A cantante saharauí Mariem Hassan foi agredida onte en Madrid por un grupo de cinco mozos que empezaron a increpala cando viron que vestía a melfa, traxe típico das mulleres da zona do Sahara Occidental que está fóra do control de Marrocos.
Mariem Hassan saía dunha cafetería xunto á bailarina e percusionista Vadiya Mint e o guitarrista Lamgaifri Brahim cando cinco cidadáns marroquís -segundo indicaron as insultadas-, tres mozos e dúas mozas, increparon ás mulleres pola súa vestimenta.
Os músicos que a acompañaban defenderon á artista dos agresores, que fuxiron nun taxi cando escoitaron o coche da policía.
Mariem Hassan, recentemente chegada de Italia, onde participou no festival WOMAD en Sicilia, atópase en Madrid gravando un novo disco.
A cantante, que é coñecida como "a voz do deserto", compón as letras das súas cancións en lingua hassiana -a lingua dos saharauís-, para dar voz a un pobo "inxustamente asoballado e perdido e que está farto de ser refuxiado", afirmou nunha entrevista concedida a EFE na primavera de 2007.
Hassan é todo un ídolo no seu país onde, segundo afirma, é escoitada "en segredo" porque a súa música está prohibida na zona "ocupada" do Sahara Occidental.
FONTE EFE
Non coñecíamos a Mariem Hassan. Este é o video que nos pareceu máis ilustrativo.