Showing posts with label MULTICULTURALIDADE. Show all posts
Showing posts with label MULTICULTURALIDADE. Show all posts

Friday, 30 April 2010

O «velo islámico» e o esprai

Magnífico artigo de Miguel Anxo Murado de hai só uns días

Sábado 24 de abril de 2010

A miña avoa Aurelia levaba o velo islámico en Meira, cando ía sachar as patacas. Non era un velo islámico, claro está, como tampouco o é o desa rapariga musulmá de Pozuelo. O velo tapa a cara, e iso non é máis que un pano de cabeza. Tampouco é necesariamente islámico, porque pode levarse por moitos motivos. Esta rapaza, por exemplo, lévao por rebeldía. Rebeldía contra un colexio pijo de Pozuelo. Só é un símbolo de «submisión da muller», como din eses expertos amateurs que saíron de repente, se a muller resulta ser submisa. Senón, non. Tamén o anel de casada simboliza a submisión da muller ao varón, pero acabou sendo un simple costume. O pano de cabeza nin sequera ten significado relixioso en si. Como todas as crenzas antigas, o islam é conservador e moralista, ás veces reaccionario; e igual que para moitos pais é escandaloso que as fillas mostren as pernas ou o embigo, para moitos musulmáns conservadores, homes e mulleres, o cabelo feminino é demasiado erótico para mostralo. É unha cuestión de moral, non de fe. Persoalmente, non me van eses puritanismos, pero non vexo que se poidan regular por lei e, por poñer un caso, facer obrigatorio o topless nas praias ou impoñer por decreto a minifalda en centros públicos.

Mais non son ningún inxenuo, e vostede que me le, tampouco. Ambos os dous sabemos que o debate é insincero, e non ten nada que ver co laicismo nin coa igualdade da muller. É máis simple: unha parte importante da cidadanía teme ós estranxeiros, especialmente ós árabes, e sente satisfacción de ver como se limita a súa visibilidade, coma se iso fose limitar a súa presenza. Moitas destas persoas queren verse como progresistas , polo que se refuxian nunha argumentación laicista que lles permite disimular esta xenofobia. Outros son católicos que, para evitar alimentar precisamente o laicismo, adoptan un feminismo igualmente impostado. Resulta patético nos dous casos, pero a pseudopolémica cumpre tamén unha función terapéutica: permítelles a uns e outros expresar sen medo esa xenofobia que todos levamos dentro (e que tampouco é tan grande como se di ás veces), e reciclala nunha sisuda reflexión sobre os dereitos e deberes do individuo. Ata que veñen os da extrema dereita e pintan con esprai frases de verdade racistas nas paredes do centro de Pozuelo. Daquela, faise un silencio incómodo; como cando alguén ve que lle leron o pensamento. É só entón cando a maioría comprende que non hai alternativa a convivir.

La Voz de Galicia

Sunday, 14 December 2008

Modou

Queremos dedicar esta entrada de Mesturas a Modou. Modou Gueye é senegalés e leva un ano connosco. Vese axiña que é moi listo, pero non debe ser doado ser o único alumno subsahariano do centro e chegar falando só wolof. Modou aprendeu moito durante este ano pero aínda así ás veces prodúcense algúns malentendidos como o outro día cando chegou á súa clase e descubriu que os seus compañeiros e compañeiras xa se foran a unha sesión de cine. Entón baixou á biblioteca, onde o coñecemos ben e vimos que, aínda que sorría como sempre e dicía que non importaba, estaba enfadado. Facendo unha excepción, paramos o traballo e baixamos uns cafés e unha cocacola para el. Empezamos a falar de música. Preguntámoslle por Ismael Lo, vimos que non lle gustaba moito. Falámoslle de Tajabone, unha das súas cancións e enseguida nos demos conta de que a Modou esa canción en concreto non lle gusta nada, pero nada de nada. Entón contounos que o seu cantante favorito é Alione Mbale Nder, xa doutra xeración, e falounos da súa canción preferida. Pedímoslle que escribise a letra, en wolof. Sorri e di, ou iso cremos entender, que esa variedade de wolof non se adoita escribir. Modou pronuncia o nome do cantante dunha forma que nos levaría meses imitar. Pedímoslle que, polo menos, nos conte que di a canción. Modou sorrí de novo e di que por suposto é unha canción de amor. Para tod@s os lectores de Mesturas, e moi especialmente para el, os videos das dúas cancións.


Thursday, 27 November 2008

Pequena investigación do alumnado: O cemiterio de arte popular de Sapanta. Romanía

Un grupo de profesorado do centro estamos a recompilar materiais para elaborar un proxecto didáctico que recolla, entre outras facetas, as diversas formas de xestionar a morte e o do nas diferentes culturas. Temos a grande sorte de contar entre nós a alumna Mihaela Olinca procedente de Romanía. Cando foi informada de que publicaramos un video sobre o cemiterio de arte popular de Sapanta, ofreceuse a traducir algúns dos epitafios que aparecían nas imaxes.
Colaboraron na versión ao galego os alumnos Davely María Concepción e Andrés Hernán . Queremos dar as grazas a este grupo de alumnado e ao seu profesor Xose Lois Janeiro, por tan valiosa colaboración.
Dende Mesturas, quedamos á expectativa de futuras colaboracións que serán sempre benvidas

DSC00691[1]

....

.

,

,.

"Aquí eu descanso. Chámome Bodnarion. Cando eu vivía no mundo, traballaba nunha fábrica como carpinteiro. Iso gustábame moito nesta vida. Cando eu vivía a min coidáronme ben, eu divertíame moito cos que atopaba, pero a morte co seu feo nome levoume xove do mundo, nunha desgrazada noite que rematou coa miña vida".

,

,

.......

...............

........

...........

...

...................,DSC00687[1]

...

.

"Cando eu era pequeno, Jon Suht díxome que eu ía ter un traballo de tractorista. Gustoume moito. Deixo sós os meus fillos, a miña muller e os meus pais, para chorárenme coas súas bágoas de pais. E agora, muller miña, has coidar os nenos igual, con alma de pais, porque agora ti es nai e pai. Para sempre vas ficar apenada".

....

....

....

....

....

....

.....

..DSC00685[1]

"Curta vida eu tiña antes de me soterrar, pero en todos os días da miña vida me gustou ir á igrexa a cantar en coro a deus. Eu rezaba e o meu home enfermou e axiña me deixou. Quedei con tres nenos e só deus sabe canto traballei para os criar e facer deles boas persoas na vila."

DSC00686[1]

"Aquí eu repouso. Chámome Ion Turda. Eu vivía ben, tiña seis fillos, crieinos ben a todos eles. Gustoume moito traballar. No verán segaba herba. Os meus queridos fillos e a miña querida muller que deus os bendiga. "
Vivíu setenta e un anos 1920-1991.

Podedes ver todas as imaxes ampliadas. Imaxes vía Desierto

E para rematar a traducción dalgunhas das lápidas que aparecen no video: ..





Cemiterio de arte popular na vila de Sapanta.
Creado por Ion Patras Stan desde o ano 1935.

"Aquí repouso. Chámome Holdis Dumitru".
Viviu 45 anos. Morreu de morte violenta en 1958.

"Aquí eu repouso. Chámome Stelica Toader. Cando eu vivía gustábame moito o monte coas miñas ovellas e tocar a miña trompeta. O meu corazón estaba só e as ovellas todas beaban e os cans ouveaban. Todos quedaban mirando. Eu desexo o mellor ás ovellas. Cando eu deixei a miña vida tiña 71 anos en 1971".

"Aquí repouso. Chámome Stan George. Pobre da miña vida. Cando eu estaba no campo, o santo Ilie fulminoume cun raio. Meu pai quedou triste e pobre. A miña nai nunca me esqueceu."
Morreu moi novo aos 19 anos en 1954.

TRADUCIÓN DO RUMANO AO GALEGO :
MIHAELA OLINCA (Romanía)
AXUDARON NA VERSIÓN EN GALEGO:

DAVELY MARÍA CONCEPCIÓN (República Dominicana)
ANDRÉS HERNÁN (Colombia)

GRAZAS POR UN TRABALLO TAN INTERESANTE E TAN BEN FEITO!!!

Thursday, 26 June 2008

Retratos

Unha excelente colección de retratos que reflicten xestos cotiáns tan familiares que nos convencen unha vez máis de que o racismo é probablemente a maior infamia de calquera cultura cara a calquera outra.

Recomendamos que utilices a función de pantalla completa para ver o documento

Thursday, 19 June 2008

Sobremesas doces e solidarias


Desde FAIRTRADE-Comercio Xusto chéganos o novo libro de receitas Postres doces e solidarios. Este receitario de sobremesas elaboradas a base de ingredientes de Comercio Xusto foi redactado por FAIRTRADE e contén moito máis que só receitas de sobremesas (que por certo, son realmente deliciosas). O libro permítenos coñecer a realidade detrás dos ingredientes que usamos na elaboración destas sobremesas: podemos coñecer como se cultiva a cana de azucre desde hai miles de anos ou como os membros de Kuapa Kokoo, unha cooperativa en Ghana, cultivan o cacao e en que invisten os ingresos adicionais tan necesarios que lles proporciona esta forma alternativa de comercio... o libro pódese adquirir nas tendas de comercio xusto ou pódese descargar de forma gratuita. A verdade é que as sobremesas teñen un aspecto do máis apetecible.

Monday, 7 April 2008

Baraka

No ano 1992 o cineasta norteamericano Ron Fricke estreou "Baraka", unha das películas documentais máis impactantes das últimas décadas. O termo baraka é unha antiga voz sufí que significa "alento vital". Con esta obra, filmada ao longo de varios anos en máis de 24 países por todo o globo, Fricke pretendeu ilustrar a tensa relación existente entre o planeta e o ser humano. Para conseguilo non dubidou en contrastar imaxes de fondo calado estético e grande beleza con secuencias nas que queda patente a brutal e ás veces daniña natureza humana. Ademais, Fricke decidiu non incluír ningún tipo de rótulo ou voz en off: as imaxes debían falar por si soas, convidando ao espectador a un exercicio de reflexión e análise constante. Limitouse a remarcar as imaxes coa música de grandes nomes do panorama sonoro contemporáneo, entre eles a do xaponés Somei Satoh, os chilenos Inkuyo ou os australianos Dead Can Dance, responsables da música que ilustra o primeiro fragmento que vos presentamos.
vía Biblogteka Filosofía.Sánchez Cantón


Monday, 31 March 2008

Adeus aos rickshaws



Que pensas de viaxar nun vehículo tirado por outro ser humano?

Calcuta modernízase, empezan a despuntar os altos edificios de negocios e os centros comerciais . Desde 2001 cambiou o seu nome oficialmente por Kolkata e a pesares de que a Nai Teresa uniuna a imaxes de miseria, o certo é que é unha cidade emerxente e un dos centros intelectuais e culturais máis ricos da India. As autoridades da cidade coñecida polas tres eMes: Marxismo, Mother Calcuta, e Mishti, un polular iogurte endulzado, parecen inclinarse pola opción de eliminar os rickshaws, que circulan na India desde hai máis de 100 anos, e están relacioados no imaxinario colectivo co pasado colonial deste país.
Invitámosche a ver a magnífica reportaxe da prestixiosa fotógrafa Ami Vitale, que penetra na durísima vida dos condutores de rickshaws ou wallahs. Proceden na súa maioría do estado de Bishar, unha das zona máis pobres da India. O seu día empeza cedo, antes das 5 da mañá. Levántanse, toman unha ducha e un té, nunha especia de galpón ou dera onde viven xunto aos seus vehículos e outros condutores sen ningún tipo de comodidades nin intimidade. Fan unha breve pausa sobre as 11 para tomar algún alimento cociñado de forma comunitaria e descansar un intre, logo continúan ata as 11 da noite. Algúns traen ás súas familias a vivir con eles nestas naves en condicións precarias, doutro xeito apenas se verían unha vez ao ano pois os seus ingresos non lles permiten desprazarse ata os seus lugares de orixe. Non teñen forma de enviar aos seus fillos ao colexio, co que estes se verán obrigados a desempeñar o mesmo ou parecido traballo. Os seus clientes?: nenos e nenas aos que levan diariamente ao colexio con todo coidado, eles que apenas ven aos seus fillos. As familias confían totalmente nestes homes e contrátanlles durante todo o curso para desempeñar esta tarefa. Tamén traballan para os comerciantes dos grandes mercados aos que axudan co transporte de mercancías polo complicado labirinto de rúas da cidade. Imprescindibles nos grandes festivais relixiosos para desprazarse entre a multitude, probablemente a época de traballo máis dura para eles, pero tamén na que sacan un beneficio maior sexa a tempada de choivas monzónicas: literalmente chégalles a auga ao peito en moitas ocasións debido ao deficiente sistema de rede de sumidoiros dalgunhas das zonas da cidade. Estes homes din sentirse orgullosos do seu durísimo traballo que é o seu único medio de vida.
En varias ocasións as autoridades ameazaron coa supresión deste duro oficio pero nunca se decidiron do todo, mentres tanto eles seguen transportando pasaxeiros coñecendo ata o máis mínimo detalle do pavimento das rúas por onde transitan para evitar lesións: sería a súa ruína definitiva.
fonte: National Geographic
fotos : Ami Vitale.

Saturday, 16 February 2008

Cosméticos indios


O BINDU, punto vermello que levan as mulleres indias casadas na fronte, forma parte do ritual do matrimonio e é colocado polo noivo durante a cerimonia. Suponse que desde ese momento hai unha conexión vital entre os desposados, por iso no momento da morte do marido tradicionalmente desposuíase á viúva de adornos, pulseiras e brazaletes e tamén se borraba ese punto vermello. Na actualidade úsanse diversos cosméticos en lugar da tradicional cúrcuma de limón, e ata está de moda levar o bindu do mesma cor que o vestido.

Este é un divertido anuncio de cosméticos que á vez parodia estes rituais tradicionais.


Friday, 14 December 2007

Cantosnamaré



Como proposta para o sábado e por se alguén se anima a vir a Pontevedra, mañá día 15 hai un concerto de Cantos na Maré, que como sabedes pretende trazar un mapa común entre os diversos territorios da lusofonía a base de ritmos, sons e melodías. Interveñen, Uxía e Mercedes Peón ás que tod@s coñecemos e tamén por Brasil Ceumar, Nancy Vieira de Cabo Verde, Paulo Flores de Angola e JP Simoes de Portugal.
Xa non é posible adquirir entradas por venda anticipada pero aínda tedes o sabado de 11,00 a 14,00 no Teatro Principal e de 19,30 ao comezo do espectáculo no Pazo da Cultura.

Son 11 euros. Animádevos que promete ser interesante.

Thursday, 8 November 2007

Mbudi Mbudi na mangha



Queremos recomendar un libro que acabamos de adquirir para a biblioteca. Trátase da obra Mbudi Mbudi na mhanga do etnomusicólogo e investigador Polo Vallejo. Deixámosvos a súa páxina persoal onde podedes atopar información sobre a seu curriculum e sobre o libro que acabamos de recomendar. Tamén escoitar algúns pequenos fragmentos da súa obra. De verdade que paga a pena.

Tuesday, 16 October 2007

Cancións do mundo

Hoxe queremos recomendar a excelente colección Un Libro, un CD, Ed Kókinos que ofrece tres repertorios de cancións populares infantís en tres preciosos volumes ilustrados, con texto bilingüe, acompañados por un CD no que se recollen unha trintena de cancións.
Os seus títulos: Á sombra da oliveira (adicada ao Magreb e con textos en árabe e español), Cancioneiro infantil do papagaio . (cancións de Brasil e Portugal, en portugués/español) e Cancións infantís e nanas do baobab (adicada á África negra e con textos en español e nunha decena de linguas africanas). A profesora de música está encantada e pensando en todas a cousas que poderá facer con eles.


Ao final do libro todos os textos das cancións están comentados, explicando os seus referentes culturais, Por exemplo: ulah xaulah .

"Esta canción de berce de refinadísima melodía cántase dun xeito semellante á música árabe andaluza. O arrolo da nai, xunto coas palabras amorosas e repetitivas en forma de ladaíña, envolven ao neno en caricias..."

Monday, 14 May 2007

CÓMICS AFRICANOS???

.
Un tambor sinala o comezo da cerimonia: un grupo de nenas vai ser sometido ao cruel ritual da ablación. A máis valente casará co príncipe. Uns días logo da cermeonia dúas nenas morren de infección. Oulai, a pequena que casa co príncipe, falecerá ao dar a luz o seu primeiro fillo. Esta é a historia que oe contar a súa neta, e sente terror porque ela xa case ten a mesma idade pero a súa nai promételle que nunca o permitirá...
Este é o argumento de Oulaï: para que a ablación remate, un relato sobre a mutilación xenital, por Cisse Samba Ndar.
Hai unha nova e prometedora xeración de autores africanos con gran preocupación polos temas sociais e políticos: situación das mulleres. corrupción, dereitos humanos, emigración. Utilizan este medio para reflectir a deseperación, pero tamén a esperanza e o humor da vida diaria de África.
Aquí podedes ver unha pequena mostra dalgúns dos debuxantes máis famosos dese mundo tan descoñecido que é o cómic africano.

Thursday, 10 May 2007

FASHION MADE IN AFRICA


O adorno corporal, o coidado pola estética, a miúdo proporcionan unha valiosa información acerca das culturas africanas e os seus complexos elementos simbólicos, históricos, políticos e relixiosos.
A arte do adorno corporal ten unha especial relevancia na África subsahariana, ben sexa utilizando o propio corpo como soporte: tatuaxes, escarificacións, pintura corporal, elaborados peiteados etc., ou ben utilizando outros elementos que embelecen o corpo: vestidos e xoias
Estes elementos ofrecen ós individuos a oportunidade de elaboraren a súa presentación diante do resto da comunidade, do resto do mundo. Na África subsahariana constitúen un poderoso soporte visual que mesmo chega a representar correntes culturais ou identidades nacionais nos modernos estados africanos multiétnicos.

.
Non é, por tanto, estraño constatar no mundo da moda un claro expoñente da crecente capacidade das mulleres africanas para organizar empresas en alza. Invitámosvos a botar unha ollada ás creacións de dúas deseñadoras senegalesas recoñecidas e varias veces galardoadas no esixente mundo da alta costura Claire Kane e Oumou Sy

Wednesday, 9 May 2007

SENEGAL: UN BONITO SORRISO

Certamente o problema da emigración e da miseria en Senegal é grave, e por desgracia non o único. Cando oímos falar de Senegal a meirande parte das veces é asociado aos caiucos, pero alí hai outras persoas que traballan, innovan e que fan arte como a cineasta Angéla Diabang Brener (foto da esquerda), gañadora de varios premios coa súa curtametraxe Mon beau sourire , no que plasma o ritual do tatuaxe de enxivas , práctica que levan a cabo algunhas mulleres senegalesas para acadar un sorriso máis estético con brancos dentes destacando sobre as enxivas azuis. Angéla recoñece que un dos seus obxectivos é amosar o que as mulleres son quen de facer con tal de dar pracer aos homes.
Seguro que podíamos facer unha longa lista de cousas dolorosas que facemos as mulleres occidentais por parecer máis fermosas segundo os canons de beleza dominantes.

Monday, 7 May 2007

OS NENOS DO PAÍS ONDE NACEN OS CAIUCOS

En Senegal, o país da teranga (hospitalidade en wolof ), os caiucos convertéronse na única esperanza para miles de persoas. O perfil dos viaxeiros case sempre é o mesmo: nenos de once a quince anos e homes que non superan os corenta. As mulleres senegalesas non viaxan. As que o fan adoitan ser doutros países.
Cada vez chegan máis menores senegaleses ás costas canarias. Un dato que é comprensible porque a maioría deses rapaces non teñen temor: moitos deles son pescadores, están afeitos á auga e non senten medo. Por se fora pouco, as súas familias prefiren velos marchar, a pesares do tremendo perigo que supón para eles a longa travesía, antes que a certeza da fame e a necesidade.
A vaga de caiucos vaise incrementar con toda probabilidade e cada vez se embarcarán máis nenos que chegarán exhaustos, cando non mortos, ás nosas costas. Non podemos esperar outra cousa se temos en conta unhas cifras que paralizan o corazón: só no distrito de Pikin, ao sur de Dakar calcúlase que uns 100.000 rapaces e rapazas viven en condicións de miseria extrema. Moitos deambulan pola rúa, condenados a padeceren enfermidades, incluída a sida, e a sufrir todo tipo de abusos sexuais.

Convidámosvos a escoitar BOROM GAAL, do cantante senegalés Youssou N'Dour, pero coidado, non vos deixedes enganar pola súa melodía tan pegadiza que parece que só invita a bailar e sorrir. A letra da canción, en wolof, fala do cruel océano e de todas as vítimas que se cobra entre aqueles que perseguen o incerto soño de chegar ás costas españolas á procura dun futuro mellor.

Wednesday, 25 April 2007

ESES PACIENTES MESTRES XAPONESES...

Se premedes aquí, podedes ver con detalle a gran onda, ameazante e escumosa, a piques de destruír coa súa forza as pequenas embarcacións. Esta é TSUNAMI, a obra máis coñecida do famoso pintor e gravador xaponés Hokusai 1760-1840, que por certo cuñou o termo manga xa en 1814, nada menos. Manga quere dicir bosquexo, debuxo apresurado. Aquí tendes un pequeno exemplo dun dos manga de Hokusai que mostra a súa pericia para captar os movementos do corpo. Aos 89 morreu "o vello enfadado coa pintura", como el mesmo se definía, sen satisfacer a procura da última verdade sobre esta arte. Quince anos antes escribira:
.
"[...] á idade de cinco anos tiña a teima de facer trazos das cousas. Á idade de 50 producira un gran número de debuxos, con todo, ningún tiña un verdadeiro mérito ata a idade de 70 anos. Aos 73 finalmente aprendín algo sobre a calidade verdadeira das cousas, paxaros, animais, insectos, peixes, as herbas ou as árbores. Polo tanto á idade de 80 anos faría un certo progreso, aos 90 penetraría o significado máis profundo das cousas, aos 100 faría realmente marabillas e aos 110, cada punto, cada liña, posuirá vida propia [...]"
.
Nestes tempos de présas e esixencias de resultados inmediatos, non está mal un pouco da sabia filosofía de Hokusai. Esta é unha das mellores ligazóns que atopamos na rede para que disfrutedes da súa obra. Os seus gravados foron importados a París a mediados do século XIX. Entre os seus admiradores podemos citar aos impresionistas Degas, Monet e Toulousse-Lautrec.
Tivo un magnífico seguidor no seu discípulo Hiroshige
..

Sunday, 15 April 2007

A DAY IN THE LIFE OF AFRICA


Enlazando coa entrada anterior non resistimos a tentación de facer unha nova referencia a ÁFRICA, sen dúbida, o continente máis descoñecido e esquecido. Se mirades o mapa da esquerda veredes dunha forma moi gráfica a inmensidade da súa extensión. Propoñémosvos un xogo. Cantos dos preto de 60 países africanos saberiades colocar?. Podedes entretervos un intre facendo clik nesta ligazón.
.
Conscientes da dificultade de nin tan sequera poder esbozar unha análise mínimamente precisa da diversa e complexísima realidade africana, a empresa OLYMPUS enviou, hai 4 anos, a 100 dos fotógrafos máis reputados a nivel mundial e repartiunos por todos os países africanos para facer fotos durante un día enteiro intentando, deste xeito, captar en imaxes parte da súa esencia. O proxecto chámase "A day in the life of Africa" Con este incrible material fotográfico editouse un libro. Os beneficios da súa venda doáronse a varias fundacións que loitan contra a sida. Podedes ver parte do impresionante resultado nesta ligazón. Hai máis de cen magníficas fotografías. Paga a pena.
..

Thursday, 12 April 2007

MENOS LINGUAS QUE EN BABEL?

Coñecedes a historia de Babel? Se premes na imaxe poderás ver ampliado o famoso zigurat recreado por Brueghel. Desde a súa mención na Biblia, o nome de Babel sempre estará indisolublemente vencellado á diversidade das linguas que se falan no mundo. Pois ben, segundo a UNESCO estes son algúns datos acerca da situación das linguas na actualidade:

- Máis do 50% das 6.000 linguas do mundo corren perigo de desapareceren.
- O 96% das 6.000 linguas que hai no mundo son faladas por só o 4% da poboación mundial.
- O 90% das linguas do mundo non están representadas en Internet.
- Unha lingua máis ou menos desaparece cada dúas semanas.
- O 80 % das linguas africanas carecen de trascripción escrita.

Como unha pequena homenaxe a estas linguas africanas invitámosvos a escoitar Tajabone, unha fermosa e evocadora canción do cantante senegalés
Ismael Lo
. Poderás escoitar wolof, a língua vehicular máis importante do Senegal. Tajabone fala dunha festividade musulmana, ao rematar o Ramadán, na que os nenos e as nenas cambian as súas ropas e recollen doces e comida. Por curiosidade, estas son as primerias estrofas:

Tajabone beni tajabone
Tajabone beni tajabone
Habdu buhu yamba, nyari malaïka

Rhawe hekiko darum siserum
momu muhu dida neka mukedinga
momu muhu dida neka muhonga (bis)

Tajabone beni tajabone
Tajabone beni tajabone
Wele, Wele, Wele
Wele Abdu nyamba ...wele
Nyari malaïka ...wele
Sika ule yowe ...wele Dari siserum ... wele munina ...wele eka muninga...wele munina ...wele eka muhola...wele ah ah ah ...Tajabone.

Tuesday, 20 March 2007

DÍA INTERNACIONAL DA POESIA. BAGHDAD BURNING

No DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA, e cando se cumpren 4 anos do inicio da guerra de Iraq, propoñémosvos tres poemas e unha recomendación:

O primeiro poema

Desde o lonxe saúdo a túa ribeira, ¡oh Tigris! dono de xardíns
Sedento saúdo a túa ribeira, buscándote cal buscan as pombas
entre a auga, entre a lama.
Tigris, por sempre fortificado
con cidades de miseria,
cos teus mártires que, de tumba en tumba
ven como a túa estrela sangra.
Bagdad, non es máis que un cemiterio para os teus seres queridos.
Bagdad, o meu poema de amor extraviado.
Al-Bayati


Al-Bayati de nacionalidade iraquí, naceu en Bagdag en 1926 e foi amigo de Rafael Alberti. É unha das catro grandes voces que gozan dun merecido respecto e admiración no mundo árabe, se ben son moi pouco coñecidas en Europa. Son o poeta palestino Mahmoud Darwish, o sirio nacionalizado libanés Alí Nizar e o sirio Nizar Quabani. .
De Nizar Quabani é o seguinte fragmento do poema "Lección de debuxo"
..
O meu fillo senta a carón da miña cama
.E pídeme que lle recite un poema,
unha bágoa cae dos meus ollos á almofada.
O meu fillo próbaa, abraiado, dicindo:
"¡Pero esta é unha bágoa, pai, non un poema!"
E eu dígolle:
"Cando medres, meu fillo,
e leas o diván de poesía árabe,
descubrirás que a palabra e a bágoa son irmás
e o poema árabe
non é máis que unha bágoa chorada polos dedos que a escriben".

O meu fillo pon as súas plumas, a súa caixa de xiz fronte a min
e pídeme que lle debuxe unha patria.
Entón o pincel treme nas miñas mans
E bótome a chorar.

.
O terceiro é o fermoso poema de Benítez Reyes.
...


Siempre ha tenido el más hermoso nombre de ciudad.
En los cuentos exactos de la infancia
Era el confín nativo de un ladrón,
Un extraño lugar con hombres raros,
Tocados con turbante, a lomos de caballos presurosos.
Hoy es sólo un desierto en que brillan estrellas violentas.
Bombardeada tierra, en fin, de las imaginaciones,
desdichada Bagdad,
..Yo que te imaginaba fulgente por tus cúpulas de oro...
( Una forma de profanación. Escaparate de venenos, 2000)
..

A recomendación é unha visita ao blog Bagdag en llamas, tradución ao español da bitácora Baghdad Burning, mantida por Riverbend pseudónimo dunha rapaza iraquiana. Extraordinario documento da sinrazón dunha guerra tan real como a de Irak. Que a cronista sexa unha xove muller iraquí culta -é informática- que se relaciona co mundo por Internet métenos a todos no horror máis cotián onde conta as experiencias dela e da súa familia e amigos na desdichada cidade. A bitácora foi varias veces galardoada e declarada Mellor blog africano e de Oriente Medio 2006 (Bloggies). Paga a pena unha visita. De verdade.

Monday, 19 February 2007

ANO NOVO CHINÉS

COMEZA O ANO DO PORCO DE LUME
Acabamos de celebrar o inicio do ano 2007, pero a milenaria cultura chinesa xa contabiliza 4704 años. Ao basearse nos ciclos lunares, o Ano Novo Chinés oscila sempre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro. Esta fin de semana millóns de persoas que traballan fóra de China volven para pasaren as festividades do inicio do Ano Novo coas súas familias pois, para moitos deles, esta será a única ocasión do ano en que poidan reunirse todos no seu país. Espérase que tan só en China se produzan máis de 2.000 millóns de desprazamentos en tren, avión e autobús. A xente aproveita o novo ano para pasalo coas súas familias, visitar amigos, celebrar festas, comprar roupa nova e intercambiar como agasallo sobres vermellos que conteñen diñeiro. Empeza o Ano do Porco Dourado, que se cre é especialmente afortunado, por iso os hospitais chineses están esperando un "baby boom", xa que se di que os nenos nacidos durante este ano están destinados a seren ricos e felices.
Como sabedes China está a experimentar unha forte apertura ao exterior, e xa é o 4ª destino turístico do mundo. O próximo ano Pekin será a sé dos Xogos Olímpicos.
Aínda que ata hai pouco a cultura española era practicamente descoñecida en China, a situación vai cambiando: o ano pasado inagurouse o Instituto Cervantes, este ano a cultura española terá cabida nas programacións de varias cidades.
Barcelona, Madrid e Valencia son os núcleos urbanos con maior poboación desa orixe, calcúlanse unhas 100.000 persoas en todo o país, pero as comunidades chinesas son cada vez máis frecuentes nas nosas cidades. O comercio e os negocios son valores profundamente arraigados na cultura chinesa e aínda que é certo que todos coñecemos o típico restaurante ou tenda de roupa, os datos mostran que os negocios están cada vez máis diversificados e en Barcelona ou Madrid é fácil ver inmobiliarias, autoescolas, axencias de viaxes etc. O capital sempre é chinés, pero é cada vez máis frecuente ver empregados chineses e españois traballando xuntos nestes emerxentes negocios.
Algúns tópicos: Ás veces acúsase ás comunidades chinesas de ser pechadas e estaren pouco integradas, isto é en parte certo debido á inmensa dificultade de aprender un idioma totalmente diferente e á cantidade de horas adicadas ao traballo. Non ocorre así cos fillos destas familias que adoitan estar moi ben integrados. En xeral as familias chinesas atópanse a gusto en España malia as difernzas culturais e de idioma. Tamén existe a lenda negra de que os chineses nunca morren nin son enterrados nos países onde traballan, pode ter a súa orixe en que as familias que deciden deixar China son moi novas, as persoas maiores non adoitan permanecer moito tempo fóra do seu país e regresan pronto. Ademais existe a tradicción en China de volver sempre ao pobo natal para morrer alí, non importa o tempo que hai que vivas fóra "cando cae a folla, cómpre volver á raíz" Din tamén que os chineses teñen dificultades en pronuniar o "r". Isto é totalmente certo pois este son non existe no seu idioma. Como anécdota comentar que parece que a paella, a tortilla, o xamón son alimentos bastante apreciados, e, en xeral, non senten moito aprezo polo queixo, porque como a maioría dos orientais rexeitan os productos lácteos.
FAI CLIK NA IMAXE PARA VER UNHAS FOTOS MOI INTERESANTES
Desde o centro queremos desexar moita felicidade e prosperidade ás nosas alumnas chinesas e as súas familias

Related Posts with Thumbnails