Naquela mañá de inverno de 1319, Frei Samuel, o humilde monxe sandador do mosteiro de Toxosoutos, camiñaba cara a Noia cunha dor de frieiras que case o facía chorar. No castelo de don Rui de Soga de Lobeira, agardábao o bispo Berenguel de Landoire coa intención de agradecerlle un impagable servizo que o freire lle ofrecera na súa loita contra os que pretendían apartalo do bispado de Compostela. Mais, a morte dun dos criados de don Rui, envelenado por beber dunha xerra de viño quente, obrigará ao pícaro e intelixente freire a realizar unha concienciuda investigación coa intención de coñecer o motivo e o autor de semellante crime. (Resume da contraportada)
Velaquí unha novela de intriga protagonizada por un curioso e mundanal frade medieval nas terras de Noia. Esta novela da colección Fóra de xogo lese dun tirón e non está gobernada por un grupo adolescentes investigadores, nin aparecen aquí, a diferenza de tantas outras. A pesar diso poden lela os adolescentes e pasarán un bo rato.
No comments:
Post a Comment