Showing posts with label ANTROPOLOXÍA. Show all posts
Showing posts with label ANTROPOLOXÍA. Show all posts

Tuesday, 11 January 2011

Sexo en pedra

Comezamos o novo 2011 cunha referencia á interesante exposición “Sexo en piedra” que tivo lugar en Atapuerca até hai só uns días. A mostra abordou o pouco ou nada coñecido tema do sexo no Paleolítico e proporciona evidencias tan curiosas como a existencia de numerosos debuxos e gravados en pedra e óso que demostran que as ultimas sociedades cazadoras reprodutoras do Paleolítico superior levaban a cabo moi variadas prácticas sexuais  similares ás actuais nas que o sexo non estaba asociado exclusivamente a fins reprodutivos coa salvedade de que probablemente na prehistoria o sexo non estaba vinculado á intimidade e que os nosos devanceiros non se escondían para copular. Sorprenden especialmente as referencias a numerosos gravados que suxiren prácticas homosexuais entre parellas de homes e mulleres.

Para os que non tivemos a sorte de ver a exposición temos este interesante resumo procedente da revista Redes dirixida por Eduard Punset.
Os interesad@s en profundar máis en tan suxestivo tema poden recorrer ao libro Sexo en piedra de Marcos García y Javier Angulo (Editorial Luzán, 2005.

 

Vulvas na cova de Tito Bustillo, Asturias

Wednesday, 23 June 2010

Debate sobre o burka

Interesantes algunhas das cuestións esbozadas neste debate aparecido no País

Saturday, 8 May 2010

Minas, montañas sagradas e os personaxes de Avatar na India

Non deixedes de ver este interesantísimo video realizado pola ONG Survival que denunciou ante James Cameron a ameaza que representa a empresa Vedanta para os indíxenas Dongria Kondh que habitan a zona, dende tempo inmemorial, en perfecta integración co seu entorno.

A historia apareceu hai pouco en Público

O video ten unha excelente calidade. Pódese, máis ben, recoméndase que o vexades en pantalla completa.

 

Wednesday, 21 January 2009

Cando o corpo é arte

Encantounos o traballo de Hans Sylvester e por iso decidimos publicalo, aproveitando a ocasión para destacar unha vez máis as dificultades de establecer os límites conceptuais do que debe ser considerado Arte.

…“Nos confíns de Etiopía, a séculos da modernidade, Hans Sylvester fotografiou durante seis anos a unhas tribos nas que homes, mulleres, nenos e anciáns, son xenios dunha arte ancestral. Teñen aos seus pés o río l´Omo, están a cabalo do triángulo formado por Etiopía, Sudán, e o gran val do Rift que se separa lentamente de África. É  unha rexión volcánica que lles proporciona unha inmensa paleta de pigmentos, ocre vermello, kaolin branco, verde cobrizo, amarelo luminoso ou gris cincento. Teñen o don da pintura, e o seu corpo de dous metros de estatura é unha inmensa tea.
A forza da súa arte resúmese en tres en tres palabras : os seus dedos, a velocidade e a liberdade. Debuxan coas mans abertas, coa punta das uñas, ás veces coa punta dunha pola, cunha cana, ou un talo partido . Con xestos vivos, rápidos, espontáneos, inspirados na infancia, con ese movemento esencial que investigan os grandes mestres contemporáneos cando aprenderon xa moito e intentan volver esquecelo todo. Desexo de decorarse, de seducir, de conseguir estar fermosos, de lograr unha actuación e un pracer permanente. Bástalles mergullar os dedos na arcilla e, en dous minutos, sobre o peito, os seos, o pubis, as pernas, nace nada menos que un Miro, un Picasso, un Pollock, un Tapies, un Klee”
…
Traducido da presentación

Wednesday, 27 February 2008

A comida basura a debate en USA



"Os publicistas non están obrigando á xente a comer alimentos pouco saudables, simplemente están ofrecendo o que os clientes queren".
"A mercadotecnia responde ao libre mercado". "Non é un bo modelo que os publicistas sexan os que digan aos consumidores que comer e facer, non poden ser paternalistas".
"A xente é responsable de tomar as súas propias decisións na vida, as decisións das empresas baséanse no que os clientes manifestan que queren comer".

Fronte a declaracións nesta línea tan favorable aos seus proprios intereses, o feito é que moitos anuncios destes produtos están dirixidos a sectores da poboación tremendametne vulnerables como son os adolescentes. En tal sentido, será bo saber que a publicidade de alimentos ocupa o primeiro lugar na televisión mundial e que a maioría está dirixida a un determinado sector da poboación. En Inglaterra, Estados Unidos e Australia, países onde a obesidade infantil creceu notablemente, o número de comerciais de alimentos en horarios infantís son os máis altos do mundo. A polémica está servida.

Sunday, 17 February 2008

Máscaras venecianas



As máscaras venecianas están documentadas xa no século XIII cando aparecen escritos que falan de homes enmascarados tirando ovos ás damas que atopaban pola rúa. Podemos dicir que o uso destas máscaras alcanza o seu apoxeo cando Venecia xa empezaba a declinar o seu poderío económico e vivía só do seu prestixio. Falamos do século XVIII, cando nobres de toda Europa consideraban obrigatorio participar nas lendarias festas venecianas coas súas licenciosas costumes. Curiosamente naquela época o periodo do carnaval e a licencia para utilizar máscaras duraba moitísimo máis tempo. O espírito desta época queda reflectido na figura de Giaccomo Cassanova, simbolo da procura do pracer e o libertinaxe. A partires de finais do XVIII acelérase a decadencia de Venecia e con ela decaen os festivais e o uso de máscaras que se prohiben totalmente a partires de 1930 por orde de Mussolinni.




Existían moitos tipos de máscaras pero sen dúbida, a máis terrible era a do médico da peste, caracterizada por un longo nariz. Este era o disfrace utilizado polos doutores que acudían a diagnosticar os casos de Peste Negra, epidemia que arrasou a cidade en repetidas ocasións. O disfrace tiña unha función práctica, xa que no interior do longo nariz colocábanse herbas aromáticas. Os galenos da época estaban convencidos de que a enfermidade transmitíase a través do mal cheiro, razón pola cal intentaban protexerse mediante o uso destas fragrancias.


A máscaras venecianas teñen un papel fundamental na película Eyes Wide Shut de Stanley Kübrick, protagonizada por Tom Cruise e Nicole Kidman na que un doutor neoiorquino e a súa nova esposa participan nuns estranos rituais reservados a membros moi selectos que se cobren con máscaras para preservar a súa identidade.


A principios dos 80 un grupo de artesáns locais fixeron renacer a tradición das famosas máscaras venecianas e conseguiron que o carnaval da cidade se converta nunha das máis importantes atraccións turísticas.

Podedes apreciar a espectacularidade dalgunhas destas máscaras nesta reportaxe fotográfica correspondente ao carnaval do ano pasado.






Thursday, 14 February 2008

Women work for Barbie

As mulleres traballan para Barbie.
As mulleres traballan en fábricas
para facer e máis tarde poder adquirir obxectos
que conformen a imaxe que as súas fillas teñen de si mesmas.
Ás nenas se lles cría para que sexan obxectos.
Ás nenas , eses obxectos sedúcenlles e aspiran a converterse en lindas bonequiñas
As mulleres traballan para Barbie


Este é, máis ou menos, o texto do vídeo do artista londinense Wyllie O Hagan que propón unha reflexión sobre os modelos de beleza e a súa tiranía sobre a imaxe corporal das mulleres, tiranía na que as proprias mulleres consciente ou insconscientemente colaboran. Curioso.

Sunday, 10 February 2008

Simulador de acoso sexual nos metros


En Xapón é tristemente popular, e común, o acoso ás mozas nos traxectos en metro, aproveitando a gran multitude de persoas nun mesmo vagón.
Reflectindo a cara máis sinistra desta práctica, aparece un xogo erótico titulado Nonstop Chikan Tokkyu, dedicado a reproducir virtualmente os devanditos eventos, dende o punto de vista dos acosadores. Para publicitar o xogo, incorporouse unha reprodución dunha moza, que pode ser acosada e molestada de diversas formas.

Que divertido, que ben

Wednesday, 30 January 2008

Historia da vida cotiá en Galicia


O catedrático da Escola Universitaria de Historia Contemporánea de Santiago da USC, Xavier Castro, ven de gañar recentemente o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, convocado polo Concello de Valga coa súa "Historia da vida cotiá en Galicia", unha obra na que o autor afonda no quefacer diario dos galegos nos séculos XIX e XX.

Formulada como unha obra de investigación histórica, nas máis de catrocentas páxinas emprega fontes inéditas combinándoas coa bibliografía dispoñible para reflectir o xeito no que se desenvolvía a vida da xente corrente, a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o amor e o matrimonio, o traballo e o lecer e, asemade, o mundo da escola. Como argumenta o autor, existen varias historias de Galicia na época contemporánea pero ningunha dos galegos, “das xentes de diferente condición social, dos que comían ben e durmían en colchóns de la e os que levaban unha existencia precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de follato; dos homes, mulleres e nenos, labregos, fidalgos e habitantes das cidades que protagonizaron a historia deste país”.

A publicación está escrita nunha linguaxe asequible, que fuxe do academicismo e abonda en textos literarios, etnográficos e testemuños orais, que contribúen a darlle amenidade e ao tempo recrear o imaxinario colectivo e a atmosfera social na que se desenvolveu a existencia de varias xeracións de galegos de a pé.

Cremos que é unha excelente adquisición para a biblioteca e queremos,unha vez máis reiterar o noso agradecemento ao profesor Castro pola súa visita o curso pasado que de tanta utilidade foi para orientar o noso modesto proxecto sobre diversos aspectos relacionados coa alimentación.

Título: Historia da Vida Cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX
Autor: Xavier Castro
Editorial: Nigratrea
Lugar e ano: Vigo 2007

Thursday, 10 May 2007

FASHION MADE IN AFRICA


O adorno corporal, o coidado pola estética, a miúdo proporcionan unha valiosa información acerca das culturas africanas e os seus complexos elementos simbólicos, históricos, políticos e relixiosos.
A arte do adorno corporal ten unha especial relevancia na África subsahariana, ben sexa utilizando o propio corpo como soporte: tatuaxes, escarificacións, pintura corporal, elaborados peiteados etc., ou ben utilizando outros elementos que embelecen o corpo: vestidos e xoias
Estes elementos ofrecen ós individuos a oportunidade de elaboraren a súa presentación diante do resto da comunidade, do resto do mundo. Na África subsahariana constitúen un poderoso soporte visual que mesmo chega a representar correntes culturais ou identidades nacionais nos modernos estados africanos multiétnicos.

.
Non é, por tanto, estraño constatar no mundo da moda un claro expoñente da crecente capacidade das mulleres africanas para organizar empresas en alza. Invitámosvos a botar unha ollada ás creacións de dúas deseñadoras senegalesas recoñecidas e varias veces galardoadas no esixente mundo da alta costura Claire Kane e Oumou Sy

Wednesday, 9 May 2007

SENEGAL: UN BONITO SORRISO

Certamente o problema da emigración e da miseria en Senegal é grave, e por desgracia non o único. Cando oímos falar de Senegal a meirande parte das veces é asociado aos caiucos, pero alí hai outras persoas que traballan, innovan e que fan arte como a cineasta Angéla Diabang Brener (foto da esquerda), gañadora de varios premios coa súa curtametraxe Mon beau sourire , no que plasma o ritual do tatuaxe de enxivas , práctica que levan a cabo algunhas mulleres senegalesas para acadar un sorriso máis estético con brancos dentes destacando sobre as enxivas azuis. Angéla recoñece que un dos seus obxectivos é amosar o que as mulleres son quen de facer con tal de dar pracer aos homes.
Seguro que podíamos facer unha longa lista de cousas dolorosas que facemos as mulleres occidentais por parecer máis fermosas segundo os canons de beleza dominantes.

Wednesday, 14 March 2007

LEONARDO DA VINCI COCIÑEIRO E OUTRAS EXQUISITECES

Están a piques de rematarse os receitarios para os participantes na III Mostra gastronómica dentro do programa COCIÑA COOLTURAL, xa vos avisaremos.
Varios grupos de compañeir@s, seguindo este proxecto, están traballando en diferentes cursos en temas relacionados coa cultura alimentaria, a forma en que comemos e as repercusións que a alimentación ten tanto para cada un de nós como para a sociedade. A todos eles ánimo e visitade esta páxina onde baixo o titulo de
Caldeirada de letras podedes encontrar suxestións bibliográficas acompañadas dun breve comentario. Entre esas referencias hai unha que promete aportar moita luz sobre a tendencia dos galegos e doutros pobos a celebrar con grandes e interminables banquetes os acontecementos sinalados: vodas, bautizos e mesmo pasamentos.
Non vos preguntachedes como nun momento de proliferación de dietas e de publicidade encamiñada a vender unha imaxe estilizada do corpo proliferan as festas gastronómicas e persisten as comidas pantagruélicas?
O libro en cuestión chámase El hambre en España. Una Historia de la alimentación, escrito por Miguel Ángel Almodóvar.
No prologo dise: "Sólo un pueblo que ha pasado mucha hambre durante siglos y milenios puede desarrollar un gen, o una enzima, que permita a sus miembros trasegar las descomunales cantidades de comida que trasiegan los nuestros".
Quizais conveña non esquecer as vicisitudes históricas cheas de fame e miseria polas que atravesamos non só para entender os nosos costumes senón para comprender as persoas e pobos que padecen a inxustiza e a pobreza.
Noutra sección da páxina hai varios comentarios suxestivos como o que conta as peripecias de Leonardo da Vinci como cociñeiro e deseñador de artefactos de cociña entre eles un muíño para pica-los grans de pementa e un forno de cociña (ver a imaxe). Tamén vos ofrecen a súa receita de sopa de castañas. Pincha nas imaxes.
Fai clic en
Cociñando na lareira para entrar no receitario con elaboracións da cociña tradicional galega.

Monday, 19 February 2007

ANO NOVO CHINÉS

COMEZA O ANO DO PORCO DE LUME
Acabamos de celebrar o inicio do ano 2007, pero a milenaria cultura chinesa xa contabiliza 4704 años. Ao basearse nos ciclos lunares, o Ano Novo Chinés oscila sempre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro. Esta fin de semana millóns de persoas que traballan fóra de China volven para pasaren as festividades do inicio do Ano Novo coas súas familias pois, para moitos deles, esta será a única ocasión do ano en que poidan reunirse todos no seu país. Espérase que tan só en China se produzan máis de 2.000 millóns de desprazamentos en tren, avión e autobús. A xente aproveita o novo ano para pasalo coas súas familias, visitar amigos, celebrar festas, comprar roupa nova e intercambiar como agasallo sobres vermellos que conteñen diñeiro. Empeza o Ano do Porco Dourado, que se cre é especialmente afortunado, por iso os hospitais chineses están esperando un "baby boom", xa que se di que os nenos nacidos durante este ano están destinados a seren ricos e felices.
Como sabedes China está a experimentar unha forte apertura ao exterior, e xa é o 4ª destino turístico do mundo. O próximo ano Pekin será a sé dos Xogos Olímpicos.
Aínda que ata hai pouco a cultura española era practicamente descoñecida en China, a situación vai cambiando: o ano pasado inagurouse o Instituto Cervantes, este ano a cultura española terá cabida nas programacións de varias cidades.
Barcelona, Madrid e Valencia son os núcleos urbanos con maior poboación desa orixe, calcúlanse unhas 100.000 persoas en todo o país, pero as comunidades chinesas son cada vez máis frecuentes nas nosas cidades. O comercio e os negocios son valores profundamente arraigados na cultura chinesa e aínda que é certo que todos coñecemos o típico restaurante ou tenda de roupa, os datos mostran que os negocios están cada vez máis diversificados e en Barcelona ou Madrid é fácil ver inmobiliarias, autoescolas, axencias de viaxes etc. O capital sempre é chinés, pero é cada vez máis frecuente ver empregados chineses e españois traballando xuntos nestes emerxentes negocios.
Algúns tópicos: Ás veces acúsase ás comunidades chinesas de ser pechadas e estaren pouco integradas, isto é en parte certo debido á inmensa dificultade de aprender un idioma totalmente diferente e á cantidade de horas adicadas ao traballo. Non ocorre así cos fillos destas familias que adoitan estar moi ben integrados. En xeral as familias chinesas atópanse a gusto en España malia as difernzas culturais e de idioma. Tamén existe a lenda negra de que os chineses nunca morren nin son enterrados nos países onde traballan, pode ter a súa orixe en que as familias que deciden deixar China son moi novas, as persoas maiores non adoitan permanecer moito tempo fóra do seu país e regresan pronto. Ademais existe a tradicción en China de volver sempre ao pobo natal para morrer alí, non importa o tempo que hai que vivas fóra "cando cae a folla, cómpre volver á raíz" Din tamén que os chineses teñen dificultades en pronuniar o "r". Isto é totalmente certo pois este son non existe no seu idioma. Como anécdota comentar que parece que a paella, a tortilla, o xamón son alimentos bastante apreciados, e, en xeral, non senten moito aprezo polo queixo, porque como a maioría dos orientais rexeitan os productos lácteos.
FAI CLIK NA IMAXE PARA VER UNHAS FOTOS MOI INTERESANTES
Desde o centro queremos desexar moita felicidade e prosperidade ás nosas alumnas chinesas e as súas familias

Wednesday, 14 February 2007

OS AMANTES DE VALARDO

Hoxe que é San Valentín queremos contarvos que un grupo de arqueólogos italianos atoparon unha sepultura con dous esqueletos abrazados, que, segundo os expertos, teñen máis de 6,000 anos, O achado produciuse cando os arqueólogos supervisaban os restos dunha vila romana, atopados nas obras de urbanización de Valardo, unha barriada de Mantua. Os dous esqueletos corresponden a un home e unha muller moi novos que viviron no periodo Neolítico, segundo informaron os seus descubridores. O falecemento do home, e o posterior sacrificio da muller para ser enterrada con el, é unha das hipóteses que se barallan para explicar a postura de enterramento.
A orixinalidade dos ósos atopados, bautizados polos arqueólogos como "Os amantes de Valardo", é a súa postura, xa que é a primeira vez que se atopan os esqueletos abrazados de dúas persoas de idades similares.
Que "novidade" ver o tratamento dado ás mulleres naqueles tempos tan remotos, supoñendo que as hipótesis sexan certas...

SAN VALENTIN




Empezamos este blog xusto o día antes de San Valentín, por iso nos pareceu interesante comentar algo sobre esta celebración, aínda que a maioría do alumnado do centro seguro que está pensando no reparto das cartas de admiradores e admiradoras que terá lugar mañá. Se vos interesa saber como se celebra San Valentín noutros países podedes visitar esta ligazón pertencente a Secretos de Argos, un blog moi interesante mantido por alumnado de tres institutos de Alacante que traballan a asignatura de Cultura Clásica con esta ferramenta. Podedes ler información sobre como ligar, sobre ordenadores, unicornios, Ninja...e todo relacioado cos clásicos. Un traballo excelente.

Related Posts with Thumbnails