| Encantounos o traballo de Hans Sylvester e por iso decidimos publicalo, aproveitando a ocasión para destacar unha vez máis as dificultades de establecer os límites conceptuais do que debe ser considerado Arte. …“Nos confíns de Etiopía, a séculos da modernidade, Hans Sylvester fotografiou durante seis anos a unhas tribos nas que homes, mulleres, nenos e anciáns, son xenios dunha arte ancestral. Teñen aos seus pés o río l´Omo, están a cabalo do triángulo formado por Etiopía, Sudán, e o gran val do Rift que se separa lentamente de África. É unha rexión volcánica que lles proporciona unha inmensa paleta de pigmentos, ocre vermello, kaolin branco, verde cobrizo, amarelo luminoso ou gris cincento. Teñen o don da pintura, e o seu corpo de dous metros de estatura é unha inmensa tea. A forza da súa arte resúmese en tres en tres palabras : os seus dedos, a velocidade e a liberdade. Debuxan coas mans abertas, coa punta das uñas, ás veces coa punta dunha pola, cunha cana, ou un talo partido . Con xestos vivos, rápidos, espontáneos, inspirados na infancia, con ese movemento esencial que investigan os grandes mestres contemporáneos cando aprenderon xa moito e intentan volver esquecelo todo. Desexo de decorarse, de seducir, de conseguir estar fermosos, de lograr unha actuación e un pracer permanente. Bástalles mergullar os dedos na arcilla e, en dous minutos, sobre o peito, os seos, o pubis, as pernas, nace nada menos que un Miro, un Picasso, un Pollock, un Tapies, un Klee” … Traducido da presentación |