Expondremos en breve a mesa de novidades para que poidades levar os préstamos de verán. Esperamos que sexan do voso agrado. Lembrade tamén que non só de novidades viven os bos lector@s e que tedes unha ampla oferta ao voso dispor.
Expondremos en breve a mesa de novidades para que poidades levar os préstamos de verán. Esperamos que sexan do voso agrado. Lembrade tamén que non só de novidades viven os bos lector@s e que tedes unha ampla oferta ao voso dispor.
Se a alguén de Pontevedra de toda a vida lle din que vai desaparecer a Peregrina, ou a Ferraría ou o Lérez non o podería crer. Pois así estamos porque a Libraría Michelena vai pechar xa. Para moitos e moitas era máis que unha libraría onde mercar ou encargar libros. Era un espazo de referencia, un lugar ao que tiñamos que acudir frecuentemente para falar, para mirar, para deixarnos aconsellar, para ver amigos, para tocar as novidades. Antes dunha viaxe había que pasar por alí para mirar cal era a mellor guía e cal novela estaba ben para levar. Tamén cando había que agasallar con libros, dicías idade e gustos do destinatario e xa che poñían na man varias posibilidades. Xa non digamos se tiñas meniños, ala, a Michelena para que sentasen alí na entrada (porque os libros infantís estaban na entrada como ten que ser) e se deixasen levar polos mundos da fantasía. Coa cidade que temos os pontevedreses para pasear, ir de terrazas, mercar… pasabas polos arredores e entrabas en Michelena: a ver que acto cultural había, que libro saíra ou mesmo que era de fulanito que hai que non o vías. Para todo había resposta. Calquera libro que pediras tomaban nota nunha libreta e milagrosamente aparecería en poucos días. E mesmo se tiñas tempo e te atrevías podías adentrarte polo longo corredor e descubrir mundos de libros ata chegar á fiestra que dá a Curros Enríquez. E moitas cousas máis.
O vaso derradeiro estaba cheo de despedidas (Manuel Antonio)
Será a crise? Será o libro dixital? Será o desprezo da cultura? Que será o que acabou coa libraría Michelena levándose un anaquiño de cada un de nós? Desde Mesturas convidamos os amigos e amigas a que manifesten as súas sensacións ante esta perda indicando o lugar desde onde nos mandan as condolencias. Graciñas
Fotogafía tomada hoxe
A partires de agora temos este Roteiro polo Sánchez Cantón para que teñades algo máis información sobre a organización interna dun centro de ensino secundario, neste caso o noso. Pensamos que é a obriga de todos os membros da nosa comunidade educativa coñecer ben, coidar e potenciar este espazo onde pasamos unha boa parte das nosas vidas. As institucións educativas son una das bases sobre as que construimos día a día o concepto de cidadanía no que cremos profundamente.
Rematamos unha edición máis de MercaArs Constructor, unha das nosas actividades favoritas . Queredes curiosear polo curso Moodle e ver algúns dos materiais propostos e o foro de discusión? Só tedes que entrar aquí como convidados. Cando rematedes a visita probablemente teñades algunhas respostas ás nosas preguntas.
Encantounos a sesión final na biblioteca na que todos os participantes tiñan preparada a súa proposta de Obra de Arte e viñan perfectamente documentados para defendela.
Estas son as vosas propostas cun breve resumo das xustificacións. Parabéns a todos e todas. Creo que aprendemos moitísimo no proceso.
Chegou a primavera a Pontevedra, mais non vaiades pensar que vai durar sempre, que va! é efémera e por iso os nosos munícipes concertaron con 5 empresas do mundo dos xardíns que puxesen bonitas 5 prazas da cidade (e gratis polo da crise). E este é o resultado: cinco xardíns efémeros que van durar 5 días.
Falando de Arte na biblioteca, gustounos a definición que deu Laura o outro día do que para ela é unha persoa tatuada. Dixo algo así como que esas persoas eran como libros nos que ían escribindo aos poucos as histoiras das súas vidas coa pel como soporte. Esta entrada de Mesturas é para ti, Laura, para ver se es capaz de intuír que vida, real ou desexada, intentou escribir este profesor xubilado de Sidney que pediu doar a súa pel á Galería Nacional de Canberra despois da súa morte. (Photo by Lisa Maree)
Onte coñecemos ás mulleres de Vide e realmente non sabemos que dicir sen caer en tópicos pouco afortunados propios de quen chega de visita nunha tarde case demasiado perfecta para evitar o risco de análises demasiado simplistas. Non imos falar da realidade destas mulleres que apenas somos quen de intuir pero si da súa xenerosidade ao dedicarnos unha tarde enteira do seu prezado tempo e cantar e bailar para nós. É imposible despedir a estas mulleres sen ter a sensación de ter asistido a un espectáculo privilexiado de gaitas e pandeiretas que falan de proxectos compartidos capaces de conseguir que calquera realidade, por dura que sexa, pódese volver máis luminosa se somos quen de aprender a coidar os uns dos outros.
Da nosa anfitriona Sabela Lahuerta e da súa compañeira e amiga Lurdes, que imos dicir. Toda nosa a admiración e afecto máis sinceiros. A visita á unitaria de Vide debería ser obrigatoria para todos os docentes.
Só hai que pasar de cando en vez polo seu blog Cadernos de Vide para ter unha vaga idea do que alí cociñan día a día. Porque neste caso a realidade supera sobradamente o que o blog deixa intuír. Grazas a Loly polas imaxes que vos mostramos.
Aínda estades a tempo, ata o 30 de maio na fundación Pedro Barrié de la Maza.
“A obra de Francesc Catalá-Roca (1922-Barcelona 1988) constitúe a pedra angular da fotografía documental en España. Ninguén coma el soubo intuír primeiro e construír despois un discurso pleno de autenticidade, fe e consciencia na linguaxe das imaxes destinadas a recoñecer e recoñecernos.”
É totalmente certo. Unha exposición inolvidable. Por certo moi recomendable para eses rapaces e rapazas que andan metidos en Merca Ars Constructor.
|
“Señoritas paseando por la Gran Vía” |
|
|
|
|
Desde logo que a xente galega lle quere ben á súa lingua, polos menos esas decenas de miles que non cansan, que se manifestan cada pouco en Santiago ateigando o Obradoiro e a mesma cidade. Tampouco cansa a nosa Xunta en teimar co Decreto de Bilingüismo por moito que todos os que consultou lle respondan que non pode ser así: a RAG, o Consello da Cultura, o Consello Escolar, case todos os sindicatos e partidos políticos; e por último ese demoledor informe do Consello Consultivo que bota abaixo a consulta aos pais e o meter o inglés polo medio. Farán caso algunha vez a todos os que non son Galicia Bilingüe?. O mellor, como se ve no You Tube, é a morea de xente nova que había, festeiros e protestóns. Di Uxío Novoneira nun seu verso: prós novos que vein con forza. E non se engana. O futuro da lingua está neles... sábeno e onte mostrárono.
Estasnos a pedir moito!!!! -pensamos todos nós, o alumnado de TIC, cando se nos fixo esta encomenda na clase.
Tiñamos que conseguir imaxes, mellor sen copyright, referentes ás artes que usan as palabras para crear a cultura que define Galicia. Esta é máis que catedrais, máis que gaitas, máis que os xa consagrados autores. Costounos máis do esperado darnos conta que o teatro actual, as letras das cancións de todos os estilos musicais, as bandas deseñadas, as películas e mesmo os nosos escritos conforman a riqueza cultural da sociedade galega e garanten a súa pervivencia no tempo, iso que chaman o relevo xeracional.
Si pero, como se mete iso nun cartel?
Por sorte tiñamos dous soportes, un, o tradicional papel, outro, un poster dixital, deses que teñen realidade na web e que suman imaxes, vídeos, sons.
O proceso foi daquela maneira. Un día ben, outro regular, un día tiñamos unha boa idea, e só era cuestión de controlar a técnica para facela efectiva. Outros días.... mellor non falar.
Resultou que a forma de traballo colectivo deu en resolver algún dos problemas: mentres un suxería unha cor ou estrutura diferente, outro buscaba ligazóns para contar con información complementaria, e unha cousa levaba á outra.
Coñecer as ferramentas informáticas é sen dúbida un apoio instrumental que favorece a creación. Niso estamos. Crear, imaxinar, deseñar o noso futuro cultural e vivencial.
Álvaro Caride-Tabares Sánchez
1º Bacharelato A
IES Sánchez Cantón
Pontevedra
Open publication - Free publishing - More biblioteca
| Sara e Raquel ofrécenvos este cartel dixital | María comparte este outro |
| Benito e Álvaro fixeron isto para vos | Aquí tedes un regalo de Alejandro S. e Alberto |
| Cartel dixital ofrecido por Tanis e Javier | Iván e María crearon este cartel musical |
| Miguel e Javier idearon este | Aquí tedes un regalo de Antonio e Ismael |
| Cartel dixital ofrecido por Rodrigo e Óscar | Sabela e Zaida realizaron este poster agrandar p> |
| Manuel ideou este | Aquí tedes unha creación de Toni e Eloy |
Isto contan desde a biblioteca Escolar de Milladoriro. Malpica. Non podemos pechar esta escolma de materiais de tantos centros sen ter a sorte de gozar destas creacións.
“Estes foron os poemas que crearon os nenos e nenas de 6ºB a partir de un que escolleron de entre os de Os Eidos que fan referencia a estancias da casa.
Sorprendente a capacidade de creación. Sorprendente a búsqueda que fixeron nos seus sentimentos para poñerse en situación, para trasladarse emocionalmente.
Foi un placer estar estes días sumerxidos no mundo novoneyrano, volver a vista hacia dentro.
Propóñovos que os leades con atención. Son moi bos!”
E para rematar a escolma de materiais en torno a figura de Novoneyra queremos destacar moi especialmente este documento do alumnado do ciclo de Agraria do IES de Arzúa. Non imos definir un traballo que non o precisa. Parabéns ás persoas que o fixeron posible.
Un agradecemento aos compañeir@s do ENL do CPI O Progreso de Catoira polos materiais que utilizamos formando parte da nosa decoración para a celebración das Letras no centro.
E a recomendación de visitar a páxina da Asesoría de Bibliotecas Esolares de Galicia para ver maís materiais, entre eles o fermoso calendario do CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla (Lugo)
Desde o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz chega esta interesante información acerca do documental
TEMPO DE ELEXÍA
MARÍA MARIÑO, ENTRE EUGENIO NOVO E NOVONEYRA
Tamén este traballo colaborativo das BIBES Galegas, neste caso da Biblioteca Escolar de Vilán IES pedra da Aguia e a do Segrel do Penedo en Fene.
E tamén dende o IES Afonso X O Sabio (Cambre) nos chega este libro que entregarán ao alumnado con motivo do Día das Letras
E a Webquest Uxío Novoneyra, traballo conxunto do Segrel do Penedo e BiblioAfonso.
Delio do CPI "Luís Díaz Moreno"-Baralla envía esta postal sonora con fotos do pobo de Novoneyra (Parada) e poemas seus referidos a ese tempo. O poema "Fontiña do Carabel", na última diapositiva, está musicado polo coro “Sólo voces” . É un fermoso agasallo.
Escolma poética elaborada polo alumnado e profesorado participante na actividade "Poemas á Rúa" que terá lugar o vindeiro venres, 14 de maio, na Plaza do Concello de Fene con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Damos as grazas aos amigos do Segrel.
Outra escolma de poemas e imaxes en Biblioiris, a bitácora dos nosos bos veciños do IES Luís Seoane
Este curso celebraremos o Día das Letras Galegas dun xeito diferente. Ademáis das actividades organizadas polo ENDL das que iremos dando información durante os vindeiros días, e dos eventos ao redor da iniciativa “Ben veñas Maio” imos celebrar un acto moi especial na biblioteca. Por qué “especial”? preguntaredes. Pois porque será un acto enteramente voso, onde un grupo de alumnado mostrará o que sodes capaces de facer e de crear desde as nosas proprias raíces e desde a nosa cultura que é única e irrepetible.
Polo momento imos comezar a publicación dunha serie de materiais sobre o poeta Uxío Novoneyra aos que temos acceso grazas, unha vez máis a xenerosidade das bibliotecas integradas no PLAMBE.
Non deixedes de ver este interesantísimo video realizado pola ONG Survival que denunciou ante James Cameron a ameaza que representa a empresa Vedanta para os indíxenas Dongria Kondh que habitan a zona, dende tempo inmemorial, en perfecta integración co seu entorno.
A historia apareceu hai pouco en Público
O video ten unha excelente calidade. Pódese, máis ben, recoméndase que o vexades en pantalla completa.
Os que xa coñecedes a interesante obra de Uribe comprenderedes, sen dúbida, a nosa curiosidade polos cadros de Arteta desde o mesmo momento que comezamos a ler esta novela que foi merecedora do Premio Nacional de Narrativa. Pois ben, estes son algúns exemplos representativos.
A Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizaron hoxe un coloquio no Paraninfo do Sánchez Cantón co escritor Francisco Castro. O alumnado de 4º da ESO lera Un bosque cheo de faias preivamente. O autor explicoulles o tema da obra, por que a escribiu, en que se inspirou e outros detalles. Xurdiron vairas preguntas do público: en que cidade se ambienta, existe o bar citado na novela? ... Francisco Castro ata lles mostrou en rigorosa primicia a maqueta da súa próxima novela. A xente saíu moi contenta do coloquio, vese ben que o Autor é un excelente comunicador e acostumado a tratar coa xente nova.
Neste mes das Letras Galegas haberá máis actividades organizadas por Normalización Lingüística, a Biblioteca e TICS.
Paga a pena dedicar un cuarto de hora a esta agridoce curta de Vicente Villanueva. Se tedes un pouco de tempo non vos arrepentiredes.
La rubia de Pinos Puente, na súa versión completa, na sección de videos de El País.