Showing posts with label BIBLIOTECAS ESCOLARES. Show all posts
Showing posts with label BIBLIOTECAS ESCOLARES. Show all posts

Tuesday, 27 March 2012

De novo Vide.

Voltamos de Vide coa convicción de que a experiencia do ano pasado non foi un espexismo. Realmente esta excepcional escola unitaria debería ser visita obrigada para todos aqueles que deixaron de confiar na capacidade dun mestre, dunha mestra neste caso, de conseguir crear cada día este pequeno milagre do que Vide está, e con razón, máis que orgulloso.

Estamos estes días a revisar a documentación do 1º Congreso Estatal de Educación no Medio Rural e lemos entre as súas interesantes conclusións:

Con esta mensaxe de que outra escola é posible, e non por iso menos comprometida coa calidade, coa excelencia, quedámonos. Con esta delicada pegada, en suma, que haberá que regar para que non murche, pois entre todos e todas poderemos achegar a realidade educativa á utopía da excelencia.


Esa excelencia é a que os nenos e nenas de Vide gozan cada día.
Que dure.

videret

Con textos e imaxes de Emilio Roca, Loly Lago e Toño Martínez, preparamos este pequeno agasallo ás boas xentes de Vide.
Esperamos que vos guste.

Mellor ver en modo pantalla completa ou F11

Tuesday, 2 November 2010

O tempo agasallado

Os días 29 e 30 de outubro celebráronse en  Santiago, no Pazo de Congresos, baixo o lema Variacións sobre a lectura os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. Unha vez máis tivemos a ocasión de asistir ás interesantes reflexións dos expertos e ás non menos meritorias e magníficas propostas dos responsables de bibliotecas bibliotecas escolares que, día a día, fan destes recursos aínda por definir dende a Administración, espazos vivos e innovadores sen apenas ter horas oficiais para acadar os seus ambiciosos obxectivos. E é que a xa histórica reivindicación da creación da figura da persoa responsable das bibliotecas escolares segue sen ser atendida pola Xunta

Reproducimos a entrevista ao presidente da Asociación Galega polas Bibliotecas escolares e a Lectura (Agabel), Antonio Martínez, aparecida en Galicia Hoxe

"Avanzamos moito, pero nos temas clave estamos igual que cando empezamos hai dez anos, e iso produce xa certo esgotamento. A nosa principal reivindicación é que sexa regulado un tempo de dedicación ás bibliotecas, que estamos asumindo os profesores, na maioría dos casos, de xeito voluntario e sen redución da nosa carga de traballo". Así resume o presidente da da Asociación Galega polas Bibliotecas escolares e a Lectura (Agabel), Antonio Martínez, a situación no sector, que este fin de semana celebra en Santiago un encontro, Variacións sobre a lectura, que reúne a máis 1.000 persoas.

"É importante lembrar que foi AGABEL a que demandou a creación dunha asesoría de bibliotecas escolares e a que reclamou a posta en funcionamento dun plan de mellora das mesmas", sinala este colectivo no seu documento de reivindicacións. Entre os avances, sinalan os recollidos en diferentes normativas, como a LOE, que alude, por primeira vez, expresamente ás bibliotecas escolares, ou os plans e ectividades sobre a lectura realizadas polas consellerías de Educación e Cultura, que son "moitos", salienta Martínez. "Temos que pensar que non sempre o Ministerio marca uns vieiros aceptables e Galicia ten competencias de seu para establecer un marco normativo máis axeitado", engade o documento, que demanda a regulación do modelo de Biblioteca Escolar para todos os centros de ensino, a creación da figura da persoa responsable da biblioteca escolar cunha redución suficiente da súa carga lectiva e a formación precisa, a creación do Departamento da Biblioteca Escolar para garantir a asignación de recursos económicos en todos os centros; a inclusión de mobiliario "axeitado" no catálogo de equipamento da Consellería, a mudanza dos parámetros sobre superficies mínimas.

"Nalgúns aspectos os galegos estamos entre os mellores de España: por exemplo, no uso de internet: as bibliotecas teñen blogs, están nas redes sociais... O Plan de Mellora das Bibliotecas, que é galego pero tamén recibe apoio do Ministerio, é un referente a escala estatal, e cada vez inclúe máis centros. O Plan LÍA 2010-2015 polo momento está baleiro de contidos. Inclúe as actividades que xa viña facendo a consellaría, que son moitas. Pero o máis importante é que nos dean tempo para traballar nas bibliotecas", di.

Thursday, 17 June 2010

Salvade as bibliotecas escolares

En Estados Unidos berran ¡salvade as bibliotecas escolares! probablemente, porque existen, porque o normal é que os centros teñan bibliotecas e bibliotecarios escolares. Noutros lugares habería que berrar mais ben que as creasen.
Non sei se son bos tempos para as bibliotecas escolares, pero parece que polo menos incertos. O vídeo pretende dramatizar unha situación posible se os recortes orzamentarios chegasen a colapsar os servizos. Un vídeo coidado e curioso, onde vemos as funcións da biblioteca escolar en todas as súas dimensións, desde o estudo asistido ao simple entretemento ou ao uso da biblioteca escolar como lugar de refuxio para o que a usa certo alumnado. Unha panoplia de funcións que dificilmente figuran ás veces nas funcións tópicas e típicas dunha biblioteca escolar e que constitúen parte da súa grandeza.


Tradución do vídeo:

Bibliotecas sanguentas
“As bibliotecas son fundamentais para o logro do estudante. A colección apoia o currículo e proporciona unha rica variedade de recursos de lectura a todos os estudantes e profesores.
“Regras da Biblioteca. Faga algo produtivo. Permita que outras persoas sexan produtivas. Sexa respectuoso coas demais persoas e os seus bens”.
Os distritos escolares en todo Estados Unidos están pechando coleccións. O valor dos activos da colección dun distrito escolar extenso pode superar os 300 millóns de dólares. Unha biblioteca pechada sen un bibliotecario será desposuída dos seus recursos e acabará desaparecendo. A clausura de bibliotecas escolares será unha catástrofe educativa e un desastre financiero”.
Unha dramatización do que sucederá cando os recortes orzamentarios mal concibidos pechen as bibliotecas escolares.

fonte AGABEL (Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura)

Bleeding Libraries from Laura Graff on Vimeo.

Monday, 24 May 2010

Mulleres de Vide

Onte coñecemos ás mulleres de Vide e realmente non sabemos que dicir sen caer en tópicos  pouco afortunados propios de quen chega de visita nunha tarde case demasiado perfecta para evitar o risco de análises  demasiado simplistas. Non imos falar da realidade destas mulleres que apenas somos quen de intuir pero si da súa xenerosidade ao dedicarnos unha tarde enteira do seu prezado tempo e cantar e bailar para nós. É imposible despedir a estas mulleres sen ter a sensación de ter asistido a un espectáculo privilexiado de gaitas e pandeiretas que falan de proxectos compartidos capaces de conseguir que calquera realidade, por dura que sexa, pódese volver máis luminosa se somos quen de aprender a coidar os uns dos outros. 
Da nosa anfitriona Sabela Lahuerta e da súa compañeira e  amiga Lurdes, que imos dicir. Toda nosa a admiración e afecto máis sinceiros. A visita á unitaria de Vide debería ser obrigatoria para todos os docentes.

Só hai que pasar de cando en vez polo  seu blog Cadernos de Vide para ter unha vaga idea do que alí cociñan día a día. Porque neste caso a realidade supera sobradamente o que o blog deixa intuír. Grazas a Loly polas imaxes que vos mostramos.

escolade vide
pandereteiras2

 

vide3

 

vide4

vide5

Tuesday, 18 May 2010

Prós novos que vein con forza

Desde logo que a xente galega lle quere ben á súa lingua, polos menos esas decenas de miles que non cansan, que se manifestan cada pouco en Santiago ateigando o Obradoiro e a mesma cidade. Tampouco cansa a nosa Xunta en teimar co Decreto de Bilingüismo por moito que todos os que consultou lle respondan que non pode ser así: a RAG, o Consello da Cultura, o Consello Escolar, case todos os sindicatos e partidos políticos; e por último ese demoledor informe do Consello Consultivo que bota abaixo a consulta aos pais e o meter o inglés polo medio. Farán caso algunha vez a todos os que non son Galicia Bilingüe?.  O mellor, como se ve no You Tube, é a morea de xente nova que había, festeiros e protestóns. Di Uxío Novoneira nun seu verso: prós novos que vein con forza. E non se engana. O futuro da lingua está neles... sábeno e onte mostrárono.

Monday, 17 May 2010

DEZASETE DE MAIO. DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Un cartel para o día das letras Galegas?
Que non caia nos tópicos? 
A ser posible que recolla os nosos intereses? 
Con estética nova e fresca?

Estasnos a pedir moito!!!! -pensamos todos nós, o alumnado de TIC, cando se nos fixo esta encomenda na clase.
Tiñamos que conseguir imaxes, mellor sen copyright, referentes ás artes que usan as palabras para crear  a cultura que define Galicia. Esta é máis que catedrais, máis que gaitas, máis que os xa consagrados autores. Costounos máis do esperado darnos conta que o teatro actual, as letras das cancións de todos os estilos musicais, as bandas deseñadas, as películas  e mesmo os nosos escritos conforman a riqueza cultural da sociedade galega e garanten a súa pervivencia no tempo, iso que chaman o relevo xeracional.
Si pero, como se mete iso nun cartel?
Por sorte tiñamos dous soportes, un, o tradicional papel, outro, un poster dixital, deses que teñen realidade na web e que suman imaxes, vídeos, sons.
O proceso foi daquela maneira. Un día ben, outro regular, un día tiñamos unha boa idea, e só era cuestión de controlar a técnica para facela efectiva. Outros días.... mellor non falar.
Resultou que a forma de traballo colectivo deu en resolver algún dos problemas: mentres un suxería unha cor ou estrutura diferente, outro buscaba ligazóns para contar con información complementaria, e unha cousa levaba á outra.
Coñecer as ferramentas informáticas é sen dúbida un apoio instrumental que favorece a creación. Niso estamos. Crear, imaxinar, deseñar o noso futuro cultural e vivencial.

Álvaro Caride-Tabares Sánchez
1º Bacharelato A
IES Sánchez Cantón
Pontevedra


Sara e Raquel ofrécenvos este cartel dixital

María comparte este outro

Benito e Álvaro fixeron isto para vos

Aquí tedes un regalo de Alejandro S. e Alberto

Cartel dixital ofrecido por Tanis e Javier
Iván e María crearon este cartel musical
Miguel e Javier idearon este

Aquí tedes un regalo de Antonio e Ismael

Cartel dixital ofrecido por Rodrigo e Óscar

Sabela e Zaida realizaron este poster

Manuel ideou este

Aquí tedes unha creación de Toni e Eloy
Glog ofrecido por Ana e Ester

Alejandro F. e Martín amósannos

Adrián e David ofrecen

Creación de Alejandro C. e Diego

Fran traballou neste

Grazas a
Álvaro gozamos deste poster

Saturday, 15 May 2010

Letras Galegas VII. Os poetas máis pequenos

Isto contan desde a biblioteca Escolar de Milladoriro. Malpica. Non podemos pechar esta escolma de materiais de tantos centros sen ter a sorte de gozar destas creacións.

“Estes foron os poemas que crearon os nenos e nenas de 6ºB a partir de un que escolleron de entre os de Os Eidos que fan referencia a estancias da casa.
Sorprendente a capacidade de creación. Sorprendente a búsqueda que fixeron nos seus sentimentos para poñerse en situación, para trasladarse emocionalmente.
Foi un placer estar estes días sumerxidos no mundo novoneyrano, volver a vista hacia dentro.
Propóñovos que os leades con atención. Son moi bos!”

 

Letras Galegas VII

E para rematar a escolma de materiais en torno a figura de Novoneyra queremos destacar moi  especialmente este documento do alumnado do ciclo de Agraria do IES de Arzúa. Non imos definir un traballo que non o precisa. Parabéns ás persoas que o fixeron posible.

Un agradecemento aos compañeir@s do ENL do CPI O Progreso de Catoira polos materiais que utilizamos formando parte da nosa decoración para a celebración das Letras no centro.

E  a recomendación de visitar a páxina da Asesoría de Bibliotecas Esolares de Galicia para ver maís materiais, entre eles o fermoso calendario do CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla (Lugo)

Friday, 14 May 2010

Letras Galegas VI

Desde o IES  Poeta Díaz Castro de Guitiriz chega esta interesante información acerca do documental

TEMPO DE ELEXÍA
MARÍA MARIÑO, ENTRE EUGENIO NOVO E NOVONEYRA

Tamén este traballo colaborativo das BIBES Galegas, neste caso da Biblioteca Escolar de  Vilán IES pedra da Aguia  e a do Segrel do Penedo en Fene.

E tamén dende o IES Afonso X O Sabio (Cambre) nos chega este libro que entregarán ao alumnado con motivo do Día das Letras

E a Webquest Uxío Novoneyra, traballo conxunto do Segrel do Penedo e BiblioAfonso.

Delio do CPI "Luís Díaz Moreno"-Baralla envía esta postal sonora con fotos do pobo de Novoneyra (Parada) e poemas seus referidos a ese tempo. O poema  "Fontiña do Carabel", na última diapositiva,  está musicado polo coro “Sólo voces” . É un fermoso agasallo.

Thursday, 13 May 2010

Letras Galegas V. Poemas á rúa

Escolma poética elaborada polo alumnado e profesorado participante na actividade "Poemas á Rúa" que terá lugar o vindeiro venres, 14 de maio, na Plaza do Concello de Fene con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Damos as grazas aos amigos do Segrel.

Tuesday, 11 May 2010

Letras Galegas IV. Novoneyra e a memoria histórica

Isto é o que relata Delio, o coordinador do CPI "Luís Díaz Moreno" de Baralla para introducira súa magnífica presentación:
“Desde neno escoitei unha historia aterradora que,  corenta anos despois,  Uxío retoma para facer un romance: "Manoel de Ribadaira" e así recuperar a memoria histórica. Como en moitos lugares de Galicia, e non só de Galicia, no Courel tamén se practicaban "paseos" contra aquelas persoas que estaban baixo sospeita. Manoel Cela foi unha delas.
No noso "cole" fixemos un traballo sobre este poema. Dividímolo en secuencias e unha compañeira do equipo de biblioteca fixo as ilustracións. Con ese material fixemos unha exposición. Para compartilo con vós, elaboramos esta presentación:”

Letras Galegas III

Outra escolma de poemas e imaxes en Biblioiris, a bitácora dos nosos bos veciños do IES Luís Seoane

LETRAS GALEGAS II

Desde Moaña, concretamente desde o CEIP de Quintenla, chega esta fermosa presentación de poemas para recitar.
.

Sunday, 9 May 2010

Letras Galegas I

Este curso celebraremos o Día das Letras Galegas dun xeito diferente. Ademáis das actividades organizadas polo ENDL das que iremos dando información durante os vindeiros días,  e dos eventos ao redor da iniciativa “Ben veñas Maio” imos celebrar un acto moi especial na biblioteca. Por qué “especial”? preguntaredes. Pois porque será un acto enteramente voso, onde un grupo de alumnado mostrará o que sodes capaces de facer e de crear desde as nosas proprias raíces e desde a nosa cultura que é única e irrepetible.

Polo momento imos comezar a publicación dunha serie de materiais sobre o poeta Uxío Novoneyra aos que temos acceso grazas, unha vez máis a xenerosidade das bibliotecas integradas no PLAMBE.

Dende o CEIP de Pazos (Ferrol), Chispa achéganos este fermoso cartel con motivo do Día das Letras.

Monday, 19 April 2010

Es de libro

esdelibro Es de libro é unha interesante iniciativa que coñecemos a través do relatorio de Puerto Menéndez, profesora de Matemáticas do IES número 5 de Avilés, durante as últimas xornadas do PLAMBE en Santiago. Desde Mesturas queremos felicitar, unha vez máis, á Asesoría de Bibliotecas Escolares pola organización e o interese e calidade dos diferentes relatorios.

Volvendo a Es de libro. Se visitades o seu portal poderedes pasar un intre moi entretido vendo os traballos premiados das últimas edicións e tamén botando unha ollada ás bases do concurso por se alguén se anima no futuro. Por que non?

O traballo Arte e Matemáticas,  realizado por un grupo de alumnos e alumnas e coordinado por Puerto Menéndez, foi merecedor dunha mención especial polo xurado na edición 2006-07.

Saturday, 30 January 2010

Materiais Día da Paz e Trafegando Ronseis

Queremos agradecer efusivamente a todos os centros polas súas marabillosas aportacións que tan xenerosamente comparten. Tamén, e moi especialmente aos nosos amigos de TRAFEGANDO RONSEIS, así, con letras maísculas, polo seu impagable esforzo de horas e horas de traballo empregado en recompilar e clasificar todos estes materiais para que o seu disfrute sexa tan doado e útil para todos e todas nós.

 peaceday

POMBA

POMBA

POMBA

DÍA DA PAZ I

DÍA DA PAZ II

DÍA DA PAZ III

POMBA

POMBA

POMBA

DÍA DA PAZ IV

DÍA DA PAZ V

DÍA DA PAZ VI

POMBA

POMBA

POMBA

DÍA DA PAZ VII

DÍA DA PAZ VIII

DÍA DA PAZ IX

Sunday, 29 November 2009

Bibliotecas Escolares Galegas na Voz de Galicia

Hoxe vemos como na Voz de Galicia se fala das bibliotecas escolares da nosa comunidade. Coméntase que son un referente para as bibliotecas escolares do resto do estado, e en Mesturas sabemos moi ben que iso é exactamente así porque o vemos e o comentamos cando viaxamos fóra de Galicia.
Recollemos o comentario a estos artigos como o publicaron os amigos do Segrel. Está de máis dicir que estamos de acordo con todas as súas precisións.

Hoxe na Voz de Galicia aparecen catro artigos onde se fala das Bibliotecas Escolares Galegas e o traballo que dende elas están a desenvolver os magníficos profesionais que están ao seu fronte e que fan posible que as nosas Bibes sexan punteiras en todo o estado.
Alégrounos moitísimo ver como dende este diaro se pon en valor a labor que as Bibes Galegas están a facer en prol da lectura e o seu fomento non só entre o alumnado senón entre os distintos membros das nosas comunidades educativas.

"Galicia a la cabeza de España en fomento de la lectura Juvenil" 
Fálase da experiencia dos clubs de lectura e como exemplo o IES Alexandre Bóveda
e Beni, a súa alma mater, das Mochilas Viaxeiras, e como non, do programa Hora de Ler que tantos e tan bos resultados está a dar non só en centros de primaria senón tamén nos de secundaria.

Benigno Nerga, Coordinador da Biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) comenta sobre o club de lectura:
«Este ano pedíronnos unha lista de a utores punteiros do século vinte, e elixiron para este trimestre a Steinbeck (La perla), Kafka (La metamorfosis) y Camus (El extranjero)» [...] «Xa lles dixemos que con estes autores acabouse o pesimismo por este curso»

Cristina Novoa, Asesora de Bibliotecas Escolares na Xunta, fala da experiencia do Programa Hora de Ler.hora_de_ler
«Mellórase o clima do centro , e como se fai normalmente despois do recreo é unha forma de resolver as tensións. Baixan radicalmente os conflictos»
«Nótase tanto que todos os profesores queren ter a súa clase despois da Hora de Ler»
Carmen Mazaira, como responsable do Proxecto Lectura Silenciosa Sostida no CEIP Pardo Bazán (Coruña), expón:

«...es muy saludable porque supone leer sin pedir nada a cambio, solo como ocio, para pasarlo bien»
«A veces vemos que en otros momentos del día, cuando hay un parón, algunos alumnos sacan el libro de su pupitre y se ponen a leer»

Nós, os docentes ao fronte das Bibliotecas Escolares Galegas, sabemos moi ben onde estamos e o papel que dende as Bibes como dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia se está a desenvolver. Unha Asesoria que sempre vai un paso por diante amosándonos o camiño a seguir e cuxo labor é ben coñecido non só no noso país senón fóra del. Máis xa ía sendo hora de que os medios de comunicación se fixeran eco do importantísimo papel que están a desenvolver as Bibliotecas Escolares Galegas dentro do sistema educativo galego.

Dende O Segrel, os nosos parabéns a Cristina Novoa, Carmen Mazaira e Benigno Nerga, magníficos embaixador@s das Bibes Galegas.

Grazas Segrel. Iso é exactamente o que queremos expresar tamén dende Mesturas.

Sunday, 8 November 2009

Ocaso o amanecer del bibliotecario?

Nesta excelente presentación Catuxa Seoane comparte as súas ideas coas que argumenta a existencia dun novo amencer para os profesionais da información. Se visitades o seu blog podedes ter acceso a máis materiais igualmente interesantes.

Aínda que somos conscientes que temos moitísmo por aprender esperamos ir na boa dirección.

Mellor ver a presentación en Pantalla completa.

Related Posts with Thumbnails