e profesor no Albert Einstein College de Nova York, ten, máis ou menos 80 anos. Non elude nos seus escritos a terminología médica, e parece que escribise para si mesmo sen importarlle que os seus lectores se perdan, aínda que curiosamente esa perda non se produce e un vai pasando sobre Korsakov, L-Dopa, Encefalite, Agnosia, ata que se fan termos familiares.
Escribiu O home que confundiu a súa muller cun chapeu con 50 anos. Nos vinte e catro capítulos do libro repasa outros tantos casos clínicos que atopou ao longo da súa carreira profesional, narrados (que non novelados) en primeira persoa. Os casos estrutúranse en catro grandes bloques: Perdas, Excesos, Arrebatos e O mundo dos simples.


Hai casos tan curiosos como o de Jimmie , un síndrome de Korsakov (perda de memoria recente), que quedou coa memoria estancada en 1945, créndose permanentemente nos 19 anos. As situacións que algo así provocan son difíciles de entender. Cando a J. lle mostraban fotos da Terra vista desde o espazo, quedaba totalmente confundido sen poder crer que eran fotos reais. Do mesmo xeito que os encontros co seu irmán menor, a quen non podía recoñecer nun home tan vello. O peor de todo, o máis tráxico, é cando vía o seu rostro no espello, convencido dos seus dezanove anos, e este, como nun pesadelo, devolvíalle a imaxe dun ancián. Por fortuna e á vez por desgraza en poucos minutos tamén esquecía este tipo de incidentes.
Outros casos de interese: o do home que espertou un día sentindo que a súa perna era allea á súa persoa e caeu da cama ao intentar botar do seu lado "aquela cousa" repulsiva. Ou o home que co sentido do equilibrio totalmente alterado era incapaz de darse conta (salvo ao verse nun vídeo) que andaba inclinado, como a torre de Pisa. A muller que perdeu a noción de "esquerda", polo que se maquilla unicamente a parte dereita da cara...
Via Marte Rojo
Na orixinal película Memento descríbese unha persoa cun síndrome Korsakov

Wednesday, 7 May 2008

Un antropólogo en Marte


Oliver Saks, autor do espléndido "O home que confundiu á súa muller cun chapeu" é tamén o autor de " Un antropólogo en Marte" que contén sete historias nas que se nos refire o potencial creativo de certas enfermidades, historias de pacientes nos que as desordes neurolóxicas (amnesia, autismo, etc.) non lles impediron a súa relación con certas formas artísticas ou co seu traballo, como o caso do pintor que por mor dun accidente de coche queda cego á cor (acromatopsia cerebral) e só ve en branco e negro, o que incide no seu novo xeito de entender o mundo; ou o dun cirurxán que era capaz de operar a pesares de padecer a síndrome de Tourette descrito na entrada anterior, que nos casos máis agudos está caracterizado por tics convulsivos, mímica involuntaria ou repetición das palabras ou os actos dos demais, e por pronunciar dun xeito involuntario e repetitivo maldicións ou obscenidades (algúns supón que Mozart o padecía); ou o caso de Amorne Grandin, unha autista que é licenciada en zooloxía, dá clases na universidade e que deseña e constrúe instalacións agrícolas.

Nos próximos días na biblioteca

Monday, 5 May 2008

Síndrome de Tourette

Hai algún tempo que soubemos dun neno con Síndrome de Tourette matriculado nun centro próximo ao noso. A atención do alumnado con algún trastorno do comportamento é unha das grandes materias pendentes no noso sistema educativo. Hai unha necesidade acuciante de persoal especializado, bótase de menos a axuda e a información seria e sistemática para o profesorado e, por suposto, atención e información aos compañeiros e compañeiras deses nenos para crear entre todos certo clima de empatía, que non pena, ante unha patoloxía que se pode manifestar en ocasións con síntomas moi agudos. Entre todo o material que atopamos na rede, e carecendo nestes momentos do consello dun profesional, gustounos o enfoque desta reportaxe. Tamén parécenos unha idea excelente abordar a cuestión cos compañeir@s de aula do alumnado afectado tal como suxire este documento.



Related Posts with Thumbnails