Wednesday, 2 March 2011

Sesións do alumnado 1ºBAC TIC na biblioteca. XII. As mulleres e a arte dixital

De novo un tema complexo e conceptual, nada doado de explicar a alumnos e alumnas tan novos. Con todo Uxía Couto, Brais García e Lucía Sobral saíron máis que airosos do reto. Primeiro sorprendéronnos a todos coa estética do fondo dos seus tres glogs, moi adecuada para o contido que nos ían  expor. Empezaron contándonos cales eran os presupostos que definen a arte dixital e quedounos claro que, á parte dos soportes utilizados máis ou menos innovadores e ligados ás novas tecnoloxías, estas creacións fannos reflexionar sobre o propio concepto de arte. Seica o alumnado asistente escoitou por primeira vez que a arte dixital permite acceder e crear obras de arte fóra das canles habituais e non depende para a súa creación, exhibición e goce exclusivamente de museos e galerías. A continuación, como xa ocorreu en días anteriores coa exposición do tema sobre Ciberfeminismo , vemos a conexión entre arte dixital e reivindicación destes novos espazos de visibilidade por parte das mulleres ao utilizar estas ferramentas para crear as súas propias manifestacións artísticas e non limitarse só a pousar como modelos como viña ocorrendo na maioría dos casos noutras manifestacións artísticas máis tradicionais e menos trasgresoras. Recomendamos especialmente que visitedes o seu traballo, os vídeos e algunhas das moitas galerías virtuais propostas.

UXÍA COUTO

BRAIS GARCÍA

LUCÍA SOBRAL

No comments:

Related Posts with Thumbnails