Wednesday 30 January 2008

Historia da vida cotiá en Galicia


O catedrático da Escola Universitaria de Historia Contemporánea de Santiago da USC, Xavier Castro, ven de gañar recentemente o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, convocado polo Concello de Valga coa súa "Historia da vida cotiá en Galicia", unha obra na que o autor afonda no quefacer diario dos galegos nos séculos XIX e XX.

Formulada como unha obra de investigación histórica, nas máis de catrocentas páxinas emprega fontes inéditas combinándoas coa bibliografía dispoñible para reflectir o xeito no que se desenvolvía a vida da xente corrente, a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o amor e o matrimonio, o traballo e o lecer e, asemade, o mundo da escola. Como argumenta o autor, existen varias historias de Galicia na época contemporánea pero ningunha dos galegos, “das xentes de diferente condición social, dos que comían ben e durmían en colchóns de la e os que levaban unha existencia precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de follato; dos homes, mulleres e nenos, labregos, fidalgos e habitantes das cidades que protagonizaron a historia deste país”.

A publicación está escrita nunha linguaxe asequible, que fuxe do academicismo e abonda en textos literarios, etnográficos e testemuños orais, que contribúen a darlle amenidade e ao tempo recrear o imaxinario colectivo e a atmosfera social na que se desenvolveu a existencia de varias xeracións de galegos de a pé.

Cremos que é unha excelente adquisición para a biblioteca e queremos,unha vez máis reiterar o noso agradecemento ao profesor Castro pola súa visita o curso pasado que de tanta utilidade foi para orientar o noso modesto proxecto sobre diversos aspectos relacionados coa alimentación.

Título: Historia da Vida Cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX
Autor: Xavier Castro
Editorial: Nigratrea
Lugar e ano: Vigo 2007

No comments:

Related Posts with Thumbnails