Thursday, 18 October 2007

Traducir, Traicionar?

Unha breve nota con respecto á obra de Romeo e Xulieta que puidemos ver onte no teatro principal. Sabemos que a linguaxe utilizada polos amigos de Romeo e Xulieta, criados na versión orixinal, causou lóxica sorpresa pola súa crueza e alusións sexuais totalmente explícitas.
Ás veces os tradutores tómanse licenzas que fan que as obras de escritores moi celebrados, como é o caso de William Shakespeare, queden bastante desvirtuadas nalgún dos seus aspectos. Romeo e Xulieta sempre foi considerada polos grandes estudosos do xenial dramaturgo inglés como unha obra menor, que carecía da relevancia doutras traxedias máis celebradas como Othello , Macbeth, o King Lear...aínda así sempre gozou de gran popularidade entre o público e quedou como prototipo do amor desditado fronte ao destino cruel. Shakespeare estableceu unha clara diferenza entre a linguaxe dos criados, vulgar e cheo de expresións, por así dicilo, da rúa, e a linguaxe poetica, chea de cultismos e refinadas metáforas dos protagonistas principais. Na versión orixinal Mercuccio por exemplo é deliberadamente soez, con alusións explícitas a termos obscenos e cunha forte carga sexual. Dependendo do período en que a obra foi traducida, estas expresións fixéronse máis "aceptables" ou simplemente suprimíronse. Só en épocas relativamente recentes puidemos ter acceso a traducións máis fieis que refllicten e respectan na súa integridade o texto orixinal. Xulgade por vós mesmos.
Traducción de Ángel Luis Pujante, Premio Nacional de Traducción pola súa versión de The Tempest. 1998.
BENVOLIO: Ven, que se ha escondido entre estos árboles, / en alianza con la noche melancólica. / Ciego es su amor, y lo oscuro, su lugar.
MERCUCIO: Si el amor es ciego, no puede atinar. / Romeo está sentado al pie de una higuera / deseando que su amada fuese el fruto / que las mozas, entre risas, llaman higo. / ¡Ah, Romeo, si ella fuese, ah, si fuese / un higo abierto y tú una pera! / Romeo, buenas noches. Me voy a mi camita, / que dormir al raso me da frío.

Traducción do mesmo texto de Ramón Menéndez Pidal, publicada no ano 1967, en pleno periodo franquista.
BENVOLIO: Sígueme; se habrá escondido en esas ramas para pasar la noche. El amor es ciego, busca tinieblas.
MERCUCIO: Si fuera ciego, erraría siempre sus tiros. Buenas noches, Romeo.
Pois agora resulta que a versión que vimos onte axústase bastante ao orixinal e o gran Shakespeare tamén sabe ser vulgar e irreverente e iso, en determinadas épocas, non era presentable. Como é pouco probable que adquiramos de repente o don de linguas e poidamos ler a todos os autores que nos interesan en versión orixinal, dependemos do bo oficio dos tradutores, que, ás veces, poden caer na tentación de recrear a obra á súa vontade. Esperemos que xa non sexa certo aquilo de traduttore, traditore .
Podedes ver El traductor-Autor, de Luisa Pastor Martínez, o ensaio que consultamos para este post, se queredes máis información. Moi interesante.


Wednesday, 17 October 2007

Romeo e Xulieta

.

O amor e a traxedia nunha das obras teatrais máis coñecidas: Romeo e Xulieta. O enfrontamento entre familias e entre pandas de mozos, o destino que todo o dirixe. A obra de Shakespeare posta por Eduardo Alonso diante dos ollos da xente nova: música, vestiario, escenografía do máis actual con botellón incluído. Rapaces e rapazas de 4ª ESO B tiveron a oportunidade de ocuparen unha butaca no Teatro Principal para ver e escoitar a un grupo de actores novos encabezados pola experimentada Luma Gómez. Conseguiría Teatro do Noroeste con esta versión facer atractivo o teatro para a xente nova? Conseguiría achegar un clásico da literatura universal á sensibilidade do noso alumnado?

Na biblioteca temos a versión orixinal en inglés e en español... e na rede hai moita informac
ión

Tuesday, 16 October 2007

Cancións do mundo

Hoxe queremos recomendar a excelente colección Un Libro, un CD, Ed Kókinos que ofrece tres repertorios de cancións populares infantís en tres preciosos volumes ilustrados, con texto bilingüe, acompañados por un CD no que se recollen unha trintena de cancións.
Os seus títulos: Á sombra da oliveira (adicada ao Magreb e con textos en árabe e español), Cancioneiro infantil do papagaio . (cancións de Brasil e Portugal, en portugués/español) e Cancións infantís e nanas do baobab (adicada á África negra e con textos en español e nunha decena de linguas africanas). A profesora de música está encantada e pensando en todas a cousas que poderá facer con eles.


Ao final do libro todos os textos das cancións están comentados, explicando os seus referentes culturais, Por exemplo: ulah xaulah .

"Esta canción de berce de refinadísima melodía cántase dun xeito semellante á música árabe andaluza. O arrolo da nai, xunto coas palabras amorosas e repetitivas en forma de ladaíña, envolven ao neno en caricias..."

Monday, 15 October 2007

Pensando en rede

Aproveitamos este partido de fútbol tan especial para anunciar a inauguración de dous novos blogs de traballo do Departamento de Filosofía. Pode accederse desde Biblogteka, onde xa contabamos cos do Departamento de Lingua e Literatura Galega. Os novos blogs un para 2º Bac e outro para 1º bac, proporán moitas e diversas actividades: debates baseados en fragmentos tomados das obras de lectura recomendadas para este curso, comentarios a vídeos, temas de actualidade. Teñen moi boa pinta e iso que están recén estreados. O Departamento de Francés tamén anda moi animado, e desde o equipo de Biblioteca pronto reactivaremos o blog Cociña Cooltural para que forme parte, entre outras cousas, do proxecto interdisciplinar de 1º ESO, que ten como tema a alimentación. Xa vos avisaremos, a ver que pasa... Por certo, tamén estreamos Tabolerio no instituto para todos e todas aqueles que teñades algo que dicir.

Friday, 12 October 2007

Sinestesia: Cores que saben, sons que berran

Cando tiña tres anos, a Vladimir Nabokov regaláronlle un xoguete consistente nuns cubos de madeira de diferentes cores, cada un dos cales levaba pintada unha letra. Ao ver o cubo vermello, correspondente á letra A, o futuro autor de 'Lolita' reaccionou enfadado e díxolle á súa nai: «O A non é vermello, é azul». A súa queixa non foi un arrebato de precocidade poética; A súa discrepancia coas cores do xogo procedía dunha percepción meramente física: para el, os sons representados pola letras non só chegaban ao oído, senón que tamén eran portadores de cromatismo; isto é, entraban polos ollos.
O ocorrido a Nabokov era un fenómeno que sofren -ou habería que dicir «gozan»- cinco de cada 10.000 persoas: a sinestesia. Dáse cando os suxeitos, ao recibir a información pola canle dun dos cinco sentidos, experimentan reaccións propias doutro: é dicir, «mesturan sensacións», uns cheiran melodías, outros oen cores ou saborean números. Na maioría de casos non se trata de percepcións transitorias, froito de estados de alucinación ou sobreexcitación, senón sensacións claras e permanentes. Os neurólogos que estudaron o fenómeno non acaban de pórse de acordo na súa orixe. Para uns, débese ao comportamento de determinado tipo de conexións entre células cerebrais. Outros dan máis importancia a factores hereditarios, hipótese avalada pola frecuente existencia de varios sinestésicos nunha mesma familia. A nai do propio Nabokov, por exemplo, vía formas e cores ao escoitar música; e Dimitri, o fillo do escritor, tamén tiña impresións similares.
O interese da sinestesia como peculiaridade neurolóxica combínase co seu indiscutible valor como forza creativa. Eran sinestésicos o compositor Rimsky Korsakof como tamén o foi o pintor Vassily Kandinsky. Un paciente describía ao seu terapeuta os sons agudos da seguinte forma: «Vese algo como fogos artificiais vermellos e rosados; a tira de cor resulta áspera e desagradable; teñen un sabor horrible, como o do cogombro en conserva; podería un ferirse a man con iso».
Kandinsky consideraba aos sinestésicos uns seres envexables situados «na vangarda espiritual da humanidade». Quizais non estivese equivocado.

Moi interesante e documentada esta ligazón para os que queirades saber máis.

Thursday, 11 October 2007

Isto de facer a compra está cambiando

Unha empresa estadounidense encargou a Microsoft que deseñase unha nova aplicación para incorporar a uns mini-computadores para os carriños do súper. O “super-carriño” é quen de dirixir ao consumidor aos seus lugares favoritos do supermercado, xa que por medio dunha “tarxeta de fidelidade” vai saber o que acostuma mercar, a frecuencia da compra, que cantidades consome e mesmo os problemas de saúde do cliente e a súa familia.

Evidentemente esta información resúltalle de moita utilidade á cadea comercial que tamén se aproveita do invento para dar a coñecer ofertas, e publicitar certos produtos, ou sexa dirixir a nosa compra.

De cara ao consumidor dise que nun futuro, lendo o código de barras, poderá dar información sobre os compoñentes nutritivos dun alimento, país de orixe, envasado etc.

Haberá que estar pendente deste asunto porque vai ter máis repercusións do que pode parecer nunha primeira ollada, aínda que os medios de comunicación dan a noticia coma quen ofrece un caramelo.

En relación co tema da compra publicouse recentemente o libro Supermercados, non grazas que axuda a reflexionar sobre a forma en que compramos na actualidade e as consecuencias que isto ten. Está á vosa disposición na biblioteca.

Wednesday, 10 October 2007

Disidentes (so tired of you America)


Queremos poñer ao voso dispor a última obra de Naomi Klein A doutrina do Shock. Obra documentadísima na que ofrece as súas conclusións tras numerosas entrevistas e investigacións levadas a cabo nos últimos catro años. A súa principal conclusión é que o neoliberalismo salvaxe vai a miúdo da man de políticas gobernamentais afíns e pode chegar a utilizar desastres de todo tipo, naturais ou terroristas, como combustible da súa voracidade nos momentos en que as poboacións se senten máis indefensas.
A súa tese é que do mesmo xeito que tras un duro interrogatorio os prisioneiros quedan en situación de desorientación e vulnerabilidade extremas e dispostos a colaborar, igualmente as poboacións aterrorizadas estarían dispostas a seguir a aqueles individuos que aseguran ser os únicos apropiados para salvalas. Serían estes os mellores momentos para modelar as sociedades segundo os seus intereses. Temos o libro do trinque, recén traducido e adquirido, o aspecto é impresionante pola extensísima bibliografía e documentación. Moi interesante, provocador e sen dúbida polémico, como tamén o foi No Logo
, o anterior traballo desta activista canadense . A teoría de Klein sobre como avanzou o capitalismo global ata a súa agresiva fase actual impactou a Alfonso Cuarón, o director do inquedante filme Fillos dos Homes. Cuarón realizou unha chamativa curta de seis minutos, presentada no festival de Venecia e que ten gran forza visual, na que Naomi Klein resume a súa teoría. Paga moito a pena vela .


Este libro salvarache a vida é a última novela de A.M. Homes, unha escritora estadounidense que algúns se empeñan en cualificar de "bad girl" por ir ao centro dos asuntos perturbadores da condición humana en Estados Unidos e que outros consideran unha desas elixidas que transcende os adxectivos. Nela cóntanos a vida de Richard Novak, un millonario que non precisa traballar e vive nunha ultramoderna casa de Los Ángeles e que só mantén contacto coa súa asistenta, a nutricionista, a masaxista e a adestradora persoal. Pero de súpeto un par de sucesos illados devolverana á sociedade, á familia, á realidade tan peculiar desa cidade coa atmosfera evasada ao vacio de Hollywood na que Novak iniciará a súa peculiar singradura cara a unha nova vida. A novela, poboada por personaxes de carne e óso nuns ambientes tan cribles como absurdos, mestura o realismo máis cru coas aventuras máis estrambóticas. Este libro salvarache a vida é, unha vez máis, unha acertada aposta de Anagrama que entretén, emociona e divirte grazas á feroz e aceda pluma da súa autora.
.
E por último un dos nosos máis recentes e mellores desubrimentos musicais: Rufus Wainwright. Todo un personaxe coas características para converterse nun ídolo musical á antiga usanza: novo, atractivo, cunha vida intensa e tortuosa... e cunha voz indescritible e chea de matices. Wainwright é totalmente ecléctico e impredicible. Seguro que o oiríades sen decatarvos en numerosas bandas sonoras, como en Shrek onde canta o famoso Hallelujah de Leonard Cohen, ou en algúns dos temas de Brokeback Mountain, pero interésanos esta magnífica I'm going to a town que hoxe nos vén moi ben para este post. Nela evidénciase a suxestiva voz deste intérprete tan especial, que ten unha solidísima formación musical e se descolga con versos que máis ou menos veñen a dicir ..que canso estou de tí América... como te aproveitaches do amor que tanta xente che tiña...pensas que non te condenarás precisamente tí, que presumes de facer todo ben , tí que cubriches de sangue o corpo de Cristo?... Agora voume resarcir polo que nos contan no Sunday Times e nas cancións infantís e que son só mentiras.... Teatral, excesivo e orixinal este Mr Wainwright, encántanos a súa balada. Haberá que seguirlle a pista.

Monday, 8 October 2007

Durmir nos cibercafés


O equipo de En Portada da TVE 2 visitou, nunha interesante reportaxe, os cibercafés de Tokio onde pasan a noite un número crecente de persoas, moitas delas mozos e mozas que teñen contratos de traballo que non lles permiten acceder a unha vivenda.
Estes cambios na supostamente próspera sociedade xaponesa cun dos máis altos niveis de vida do mundo, son consecuencia da introdución en Xapón da economía neoliberal que levou á aplicación de medidas que chocan coas características do modelo empresarial xaponés. A reportaxe de En Portada explica como a tradicional economía de Xapón, moi protexida polo estado, vive agora unha transición cara ao modelo liberal no que as empresas privadas teñen un maior protagonismo e liberdade de acción.
Moitos xaponeses están tamén enoxados pola deriva nacionalista e belicosa que tomou ultimamente a facción ultra conservadora do Partido Democrático Liberal. Este partido que goberna o país dende o final da segunda Guerra Mundial, quere potenciar as forzas armadas, e sancionou a máis de 400 mestres por negarse a cantar o himno nacional nas escolas públicas, algo que o goberno fixo obrigatorio.
Os centos de cibercafés que se reparten por Tokyo ofrecen tarifas nocturnas especiais por 1.500 yens (uns dez euros), inferiores ás das pensións máis baratas da capital. Neses tipos de establecementos, cunhas instalacións sempre dunha limpeza inmaculada, o usuario dispón dun pequeno cubículo privado cun cómodo sofá reclinable, televisión e un ordenador de mesa con conexión a Internet, no que tamén se poden ver películas e xogar cos videoxogos.

Ademais, moitos destes centros dispoñen de coleccións de DVD e de cómics manga, baños comúns, máquinas dispensadoras de bebidas e comida para os seus usuarios e ata sillón para masaxes. Algúns destes negocios, conscientes das necesidades dos novos 'refuxiados de Internet' -como se lles coñece en Xapón-, chegan a vender roupa interior para que poidan cambiarse.
Aquí podedes ver o aspecto destas pequenas habitacións totalmente equipadas, abertas as 24 horas e que contan cada día con máis demanda para pernoctar. Que vos parece?. Que horror!

Saturday, 6 October 2007

A Voar

Insistindo na idea de todo o tempo que temos de máis...

Thursday, 4 October 2007

Aung San Suu Kyi

Queremos presentarvos á líder da oposición de Myanmar, Birmania, Aung San Suu Kyi, que celebrou o pasado verán un novo aniversario no seu domicilio, convertido desde hai 17 anos nunha prisión. O símbolo da liberdade para millóns de birmanos cumpriu 62 anos baixo o arresto domiciliario que o réxime militar se resiste a levantar. Nacida en Rangún, o 19 de xuño de 1945, asumiu a dirección da Liga Nacional para a Democracia, que gañou as eleccións en 1990 por maioría aplastante. Como as autoridades militares se negaron a ter en conta este resultado, o seu partido non puido formar un goberno civil. Aung San Suu Kyi, suxeita a estreita vixilancia, preferiu permanecer á beira do seu pobo dando testemuño da súa fe en "a idea do ben e do xusto". A Xunta de goberno que mantén o poder no seu país non aforrou as invitacións de exilio á súa eminente e enoxosa semirreclusa, xogando co elemento da separación familiar, como un xeito rápido de desfacerse dela. Un capítulo desta táctica de acoso psicolóxico sucedeu cando o seu esposo, Michael Aris, morreu de cancro de próstata en marzo de 1999, sen volver ver á súa muller, esperando a visa que o Goberno birmano nunca lle concedeu. O pasado setembro foi trasladada a un novo recinto penal debido ás manifestacións que se realizan en todo o país esixindo democracia.

O confinamento de Aung San na súa casa foi prolongado un ano máis o pasado mes de maio, a pesar dos chamamentos da comunidade internacional a favor da súa liberación. Foi laureada co Premio Nobel dá Paz no ano 1991.

Birmania: algúns datos básicos

Nome oficial:
Unión de Myanmar
(antes Birmania)
Capital:
Pyinmana; ata novembro de 2005, o foi Yangón (Rangún)
Sistema de goberno:
Consello Militar
Xefe do Estado:
Xeral Than Shew, presidente do 'Consello para a Paz e o Desenvolvemento do Estado', desde o 23.04.1992
(Goberno no exilio: NCGUB, Coalición Nacional da Unión de Birmania, constituída tras as eleccións de 1990 e recoñecida internacionalmente desde 1991, cando Aung San Suu Kyi recibiu o premio Nobel da Paz)
Poboación:
42.909.464 (est. xullo 2005)
Superficie:
676.000 km²
Idioma: o myanmar (birmano) é o oficial. Tamén se falan outras linguas tribais como o karen e o shan
Relixión: Budista (87%). Tamén hai minorías animistas, musulmás, hindús e cristiás

CONFLITO
O país está gobernado por unha Xunta Militar que, tras negarse a recoñecer os resultados das eleccións de 1990, exerce unha forte represión sobre os grupos opositores ao réxime, acusado, ademais, de violar os dereitos das minorías étnicas.

Wednesday, 3 October 2007

Hijab

Hoxe gustaríame falar de TV, prensa e medios de comunicación; dos mundos virtuais e dos conflitos que crean. Quero falarvos de mulleres afgás que levan burka, de nenas marroquís que pretenden ir con veo aos seus colexios...
Penso que as mulleres somos símbolos útiles, non suxeitos. Onde están as voces das mulleres afgás?. Fálase delas, mais elas non aparecen. Se aparecesen, tal vez contasen o inferno no que viven desde hai moitos anos e que só foi noticia cando os talibáns deixaron de ser socios de EE.UU; despois, o réxime talibán foi derrotado, e alí seguen elas, cos seus burkas, sen poderen ir traballar, porque a situación apenas mellorou, pero elas xa non interesan como noticia. Desapareceron...


Por suposto que hai problemas no mundo árabe. Os talibáns son un caso extremo mais apenas representan a ninguén. Somos moitas as persoas que pertencemos á mesma cultura aínda que esteamos en total desacordo con eles.
Agora dúas palabras sobre o veo e o seu significado na cultura islámica. Non ten que ver nada en absoluto co concepto de submisión. Trátase dunha pretensión de ocultar o corpo para non ser considerada só como un obxecto de desexo, para ser valorada por outras calidades. Evidentemente un pode estar ou non estar de acordo: os teólogos discuten incesantemente sobre a súa obrigatoriedade. Tamén o fan as mulleres sobre o seu uso, algunhas o levan e outras non. Toda esta situación simplificouse e distorsionouse nos medios. Que se transmitiu?: que é algo funesto sobre o que non merece a pena nin reflexionar. Estas actitudes non fomentan o diálogo entre culturas nin axudan a achegarse ao outro"...
MUNDO ÁRABE, OCCIDENTE E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN (extracto de conferencia)
Awatef Ketiti. Periodista e investigadora feminista tunecina.

Se queredes ler o artigo enteiro e máis opinións de mulleres musulmás falando da súa cultura podedes visitar a correspondente sección do traballo
Mulleres no Islam, colgado na páxina da biblioteca do centro.
Este video, obtido via o blog
Iguales en las 3000 é un documento excelente que exemplifica o texto anterior e que todos deberíamos ver. O uso do hijab nos centros escolares debe ser sometido a debate, é verdade, pero é un asunto complexo que non podemos solventar con tópicos de escaso rigor e ideas en exceso simplificadoras dunha realidade tan complexa e plural como é a cultura islámica.

Tuesday, 2 October 2007

FEMINISMO CONTRA HOMOFOBIA



Hai moitas maneiras de facer arte: debuxando, creando música, ou na rede mediante ferramentas informáticas.
Pois ben, algunhas mulleres foron dándose conta de que podían usar iso que se chama o ciberespazo para construíren unha nova realidade na que elas existen como realmente desexan ser, onde se poden facer a si mesmas sen ter que estar sometidas aos mandados dunha sociedade machista que distribúe as persoas en dous xéneros aos que lles asigna unhas determinadas maneiras de actuar (roles), sen deixar case escapatoria. Xorde así o
ciberfeminismo.
Neste contexto hai mulleres e homes que se afogan porque non encaixan en ningún deses estereotipos. Así que as loitas feministas e os movementos contra a homofobia coinciden en reivindicar que hai “outros”(homosexuais e as mesmas mulleres) que teñen que poder mostrarse como realmente son, máis alá dos moldes que a publicidade e determinados sectores impoñen.
A pintora portuguesa, Paula Rego, da que o Museo Reina Sofía vai expor unha parte da súa obra, rompe con bastantes deses estereotipos: observa a serie Dancing Ostriches que, entre outros moitos cadros, aparecen na web da
Universidade de Cmbridge.


Para quen desexe ler unha breve pero profunda fundamentación teórica sobre a feminización da cultura a través de Internet pode consultar este documento de Remedios Zafra.
Por certo no Museo de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela inaugurouse unha exposición baixo o título A batalla dos xéneros. Quizais non é doada para ser visitada polo alumnado, pero é interesante para adultos.

Non é tan doado


Estonia, Latvia, Chipre, Malta?...? Seguro que sabemos exactamente onde se atopan todos estes países dos nosos veciñ@s europeos?
O xogo consiste en arrastrar o país ata a súa localización exacta. supostamente todos deberiamos acadar un 90%,de acertos, especialmente os profes. Atrevémonos? Xa nos contaredes...

Monday, 1 October 2007

Unha do bo de Cuttlas


Enlazando co post anterior hoxe queremos recomendar os cómics de Calpurnio, pseudónimo de Eduardo Pelegrín Martínez, de recente adquisición na biblioteca. Este ilustrador demostra que non é necesario o virtuosismo no debuxo para producir personaxes inesquecibles e escenas tan maxistrais como a que aquí aparece . O seu personaxe: O Bo de Cuttlas, é un heroe á vella usanza coa súa noiva (Mabel) e un malo (moi malo), Jack o malvado. Este personaxe emblemático, Cuttlas, é un tenro boneco minimalista concibido con trazos simples e estilo naïf, Calpurnio relátanos a través del as inquietudes e aventuras dun cowboy que situado na época actual medita sobre a existencia, as relacións humanas e a arte.
Recomendamos unha visita á súa interesante web, especialmente a esta sección onde aparecen algunhas das súas mellores creacións. Comenta un dos profesores do Departamento de Plástica que este tipo de cómic é moi axeitado para animar ao alumnado a que constrúa as súas propias historias. Non é necesario ser un mestre do debuxo para crear algo interesante. É a xenialidade do sinxelo

Sunday, 30 September 2007

A debuxar

Como non sabemos se os xogos do outro día tiveron moita ou pouca aceptación, este fin de semana continuamos con máis propostas: acabouse o encher papeis e máis papeis deeses debuxos vulgares e sen ningún xeito nos claustros e reunións varias. A partires de agora imos a aproveitar todo ese tempo sobrante que temos de abondo asombrando un pouco ao persoal coa nosa inesgotable versatilidade...

Thursday, 27 September 2007

Homofobia II


Xusto despois de publicar Homofobia, a nosa penúltima entrada , atopamos que no programa de radio "Hoy por hoy" trátase o tema do acoso escolar aos estudantes homosexuais. Somo membros dunha comunidade educativa e entendemos que sería moi bo escoitar atentamente este documento. Nós, como docentes, dámonos por aludidos despois de oir esta exemplar testemuña dun mozo homosexual e a súa nai e prometemos proporcionar información desde este blog. Xa temos, de feito, algunha que pensamos poderá ser de utilidade.

Percepcións

Grazas ás máis avanzadas tecnoloxías podemos aprezar en toda a súa beleza ou precisión aspectos da realidade que antes nos escapaban.
.

Abríronsenos as portas para contemplar moito do que ata hai moi pouco tempo estaba fóra do noso alcance: as dos detalles da ínfima materia e do interior do organismo, as das profundidades abisais do fondo dos mares, as do planeta Terra e dos máis afastados astros e galaxias tomadas dende o espazo ...Ampliouse o horizonte da mirada humana, ¿pero percibimos todas esas cousas tal e como son ou en certo modo son só simulacións, modelos?



O mundo microscópico captado en fotografías dá imaxes de sorprendente beleza, ideais para facer con elas un poster ou un fondo de pantalla. Remitimosvos á páxina do certame anual de Nikón -Small World- de fotografía tomada con microscopio, que a disfrutedes.

Tuesday, 25 September 2007

Homofobia



  • "Homofobia" significa temor, rexeitamento ou medo aos homosexuais.
  • Non aceptar a un fillo ou filla homosexual non só non é unha alternativa, senón que trae graves consecuencias para o fillo ou filla e dor para toda a familia.
  • Os homosexuais e as lesbianas son, como as persoas heterosexuais, moi diversas unhas doutras.
  • Somos heterosexuais, homosexuais ou bisexuais pero non sabemos a causa.
  • Só as sociedades que non queren cambiar, as escolas que non afrontan este tema e os pais que se negan a axudar aos seus fillos ou fillas deben ser criticados.

HOMOSEXUALIDAD Y FAMILIA: Lo que los padres, madres , homosexuales y profesionales deben saber y hacer. Félix López Sánchez

Un bo libro e un anuncio xenial dos nosos veciños portugueses.

Seguiremos falando do tema. Non vos parece?

Monday, 24 September 2007

Lecturas 2007-2008. Departamento de Lingua e Literatura Galega


Velaquí unha entrada un pouco longa, en contra do noso costume, para dar a coñecer os blogs que o alumnado pode utilizar para os comentarios das lecturas deste departamento. Segundo instrucións do profesorado deixaremos sen borrar durante alguns días parte dos comentarios do curso pasado en 2º BAC para que sirvan de referencia.
.
Tamén informamos das novidades deste curso que xa están incluídas nos correspondentes niveis. A selección e reseña destes libros correu a cargo do profesor Anxo González Guerra, Xefe de Departamento e membro do equipo da Biblioteca:
.
Un bosque cheo de faias, Francisco Castro, Everest,
Tres mozos amigos e compañeiros de instituto (15 anos) van sempre ao mesmo bar xogar a partida e tomar unha coca... e falar: Alexandre, Manuel e Antón. Alexandre non atura o novo noivo da nai; Manuel é rapaz perfecto: coa nai, estudante, educado, sincero... Chega do Senegal un rapaz negro, Nelson, e Manuel faise amigo del para introducilo no ambiente e acaba indo tamén ao bar. Pero Nelson e o seu pai son asaltados por un grupo nazi que lles dá unha malleira. Hai indicios de que un dos asaltantes os coñece. Quen será? Comezan as dúbidas e sucédense as sorpresas. Ben escrito. Lese dun tirón este libro.
(Para 15 anos)


A cova das vacas mortas, Jaureguizar, Ed. Xerais, 129 p.
Esta novela está protagonizada por Xoel, mozo de 16 anos que vive nunha comuna xunto ao encoro de Negueira de Muniz. Non sabe quen foi seu pai e a nai cultiva marihuana que vende en Lugo para logo gastar nas festas. El fala galego e español que aprendeu no colexio e coa nai aprendeu a lingua de Alemaña. Vai ao instituto, cruza o encoro en barca. Hai problemas porque agora que se abriu a estrada os vellos donos reclaman as casas abandonadas e a garda civil ten que desaloxar. Pero a Foxo chega o vello avó de Alemania e todo vai cambiar. Trae unha súper 8 que grava todo, anda enfermo e ten que cambiar os cueiros cada pouco, fala sempre dunha cineasta que colaborou con Hitler... van empezar a pasar moitas cousas e de repente... demasiadas... ata chega Iria, unha fermosa moza da capital... e...Novela premio da F. Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2006. Lese dun golpe: o amor adolescente, o cine, a ecoloxía, a liberdade.
(Para 16 anos)

O talismán dos druídas, Pepe Carballude, Everest, 109 p.
O consello de anciáns do Nerios (castro de Amenarelle) ve próximo o ataque das lexións romanas mandadas por Décimo Xunio Bruto. O cego druída Arístides propón recuperar un talismán coa axuda dun mozo, Kanerez, que debe superar tres probas para ser o elixido.
Convertido en U-xio pasará unha morea de aventuras loitando contra todo tipo de seres fantásticos e monstruosos, coñecerá a bela Briseida, montará en Euro e procurará o diamante das doce caras que salve o seu pobo do monstro que vive nas minas.
Novela de aventuras fantásticas ambientada nos castros, ben contada e con ilustracións.
(12-13 anos)

A pomba e o degolado, Fina Casalderrey , Xerais. 171 p
A pomba e o Degolado son os nomes dun rapaz e unha rapaza cando se comunican por internet.Pero todo comeza antes cando el estaba aínda no colexio e non chegara ao instituto de Marín. Vive os problemas de seu pai que un día desaparece e pronto chegará a separación, os regalos do pai ausente, as visitas a Pontevedra. André terá que ir madurando e sufrindo as burlas e falcatruadas dos típicos matóns que dominan a súa clase. A nai que non pode facer máis ca traballar e traballar. A irmá que está na adolescencia e tamén ten as súas. Pero... está o avó e o seu mundo de paxaros que domina toda a obra. O avó que lle regala internet, o que lle permita abrirse a un novo mundo, o messenger. Pero o avó porase malo e el terá que atender os paxaros, e hai outras moitas cousas que coñecer neste libro.
(13-14 anos)

Carlos Reigosa novela a historia de Pepa a Loba
Comeza con A xeito de como se fixo (agradecementos). Logo vai contándonos as peripecias da sonada bandoleira. A súa infancia e mocidade, a súa convivencia e casamento cun vello cantineiro, a desgraza que a levou a presidio, o seu amor con Daniel, a fuxida e ... como logo vai montando o grupo de bandoleiros e a as súas falcatruadas. Todo moi ben contado. E un luxo, as ilustracións son de Miguelanxo Prado.
(Para 17-18 anos)

O club da calceta, María Reimóndez , Xerais, 271 páxs
Do mellorciño publicado no 2006. Lese moi ben, ten gancho e está moi ben narrada. Historias de mulleres escritas por unha muller para ler homes e mulleres. Seis mulleres acoden a un curso de calceta que organiza unha asociación veciñal. Son moi distintas pero todas sofren por algo. A calceta é o elo que as une e vai ir tirando polas súas historias. Son seis capítulos que comezan cun suceso tirado dun xornal e protagonizados por Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda. O capítulo sétimo (xersei) úneas a todas nunha tarefa común. O drama da muller que só ten unha perna e soña con ser condutora dos autobuses de Vitrasa, o da prostituta filla de prostituta que non ve saídas na súa vida, o da militante progre que vive cun militante progre que é moi pouco progre na súa relación, a que se deslomba limpando casas e investiga a estraña desaparición da súa tía Divinia (misterio que se nos desvelará preto do final), a secretaria guapa que quere ser outra cousa, a solteirona beata que non sae da igrexa. Detrás de cada unha delas hai unha fermosa historia?, ben seguro.
(Maiores)

Friday, 21 September 2007

A XOGAR !

Esta entrada vai adicada a todos os blogueir@s que se pasan por Mesturas e moi especialmente a tod@s os responsables das Bibliotecas Escolares que, dentro ou fóra do PLAMBE, aceptan a esforzada tarefa de convertelas en espazos acolledores e en recursos útiles. Estas inocentes persoas seguen sometidas a algunha estraña e esgotadora proba iniciática consistente en aumentar progresivamente os seus deberes mantendo ou reducindo as horas que poden adicar á súa, segundo os responsables políticos, encomiable labor. As probabilidades de éxito ante semellante reto son só comparables ás que esperan aos novos responsables da Coordinación das TICS, tarefa que resulta que non ten nada que ver con arranxar os computadores estragados. Ninguén pensou que se non van acompañadas de horas suficientes estas figuras e as súas importantes funcións quedarán desprestixiadas nos popios centros e non xerarán ningún tipo de confianza interna? A ninguén se lle ocorreu que, en moitos casos, toda esta montaxe pode dexenerar nunha simple etiqueta sen contido deseñada para que todos poidamos cobrar os prometidos complementos xa que "total só é cordinar un pouquiño o que se le" como dicía un compañeiro o outro día coa mellor intención do mundo?.


Como loitar contra imposibles produce ansiedade, propómosvos estes marabillosos xogos do deseñador californiano Ferry Halim. Teremos moitas máis posibilidades de éxito loitando contra estes animaliños e personaxes tan tenros que contra a Todopoderosa Administración. Relaxarannos a coidadísima estética, os tons pastel e as suaves melodías. Como imos tendo unha idade, tampouco é que sexan moi difíciles para poder darnos o gustazo de acadar unha puntuación razoable. Se son demasiado cursis para algún ludópata empedernido, sempre haberá algún menor de 12 anos que os saiba aprezar.


Feliz comezo de curso, queridos
compañeir@os.
.

Thursday, 20 September 2007

¡ Qué blanca más bonita soy !

Queremos falarvos hoxe dun excelente relato que trata dun tema inusual: a escravitude. En ningún momento ten o lector adulto a sensación de estar ante unha peza prefabricada, de escaso valor literario, composta para defender determinados valores ante os supostos novos lectores. O tema está exposto dende o punto de vista do opresor, a opresora, neste caso: unha nena que entra na adolescencia nunha sociedade en que todo transcorre cunha lentitude exasperante e os poucos, pero intensos acontecementos, sacoden o lector como lategazos.

Novela moi curta que se le dun tirón e é, na nosa opinión, extraordinaria e moi diferente aos libros que acostuma ler a rapazada; exemplifica perfectamente como a forma narrativa pode determinar a calidade do contido e como a boa literatura pode estar ao alcance de calquera.


Qué blanca más bonita soy de Dolf Verroen recibiu, entre outros, os seguintes galardóns:
- Premio Alemán de Literatura Infantil 2006
- Premio da Paz Gustav Heinemann para Libros Infantís 2006
- Luchs des Monats (Lince do Mes) do semanario Die Zeit e Radio Bremen
- Eule deas Monats (Curuxa do Mes), do Bulletin Jugend & Literatur (Boletín Xuventude e Literatura).
- Die Besten Sieben( Os Sete Mellores) de 2006, de Deutschlandfunk ( Radio Alemaña) .

Wednesday, 19 September 2007

Outros universos

Resulta moi curioso que entre os dez últimos gañadores do Premio Naguib Mahfuz- o máis prestixioso galardón das letras árabes- hai catro mulleres, un número que, proporcionalmente, está moi por enriba do Premio Cervantes ou do prestixioso Booker Prize. Imos recomendarvos precisamente unha destas novelas, El labrador de aguas da escritora libanesa Huda Barakat. Alguén o levou prestado este verán e acaba de volver dicindo que lle gustou moito.
A seguinte recomendación é o libro Ler Lolita en Teherán da escritora iraniana Azar Nafisi. Fala das peripecias dunha profesora de Literatura para ensinar ás súas alumnas nunha universidade deste país. Este libro foi lido xa bastantes veces e sempre foi do agrado das súas, case sempre, lectoras. E buscando, buscando na rede atopamos información sobre Rafael Robles que pasou por unha experienca moi parecida en Teherán e ten un interesántísimo blog. Decatámosvos que el tamén ten un libro do trinque que nos apetece bastante: Ler el Quijote en Teherán, inspirado, como é obvio, no anterior; adquirirémolo rapidamente.


Tamén adquiriremos en datas inminentes El legado de la pérdida, de Kiran Desai escritora angloindia, gañadora do último Booker Prize. Fala dos sentimentos dos emigrantes en países de culturas moi diferentes ás que estas persoas teñen como referencia. Interésanos o tema.

Pois xa sabedes, se vos apetece algún....

Tuesday, 18 September 2007

A cara oculta do talibán

Hoxe queremos contarvos unha historia sorprendente que coñecemos a través da interesante reportaxe de Thomas Dworzak. Xa leramos hai algún tempo acerca do asombro dalgúns visitantes occidentais en determinadas zonas de Afghanistan ao ver a naturalidade con que os rapaces e os homes afgáns se maquillaban os ollos con khol (un po negro e moi fino que se usa dende hai séculos en África e Asia para maquillar de negro as pálpebras). Do mesmo xeito, adoitaban aparecer en público da man ou abrazados con outros mozos, ou mantiñan numerosas relacións homosexuais de forma máis ou menos aberta, debido probablemente ás restricións impostas para ter unhas relacións fluídas con rapazas da súa idade. Esta permisividade de fondas raíces culturais, rematou bruscamente coa chegada do réxime talibán, coñecido en todo o mundo polas severísimas medidas que impedían calquera manifestación espontánea de alegría ou afecto. Á parte de impoñer ás mulleres o uso do burka, os talibáns prohibían calquera forma de representación dos seres vivos, animais incluídos. Ordenouse o peche de centos de estudios fotográficos, deixando só abertos algúns para realizar as fotos imprescindibles para os documentos oficiais. Non obstante, estes temidos soldados que eran capaces de castigar dun xeito atroz aos que se atrevían a desobedecer as súas demenciais ordes, subornaban aos fotógrafos para conseguir fotos máis do seu gusto, nas que aparecen profusamente maquillados ou con amigos íntimos sen ningún tipo de disimulo, permitíndose o que reprimían tan cruelmente nos demais. O autor da reportaxe conseguiu estas fotos cando as tropas talibáns fuxiron ante a chegada dos seus opoñentes en 2001 e deixaron algunhas sen reclamar.


Unha vez máis comprobamos a tremenda hipocrisía e o cinismo dos represores, máis hipócritas e máis cínicos canto máis crueis son os seus métodos. Realmente son fotos que poducen unha sensación estraña; botade unha ollada porque paga a pena e non vos desanimedes polas explicacións en inglés. contan máis ou menos o que acabades de ler.

Monday, 17 September 2007

De visita a Miniterra

É difícil facerse unha idea mental clara dunha situación cando se nos proporcionan os datos utilizando cifras demasiado elevadas. Millóns de persoas morren de fame, millóns de dólares gastados en armamento, aumentan as vítimas da sida... pero frecuentemente son datos carentes de sentido pola súa magnitude. Dende o ano 2001 o proxecto Miniature Earth pretende que visualicemos a poboación do planeta con máis eficacia para resaltar algunhas circunstancias sorprendentes que a miúdo pasan desapercibidas por este motivo. O proxecto propón reducir imaxinariamente a poboación do planeta a unha pequena aldea de 100 persoas e axustar todos os datos proporcionalmente para ter unha idea clara de como esta imaxinaria minialdea planetaria está habitada por nós. É un documento curioso e moi didáctico. Textos en español.

Friday, 14 September 2007

Golfiños varados na meseta


É todo un honor para este blog o comentario da escritora Fátima Peón. Como podemos esquecer a alumna tan ilustre que se inspirou no noso centro para a súa novela Camposanto, por certo con moito éxito entre o alumnado actual! Que veña por aquí cando queira que este sempre será o seu instituto e a biblioteca a súa casa. Non esquecemos a última vez que se prestou a falar da súa o obra a uns cursos de 4º ESO e 2º BAC, velaquí a foto
E asemade aproveitamos para recomendar o seu interesante blog do trinque.
Saúde, Fátima, e que che vaia ben por Madrid.

Wednesday, 12 September 2007

Diferenzas

Onte líamos na prensa o entusiasmo de María Amelia, a internauta coruñesa de 95 anos que declaraba estar chea de vida e gozando de cada minuto que pasaba conectada á rede. Era case imposible non sorrir de admiración ao vela tan fresca, tan sedenta de información. Aquí tendes a ligazón do seu envexable blog, que recibe centos e centos de visitas de xente de todo o mundo e de todas as idades. Foi un agasallo do seu neto para celebrar o seu cumpreanos. Por certo, non vos perdades o vídeo.



Hoxe, en cambio, lemos a morte do Toro de la Vega, festexo declarado de interese turístico rexional pola Junta de Castilla y León. Entramos nesta páxina de denuncia onde se describe con detalle todo este ritual de morte e crueldade extremas. Entramos tamén nesta ligazón onde se defende a morte do animal con vehemencia en nome de non sabemos que estúpidas raíces e tradicións.



É certo que debemos construír entre todos sociedades plurais onde poidamos convivir malia as nosas diferenzas pero ás veces non podemos nin queremos ocultar o sorriso e a admiración que nos produce a enriquecedora vellez de Mº Amelia nin a repulsa e o noxo máis contundentes ante o Torneo del Toro de la Vega



Monday, 10 September 2007

Un libro perigoso para os rapaces


Resulta que "A dangerous book for boys" (Un libro perigoso para os rapaces) é un grande éxito editorial na Gran Bretaña. Este libro, de portada nostálxica, como podedes ver, pretende ser unha especie de enciclopedia do lecer pasado de moda. Tenta ensinar a construír xoguetes divertidos, a fomentar o xogo compartido cos pais e a animar a practicar actividades ao aire libre fronte ao sedentarismo das play stations. Recomendamos unha ollada ao vídeo que tamén ten o seu punto e xerou certa polémica polo papel tan tradicional da nai da criatura. Desde logo o título tampouco ten desperdicio. Seica as mozas non se divirten lanzando bombas de auga ou xogando ao aire libre? Non vos parece un título pouco afortunado? De todos os xeitos, a idea pode ser interesante. Que facemos? Comprámolo?

Sunday, 9 September 2007

Máis Mar



Pouco a pouco empezaremos a contarvos as novidades que podedes atopar na biblioteca este curso. Agora que falabamos do Mar, lembramos que temos un libro precioso "El mar: terror y fascinación" de moi recente adquisición onde, ademais dos interesantes contidos, podedes admirar gravados, miniaturas, ilustracións de diferentes épocas e culturas .



Outra suxestión é a película "De profundis" de Miguel Anxo Prado. O título alude ao lugar onde se sitúa o argumento: o fondo do mar. É unha homenaxe ao mar, a nosa reserva de vida e esperanza, e símbolo dos nosos pesadelos e soños. Especialmente destacable é a banda sonora e, por suposto, as pinturas ao óleo animadas. Paga a pena que botedes unha unha ollada á ligazón para que vos fagades unha idea da atmosfera da película. Nesta outra ligazón atoparedes máis información.




se estades interesad@s xa sabedes....














Friday, 7 September 2007

Pontevedra e o mar

A miúdo esquecemos a importancia que tivo o mar para Pontevedra nos séculos XV e XVI. Botade unha ollada a esta curiosa e entusiasta descrición da cidade que fai Pedro Teixeira no seu Atlas del Rey Planeta, no ano 1634, nada menos:

"Es la villa de Pontevedra el mejor lugar de toda la costa deste reyno, así por su grande población como por el trato. Está situada en un llano, en la orilla y margen de su río de la parte del mediodía entre dos bueltas que él da , con que queda gozando de él por la parte del levante, donde tiene una muy buena puente de cantería...su puerto es abrigado de todos tiempos y sergurísimamente dan fondo los navios dentro de su barra, junto a las mismas casas de la villa..."

A Casa das Campás recolle a mostra Pontevedra Peirao de historia, na que se lembra a relación da cidade co mar a través de fotografías, gravados e documentos históricos. É moi interesante e aínda estades a tempo.

Thursday, 6 September 2007

Adeus Elisa




Elisa acaba de morrer esta mañá. Só tiña 14 anos. Sobre a mesa da biblioteca aínda está o último libro que levou prestado cunha nota de desculpa polo atraso na devolución. Non puido terminar de lelo porque empezara un tratamento que ao final resultou inútil. Estamos desolados.

Tuesday, 4 September 2007

De novo

Rematou o verán, polo menos ese verán psicolóxico que ten a súa fronteira nos derradeiros dias de agosto. En Pontevedra aproveitamos a ocasión para celebrar a Feira Franca. Houbo record de participación este ano e xentes de todas as idades acudiron á convocatoria da última edición. Unha marabilla ver como o entusiasmo de miles de persoas transformou por completo a cidade por unha noite e un día. A comida foi un dos grandes protagonistas da celebración, a bebida tamén, claro. Unha magnífica ocasión para facer fotos. Esta é a nosa pequena selección.
Por certo, encantaríanos poder xerar un chisco deste entusiasmo colectivo para as iniciativas que propoñamos durante este curso que está a piques de comezar.

Benvidos de novo a Mesturas despois do decanso veraniego. Aquí estamos, coma sempre, ao voso dispor...

Related Posts with Thumbnails