Showing posts with label PATRIMONIO. Show all posts
Showing posts with label PATRIMONIO. Show all posts

Monday, 17 November 2008

O cabalo e a morte

 

..
...E falando de lendas gústanos este artigo de Marcos Varcarcel aparecido en Galicia hoxe.

horses-gallop

.
O cabalo e a morte
Poucos animais tan unidos ó ser humano, dende tempos moi antigos, como o cabalo. Dende vello simboliza o poder, a velocidade, a nobreza. No mundo cristián, tamén o valor, mentres en Oriente se asocia ó lume e ó ceo. O cabalo negro é a cotío símbolo da morte. Hai varias lendas galegas que recollen este último sentido e cítaas Vítor Vaqueiro na súa Guía da Galiza Máxica. Se un cabalo tropeza cunha pedra, conta Mandianes, interprétase como petición de axuda dunha ánima, para que se rece por ela. En terras de Nogueira de Ramuín cita Afonso Monxardín o Camiño da Ponte, onde se aparece un cabaliño lanzal de gran brancura, que se achega a un valado para que as xentes o cabalguen, pero non o fan por medo. Unha historia semellante recolleu Risco en Congostro-Rairiz de Veiga, onde se aparece un pequeno cabalo moi fermoso diante dunha muller. Esta négase a falar con el e o cabalo retírase detrás duns amieiros, botándose a rir e desaparecendo: os campesiños pensan que se trata do demo. Nos traballos de X.Cuba, X. Miranda e A. Reigosa son máis vizosos aínda os acenos simbólicos do animal: cabalos de mouros, cabalos acuáticos, cabalo da fiaña, cabalo do vento e un longo etcétera.


MARCOS VALCÁRCEL

Thursday, 13 November 2008

As cruces nos camiños


Nestes días ándase a falar moito da recuperar a memoria e honrar os que foron asasinados na guerra do 36. Seica algunhas cruces nos camiños lembraban estes tristes feitos.
Xosé Manuel González mándanos esta foto desde Lobelle (Lugo) e cóntanos outra curiosa historia sobre as cruces. As cruces tamén se poñían nos cruces de camiños para que o demo non fixera das súas. Seica o "inimigo" acostuma deixarse ver nos cruces de camiños para tentar a xente e por iso poñían cruces xa que o demo non quere saber nada delas. Din que non atura estas tres cousas e por esta orde: as cruces, a auga bendita e que nomeen a Deus. Se temos unha Cruz xa non aparece o demo aínda que o chamemos como din que se chama cando se quere tratar con El: Nun cruce de camiños cun garrafón de viño e un xamón; primeiro déitase un pouco de viño no chan e logo empézase a comer xamón e beber, de vez en cando dise "se vés comes e se non vés non comes". Case sempre aparece con aparencia de bo mozo, alto e vestido con gabardina; seica só o delatan os pés, que se un se fixa moito (trata de escondelos) son de cabuxa. Come e bebe e fai tratos, que sempre cumpre pero a cambio quere almas, é capaz de dar riquezas e de facer obras coma pontes nunha soa noite; din que os cartos seica os fixo tamén el para que moita xente se condene por eles. Seguramente cando aparecían desgrazas nos lugares moita xente pensaba que podía ser obra del e como supoñían que andaba polos camiños poñíanlle cruces para que non puidera facer das súas. Algunhas veces seica sae a tentar na xente, pero se se fai un círculo no chan (mesmo cos pés) e te metes dentro xa te deixa en paz.

Friday, 31 October 2008

Honrar os defuntos, as ánimas

.
Veñen uns días nos que a xente lembra especialmente os seus defuntos. Visítanse os cemiterios... Fíxense que na entrada ao adro e tamén cemiterio de moitas igrexas hai un enreixado, que sempre se facía moi incómodo para os zapatos de tacón das mulleres. Cal é a súa función? pois parece que era para que o calzado non levase para fóra a terra sagrada do adro. Este da foto que nos envía Xosé Manuel está en Buciños (Lugo) fronte á casa natal do famoso escultor.


.
Como o cemiterio quedaba lonxe hai moitos petos das ánimas para rezarlles e botar esmolas pola súa salvación. Este peto está en Trasar de Carballo (Lugo), seica na Fonsagrada hai algo similar e chámanlles santiñas. Estar calado coma un peto, din os vellos que é porque lle botas a esmola e ninguén che contesta nin che dá as grazas. Hoxe igual xa non se botan as cadeliñas no peto, pero a xente vainos restaurando porque os sente como algo de seu.

Monday, 23 June 2008

V Festa do Muíño en Taboadelo

Asociación de veciños

“O Carballo”
V FESTA DO MUÍÑO EN TABOADELO

 

O pasado sábado 21 tivemos o privilexio de asistir a V Festa do Muíño organizada pola asociación de veciños "O Carballo" de Taboadelo, Ponte Caldelas (Pontevedra). Este grupo de veciños e veciñas restauró dous muíños nos últimos oito anos de forma totalmente altruísta.A actuación feita por estes veciños de Taboadelo é a demostración de que o único camiño posible para a recuperación do numeroso patrimonio etnográfico existente na nosa terra é a intervención e a implicación da poboación. Son os propios veciños os que deben sentir o orgullo de posuir bens patrimoniais e reclamar o apoio incondicional das institucións para o desenvolvemento de proxectos integrais de recuperación e mantemento.Imos camiñando cara unha uniformización cultural e consumista que nos despersonaliza. Actuacións como esta de restaurar os muíños de Arriba e Abaixo son un símbolo de resistencia. Hai que estar moi concienciado e querer cada recuncho desta parroquia para empregar de forma voluntaria moitos sábados, dende o ano 2000, en recuperar este espazo. Esperamos que con esta pequena reportaxe poidades ter unha idea do ambente que iniciativas deste tipo xeran entre os participantes de todas as idades congregados en torno a esta festa tan entrañable.Parabéns aos organizadores

Thursday, 22 November 2007

Grupo de profes do Sánchez visita exposición en Pontecaldelas

Un grupo de profesores do Sánchez Cantón pasaron hoxe pola Casa da Cultura de Ponte Caldelas e entraron a ver o Premio Antón Fraguas 2006. Que preciosidade o traballo que fixeron no IES de Ponte Caldelas (parabéns a todos, especialmente aos ex-profes do noso instituto Humberto e Cristina). Paráraronse a ver todo polo miúdo e aprenderon moitas cousas; por exemplo, ningún sabía ben o que eran os torreiros, agora xa o saben. Veñen todos contentos e recomendando a visita a quen pillan por diante.

Related Posts with Thumbnails