Showing posts with label COUSAS. Show all posts
Showing posts with label COUSAS. Show all posts

Friday, 22 February 2008

O tío Pancho

"Hoy se ha roto el último eslabón de la esclavitud!".
Este foi o berro que lanzou asomado á ventá da súa casa da aldea de Trasar (Lugo) o tío Pancho cando escoitou que se proclamara a 2ª República. Claro, o tío Pancho estivera en Cuba e alí aprendeu ideas novas coma tantos outros. Canto lle debemos os galegos a Cuba! (o himno, a Academia, escolas, centros, escritores...). E neste 2008 por fin a cultura galega pon o traxe das festas (como os cubanos o seu traxe branco e o chapeu que os distinguía na aldea) e asiste como convidada á Feira do Libro na Habana. E como é lóxico alá foi o mellorciño da nosa cultura para mostrar con fachenda o que somos hoxe. Mais non faltará quen se sinta escandalizado polo enorme gasto que isto supón. Por certo, e os escándalos de cando ían a América ringleiras de alcaldes e afíns a gastos pagos??? Ou cando se decidiu enterrar nese burato-monte de Santiago tantos millóns de euros? Quen lle dera ao tío Pancho (devanceiro dun profe colaborador desta biblioteca) estar na Habana hoxe, que orgullo sentiría!!! ... E pasa o mesmo cando se promociona a cultura escrita en castelán??? ou volvemos outra vez ao desprezo do noso???


Monday, 8 October 2007

Durmir nos cibercafés


O equipo de En Portada da TVE 2 visitou, nunha interesante reportaxe, os cibercafés de Tokio onde pasan a noite un número crecente de persoas, moitas delas mozos e mozas que teñen contratos de traballo que non lles permiten acceder a unha vivenda.
Estes cambios na supostamente próspera sociedade xaponesa cun dos máis altos niveis de vida do mundo, son consecuencia da introdución en Xapón da economía neoliberal que levou á aplicación de medidas que chocan coas características do modelo empresarial xaponés. A reportaxe de En Portada explica como a tradicional economía de Xapón, moi protexida polo estado, vive agora unha transición cara ao modelo liberal no que as empresas privadas teñen un maior protagonismo e liberdade de acción.
Moitos xaponeses están tamén enoxados pola deriva nacionalista e belicosa que tomou ultimamente a facción ultra conservadora do Partido Democrático Liberal. Este partido que goberna o país dende o final da segunda Guerra Mundial, quere potenciar as forzas armadas, e sancionou a máis de 400 mestres por negarse a cantar o himno nacional nas escolas públicas, algo que o goberno fixo obrigatorio.
Os centos de cibercafés que se reparten por Tokyo ofrecen tarifas nocturnas especiais por 1.500 yens (uns dez euros), inferiores ás das pensións máis baratas da capital. Neses tipos de establecementos, cunhas instalacións sempre dunha limpeza inmaculada, o usuario dispón dun pequeno cubículo privado cun cómodo sofá reclinable, televisión e un ordenador de mesa con conexión a Internet, no que tamén se poden ver películas e xogar cos videoxogos.

Ademais, moitos destes centros dispoñen de coleccións de DVD e de cómics manga, baños comúns, máquinas dispensadoras de bebidas e comida para os seus usuarios e ata sillón para masaxes. Algúns destes negocios, conscientes das necesidades dos novos 'refuxiados de Internet' -como se lles coñece en Xapón-, chegan a vender roupa interior para que poidan cambiarse.
Aquí podedes ver o aspecto destas pequenas habitacións totalmente equipadas, abertas as 24 horas e que contan cada día con máis demanda para pernoctar. Que vos parece?. Que horror!

Friday, 21 September 2007

A XOGAR !

Esta entrada vai adicada a todos os blogueir@s que se pasan por Mesturas e moi especialmente a tod@s os responsables das Bibliotecas Escolares que, dentro ou fóra do PLAMBE, aceptan a esforzada tarefa de convertelas en espazos acolledores e en recursos útiles. Estas inocentes persoas seguen sometidas a algunha estraña e esgotadora proba iniciática consistente en aumentar progresivamente os seus deberes mantendo ou reducindo as horas que poden adicar á súa, segundo os responsables políticos, encomiable labor. As probabilidades de éxito ante semellante reto son só comparables ás que esperan aos novos responsables da Coordinación das TICS, tarefa que resulta que non ten nada que ver con arranxar os computadores estragados. Ninguén pensou que se non van acompañadas de horas suficientes estas figuras e as súas importantes funcións quedarán desprestixiadas nos popios centros e non xerarán ningún tipo de confianza interna? A ninguén se lle ocorreu que, en moitos casos, toda esta montaxe pode dexenerar nunha simple etiqueta sen contido deseñada para que todos poidamos cobrar os prometidos complementos xa que "total só é cordinar un pouquiño o que se le" como dicía un compañeiro o outro día coa mellor intención do mundo?.


Como loitar contra imposibles produce ansiedade, propómosvos estes marabillosos xogos do deseñador californiano Ferry Halim. Teremos moitas máis posibilidades de éxito loitando contra estes animaliños e personaxes tan tenros que contra a Todopoderosa Administración. Relaxarannos a coidadísima estética, os tons pastel e as suaves melodías. Como imos tendo unha idade, tampouco é que sexan moi difíciles para poder darnos o gustazo de acadar unha puntuación razoable. Se son demasiado cursis para algún ludópata empedernido, sempre haberá algún menor de 12 anos que os saiba aprezar.


Feliz comezo de curso, queridos
compañeir@os.
.

Friday, 14 September 2007

Golfiños varados na meseta


É todo un honor para este blog o comentario da escritora Fátima Peón. Como podemos esquecer a alumna tan ilustre que se inspirou no noso centro para a súa novela Camposanto, por certo con moito éxito entre o alumnado actual! Que veña por aquí cando queira que este sempre será o seu instituto e a biblioteca a súa casa. Non esquecemos a última vez que se prestou a falar da súa o obra a uns cursos de 4º ESO e 2º BAC, velaquí a foto
E asemade aproveitamos para recomendar o seu interesante blog do trinque.
Saúde, Fátima, e que che vaia ben por Madrid.

Wednesday, 12 September 2007

Diferenzas

Onte líamos na prensa o entusiasmo de María Amelia, a internauta coruñesa de 95 anos que declaraba estar chea de vida e gozando de cada minuto que pasaba conectada á rede. Era case imposible non sorrir de admiración ao vela tan fresca, tan sedenta de información. Aquí tendes a ligazón do seu envexable blog, que recibe centos e centos de visitas de xente de todo o mundo e de todas as idades. Foi un agasallo do seu neto para celebrar o seu cumpreanos. Por certo, non vos perdades o vídeo.



Hoxe, en cambio, lemos a morte do Toro de la Vega, festexo declarado de interese turístico rexional pola Junta de Castilla y León. Entramos nesta páxina de denuncia onde se describe con detalle todo este ritual de morte e crueldade extremas. Entramos tamén nesta ligazón onde se defende a morte do animal con vehemencia en nome de non sabemos que estúpidas raíces e tradicións.



É certo que debemos construír entre todos sociedades plurais onde poidamos convivir malia as nosas diferenzas pero ás veces non podemos nin queremos ocultar o sorriso e a admiración que nos produce a enriquecedora vellez de Mº Amelia nin a repulsa e o noxo máis contundentes ante o Torneo del Toro de la Vega



Monday, 5 March 2007

UNHA DE CORES

É interesante ver como a simboloxía e o significado asociado ás cores varía coas diferentes culturas ou as distintas épocas. O outro día catalogando uns libros de francés, unha das profesoras deste departamento contaba a curiosa historia da aversión dos actores e o mundo do teatro en xeral a incluír a cor amarela no vestiario ou a decoración durante unha representación teatral. Esta é a historia:

A última obra de Moliere, destacado dramaturgo, actor e director francés do século XVII, titulouse "O enfermo imaxinario". O autor reservouse para si mesmo o papel principal, xa que de feito estaba doente: sufría unha avanzada tuberculose. Na cuarta representación da obra, o 17 de febreiro de 1673, Moliere sufriu un terrible ataque de tose. Tan forte tusiu que se lle rompeu unha vea e o seu traxe amarelo manchouse de sangue. Perdeu o coñecemento sobre o escenario e morreu unhas horas despois. A partir dese momento, vestirse de amarelo en escena pasou a ser sinónimo de mala sorte. O mundo do espectáculo ten as súas propias regras en canto á boa e a mala fortuna. Paradoxicamente, no teatro (e logo por extensión en calquera outro espectáculo), desexar sorte, din, dá mala sorte. Nesas circunstancias débese recorrer ao coñecido merde ( merda) cuestión que tamén ten a súa explicación racional: cando este costume empeza, eran épocas nas que as carruaxes e os cabalos eran o medio de locomoción por excelencia, ter moito excremento na porta do teatro representaba ter a sala chea cos propietarios deses animais.
Temos unha versión adaptada do Enfermo imaxinario e otros moitos e moi interesantes libros de francés recén mercados e catalogados. Agardan por vós.

Related Posts with Thumbnails