E xa só resta facer unha breve mención á que é probablemente a obra máis coñecida de Sacks: Awakenings (Despertares), que posteriormente foi levada á pantalla con Robert de Niro e Robin Williams como protagonistas.
A película está precisamente baseada na experiencia clínica de Oliver Sacks, que devolveu transitoriamente a “liberdade” aos seus pacientes, paralizados durante décadas, tratándoos co que, daquela, foi considerado un medicamento milagroso, a Ldopa. Ese espertar evidenciou a traxedia que tiñan ante os seus ollos: o paso do tempo que non todos admitían. Planéase tamén o dilema dos efectos adversos fronte aos beneficios de certos fármacos, por moi evidentes que parezan, e que é sempre un terreo difícil na relación médic@-paciente. Ambas as partes deben aceptar a realidade. Toda unha lección de ética médica e do valor da existencia.
Os protagonistas, que reflicten fielmente a personalidade de moitos dos enfermos reais de Sacks deben afrontar un dobre reto: primeiro deben aceptar o paso implacable do tempo decorrido desde que enfermaron e perderon a consciencia e segundo, e aínda máis terrible, que cando empezan a aceptar a súa situación e a gozar dela descobren que os efectos da droga son transitorios e aos poucos, a maioría van caendo de novo no estado anterior de inconsciencia.
Neste punto é onde estriba a diferenza entre a película e o libro. Na primeira, o final non é o real, xa que algúns dos pacientes descritos por Sacks, lonxe de quedaren nun punto similar ao comezo, foron capaces de soportar a situación e adaptarse, ben por eles mesmos ou con axuda externa, e superar as limitacións que o medicamento non conseguiu emendar. O libro, moi na liña de Sacks, é a constatación de que o día a día destes pacientes mellorou amplamente para aqueles que decidiron tomar as rendas da súa nova realidade insistindo na idea de que cando fallan os tratamentos farmacolóxicos, pódense e débense pór en marcha outras medidas, persoais e sociais, para conseguir eses novos "espertares".
Estes pacientes estaban afectados de encefalite letárxica que apareceu, como epidemia entre 1916 e 1925. Pode tratarse dun virus causal non extinguido nunca, que se mantén en fase latente ou non virulenta, e que emerxerá innumerables veces ao longo da historia.
Atopamos este excelente traballo sobre a enfermidade e a pelicula. Paga a pena botar unha ollada.
No comments:
Post a Comment