Thursday, 1 October 2009

La sociedad literaria y el pastel de patata de Guernsey

La sociedad literaria Estamos pensando xa na seleción de lecturas para a segunda andaina do noso club de lectura Tinta Viva.
Non sabemos aínda se teremos subvención oficial da Xunta para este curso, e moito menos a canto ascenderá a posible axuda. Intuímos que, en xeral, as perspectivas non son demasiado esperanzadoras neste e noutros temas, pero dunha cousa estamos seguros: Tinta Viva segue adiante, con ou sen respaldo oficial, porque o club de lectura está avalado polo equipo directivo do centro, que contou cun pequeno desconto horario para a profesora que o coordina, polo apoio explícito da ANPA O Verxel, sempre tan entusiasta e disposta a colaborar e, esperamos, por un número crecente de socios e socias.
Pois dándo voltas ao tema esencial da selección de lecturas pensamos que poderíamos comezar cun libro que fala precisamente doutro curioso club de lectura: o que formaron algúns habitantes da Illa Guernsey durante o longo período da ocupación nazi. É un libro realmente entrañable, dos que non podes deixar de ler, cunha mestura case exacta de humor, tenrura e dureza. É, sobre todo, un libro luminoso que tamén fala doutros libros iluminadores e ao que se lle podería aplicar sen medo a equivocarnos unha das súas afirmacións:
Ler bos libros, impídeche gozar dos malos”.

La sociedad literaria y el pastel de patata de Guernsey Annie Barrows.Mary Ann ShafferRBA. Barcelona (2009). 304 págs. 15,50 €.

Podedes botar unha ollada ao video de promoción

Wednesday, 30 September 2009

16: Moments

A vida en estado puro: fermoso vídeo para nos ver reflectidos nalgún momento da nosa cotidianidade. Proxecto de Radiolab dirixido por Will Hoffman.
Chéganos vía os nosos queridos amigos Anxo e Gracia de Trafegando Ronseis.

Leo que o proxecto está baseado no libro de relatos SUM de David Eagleman.
Trátase dun xogo de recreación dalgunhas orixinais e creativas posibilidades (non todas placenteras, por certo) que poderían agardar por nós despois de morrer. O feito de que David Eagleman sexa neurociruxano engade certo morbo ao tema. Parece que o libro ten unha excelente acollida. Penso ler algún extracto desta páxina que acabo de atopar. Que eu saiba, non está traducido. Haberá que investigar.

Tuesday, 29 September 2009

Mariem Hassan

A cantante saharauí Mariem Hassan foi agredida onte en Madrid por un grupo de cinco mozos que empezaron a increpala cando viron que vestía a melfa, traxe típico das mulleres da zona do Sahara Occidental que está fóra do control de Marrocos.
Mariem Hassan saía dunha cafetería xunto á bailarina e percusionista Vadiya Mint e o guitarrista Lamgaifri Brahim cando cinco cidadáns marroquís -segundo indicaron as insultadas-, tres mozos e dúas mozas, increparon ás mulleres pola súa vestimenta.
Os músicos que a acompañaban defenderon á artista dos agresores, que fuxiron nun taxi cando escoitaron o coche da policía.

Mariem Hassan, recentemente chegada de Italia, onde participou no festival WOMAD en Sicilia, atópase en Madrid gravando un novo disco.
A cantante, que é coñecida como "a voz do deserto", compón as letras das súas cancións en lingua hassiana -a lingua dos saharauís-, para dar voz a un pobo "inxustamente asoballado e perdido e que está farto de ser refuxiado", afirmou nunha entrevista concedida a EFE na primavera de 2007.
Hassan é todo un ídolo no seu país onde, segundo afirma, é escoitada "en segredo" porque a súa música está prohibida na zona "ocupada" do Sahara Occidental.

FONTE EFE

Non coñecíamos a Mariem Hassan. Este é o video que nos pareceu máis ilustrativo.

Monday, 28 September 2009

Se conduces…

Peculiar campaña antidroga. Ten o seu punto , non creades.

Sunday, 27 September 2009

Diverxencias

Se tedes un rato, estaría ben botar unha ollada a estes dous documentos. No primeiro Inger Enkvist, que estivo recentemente en Pontevedra como ponente nas xornadas organizadas por Galicia Bilingue, expón  todo un alegato contra a aprendizaxe por proxectos e a escola comprensiva.

No segundo un breve documento procedente do programa Redes de Eduard Punset. Xa me contaredes

Saturday, 26 September 2009

Pablo Dacal y La Orquesta de Salón.

Algo está a pasar nos ambientes pop rioplatenses: unha boa plétora de creativos artistas traballan nas dúas beiras do río tanguero tendo por obxectivo unha libre reelaboración da música popular. Dende o funk marciano de Martín Buscaglia até a canción intimista de Dani Umpi, todos eles escriben con efervescente singularidade. O músico que nos visita non é unha excepción. Curtido nos corsés do rock clásico, Pablo Dacal deixou a súa primeira banda, os Killer Burritos, aló polos anos 90 para, a seguir, defender un proxecto bizarro, vizoso e sorprendente: La Orquesta de Salón. Na súa música intuímos dende os ecos dun reivindicable Spineta até o sentimento bohemio do cabaret alemán da década dos vinte, sen nos esquecer da animada saudade do xenial Brassens. Cadencia popular, tendencia polifónica nos arranxos e moita sabedoría literaria: Pablo Dacal vén de editar o seu segundo disco, La era del sonido (Galileo MC, 2009), e visitará Galiza para presentalo. Acompañarao un dos seus colaboradores: o coruñés Xoel López.

Datas Previstas:
Xoves 1 de Outubro: La casa de arriba. Vigo.
Venres 2 de Outubro: Sá Karma. Pontevedra.
Sábado 3 de Outubro: O Flotante. A Coruña.
Luns 5 de Outubro: FNAC. A Coruña
.


Ella ya está en la playa, con Xoel López.


Thursday, 24 September 2009

Cociña e matemáticas

Pódese escribir a cociña con linguaxe matemática?

Esta é a pregunta que aparece no blog “Comida e matemáticas”. Como mostra do seu evidente interese e infinitas posibilidades, recollen esta apetitosa e formativa proposta do Departamento de Matemáticas no IES Rio Aguas de Sorbas


1premio-tarta-pi-con-decimales

1º PREMIO: Tarta de PI con decimales “Anna Sophia Aldridge” 3º A

Wednesday, 23 September 2009

Xoguemos

De verdade que hoxe a nosa intención era preparar algo máis serio, pero atopamos este xogo que apareceu como por arte de maxia nun portal da BBC, que xa vos pasarei outro día cando o investiguemos un pouco.  Pois nada, que estivemos moi entretid@s facendo parellas de palabras. Non temos remedio.

games

Tuesday, 22 September 2009

Comezamos

Inauguramos o novo curso, tamén desde Mesturas, dando a benvida a todos os nosos novos alumnos e alumnas que estes días estrean  aulas, corredores e demais dependencias do centro. Por agora a biblioteca permanecerá pechada, esperamos que por moi pouco tempo. Estamos certos de que cando abra de novo as súas portas dentro de só algúns días, a nova distribución de espazos será do agrado de todos os usuarios que constantemente nos preguntan pola data de apertura.
Deixámosvos esta reprodución de “Venus” obra da nosa querida compañeira Carmen Pernas, que expuxo recentemente en Tui  e a quen tanto adoitamos “exprimir” de forma egoísta e desconsiderada.   
Empeza o curso 2009-2010. Desde Mesturas os nosos mellores desexos.

A0994 venus 60X40

                                                      Venus. Carmen Pernas

Monday, 22 June 2009

LECTURAS DO DEPARTAMENTO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA

Hai pouco tempo publicamos a cifra de 3.500 préstamos na biblioteca, hoxe constatamos que ademáis de utilizar ese servizo o noso alumnado tamén COMPRA unha cantidade de libros nada desdeñable.
Estas son as cifras do Departamento de Lingua e Literatura Galega. espectaculares, coma sempre.

Desglose:



Alumnado: 665
Len Voluntariamente: 367
Non len libros voluntarios: 307
Obrigatorios lidos: 1.842

Voluntarios lidos: 1.256

Total: 3.098

literacy_2

 

2º BAC: 128 alumnos

Len voluntariamente: 93
Non len: 35
Libros Voluntarios lidos: 456
Libros Obrigatorios lidos: 255
Total: 711 libros lidos
3 alumnos 19 libros
1 alumno. 12 libros

1º BAC: 151 alumnos:

Len 94
Non len 57
447 obrigatorios
Voluntarios: 236
Total: 684

4º ESO: 91 alumnos

Len 49
Non len 52

310 obrigatorios
Voluntarios: 198
Total: 508

3º ESO: 95 alumnos

Len 43
Non len 52
256 obrigatorios
Voluntarios: 63
Total: 319

2º ESO: 100 alumnos:

Len 37
Non len 63
277 obrigatorios
Voluntarios: 100
Total: 377

1º ESO: 100 alumnos

Len 52
Non len voluntarios 48
297 obrigatorios
Voluntarios:203
Total : 500

Thursday, 18 June 2009

854: O meu neno ten fame

Non chores bebé non chores
que lle fixeron ao meu neno?
O meu bebé ten fame.
non chores, acouga.


Esta nana tradicional de autor descoñecido é o obsesivo fondo musical do documental 854, un dos recursos que se poden visualizar na exposición Mercado Hambre, actualmente en Madrid, que busca a concienciación  sobre o fame no Sahel.
Podedes e debedes facer unha visita á Híbrida, a productora do documental e ver parte do traballo. Hai unhas cantas excelentes fotografías e algúns fragmentos moi significativos do documental.
De todos os fotógraf@s participantes na exposición quedámonos coa iniciativa de Olivia Gay, que ensinou a un grupo de mulleres da aldea Kolondimba en Mali  para que realizasen as súas propias fotografías que falan da dureza do fame de todos os días.
Como non podía ser menos investigamos a esta fotógrafa e encantounos o que descubrimos.
Máis de Olivia Gay

olivia_gay

Photograph © Olivia Gay-All Rights Reserved.  Imaxe via the Travel Photographer

De linguas en perigo IV

 

  • O 82% das linguas en perigo están asociadas a territorios baixo o mesmo goberno o que as fai tremendamente vulnerables, por depender exclusivamente das súas decisións políticas nun momento determinado.
  • Non temos unha idea aproximada das consecuencias desta desaparición masiva de linguas á que vimos facendo referencia ultimamente ( moitos lingüistas cren que chegamos a un punto no que a maioría das linguas existentes hoxe en día poden desaparecer en 2 xeracións)
  • As tendencias globalizadoras tenden a minar a confianza na utilidade que os falantes perciben ante a necesidade de aprender correctamente unha lingua minoritaria. Para que me serve falar X? Para que lles servirá aos meus fill@s?
  • Existe a crenza xeral e totalmente infundada de que unha redución drástica do número de linguas é útil porque facilitará a comunicación, ata tenderá pontes entre as nacións. Parece ser máis certo que toda simplificación excesiva pode ser problemática porque o éxito da humanidade debeuse a precisamente á súa capacidade de crear culturas diferentes adaptadas a diferentes condicións e circunstancias. Esas culturas, cos seus múltiples e sutís matices transmítense mediante linguas e cando unha se perde, pérdese unha fonte de información preciosa e única , unha forma de interactuar irrepetible.

    Fonte: Foundation for Endangered Languages

Wednesday, 17 June 2009

De linguas en perigo e o perigo de Galicia Bilingüe. III

Estes días andamos a ler informes da UNESCO e outras iniciativas encamiñadas á protección das linguas en perigo. Lembremos que o Galego está catalogado pola UNESCO como lingua minoritaria en perigo potencial de extinción.

Lemos datos e opinións tan esclarecedoras como:

  • Non importa, en realidade, o número de falantes dunha lingua. En contornos bilingües urbanos, comunidades de 50.000 falantes poden ser totalmente ineficaces para preservar unha lingua minoritaria, se esta non é aprendida debidamente nas escolas e prestixiada a través da prensa, radio e a televisión.
  • Debemos preservar o maior número de linguas posible, aínda que sexa a un alto custo económico. Cada lingua é un inmenso territorio que delimita, dun modo singular, as potencialidades e capacidades da mente.
  • A diversidade e o coñecemento proporcionado pola inmensa cantidade de linguas en perigo é tal que non debemos, en ningún caso, renunciar a eles. É esencial mesmo para promover o desenvolvemento científico e tecnolóxico dado que a interacción de ideas e concepcións diferentes foi sempre o principal motor da capacidade de invención humana.

Fonte : Michael Krauss and Stephen Wurm

Vexamos agora algunhas citas recentes

  • Los nacionalismos excluyentes y arcaicos son un grave peligro para la libertad, la coexistencia de la pluralidad cultural y la convivencia entre diferentes. Lo que más preocupa a la Asociación de Víctimas del Terrorismo es que esos grupos radicales y extremistas, esos nacionalistas extremos y excluyentes, defensores de la imposición lingüística y que quieren eliminar el castellano de nuestro entorno, son los mismos que organizan actos a favor de terroristas,” AVT nun documento de apoio a Galicia bilingüe falando da “imposición” do galego.
  • El informe del Consejo de Europa da un sólido espaldarazo a la red de galescolas puesta en marcha por la Xunta, que no duda en elogiar”. según LVG. (12/12/2008)37:
  • “Se acabaron las galescolas” Núñez Feijoó (entrevista en la COPE, extractada en varios periódicos, p.e. EM 5/03/2009)

Para una análise brillante da situación actual, non deixedes de ler o seguinte documento :

NACIONALISMO Y LIBERTAD LINGÜÍSTICA:
Galicia Bilingüe y la ofensiva contra la normalización de la lengua gallega
XOSÉ LUÍS REGUEIRA
Instituto da Lingua Galega
Universidade de Santiago de Compostela




Para descargar

Tuesday, 16 June 2009

GRAZAS

GRAZAS POR TODO on PhotoPeach

Sunday, 14 June 2009

Por que morren as linguas? II

A historia está plagada de defuncións lingüísticas. A marcha triunfal do imperio romano erradicou o etrusco da península itálica e contribuíu á eliminación do galo da Europa occidental. Con todo, o ritmo acelerado destes procesos na actualidade non ten precedentes. A comunicación global favorece e reforza o dominio e a selección de só as máis afortunadas e aínda que contamos cunhas 6.900 linguas faladas, os falantes nativos das 10 primeiras sumarían eles sós o 40% da poboación mundial
Os estados postcoloniais favorecen e promoven tendencias monoculturalistas: así temos un exemplo claro en Nixeria que só recoñece 4 das súas 400 linguas faladas. Son abundantes os exemplos en que todo tipo de presións económicas e urbanísticas aceleran e provocan procesos de marxinalización social asociados ás linguas minoritarias.
Múltiples factores políticos, económicos e sociais son a causa de que tantas linguas se extingan na actualidade. En xaneiro de 2008 a lingua Eyak converteuse na primeira lingua de Alaska que desapareceu ao morrer o seu último falante e o Jawoyn , desaparecido en xullo do 2007 converteuse na última dunha longa lista de linguas desaparecidas no continente australiano.

FONTE : ‘1,000 Languages’ by Peter Austin (Thames & Hudson, 2008)


AS DECISIÓNS POLÍTICAS AFECTAN O DECLIVE OU A BOA SAÚDE DAS LINGUAS EN PERIGO DO MESMO XEITO QUE AFECTAN Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO NATURAL O ARTÍSTICO

O GALEGO É XA UNHA LINGUA CATALOGADA COMO EN PERIGO POTENCIAL DE EXTINCIÓN. NON O PERMITAMOS. É A NOSA RESPONSABILIDADE.

Saturday, 13 June 2009

Linguas europeas en perigo de extinción.I

Cando morre o último falante dunha lingua, morre un soño da humanidade” Concha Rousia



Crise?

Tanto se fala da crise, de que as regras da economía van cambiar, de que o importante son os postos de traballo! Almorzamos hoxe con esa fichaxe de millóns e millóns e euros, cartos investidos nun só xogador de fútbol mentres cada día miles de persoas van ao paro, centos de empresas, de autónomos ven rexeitadas as súas peticións de empréstimos ante os mesmos bancos que avalan a fichaxe alegremente. Se houbese un mínimo de pudor, de vergoña no país os responsables de tal ousadía agocharían os seus nomes. Boa parte da prensa mundial critica a fichaxe e boa parte da prensa española di que é unha grande operación financeira, a mesma prensa que só critica a corrupción cando é no contrario.
Cantos proxectos de animación á lectura se farían cos eses millóns? Cantos investimentos con postos de traballo incorporados? Pero non importa, como tampouco importa que estea a preparación do próximo curso parada porque toda a consellería concentra a súa enerxía nunha enquisa da que se nos prohibe informar nos centros (mentres hoxe os xornais teñen páxinas enteiras pagadas con cartos públicos). "Si eu fixen tal mundo, que o demo me leve" dicía o deus de Curros Enríquez. Pois como nos importa e moito, na nosa Biblioteca non imos quedar calados.


Fernández Paz

Reproducimos a entrada aparecida no blog amigo Biblioteca Milladoiro Malpica



Vía Hora de Ler achegamos as imaxes do discurso de Agustín Fdez.Paz ó que fixemos alusión nunha entrada anterior.
Trátase do seu discurso na noite da entrega dos Premios Xerais .
8 doas por San Simón resúltanos hoxe un discurso non só belísimo, senon acaído, necesario e defensivo desde os argumentos e as ideas que é como hai que defender as cousas e non desde a prohibición e as ordes como algúns nos queren facer ver.
Escoitádeo con atención. Logo podedes descargalo na entrada anterior.
E non vos deixo enlaces porque esta entrada non os precisa. Ou así mo parece.

 

Thursday, 11 June 2009

Danza das mil mans

Se es bondadoso e hai amor no teu corazón
Entón mil mans aparecerán cando necesites axuda

Se es bondadoso e hai amor no teu corazón
Terás a forza de mil mans para axudar a outros


Guan Yi é o concepto de compaixón entre os budistas, que se expresa nesta fermosa Danza das Mil Mans que coñecemos grazas a nosa boa amiga Mercedes que nestes momentos temos moi presente.

Monday, 18 May 2009

Muere Benedetti, el insobornable

"Me he ido quedando sin mis escogidos,
los que me dieron vida,
aliento,
paso
de soledad con su llamita tenue
y el olfato para reconocer
cuánta poesía era de madera
y crecía en nosotros sin saberlo.
Me he quedado sin proust y sin vallejo,
sin quiroga ni onetti ni pessoa,
ni pavese ni walsh ni paco urondo,
sin eliseo diego sin alberti,
sin felisberto hernández sin neruda,
se fueron despacito en fila india".

ler artigo no PAÍS

 

Saturday, 16 May 2009

Mocidade.

¡Mocidade! Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir. Se queredes libertarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adonarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!
Manuel Antonio en 1922 lanzaba este berro á mocidade galega. En tempos ben peores ca hoxe, a Xeración Nós, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneira, e tantos galeguistas mantiveron unha constante confianza no futuro, na xente nova. Igual hoxe temos que volver a esta confianza entre tanta queixa e escuros agoiros.
Temos que darlle máis protagonismo aos mozos
e mozas que para eles é a lingua e a cultura que nós recibimos dos devanceiros.
Escoitando como o noso alumnado de 4ºA celebra o día do poesía temos confianza no futuro: son alegres, deportistas, políglotas, están fachendosos do seu.

Alumnado 4º A traballando na biblioteca

Wednesday, 13 May 2009

Ponte ao noso lado

"Sumámonos á defensa da nosa lingua, o noso maior patrimonio, e convidamos a exercer o dereito a vivir en galego sen nengún tipo de impedimentos nin de coaccións. No día das Letras Galegas 2009 queremos reivindicar a lingua galega como a principal soporte xerador das manifestacións do noso patrimonio cultural inmaterial. Unha lingua que foi a creadora desde a época medieval das mellores expresións da cultura galega-portuguesa. Unha lingua que nos achega a unha comunidade de falantes de máis de 200 millóns de persoas en todo o mundo e que constitúe o mellor pasaporte para tender pontes coa lusofonía. Unha lingua que nos identifica no mundo fronte á globalización e á uniformización lingüística."


Iniciativa Ponte nas ondas

Monday, 11 May 2009

Dicionario de escritores de Deza

Mágoa non poder ter asistido á presentación do Dicionario de escritores de Deza da nosa querida amiga Gracia Santorum no museo Ramón María Aller Ulloa de Lalín. O libro está editado por Fervenza e fai un percorrido polos creadores literarios da comarca desde a Idade Media. Que ledicia ver na reportaxe do acto a tanta boa xente reunida en torno a ela nun día tan especial por tantas e tantas razóns. Parabéns Gracia. Había moita máis xente con vós da que aparece nas fotos.

Así de ben fala e así de guapa aparece na entrevista da Voz de Galicia

Aínda que non debía ser eu quen escribise disto, por motivos evidentes, e por non estar Anxo para estes labores, tentarei ser o máis obxectiva posible para falar de algo que, claro está, me atinxe demasiado directamente. Sei que estades agardando pola crónica, pero graciarealizala asepticamente vai ser un traballo arduo.
Este venres, día 8, celebrouse o acto de presentación do recén editado "Dicionario de Escritores de Deza", da miña autoría. Creo que non me equivoco se a palabra que utilizo para definilo é "emotividade". Emotivo pola cantidade de xente que me arroupou, emotivo pol@s amig@s que alí se deron cita (ata plambeir@s!!!), emotivo pola presenza de Anxo a pesar de todo, emotivo polos meus pais, tan maiorciños eles, emotivo polas palabras de Mario, emotivo polo alumnado e ex-alumnado, emotivo pola música... Ao final, as bágoas agochadas fixeron acto de presenza, non podían faltar, convidadas de pedra. Quizais demasiado emotividade para a presentación dun libro, non si?
Tres partes tiña en mente cando abordei o meu "discurso": agradecemento, o proceso de elaboración do libro, e a lectura. Sabía, ademais, que pretendía que este día fose totalmente diferente, de aí a presenza de Diego Rojo co seu laúde, e a sorpresa pactada con Celsiño para que viñese a contarnos un conto. E nestes dous puntos creo que acertamos sen discusión: Diego puxo un signo de distinción coa súa música e Celsiño uns risos máis que necesarios para limpar as bágoas dos meus pais. Teño que destacar un momento: a aperta da miña nai no medio do acto; o meu amigo Marcos comentoume despois que se emocionara tanto que lle daba vergoña que lle visen as bágoas, pero puido comprobar que non era o único.
Gustaríame destacar, por suposto, as palabras do meu benquerido prologuista Mario Pereira. Abraioume na presentación, porque non só falou do libro, senón que asegurou humildemente que a súa presenza debíase tan só ao meu cariño, un cariño fundado no noso común amor polos libros, pola lectura, polas bibliotecas escolares. Falou de escritos futuros, e ata nomeou este blogue compartido con amor con Anxo. Un luxo telo ao meu carón.
Grazas a tod@s por compartir comigo este día tan especial.

Algúns dende a distancia, incluso.”

Se queredes fotos

O rap da lingua

Aquí vos presentamos esta montaxe feita polos compañeiros do blog amigo “ Un rato na biblioteca” do CEIP Mestre Martínez Alonso


Sunday, 10 May 2009

Nos subastamos?

Non sabemos que produce máis estupor, se a noticia en si, algúns dos comentarios que provoca, o as afirmacións dende algúns medios  que pretenden ter a clave para a solución ( “Esto es la consecuencia de una forma descabellada de entender la sexualidad. Urge una reforma ética y cultural en España”.   COPE )

subastachicas350

Thursday, 7 May 2009

Comunicación non verbal

Será verdade?

Comunicación no verbal 1

Comunicación no verbal 2

Wednesday, 29 April 2009

Dia Internacional dos Traballadores

Nestas datas próximas á celebración do Día Internacional dos Traballadores, cando a economía ocupa portadas en todos os xornais e informativos do mundo, queremos darvos a coñecer esta curiosa reportaxe que atopamos en The Big Picture, páxina á que no seu día chegamos por recomendación de A Nosa Biblioteca.
Seleccionamos esta sección chamada "At work" e traducimos os pés de foto. É a nosa homenaxe a todos e todas nós que compoñemos un curioso mosaico de ocupacións ás veces insólitas e sempre consumidoras dun importante numero de horas ao longo das nosas vidas.

Tuesday, 28 April 2009

Expresso Book Machine

'The Espresso Book Machine' (a 'máquina expres' de libros) é unha fábrica de libros sen traballadores, unha planta de impresión de dous metros e medio de longo que pode imprimir, aliñar, pegar, cortar e terminar un libro cada catro minutos sen intervención humana de ningún tipo. 

jghv8fkp[1] 


Pode producir dez libros diferentes ao mesmo tempo e co mesmo custo que dez copias do mesmo libro. 
Pode fabricar libros en calquera idioma, coa espiña a esquerda ou dereita e coas súas correspondentes tapas a toda cor, cun máximo de 550 páxinas.

Algúns din que é a revolución máis importante no mundo da edición de libros desde a invención da imprenta.

fonte Consumer Eroski, onde tedes unha completísima información.

book_atm.03[1]

Sunday, 26 April 2009

Aínda estremecen…

…estas fotos dos atentados do 11-S tomadas desde un avión militar.

Thursday, 23 April 2009

Celebración Día do Libro

  • Imos contarvos como celebramos este ano o Día do Libro no noso instituto. Para comezar, dirémosvos que o alumnado de 4º ESO por fin puido ver exposto no vestíbulo o traballo que levan elaborando durante varios meses : un fermosísimo grupo de figuras que son unha sentida homenaxe a toda a maxia, as sorpresa, a sabedoría que podemos atopar se nos achegamos de cando en vez aos nosos queridos compañeiros, os libros. Había que decorar o vestíbulo para esta ocasión tan sinalada así que deseñamos un cartel que é toda unha declaración de principios: no Sánchez Cantón apreciamos os libros, lémolos, coidámolos, prestámolos, calquera que nos visite pode ver que os temos por todas partes. O resultado é impresionante. Temos un Departamento de Plástica que é todo un luxo.
  • Tamén aproveitamos a ocasión para celebrar a entrega de premios do Certame Literario do Departamento de Lingua e Literatura. Tema? “Amor máis aló da morte”. Nin máis nin menos. Decoración especial do Salón de Actos, como podedes ver na foto. O mellor de todo: escoitar a un grupo de alumnado recitar unha pequena antoloxía de poemas para ilustrar o tema coas palabras de Petrarca, Lope, Miguel Hernández, Lorca, Benedetti…

  • Tivemos a gran sorte de contar, ademais, cun grupo de instrumentistas que intercalaron varias pezas ao longo do acto. Para que logo digan que estes rapaces non aproveitan ben o tempo…! Felicidades ao Departamento de Música que logrou vencer as reticencias dos máis tímidos que estaban un pouco asustados de ter un auditorio tan numeroso.
  • Logo asistimos á entrega de premios. Comentan os compañeir@s de Lingua e Literatura que o nivel é excelente este curso.
  • Tamén houbo unha sorpresa para o profesorado:
    Cando chegou a hora do café apareceu unha gran fonte de madalenas. Ao degustalas, aparecía un paquetiño cun poema. Os mesmos poemas que o alumnado recitaría uns minutos máis tarde no Salón de Actos. Os mesmos que recibirán, nunha pequena edición caseira, todos os asistentes ao recital xa nas súas aulas como lembranza deste día.

  • Grazas a tantas persoas que axudaron, felicitaron, fotografiaron, arranzaron cables e cortinas, encargaron flores, deron ánimos... así da gusto traballar

    E para rematar, unha mención moi moi especial aos nosos queridos compoñentes do club de lectura Tinta Viva. Que mestres de cerimonia tan impecables!. Vese que lle van collendo o gusto a isto de presentar actos literarios. Como debe ser,

  • Queredes fotos?



  • O complexo proceso de creación das figuras


A antoloxía máis o cartel


Wednesday, 22 April 2009

Friday, 17 April 2009

De Cangrexos e Doutrinas do Shock

De volta dos encontros PLAMBE tan felices de ver de novo a Cristina e Pilar, aos nosos “vellos” amigos e amigas de sempre e constatar a ilusión doutros compañeiros que empezan esta viaxe, poñemos ao voso dispor esta información que no seu día publicamos en Mesturas e retomamos agora, por se é dalgún interese, despois de asistir á conferencia de Emilio Pascual “A lectura dos outros”. Recomendamos especialmente o video que non deixará indiferente a ninguén. Tamén adxuntamos esta ligazón a un texto de Samaniego que vos resultará moi familiar.

  • Temos na biblioteca a última obra de Naomi Klein A doutrina do Shock. Obra documentadísima na que ofrece as súas conclusións tras numerosas entrevistas e investigacións levadas a cabo nos últimos catro años. A súa principal conclusión é que o neoliberalismo salvaxe vai a miúdo da man de políticas gobernamentais afíns e pode chegar a utilizar desastres de todo tipo, naturais ou terroristas, como combustible da súa voracidade nos momentos en que as poboacións se senten máis indefensas.
    A súa tese é que do mesmo xeito que tras un duro interrogatorio os prisioneiros quedan en situación de desorientación e vulnerabilidade extremas e dispostos a colaborar, igualmente as poboacións aterrorizadas estarían dispostas a seguir a aqueles individuos que aseguran ser os únicos apropiados para salvalas. Serían estes os mellores momentos para modelar as sociedades segundo os seus intereses. Temos o libro do trinque, recén traducido e adquirido, o aspecto é impresionante pola extensísima bibliografía e documentación. Moi interesante, provocador e sen dúbida polémico, como tamén o foi No Logo, o anterior traballo desta activista canadense . A teoría de Klein sobre como avanzou o capitalismo global ata a súa agresiva fase actual impactou a Alfonso Cuarón, o director do inquedante filme Fillos dos Homes. Cuarón realizou
    unha chamativa curta de seis minutos, presentada no festival de Venecia e que ten gran forza visual, na que Naomi Klein resume a súa teoría.


Thursday, 16 April 2009

Corín Tellado

Hai uns días morreu a escritora Corín Tellado e de súpeto vinme transportada de novo á infancia, cando visitabamos no verán á avoa que, como a maioría das veciñas do seu barrio na aldea, non sabía ler nin escribir. Estas mulleres adoitaban saír coas súas cadeiras á porta da casa ao caer un pouco a calor, concluídas xa as innumerables tarefas da mañá. Era o momento da costura. Bordaban a velocidades incribles manteis que logo un home levaba cada semana, deixándolles a cambio unhas cantidades que entón xa a min parecíanme ridículas. Elas limitábanse a recoller o diñeiro e levar para casa máis tea e máis fíos de cores para seguir bordando. A memoria desas tardes está asociada para sempre coas fotonovelas de Corín Tellado. As fillas daquelas mulleres, que a min parecíanme tan maiores pero que non podían ser senón raparigas moi novas, literalmente devorábanas. En casa da avoa non había moito que ler, así que moi pronto eu tamén sumeime a aquela moda. Podería dicirse que houbo un verán en que pasei directamente dos contos a esas fotonovelas que me descubriron todo un mundo descoñecido e tortuoso de secretarias, enfermeiras e dependentas eternamente torturadas por aqueles señores que na última páxina resultaban, despois de todo, ser perfectos para elas. Hoxe lembrei de novo esas fotonovelas. E descubro abraiada que Corín Tellado é a escritora máis lida en castelán, que escribiu máis de 4.000 títulos, que era unha traballadora infatigable, que non era romántica en absoluto, que casou con máis de 30 anos, que se separou con dous nenos moi pequenos no 62, cando case ninguén o facía. Ademais, mantivo unha relación moi amistosa e fluída con Mario Vargas Llosa e Cabrera Infante, xa lía a Henry Miller con 11 anos e dixo que lle encantaría ter sido a autora dos Santos Inocentes de Delibes ou do De profundis, de Oscar Wilde. Miúda sorpresa.

nostalgia-personajes-corin2nostalgia-personajes-corin6

Tuesday, 14 April 2009

Un libro que está para comelo

A nova editorial PATASDEPEIXE edita un libro que está para comelo.devorador1

Non, esta non é a portada, é a traseira e cómpre vela antes de nada porque ten un aviso moi importante: Por favor non intente comer este libro na casa. Está ben que avisen porque o libro é tan delicioso que da gana de devoralo.

Ten aparencia dun conto infantil pero é unha historia para goce de cativos e maiores, con excelentes ilustracións, que fala dun neno que se achegou á lectura por unha indixestión de libros.

A presentación oficial do libro será en Santiago o vindeiro 29 de abril pero xa está en moitas librerías e se vos interesa podédelo pedir a editorial Patasdepeixe .devorador2

Este é un libro mimado, primeiro produto desta nova, arriscada e fresca iniciativa editorial, eles din que é o seu primeiro peixiño, e nós desexamos que teñan moitos máis porque estamos necesitados de ter en galego contos, fantasías e realidades.

Por certo non deixedes de ler como argallaron o libro nun proceso galego-anglo-chinés.

patasdepeixe

Grazas

Á volta das vacacións atopamos nada menos que estes dous agasallos d@s nos@s compañeir@s nesta viaxe virtual que os blogs das bibliotecas escolares comezamos hai non tanto tempo.selo_violeta

O primer agasallo é este selo violeta da Biblioteca. Milladoiro.Malpica

É unha idea que procede de Blogstórias Essenciais

Segundo os seus creadores "O Selo Violeta representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".

Xa podedes imaxinar o felices que estamos con este selo violeta e o que representa…

Pero non remataron aquí as sorpresas; non, nin moito menos…

Tamén temos outro premio de Raioteca que di que somos un blog moi, pero que moi maneiro. E algúns intentos máis de premiarnos que chegaron tarde pero que nos emocionan igualmente. É realmente abrumador. GRAZAS.

maneiro

Estas son a regras que temos que cumplir:

  • Exhibir os Selos .
  • Publicar o nome do blog que cho deu
  • Indicar cantos blogs consideras que tamén os merecen.
  • Avisar aos indicados.
  • Publicar as reglas.
  • Comprobar que os blogs indicados sigan as reglas.

Entón temos un problema, como chegamos con retraso agora é un pouco difícil para nós investigar que blogs teñen xa os agasallos e cales non. E, a verdade, entendemos que todos os blogs das bibliotecas escolares gozan de excelente sáude e son máxicos e maneiros e máis que marabillosos polo que simbolizan e representan: que en Galicia as bibliotecas escolares están cheas de vida. Teremos que investigar cun pouco máis de tempo e atopar 20 blogs para pasar o premio, porque non queremos perder os nosos galardóns.

Monday, 13 April 2009

Excelente hemeroteca dixital

Atopamos en Papel en blanco información sobre esta excelente hemeroteca dixital facilitada pola Vanguardia que nos permite ter un acceso inmediato e gratuíto ao xornal de calquera dia que nos interese dende 1881, nada menos, e permite procurar a información por data e palabras clave con diversas ferramentas de filtrado: tema, só portada etc . Podemos descargar o exemplar dixital elixido ao noso equipo en formato PDF e dispor del para ver que sucedeu o día que nacemos, por exemplo, ou para que o alumnado rastrexe unha nova determinada ocorrida hai moito tempo, como o inicio da guerra civil , ou a primeira viaxe á lúa, ou botar unha ollada ás páxinas de publicidade, poñamos por caso. Interesante.

Totalmente ao azar, eliximos esta páxina do 25 de Abril de 1956


Related Posts with Thumbnails