Showing posts with label CURIOSIDADES. Show all posts
Showing posts with label CURIOSIDADES. Show all posts

Wednesday, 4 May 2011

Xeroglíficos morais

Para o noso alumnado que está estudar  Ética nestes días, esta interesante proposta para que debatan se o fin xustifica ou non os medios.

 

 

Thursday, 4 March 2010

O mar de Kuroshio

O chamado mar de Kurosio é o elemento principal do acuario de Okinawa en Xapón. Contén 7.500 metros cúbicos de auga e é o segundo tanque acrílico máis grande do mundo. Ten unhas dimensións enormes 22.5 metros de longo por 8.2 de ancho. As paredes teñen un grosor de 60 centímetros. Podedes ver tiburóns balea e raias como unha das atraccións principais. Pódese descargar aquí un fondo de pantalla. Podedes ver o vídeo en pantalla completa porque ten unha moi boa resolución. O tema principal é “Please don´t go” de Barcelona.


Sunday, 21 February 2010

Facebook no século XVIII

Os libros de amigos, Stammbücher, aparecen por primeira vez nos séculos XVI e XVII en Holanda, Alemania e países da súa área de influencia. Parece que xurdiron inicialmente do costume moi popular entre os estudantes de ter nas súas biblias persoais  sinaturas, citas ou consellos de compañeiros e profesores. Tan popular era esta práctica que pronto os editores comezaron imprimir biblias con varias páxinas baleiras e finalmente, vendo que había negocio, apareceron libros con delicados gravados e todas as páxinas en branco. Estes libros xa non eran só un divertimento dos anos de formación senón que moitos os ían enriquecendo ao longo de toda a vida . Con frecuencia adoitaban ser unha útil demostración do estatus social e intelectual do seu propietario en base á calidade das citas e o prestixio das persoas que contribuían a enriquecer o libro de determinado posuidor. As mensaxes a miúdo referíanse á liberdade de pensamento, ao rigor intelectual, ao espírito de traballo, á honra do dono do libro. Tamén era moi popular achegar bos desexos relativos á saúde e a boa fortuna dos seus propiietarios.
Aquí tedes un par de gravados e esta ligazón para ver o interior dun deles.
Encantounos esta información que atopamos en BibliOdissey

 

facebook1

facebook2

facebook3

Friday, 19 February 2010

Lectura e moda

A revista Marie Claire, en Australia, uniuse á campaña de promoción da lectura involucrando a artistas e modelos, fotografándoas en escenarios que recreasen un libro que teña un significado especial para elas. A campaña titúlase "The Wonder of Words" en apoio de Australian Literacy and Numeracy Foundation. Unha iniciativa que ogallá no noso país tivese eco. Atopámolo en Trafegando Ronseis

Maeve Dermody, actriz
Cumbres Borrascosas Emily Brontë

moda6

Sarah Blasko, cantante
Desayuno en Tiffany´s Truman Capote

moda5

Asher Keddie, actriz
O gran Gatsby F. Scott Fitzgerald

moda4

Sophie Lowe, actriz
Alicia no país das marabillas. Lewis Carroll

moda3

Frances O'Connor, actriz
O Val das bonecas. Jacqueline Susann

moda2
Vanessa Amorosi, cantante
Comer, rezar, amar. Elizabeth Gilbert

moda1

Thursday, 11 June 2009

Danza das mil mans

Se es bondadoso e hai amor no teu corazón
Entón mil mans aparecerán cando necesites axuda

Se es bondadoso e hai amor no teu corazón
Terás a forza de mil mans para axudar a outros


Guan Yi é o concepto de compaixón entre os budistas, que se expresa nesta fermosa Danza das Mil Mans que coñecemos grazas a nosa boa amiga Mercedes que nestes momentos temos moi presente.

Thursday, 16 April 2009

Corín Tellado

Hai uns días morreu a escritora Corín Tellado e de súpeto vinme transportada de novo á infancia, cando visitabamos no verán á avoa que, como a maioría das veciñas do seu barrio na aldea, non sabía ler nin escribir. Estas mulleres adoitaban saír coas súas cadeiras á porta da casa ao caer un pouco a calor, concluídas xa as innumerables tarefas da mañá. Era o momento da costura. Bordaban a velocidades incribles manteis que logo un home levaba cada semana, deixándolles a cambio unhas cantidades que entón xa a min parecíanme ridículas. Elas limitábanse a recoller o diñeiro e levar para casa máis tea e máis fíos de cores para seguir bordando. A memoria desas tardes está asociada para sempre coas fotonovelas de Corín Tellado. As fillas daquelas mulleres, que a min parecíanme tan maiores pero que non podían ser senón raparigas moi novas, literalmente devorábanas. En casa da avoa non había moito que ler, así que moi pronto eu tamén sumeime a aquela moda. Podería dicirse que houbo un verán en que pasei directamente dos contos a esas fotonovelas que me descubriron todo un mundo descoñecido e tortuoso de secretarias, enfermeiras e dependentas eternamente torturadas por aqueles señores que na última páxina resultaban, despois de todo, ser perfectos para elas. Hoxe lembrei de novo esas fotonovelas. E descubro abraiada que Corín Tellado é a escritora máis lida en castelán, que escribiu máis de 4.000 títulos, que era unha traballadora infatigable, que non era romántica en absoluto, que casou con máis de 30 anos, que se separou con dous nenos moi pequenos no 62, cando case ninguén o facía. Ademais, mantivo unha relación moi amistosa e fluída con Mario Vargas Llosa e Cabrera Infante, xa lía a Henry Miller con 11 anos e dixo que lle encantaría ter sido a autora dos Santos Inocentes de Delibes ou do De profundis, de Oscar Wilde. Miúda sorpresa.

nostalgia-personajes-corin2nostalgia-personajes-corin6

Monday, 23 March 2009

Soundscape: deixa que a paisaxe fale.

Los-sonidos-del-agua_imagenGaleria Que pasará se imos de paseo durante unha hora, en silencio, pola nosa cidade e de volta alguén nos pide que relatemos polo miúdo a experiencia?.
Que describiremos?
Cantos sons lembraremos?
Mesmo se nunha segunda oportunidade se explicita que busquemos sons na nosa memoria, cantos agromaremos?

Probablemente ao facer esta ou similares experiencias poderemos comprobar que temos reducida a nosa paisaxe a imaxes visuais, e habituados ao ruído, non gozamos do silencio nin dos sons que constantemente chegan a nós e que apenas percibimos.

Como Muray Schafer mantén os sons dunha localidade tamén conforman a súa identidade tanto como a arquitectura, a lingua, a comidas, as formas de vestir dos seus habitantes. Este concepto tan peculiar da paisaxe (soundscape) está a ser considerado en profundidade tanto desde o punto de vista de compositores como de arquitectos e urbanistas.

Recomendamos vivamente a delicada proposta de Hildegard Westerkamp onde podemos encontrar instrucións precisas para realizar este suxestivo e diferente paseo sonoro

Realmente é todo un mundo por explorar, se queredes profundizar no tema podedes visitar ou botar unha ollada a esta interesante páxina onde podedes realizar diversas viaxes sonoras ou construir a vosa propia paisaxe.

main_controlsonoro

Por desgraza, estes espazos sonoros ou de silencio tamén son vulnerables e fácilmente contaminados por ruídos que impiden a comunicación. Hai pouco tempo mencionábamos o controvertido uso do chamado Mosquito para disuadir á mocidade de frecuentar determinados lugares con sons desagradables que só eles poden escoitar. Vemos como o ruído pódese convertir nunha poderosa arma de control social e tamén nunha fonte de interminables problemas para as persoas que o soportan por diferentes circunstancias. Existen asociacións de activistas contra o ruído e sitios contra a contaminación acústica.

E para rematar podedes botar unha ollada a este interesante video gravado no Centro Galego de Arte Contemporánea onde 8 persoas cantan unha paisaxe sonora da cidade.


Friday, 20 March 2009

Discutindo a Divina Comedia con Dante

Titúlase “Discutindo a Divina Comedia con Dante” e é o cadro máis comentado na Rede. Pintárono en 2006 tres artistas taiwaneses pero foi en 2009 cando empezou a súa difusión copando portadas de webs e blogs ao redor do mundo. En trece metros cadrados de tea os autores representaron ata 103 personaxes influentes, segundo o seu criterio, na historia da humanidade. Aquí podemos atopar figuras tan dispares como Karl Marx, Elvis Presley, Bill Gates, Shakespeare ou Audrey Hepburn.
Os autores non identificaron os personaxes, por iso @s internautas dedicáronse a xogar ao quen é quen e suxerir nome e apelidos

A representación española é mais ben concisa. Entre tanta celebridade só atopamos a Salvador Dalí e a Pablo Picasso,

As que tamén quedaron relegadas a un segundo plano foron as mulleres (sorprendente?). De entre os 103 personaxes podemos atopar menos de dez mulleres, entre as que están Marilyn Monroe, a nai Teresa de Calcuta ou Margaret Thatcher.

Fonte "El Mundo"

Facendo clic na imaxe poderedes ver unha ampliación na que ao colocar o cursor sobre as figuras, estas aparecen identificadas e con ligazóns á Wikipedia. Para pasar un intre entretido se non tedes nada mellor que facer.

famous-faces-big_1367237a-765229

Sunday, 15 March 2009

the Black Cab Sessions

blackcab

.Unha idea curiosa: realizar unha gravación na parte de atrás dos populares taxis negros británicos mentres se fai un percorrido polas rúas dalgunha cidade. O reducido espazo limita os recursos escénicos e así se produce unha serie de sobrias gravacións de culto, dunha calidade máis que aceptable na maioría dos casos, que xa son moi populares e poden ser seguidas tanto na súa propia páxina como en You Tube. Tivemos información desta iniciativa no Pais Dixital.

Wednesday, 25 February 2009

Alarma mosquito

A capacidade auditiva vaise perdendo coa idade : é a chamada presbicusia, ou atrofia paulatina do oído. Unha variante moito máis benévola deste trastorno é a incapacidade que, parece ser, sufrimos todos desde idades relativamente temprás para escoitar os sons moi agudos. Baseándose nesta circunstancia hai un par de anos saíu ao mercado británico un curioso artefacto que emite un pitido totalmente inaudible para unha persoa de, digamos, máis de 25 anos, pero que é realmente molesto para un neno ou un adolescente. O invento, coñecido como Mosquito ou Alarma Mosquito comezou a ser utilizado con grande éxito en Gran Bretaña por propietarios de comercios nos lugares que determinados grupos de adolescentes adoitan frecuentar os fins de semana para provocar pelexas ou destrozos. Na actualidade tamén se comercializa en USA e Australia. O seu uso, como é obvio, non está exento de bastante polémica, pero ata agora, é perfectamente legal en países como o Reino Unido.

Con todo, os adolescentes xa atoparon unha utilidade inesperada deste son tan peculiar: ven detectándose o seu uso nos tons dos teléfonos celulares, de tal xeito que en sitios onde os móbiles están prohibido, estes tons só serían audibles para as persoas máis novas, pasando totalmente desapercibidos para os adultos presentes. Curioso e desconcertante.

Queres comprobar a túa idade auditiva?. Preme no mosquito e se non podes escoitar claramente un desagradable pitido, chama a algún adolescente o a algún neno pequeno e verás como di que por favor apagues iso rapidamente , e mirará desconcertado se ti dis que apenas o podes escoitar.

Saturday, 3 January 2009

MESTURAS: libros e tics, tradición e modernidade


Imaxinemos un espazo público (e privado, de pago, nada de Administracións) no que convivan tics, libros, o antigo e o moderno. Por exemplo un café no que haxa:
-Unha tv de plasma, coa voz baixiña e conectada con Mtv
-Un PC fixo por se alguén non trouxo o portátil, e conexión á rede
-Conexión inarámica para quen traia o portátil
-Taboleiro de anuncios: traballos, cuartos libres, trocos...
-Aparello de limpar zapatos automático (como o dos hoteis)
-Señor de oficio limpar zapatos co tradicional caixón de utensilios e vestido cunha camiseta que pon: bon in bed
-Surtido de xogos de mesa: xadrez, damas...
-Unha morea de xornais e revistas
-E o mellor de todo: UNHA BIBLIOTECA cun mangado de libros (en conexión coa biblioteca municipal), presidida por este lema: non deixe o libro arrefriar, o café pode esperar.
-E, claro, un bo café.
Pois todo isto é posíbel no Café Óscar en Guimaraes-rúa José Sampaio (Portugal) no que hoxe por uma bica (1 café só) pagamos, asómbrense,: 60 céntimos de euro.
Está claro que viaxando se aprende...

Tuesday, 2 December 2008

Soños de futuro

Sempre hai persoas que van por diante do seu tempo. Son eles e elas os que, imaxinándoo, fan posible un futuro mellor. Non vos perdades esta escolma de ilustracións de soñadores de tempos vindeiros.

vía wellmedicated

futuro3

futuro2


Tuesday, 4 November 2008

O cemiterio alegre



Hai moitas formas de achegarse á morte condicionadas todas elas pola cultura na que somos educados. Sen dúbida, perder a un ser querido produce dor, pero as formas de xestionar esa dor e a importancia que concedamos a segundo que aspectos tradúcese en manifestacións esencialmente diferentes.


Este cemiterio atópase no norte de Romanía na cidade de Sapanta, sobre os Montes Cárpatos. Chámano o “Cemiterio Alegre” , porque arrinca os sorrisos daqueles que o visitan. Non é un cemiterio calquera, é único no mundo, e está adornado con tallas de madeira, retratos artesanais personalizados dos mortos e epitafios alegres e irónicos nas lápidas.
Nesta terra de ebanistas, todas as tumbas foron talladas, pintadas de azul e decoradas co retrato do defunto, representándoo no seu traballo ou facendo o que máis lle gustaba na vida. E debaixo un epitafio, escrito en primeira persoa, que relata os rasgos máis relevante dos falecidos sempre en clave de humor.
As cruces pintadas en cores claras -azul, branco, verde e vermello- son monumentos de arte popular únicos en Europa, creados, na súa maioría, a partires de 1935 polo artesán Stan Ioan Patras e que na actualidade realizan os seus discípulos. Estes artesáns coñecen a todos os habitantes do pobo polo que non é difícil producir, no seu momento, o epitafio máis axeitado:

"Aquí descansa a miña sogra, se vivise outro ano máis, eu ocuparía o seu lugar"
"E outra cousa que moito me gustaba era sentarme á calor dunha taberna acompañado dun vaso de viño e unha muller sempre que fose a muller doutro."
"Aquí descanso eu chámome BRAIC ILEANA, cinco fillos tiven que deus a vida lles deu. GICA, que ti sexas perdoado se me apuñalaches cando viñeches borracho do pobo."
"Que ben estou na tumba no limiar da igrexa. Ti tamén virás aquí "
"Arde no inferno, maldito taxi que viñeches de Sibiu. Con todo o grande que é Romanía. Non puideches atopar outro lugar onde pararche?. Tivo que ser fronte á miña casa, para matarme?."
Como podedes ver, é difícil reprimir un sorriso. Unha boa forma de ver na morte unha aliada inevitable da vida


hai referencias a este cemiterio en axencias de viaxe e blogues de particulares. Por exemplo Desierto

Friday, 31 October 2008

Honrar os defuntos, as ánimas

.
Veñen uns días nos que a xente lembra especialmente os seus defuntos. Visítanse os cemiterios... Fíxense que na entrada ao adro e tamén cemiterio de moitas igrexas hai un enreixado, que sempre se facía moi incómodo para os zapatos de tacón das mulleres. Cal é a súa función? pois parece que era para que o calzado non levase para fóra a terra sagrada do adro. Este da foto que nos envía Xosé Manuel está en Buciños (Lugo) fronte á casa natal do famoso escultor.


.
Como o cemiterio quedaba lonxe hai moitos petos das ánimas para rezarlles e botar esmolas pola súa salvación. Este peto está en Trasar de Carballo (Lugo), seica na Fonsagrada hai algo similar e chámanlles santiñas. Estar calado coma un peto, din os vellos que é porque lle botas a esmola e ninguén che contesta nin che dá as grazas. Hoxe igual xa non se botan as cadeliñas no peto, pero a xente vainos restaurando porque os sente como algo de seu.

Tuesday, 21 October 2008

Dereitos de autor confusos

Chéganos hoxe a través do correo a curta gañadora no último Festival de Cannes celebrado no pasado mes de Maio. Esta Historia dun letrero pouco despois xeraría unha viva polémica ao ser acusado de plaxio o seu autor, o mexicano Alonso Alvarez Barreda por ser a historia que conta sorprendentemente parecida á do video que aparece en segundo lugar, "Una limosna, por favor" tamén presentado con anterioridade, na categoria de curtas de menos de 30 segundos de duración, noutro festival cinematográfico Notodofilmfest. O curioso é que o seu autor, o español Francisco Cuenca Alcaraz comentou non sentirse ofendido, nin moito menos plaxiado, porque tampouco el era o creador da idea orixinal, senón que ésta baseábase nunha historia anónima que circulaba pola rede. Cada vez máis difícil o tema este dos dereitos de autor. Miúda complicación.


Historia de un Letrero en Yahoo! Video

Saturday, 4 October 2008

Parkour



Sabedes que é o parkour?

Citamos da Wikipedia:

O parkour é unha disciplina que consiste en desprazarse polo medio urbano, superando os obstáculos que se presenten no teu percorrido da forma máis fluída e eficiente posible, e coas únicas posibilidades do corpo humano. Esta disciplina precisa unha gran preparación física para realizar os distintos movementos (saltos, escaladas, etc.) , pero ademais esixe unha mente decidida a superar os propios medos, unha gran concentración e un espírito forte. Para saber máis...

Prometemos información sobre unha interesantísima iniciativa baseada neste deporte .




Tuesday, 30 September 2008

Sinais


Para que logo digan que non temos un país ben sinalizado!!??
Esta morea de sinais están nunha curva moi curva curvada dunha estrada ben estreita... na parte luguesa dese centro fluvial que son Os Peares... ao fondo a ponte do ferrocarril e a ponte da estrada Ourense-Monforte e a ribiera ourensá do Miño/Sil.


O amigo Paulo é o autor desta foto tan ilustrativa.

Thursday, 25 September 2008

e-mails do século XIX




Curioseando polo blogue Curious expeditions informámonos do máis innovador e rápido sistema de mensaxería xa vixente a finais do s. XIX nalgunhas grandes cidades, como Paris e New York. Sen dúbida era a forma máis eficaz para enviar, por exemplo, unha urxente mensaxe de amor, unha especie de SMS do século pasado. Unha complexa rede de tubos que conectaba as zonas máis relevantes destas cidades facía posible este pequeno milagre. Os contenedores que transportaban as mensaxes desprazábanse velozmente duns puntos a outros por un sistema de aire comprimido. Lemos que nunha ocasión chegaron a enviar un gato vivo nun contenedor, que chegou en perfecto estado ao seu destino. O sistema daba a impresión de ser tan innovador e efectivo que moitos pensaban que, no futuro, podería transportar persoas e mercancias dun lugar a outro. Non só utilizábase para comunicar diferentes zonas das cidades, senon como sistema de comunicación entre as oficinas dos altos edificios de Manhattan. Ao poco tempo, con todo, o difícil mantemento da rede e o emprego doutros métodos fixo que fose caendo en decadencia.
.



Na biblioteca NY Humanities and Social Sciences queda en perfecto uso o fermoso exemplar da fotografía, que conecta os pedidos dos lectores cos sótanos onde se gardan os fondos. Alí, o libro localízase e vólvese a mandar á sá de lectura nunha especie de carriño accionado por un sistema de poleas.


Podedes facervos unha idea exacta do funcionamento nesta escea da película Besos robados de Truffaut

Friday, 5 September 2008

Reactable


Parécenos interesante esta noticia que acabamos de ler no País. O texto foi traducido ao galego.

"Reactable, unha mesa de sons creada por un equipo da Universidade Española Pompeu Fabra (UPF), recibiu o premio máis importante do mundo en arte dixital. O Golden Nica do festival Ars Electronica de Linz (Austria) Este premio na categoría de Música dixital é o máis prestixioso do mundo, algo así como un Oscar da arte electrónica, co que se recoñece este instrumento interactivo que aporta novas posibilidades sonoras e do que xa se namoraron artistas como a cantante islandesa Björk. O Reactable é unha mesa luminosa, redonda e de cor azul que interactúa cunhas formas xeométricas de plexiglás que, segundo a súa forma, posición e proximidade convértense en imaxes e son e que permiten crear estruturas sonoras complexas. O resultado deste particular alfabeto sonoro é, no visual e o musical, tan estético como hipnótico. O proxecto empezou a medrar en 2003 a partir dunha idea: "Imaxinemos o instrumento ideal para abordar a música feita con ordenador", explicou Jordà. "Levo media vida tocando música con ordenadores en directo, o suficiente tempo para saber que o fan ben e que poderían facelo moito mellor", indicou o investigador sobre o enfoque práctico que cobrou a idea desde un primeiro momento"


Logo buscamos en You Tube e voilà

Wednesday, 3 September 2008

Acordos

Hai un par de semanas escoitamos por casualidade que en The Pigs, un pub de Edgefield, pequena localidade británica, os seus propietarios aceptan cambiar as consumicións dos seus clientes por produtos alimenticios da zona. Así todos e todas se benefician: nestes tempos de crise as populares pintas de cervexa non afectan o orzamento familiar e, ao mesmo tempo, o menú do pub enriquécese con produtos frescos e locais de excelente calidade. Nestes intres acabamos de verificar a noticia e é rigorosamente certa como podedes comprobar ao botar unha ollada aos numerosos recortes de prensa colgados na web do establecemento: colas de clientes aportan todo tipo de froitas, carnes e peixes que os cociñeiros preparan para ledicia dos clientes.
.
A miña avóa vivía nunha pequena aldea de Toledo onde pasabamos os veráns de nenos e a min, que sempre fun habitante de cidades, sorprendíame ver como as mulleres apenas usaban diñeiro: polos, coellos, froitas e legumes simplemente cambiaban de man tras breves e cordiais acordos coas veciñas dictados pola necesidade do momento.

Related Posts with Thumbnails