Foi un querido amigo a Avilés a pasar estes días da ponte e mandou este pequeno texto despois de ver a última película de Amenábar sobre a suxestiva figura de Hipatia de Alexandría. Non podemos pensar nunha recomendación máis autorizada.
“Será recomendable para os que andamos nisto das bibliotecas ver Ágora, estrea nos cines esta fin de semana. Quen non se vai emocionar entrando na nai de todas a bibliotecas, a de Alexandría, que gardaba todo o saber dos tempos pasados. Mais outra vez os intolerantes, os maniáticos e fanáticos acaban queimando os libros, esas cousas tan malas que transmiten o coñecemento e a liberdade de saber e poder elixir. E se ademais anda polo medio unha muller intelixente (máis que os homes) e libre, coma tantas veces na historia, haberá que condenala por bruxa. Mira que crer na filosofía en vez de crer nun deus coma todo o mundo!
Moitos dos que gustamos de compartir na rede a información e os coñecementos esperamos que internet sexa a Alexandría do futuro, na que se almacenen os saberes de todos os humanos para poder coñecer e logo decidir en liberdade; que sirva de vacina universal contra os queimadores dos libros. Por certo, as máis de 2 horas con Hipatia vanse nun plis plas! “
Pola nosa banda, atopamos esta obra que non coñecíamos do pintor británico Charles William Mitchell, contemporáneo de Waterhouse, onde se representa á Hipatia pouco antes da súa absurda e cruel morte vítima do fanatismo relixioso máis ignorante e fanático . Tamén investigamos un pouco o curioso boom editorial con motivo da estrea. Bastantes novos títulos e un par de reedicións. Lemos en varias fontes que unha delas, reeditada por Siruela, Hipatia de María Dzielska é considerada a mellor biografía, a máis completa e mellor documentada.
Hypatia (Charles William Mitchell).
Podedes ver a obra ampliada.Fonte Wikipedia
4 comments:
Funa ver onte á noite: a figura da filósofa encantoume, a súa intelixencia... e, sempre os fanatismos que desstrúen, veñan de onde veñan. Quizais como filme non sexa impresionante pero si paga a pena por ela e polo que debemos aprender de tolerancias. Que cómpre, e moito (alguén podería pensar na nosa lingua???)
Sempre as mesmas situacións vividas unha e outra vez. Olvidadas sempre. O único que permanece, de cando en vez, son determinadas figuras mitificadas, como é o caso de Hipatia, para ser utilizadas como armas arrojadizas dos uns contra os outros. Pode que sexa interesante botar unha ollada a esa biografía rigurosa para ver a súa figura contextualizada. O que si parece fóra de toda dúbida é a súa brutal morte por parte dunha banda de cristiáns fanáticos, vinculados a Cirilo, patriarca da cidade, e máis tarde canonizado.
Iso é o que me encanta: a canonización! Si, Charo, a historia é circular, e nada aprendemos os humanos...
Non sei se a película de Amenabar é totalmente fel á biografía de Hipatia, pero na historia que nos conta gustoume como ela está disposta a cambiar de opinión cando aparecen argumentos para facelo, está disposta a aprender cos seus discípulos, a revisar as "verdades". Iso é método científico e proceder racional. As relixións non se poden permitir tales revisións porque iso descubriría á súa incoherencia. Por que se manteñen estas? Que lle impide á sociedade progresar no camiño da racionalidade?
Post a Comment