Achegamos reseña do noso compañeiro Anxo González Guerra.
Magnífico. Un dos mellores libros dos últimos anos. Libro longo (722 páxinas) e complexo -máis en absoluto complicado - que engaiola desde as primeiras páxinas e fai difícil pousalo para tomar un descanso.
A acción desenvólvese no ano 1982 a través de catro personaxes principais, nun principio totalmente independentes, que se moven en cidades diferentes: Diana, na corentena, pertence á vella burguesía industrial catalá; Pablo é un intelectual compostelán; Bob, un fotógrafo de Brooklyng, e a Sra. Mulish, internada nun psiquiátrico neoiorquino que leva meses sen pronunciar palabra nin responder a ningún estímulo. O punto de unión é A Pobra do Caramiñal, onde se acabarán fundindo nunha única historia. Polas súas páxinas pasarán tamén a Guerra Civil española, cos seus dramas e miserias; a Resistencia francesa; os campos de concentración nazis... e moita literatura. Desde os libros que escriben algúns dos personaxes, resumido un e integrado outro a xeito de metarrelato; Pablo Neruda ou Valle Inclán, que aparecen como personaxes –aínda que moi secundarias- ; o profesor que prometeu de mozo ler todos os libros do mundo ou as innúmeras referencias a autores e obras, desde Rosalía de Castro ata a Odisea de Homero, pasando por Balzac, Shakespeare ou Óscar Wilde e O retrato do artista adolescente, etc.
Os protagonistas narran en 1ª persoa cadansúa parte da historia, polo que a perspectiva múltiple de diversas situacións nos dá unha visión máis enriquecedora; noutras partes atoparemos un narrador en 3ª persoa ou outro que utiliza unha 2ª persoa a modo de espello. Pero todas teñen a súa motivación interna, non son de ningún xeito meros xogos estilísticos.
Non se equivocaba Carlos Casares cando hai xa máis de dez anos nos recomendaba non perder de vista a Antón Riveiro Coello porque era un dos narradores con máis futuro na literatura galega. Ese é o lugar que ocupa agora e esta novela nolo demostra.
Anxo González Guerra.
Para máis recomendacións expostas no vestíbulo do centro pasádevos por Lecturas do Trinque
2 comments:
EStou con Anxo: a min tamén me parece unha obra magnífica.
http://trafegandoronseis.blogspot.com/2011/12/laura-no-deserto.html
Saúdos
Unha das mellores novelas que teño lido nos últimos anos.
Moi recomendable.
Lola
Post a Comment