Showing posts with label PINTURA. Show all posts
Showing posts with label PINTURA. Show all posts

Thursday, 8 October 2009

Algo diferente

Na nosa proverbial ignorancia descoñeciamos a existencia da obra “Seguindo o curso do río durante o festival Ching Ming”, e ao recibir un correo coa ligazón que vos facilitamos nesta entrada, puxémonos a buscar información. Atopamos unha morea de páxinas, que dicían basicamente o mesmo, probablemente inspiradas na inevitable Wikipedia. Logo de entrar nalgunhas delas estamos en condicións de contarvos o seguinte:

Trátase dunha obra duns 5.28 m de lonxitude da que se realizaron diversas versións ao longo dos séculos. A obra orixinal atribúese ao pintor Chang Tse-duan (1085-1145). Concibiuse como unha exaltación da prosperidade e os quehacers cotiáns dos habitantes de Bianjing, hoxe Kaifeng durante a dinastía Song. É evidente que proporciona unha detalladísima información de primeira man sobre o modo de vida neste período da historia de China
Na pintura aparecen 814 figuras humanas, 28 barcos, 60 animais, 30 edificios e 170 árbores. Considérase un dos tesouros artísticos de China. É unha das posesións máis prezadas do Museo de Taiwan, onde se compuxo esta visualización virtual da pintura.
Non vos perdades as animacións dos recadros. 

river

Friday, 20 March 2009

Discutindo a Divina Comedia con Dante

Titúlase “Discutindo a Divina Comedia con Dante” e é o cadro máis comentado na Rede. Pintárono en 2006 tres artistas taiwaneses pero foi en 2009 cando empezou a súa difusión copando portadas de webs e blogs ao redor do mundo. En trece metros cadrados de tea os autores representaron ata 103 personaxes influentes, segundo o seu criterio, na historia da humanidade. Aquí podemos atopar figuras tan dispares como Karl Marx, Elvis Presley, Bill Gates, Shakespeare ou Audrey Hepburn.
Os autores non identificaron os personaxes, por iso @s internautas dedicáronse a xogar ao quen é quen e suxerir nome e apelidos

A representación española é mais ben concisa. Entre tanta celebridade só atopamos a Salvador Dalí e a Pablo Picasso,

As que tamén quedaron relegadas a un segundo plano foron as mulleres (sorprendente?). De entre os 103 personaxes podemos atopar menos de dez mulleres, entre as que están Marilyn Monroe, a nai Teresa de Calcuta ou Margaret Thatcher.

Fonte "El Mundo"

Facendo clic na imaxe poderedes ver unha ampliación na que ao colocar o cursor sobre as figuras, estas aparecen identificadas e con ligazóns á Wikipedia. Para pasar un intre entretido se non tedes nada mellor que facer.

famous-faces-big_1367237a-765229

Tuesday, 20 May 2008

Botero e Abu Ghrabi


O Instituto Valenciano de Arte Moderna (IVAM) acolle ata o próximo 6 de xuño a exposición 'Abu Ghrabi" do prestixioso artista colombiano Fernando Botero. A serie está composta por 24 pinturas e 22 debuxos que percorreron países como Italia, Alemania, Grecia ou Estados Unidos. Fernando Botero explicou que esta obra nace da ira de ver como algúns soldados estadounidenses torturaban aos prisioneiros de guerra. 'Sentín un gran desasosego, que foi crecendo, ao ver a gran hipocrisía dun país que se declara como defensor dos dereitos humanos e, así, comecei a imaxinarme as torturas a facer os bosquexos', engadiu o artista colombiano. Ademais, Botero explicou que tardou uns 14 meses en completar esta serie da que dixo que 'pode deixar un recordo' na mente das persoas, pero 'non logrará cambiar a orde social e político'. 'A arte é un recordo ou un testemuño permanente, pero non cambia a orde cotiá', matizou.

Friday, 9 November 2007

Libros e perspectivas

Unha curiosidade estes mundos tridimensionais do artista británico Patrick Hughes. Andeis e máis andeis desbordantes de libros que semellan non querer confundirnos, aínda que o fan, senón achegarnos e abrirnos as portas a outras realidades apenas percibidas.

Friday, 27 April 2007

LEMPICKAMANÍA

Do 18 de abril ao 15 de xullo vai ter lugar na Fundación Caixa Galicia en Vigo unha exposición da obra de TAMARA DE LEMPICKA. (Varsovia,1898 – Cuernavaca, 1980)
Dado que un grupo de alumnos e alumnas deste centro van visitar esta mostra podemos intentar mergullarnos no mundo de Tamara para gozar mellor da súa obra.
O ABC.es comeza a
recensión desta exposición dicindo da pintora: “Aristócrata, excéntrica, liberal, independente, excesiva, exuberante, bisexual, diletante, fría, sofisticada, cegadora, narcisista, moderna, autoritaria, esnob, insolente, enxeñosa, hedonista, desapiadada, elegante, voraz, imperiosa, cosmopolita, arrogante, depresiva, intelixente, exótica, perversa, divertida, femme fatale... Inimitable. A Greta Garbo do Art Déco. Así era Tamara de Lempicka, unha personalidade tan arrasadora que eclipsou á artista”.
Pode que moitos destes adxectivos sexan froito da lenda sobre a súa persoa pero do que non queda dúbida é de que a súa vida está marcada polos acontecementos da época en que lle tocou vivir: a revolución bolchevique cambia a súa desafogada existencia e ten que fuxir da Rusia revolucionaria. En París supera penurias económicas e convértese nunha coñecida artista ao tempo que se rodea de luxo e glamour e non deixa de escandalizar ás clases acomodadas coas que se relacionaba.
Manterá sempre unha posición anticomunista que dalgún xeito reflicte nos seus cadros onde os personaxes retratados amosan unha actitude elitista ante o mundo, unha certa mirada altiva.
Actualmente abondan os recoñecementos á súa obra pero non deixa de ser unha artista controvertida que é acusada de practicar unha arte puramente decorativa, decadente, de ter soidade do perdido esplendor da burguesía da época pero de non posuír a enerxía das vangardas (Pincha
aquí para ampliar esta crítica). Desde outras perspectivas afírmase que foi inxustamente esquecida ata a década dos noventa e que a súas obras poden ser comparadas coas de dous grandes do século XX, Léger e Picasso.
O certo é que ser muller e aparecer nos libros de arte non é doado.

......


Que poden querer dicir os que tachan a súa pintura de arte decorativa?

Que función debe ter a arte?

En que aspectos nos podemos fixar para avaliar a produción artística de Lempicka?

Aporta algo a súa obra desde unha perspectiva feminista?
.
.
Interesante galería e foro sobre Lempicka fecendo clic aquí

Wednesday, 25 April 2007

ESES PACIENTES MESTRES XAPONESES...

Se premedes aquí, podedes ver con detalle a gran onda, ameazante e escumosa, a piques de destruír coa súa forza as pequenas embarcacións. Esta é TSUNAMI, a obra máis coñecida do famoso pintor e gravador xaponés Hokusai 1760-1840, que por certo cuñou o termo manga xa en 1814, nada menos. Manga quere dicir bosquexo, debuxo apresurado. Aquí tendes un pequeno exemplo dun dos manga de Hokusai que mostra a súa pericia para captar os movementos do corpo. Aos 89 morreu "o vello enfadado coa pintura", como el mesmo se definía, sen satisfacer a procura da última verdade sobre esta arte. Quince anos antes escribira:
.
"[...] á idade de cinco anos tiña a teima de facer trazos das cousas. Á idade de 50 producira un gran número de debuxos, con todo, ningún tiña un verdadeiro mérito ata a idade de 70 anos. Aos 73 finalmente aprendín algo sobre a calidade verdadeira das cousas, paxaros, animais, insectos, peixes, as herbas ou as árbores. Polo tanto á idade de 80 anos faría un certo progreso, aos 90 penetraría o significado máis profundo das cousas, aos 100 faría realmente marabillas e aos 110, cada punto, cada liña, posuirá vida propia [...]"
.
Nestes tempos de présas e esixencias de resultados inmediatos, non está mal un pouco da sabia filosofía de Hokusai. Esta é unha das mellores ligazóns que atopamos na rede para que disfrutedes da súa obra. Os seus gravados foron importados a París a mediados do século XIX. Entre os seus admiradores podemos citar aos impresionistas Degas, Monet e Toulousse-Lautrec.
Tivo un magnífico seguidor no seu discípulo Hiroshige
..

Related Posts with Thumbnails