Showing posts with label LITERATURA GALEGA. Show all posts
Showing posts with label LITERATURA GALEGA. Show all posts

Thursday, 28 April 2011

Eu falo galego porque… Si

Baixo a coordinación do Equipo de Dinamización Lingüística do centro e a colaboración do equipo da biblioteca do IES Fontem Albei gravouse este video que resultou gañador do Concurso Correlingua 2011, destinado a promocionar o noso idioma.

Queremos difundir este excelente documento cos nosos parabéns para o IES Fontem Albei de Fonsagrada pola súa calidade e orixinalidade.

Tuesday, 26 April 2011

A campana de Anllóns

Desde o IES PONTECESO informan desta actividade que queremos compartir convosco.  Esta fermosísima iniciativa sobre o poema A campana de Anllóns de Eduardo Pondal foi desenvolvida polo alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato, en colaboración coa Fundación que leva o nome do poeta. O evento foi difundido recentemente no programa BEN FALADO da TVG

Esperamos que gocedes dela tanto coma nós

Sunday, 14 November 2010

Todo é silencio

Quizais sexa a novela que mellor se deixa ler de Manuel Rivas. Os primeiros capítulos están máis na liña das anteriores. Preséntannos os personaxes e o ambiente no que se moven. Son uns capítulos moi fermosos cunha lingua moi coidada e ás veces poética. Conseguen meternos no mundo que logo aparecerá cheo de acción. Moitas veces nas novelas de contrabando o protagonista é o detective alleo a ese  mundo, o policía chegado de fóra; el será o encargado de desvelar os segredos da trama. Aquí non hai detective ningún e o policía non aparece ata ben entrada a novela, e cando aparece vai ser alguén coñecido. Non hai malos nin bos, hai xente, persoas que viven na costa galega e fan o que fan, o que a vida lles vai deparando.
Na cúpula da organización está o Mariscal (o Vello), un personaxe especial e moi crible, que mantén cos demais unha relación moi curiosa. Logo Brinco, o mellor piloto da vila, e Leda, unha moza que non pode nunca ser mala aínda que ande cos malos. Sempre, coma na teleseries hai un bar de fondo onde se reúnen, se ven, namoran... Alí canta fados Sira, que nunca foi a Lisboa. A vella e abandonada escola dos indianos serve de almacén e de cita para os rapaces.
Na segunda parte da obra todo é acción. Pasouse do tabaco dos inicios á droga, de participar toda a vila nas descargas a facelo só a organización. Mesmo se conectou con Portugal e outras xentes de fóra, incluídos colombianos. Case todo o mundo está comprado, non hai nada que facer, ou si? Quen mellor para observar que un policía saído da contorna? Deixarase comprar tamén? Ninguén sabe nada, todo é silencio.
E como pano de fondo de toda a acción, como elemento indispensable en toda a trama, está o Mar, sen el non habería novela.
Manuel Rivas leva moitos anos demostrando que é un mestre escribindo artigos para xornal. Despois de Que me queres, amor xa ninguén pode dubidar de que tamén é un dos grandes do relato curto galego. Con Todo é silencio deixa claro que tamén domina o oficio de novelista. Non se pode deixar de lela.

 

Wednesday, 5 May 2010

Francisco Castro visita o centro.

A Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizaron hoxe un coloquio no Paraninfo do Sánchez Cantón co escritor Francisco Castro. O alumnado de 4º da ESO lera Un bosque cheo de faias preivamente. O autor explicoulles o tema da obra, por que a escribiu, en que se inspirou e outros detalles. Xurdiron vairas preguntas do público: en que cidade se ambienta, existe o bar citado na novela? ... Francisco Castro ata lles mostrou en rigorosa primicia a maqueta da súa próxima novela. A xente saíu moi contenta do coloquio, vese ben que o Autor é un excelente comunicador e acostumado a tratar coa xente nova.

Neste mes das Letras Galegas haberá máis actividades organizadas por Normalización Lingüística, a Biblioteca e TICS.

castro1

castro2

Monday, 8 February 2010

Burela, un traballo de normalización nuha sociedade multiétnica

Burela é un pobo mariñeiro da costa lucense que ten no seu seo social unha mestura de xentes que chegaron a esta vila atraídos pola prosperidade da súa pesca e pola industria de encrave existente dende a época do desarrollismo. O resultado do traballo normalizador realizado nesta vila recóllese nunha serie de producións audiovisuais que merecen unha ollada como un exemplo de integración e de valorización da lingua propia de Galicia. Oxalá que este exemplo de convivencia pacífica serva de impulso para moitas persoas que deixan a súa pel no quefacer diario de evitar a perda de falantes do galego.

Thursday, 14 January 2010

EBA 5.0 e Jaime

Lemos en Vieiros

“Acaba de aparecer nas librerías un libro con cd e dvd editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas, no que se revisa o universo de Blanco Amor desde diferentes disciplinas. Xunto a ensaios de Álex Mene, Xosé Manuel Buxán, Luis Rei e José Somoza, a obra inclúe o cómic “Noite de sombras”, un xogo de mesa, un audiovisual sobre unha obra para títeres de Blanco Amor e un disco no que dez grupos ourensáns presentan temas inspirados por A esmorga.

Unha perversión en viñetas
A novela é a fonte de inspiración da peza de banda deseñada “Noite de sombras”, con guión de Carlos Rafael Ramos e debuxos de Jaime Eizaguirre. “Máis que unha versión é unha perversión”, explica o guionista. A obra toma como referente unha noite de troula con tres personaxes na cidade de Ourense, “pero a partir de aí imaxinei o que podería pasar noutro contexto”, di Ramos. Así que sitúa a acción na noite do 1 de decembro de 1979, día no que morreu Blanco Amor, e no que Brais, Vito e César van celebrar a saída do cárcere dun deles. Carlos Rafael Ramos tomou como referencia as súas primeiras noites de esmorga, “cando os únicos locais que abrían de noite eran os bares de putas”, explica, “e alá iamos amigos e amigas a tomar un cubata entre catro”.

Pois ben, o Jaime Eizaguirre autor dos debuxos da peza de banda deseñada “Noite de sombras” é un pouco noso. Aínda lembramos ben cando andaba polas aulas do centro non hai tantos anos.  A semana que ven teremos o privilexio de que dirixa durante varias sesións un obradoiro de banda deseñada do que xa falaremos polo miúdo.

Ata entonces xa podemos admirar a súa colaboración neste magnífico proxecto, este “espazo de criatividade participado por 200 persoas, criatividade que poucas obras literarias son capaces de inducir e concitar”. 

 Jaime

esmorga

Monday, 22 June 2009

LECTURAS DO DEPARTAMENTO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA

Hai pouco tempo publicamos a cifra de 3.500 préstamos na biblioteca, hoxe constatamos que ademáis de utilizar ese servizo o noso alumnado tamén COMPRA unha cantidade de libros nada desdeñable.
Estas son as cifras do Departamento de Lingua e Literatura Galega. espectaculares, coma sempre.

Desglose:



Alumnado: 665
Len Voluntariamente: 367
Non len libros voluntarios: 307
Obrigatorios lidos: 1.842

Voluntarios lidos: 1.256

Total: 3.098

literacy_2

 

2º BAC: 128 alumnos

Len voluntariamente: 93
Non len: 35
Libros Voluntarios lidos: 456
Libros Obrigatorios lidos: 255
Total: 711 libros lidos
3 alumnos 19 libros
1 alumno. 12 libros

1º BAC: 151 alumnos:

Len 94
Non len 57
447 obrigatorios
Voluntarios: 236
Total: 684

4º ESO: 91 alumnos

Len 49
Non len 52

310 obrigatorios
Voluntarios: 198
Total: 508

3º ESO: 95 alumnos

Len 43
Non len 52
256 obrigatorios
Voluntarios: 63
Total: 319

2º ESO: 100 alumnos:

Len 37
Non len 63
277 obrigatorios
Voluntarios: 100
Total: 377

1º ESO: 100 alumnos

Len 52
Non len voluntarios 48
297 obrigatorios
Voluntarios:203
Total : 500

Thursday, 13 November 2008

Obradoiro de narrativa


Luns 17 na biblioteca: continúa o Obradoiro de narrativa con Manuel Lourenzo, que nos dedicou o seu último libro, unha longa e excelente novela que vai ocupar un lugar destacado nos andeis... E xa postos podedes facer unha visita ao seu blogue do trinque

Sunday, 2 November 2008

3º Obradoiro de narrativa


Luns 3 de novembro: comeza o 3º Obradoiro de narrativa dirixido por Manuel Lourenzo González grazas á xenerosidade da ANPA O Verxel.
Teremos na Biblioteca o autor de O xardín das pedras flotantes.
Novela de máis de 500 páxinas, chea de imaxinación, de amor, de maxia; novela protagonizada por dous adolescentes e cun ¿estraño? libro. Tamén é unha homenaxe á nosa cidade, onde ocorre parte da trama. Trátase do último premio Xerais, unha excelente narración publicada estes días.
Os 27 alumnos e alumnas de 2º BAC escollidos van ter a oportunidade de aprender a escribir da man dun dos mellores escritores da actualidade. Agardamos que a actividade sexa un fito na súa formación académica.

Saturday, 11 October 2008

Viaxe a un autor: Le Clézio

Provir da Bretaña e nacer na Provenza. Descender dunha familia emigrada ás Británicas illas Mascareñas, bañadas polo océano Índico, e doutorarse na Universidade de Perpiñán, ao abeiro do mar Mediterráneo. Ter pai inglés e ser da nai francesa. Criarse na illa Mauricio e especializarse en México. Formarse en Inglaterra e ensinar nos Estados Unidos de América. Denunciar a prostitución infantil en Tailandia e convivir cos amerindios en Panamá. Escribir en francés e reivindicar o crioulo. Novelar a marítima historia dos devanceiros e compartir o deserto coa súa muller de proxenie saharauí. Morar en Novo México e recrear Nixeria. Traducir a mitoloxía amerindia e compilar adiviñas afroasiáticas. Vir ao mundo en Niza e viaxar sempre ao mundo. Le Clézio sabe de amor e dor, gozo e enfermidade, infancia e loucura, liberdade e inxustiza, aventura e contemplación, natureza e poder, independencia e colonización, sabe en fin do salvaxe corporal e do civilizado verbal. Del podería dicirse o que Cervantes fai dicir a don Quijote: El que lee mucho y anda mucho, ve mucho y sabe mucho. A súa obra pon de manifesto que buscamos linguas para dicirmos todo o que nos dicimos sen linguas. (Claudio Rodríguez Fer, La Voz de Galicia, 10-8-2008)

Por se che interesa, temos 4 exemplares de Mondo e outras historias do novo premio Nobel de literatura na Biblioteca

Tuesday, 16 September 2008

De lecturas e blogues de traballo


Desde Mesturas queremos recoñecer unha vez máis o bo facer do profesor Anxo González Guerra, xefe do Departamento de Lingua e Literatura Galega e imprescindible colaborador da biblioteca do centro.Vemos como, curso tras curso, o itinerario lector vaise modelando coa súa infinita paciencia e agarimo. Nestes intrres acabamos de preparar de novo os blogues do Departamento para empezar a recibir os comentarios deste curso. Se queredes podedes visitar, por exemplo o blogue de 2º BAC onde aparecen bastantes lecturas novas. Ademais podedes botar unha ollada a algunhas das opinións que deixou o alumnado do centro durante o curso pasado, recollidas dos blogues e que agora forman parte da páxina persoal do profesor. Miúdo traballo neste verán tan especial...grazas en nome de todos e todas nós por ensinarnos tantas cousas...

Tuesday, 24 June 2008

Algo se vai lendo: 3.000 libros




Hai días que dabamos conta da participación nos blogues da Biblogteka. Hoxe pásanos o Departamento de Lingua Galega e Literatura os datos de lecturas durante este curso 2007-2008

(Só as lecturas controladas polo profesorado de Galego):
.
.
1.433 libros lidos voluntariamente (sobe nota)
1.617 libros lidos obrigatoriamente
380 alumnos leron libros voluntariamente (sobe nota)
267 alumnos non se prestaron a ler libros voluntariamente
Total de libros lidos polo alumnado do ies: 3.050
Alumnado contabilizado:
647.

Algunhas alumnas exemplares en ler libros voluntarios:
.
Raquel Piay López: 22 libros
Sara Cobas González del Valle: 19 libros
Alba Fiúza Fernández: 17 libros
Nereida Galajares Cabada: 17 libros .
Por cursos:

1º ESO:Alumnos 94, obrigatorios 285, voluntarios: 142
2º ESO:Alumnos 103, obrigatorios 295, voluntarios 270
3º ESO:Alumnos 95, obrigatorios 270, voluntarios 132
4º ESO:Alumnos: 104, obrigatorios 298, voluntarios: 246
1º BAC:Alumnos: 144, obrigatorios 418, voluntarios: 263
2º BAC:Alumnos 107, obrigatorios 210, voluntarios 380

Sunday, 15 June 2008

Case mil entradas nos blogs de Galego

Biblogteka. Xestionada pola Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura: para subir comentarios dos libros de lectura recomendados en galego (é algo voluntario, o que se premia é a lectura e reflexión, non todos poñen o comentario no blog).
-Total de comentarios neste curso 2007-2008: 933
-Por cursos: 2º BACH: 343, 1º BACH: 126, 4º ESO: 48, 3º ESO: 6, 2º ESO: 185, 1º ESO: 225
-Libros con máis comentarios:
Contos por palabras: 50 / Intercambio cun inglés: 35 / O crepúsculo e as formigas: 37 /As humanas proporcións: 34 /O misterio das badaladas: 27 /As flores radioactivas: 27

Será certo que a xente nova non le? Será certo que a xente nova non le en galego? Será certo que a xente nova non participa en nada? Desde logo que o alumnado do Sánchez Cantón le en galego e participa. Se despois ao deixar os estudos tamén deixan de ler é outro cantar. Mais unha base, un certo hábito lector non hai quen llelo quite.
Por que o maior éxito está nos máis novos (1º-2º ESO) e nos máis vellos (1º-2º BAC)? Terá algo que ver a adolescencia?

Parabéns a todos e todas pola participación.

Saturday, 14 June 2008

Manuel Lourenzo



Manuel Lourenzo González resultou gañador do Premio Xerais de Novela 2008, dotado con 25 mil euros, pola súa obra O Xardín das Pedras Flotantes, considerada polo xurado como "un relato de amor insólito, extraordinario e pasional" e presentado baixo o lema Flor da Xunqueira e o seudónimo Manalva...
Pois vaia sorte a que tivo o alumnado de Lit. Galega do S. XX e 5 alumnas de 4º B... porque puideron participar nun obradoiro de narrativa que se desenvolveu ao longo do curso na Biblioteca... e Manuel Lourenzo comentoulles e corrixiulles as súas creacións... nada menos que un dos primeiros espadas da narrativa galega.
O equipo da Biblioteca, o Departamento de Galego, o alumnado participante no obradoiro, a ANPA organizadora... todos estamos encantados de que o premio Xerais fose para o noso amigo Manuel. Xa nos tarda ter a novela entre as mans, chegará a tempo para a cercana praia? Moreas de parabéns para Manuel Lourezo

Sunday, 25 May 2008

Veleno tinto


Naquela mañá de inverno de 1319, Frei Samuel, o humilde monxe sandador do mosteiro de Toxosoutos, camiñaba cara a Noia cunha dor de frieiras que case o facía chorar. No castelo de don Rui de Soga de Lobeira, agardábao o bispo Berenguel de Landoire coa intención de agradecerlle un impagable servizo que o freire lle ofrecera na súa loita contra os que pretendían apartalo do bispado de Compostela. Mais, a morte dun dos criados de don Rui, envelenado por beber dunha xerra de viño quente, obrigará ao pícaro e intelixente freire a realizar unha concienciuda investigación coa intención de coñecer o motivo e o autor de semellante crime. (Resume da contraportada)

Velaquí unha novela de intriga protagonizada por un curioso e mundanal frade medieval nas terras de Noia. Esta novela da colección Fóra de xogo lese dun tirón e non está gobernada por un grupo adolescentes investigadores, nin aparecen aquí, a diferenza de tantas outras. A pesar diso poden lela os adolescentes e pasarán un bo rato
.

Tuesday, 13 May 2008

Po de estrelas




As Letras Galegas non son só a literatura, as novelas, os contos e as poesías. Tamén o son os textos científicos de divulgación que achegan as ciencias á xente. Sábeno ben os moitos alumnos e alumnas de 2º de Bach. que gozan coa lectura (e os Carrabouxos) de Os dados do reloxeiro.
Agora Xurxo Mariño acaba de publicar Po de estrelas na liña do anterior, que tamén se pode descargar en internet. E temos que lle agradecer que se ofrecese a presentalo este venres 16 no Sánchez Cantón porque o autor quixo agasallar os lectores do noso instituto.
Que mellor xeito de celebrar o Día das Letras Galegas?...
E tamén haberá teatro mañá 14 no Principal (Fas e Nefás, a Tía lambida) polo grupo de Teatro do Instituto
E Monólogos a próxima semana...

Saturday, 26 April 2008

Literatura na rúa

Para celebrar o Día do Libro no Abril dos Libros o alumnado de Literatura Galega do século XX (2º BAC) deixou a aula e saíu ás rúas de Pontevedra agora con pouco tránstito e acolledoras. Cada alumno/a foi lendo un texto de homenaxe a autores que contan cunha estatua, busto ou placa nas rúas pontevedresas. Castelao, Bóveda, Valle Inclán, Paz Andrade... deixáronse acompañar uns momentos polos mozos e mozas do IES Sánchez Cantón.
.

Wednesday, 23 January 2008

O ceo dos afogados


Pronto vai abrir unha nova edición do Salón do Libro de Pontevedra na que participamos outra volta. Este ano está dedicado ao MAR. E do mar trata este libro de Francisco Castro, O ceo dos afogados:

Nunha plataforma petrolífera pasa algo raro, como unha grande sombra que fai abanear a estrutura. E despois comezan a moverse sombras parecidas por outros mares. E misteriosamente todos os golfiños de todos os mares comezan a xuntarse en determinados puntos. Están como durmidos e cada certo tempo emiten uns sons moi raros. Toda a comunidade mundial está perplexa. As televisións gravan, os comentaristas opinan.
E hai un rapaz que ten problemas psíquicos, é autista? E vai comezar un tratamento con golfiños que seica nadar con eles mellora a saúde destes doentes. E vai pasar algo raro xa o primeiro día.
Tamén está un matemático que virou tolo e metérono nun psiquiátrico, e tamén vai á golfiñoterapia. E igual a el lle pasa algo.
E un lobeco queda preso nunha trampa e a súa nai acaba ferida.
Que teñen que ver todos estes feitos? Como se resolverá o misterio dos delfíns? A resposta no libro... que foi finalista Premio Fundación Caixa Galicia 2007

Thursday, 22 November 2007

Máis teatro


O alumnado de Literatura Galega do século XX están de sorte. Non só poden asistir ao 2º Obradoiro de Narrativa, hoxe tamén foron ao teatro, nada menos que un clásico da literatura universal: O burgués fidalgo de Molière. Ao saíren quixeron renderlle homenaxe ao autor de Os vellos non deben de namorarse, que estiveron lendo na clase, e retratáronse con Castelao.

Wednesday, 31 October 2007

Non fixeron falta TICS

.
.
Seica os antigos celtas celebraban a festa do Samaín. Despedíase o ano e esa noite abríase a fiestra entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Facíanse fogueiras e poñíanse candeas dentro dun nabo ou dun calacú. Os irlandeses levaron a tradición aos Estados Unidos e de alí nós volve a festa do Halloween. Por aquí pasaron os romanos e despois a cristianización da festa pero algo quedou: o 1 é o día de Todos os Santos e o 2 o día dos defuntos. O 1 fanse en moitos lugares os magostos, coa castaña de protagonista; en Pontevedra hoxe na Praza da Verdura traballarase con calacús. E as ánimas dos defuntos son protagonistas da Santa Compaña e de moitos contos e lendas.
.
.
.
.
Por iso hoxe o alumnado de 1º ESO A/C apagou as luces e acendeu unha vela na clase de lingua galega... para entre todos contar os contos e as lendas que escoitaron dos seus pais e máis que nada dos avós e avoas, agradecéndolles que non deixasen perder as nosas tradicións. Seica hoxe moitos deles van xuntar coa familia e amigos a contar contos de medo. Boa celebración!

Related Posts with Thumbnails