Wednesday, 21 May 2008

Casas doentes

O outro día paseando polo campo vimos unha casa abandonada, unha máis con toda a súa carga de melancolía e suxestión. Lembramos a magnífica exposición "Casas doentes" de Manuel Sendón. Esta entrada é unha pequena homenaxe a todas esas casas que producen sempre en nós un fondo desacougo na certeza de que as nosas proprias casas, agoras habitadas e ruidosas, tamén serán algún día casas doentes.

"No mundo rural galego a casa ten un significado moi especial e hoxe un gran numero delas están abandonadas, deterioradas ou en ruínas. Unhas semellan estaren cegas, outras mudas e todas elas doentes.
Durante o ano 206 estiven a fotografar estas casas doentes ao longo de toda Galiza, o meu obxectivo non foi o dun estudoso da arquitectura. Non pretendín realizar un catálogo desas casas nin establecer as súas tipoloxías, e aínda que as características delas aparecen reflectidas nas fotografías, o meu achegamento situase noutro campo, interesándome fundamentalmente a capacidade de suxestión das imaxes creadas.
Neste momento estanse a realizar, sen lugar a dúbida, gran número de aberracións arquitectónicas en toda a xeografía galega, pero limitarse ao que se acostuma a denominar “feismo” pareceme unha simplificación. Trato polo tanto de fuxir do reducionismo que significaría limitarme a fotografíar as devanditas aberracións e da fácil ridiculización que tal posicionamento acostuma a levar implícita. Interésoume máis presentar estas casas con toda a súa dignidade a pesar do estado ruinoso que adquiriron co tempo, centrándome na capacidade evocadora que desta situación se deriva e no potencial que teñen para interrogarnos.
A palabra doente, non só significa enferma, senón tamén cabreada, e non é para menos neste caso se comparamos a arquitectura que se está a facer neste momento coa destas casas doentes. Esta é unha das razóns da escolla do título e da dignidade con que pretendín fotografalas."
MANUEL SENDÓN



No comments:

Related Posts with Thumbnails