Tuesday, 6 November 2007

Pontevedra mariñeira

Pontevedra, de sempre, foi unha cidade moi vencellada ao mar. No século XV e XVI foi, xunto con Santiago, unha das vilas máis poboadas de Galicia. O seu pulo económico procedía fundamentalmente da pesca da sardiña ainda que tamén destacaba no comercio internacional de produtos vendendo e transportando viño do Ribeiro e madeira a cambio de importar sal e tecidos. Todo este movemento tiña como escenario o peirao da Moureira. Un barrio extramuros, habitado por pescadores, que se estendía dende a ponte do Burgo ata a desembocadura do río Gafos, no barrio de San Roque. Os historiadores locais distinguen tres zonas: a Moureira de Arriba, a Moureira da Barca e a Moureira de Abaixo. As imaxes que podes contemplar son fotografías de comezos do século XX nas que queda moi evidente a vocación mariñeira de Pontevedra. Podes observar tamén a maior amplitude do estuario do Lérez, recurtado na actualidade polo malecón de circunvalación. Recuperar o río e a ría son sen dúbida obxectivos da actual política urbana e medio ambiental. Temos na cidade elementos naturais aos que non se lle pode dar as costas. De nós depende a súa posta en valor.

A maioría das fotografías proceden das seguintes publicacións

Pueblos de Galicia. Pontevedra. Monterrey de Ediciones. Ames

A memoria de Pontevedra. Carlos Díaz. Xosé Fortes. Victor Freixanes. Xerais

Monday, 5 November 2007

Matemáticas cotiás


"Magnífico traballo o de Antonio Pérez Sanz, tanto con esta serie 'Universo matemático' como con 'Más por menos', acercando de forma comprensible e acertada moitos temas matemáticos. Entre eles temos este vídeo de "Mulleres matemáticas". Desgraciadamente na historia desta ciencia moi poucas mulleres adquiren certa relevancia, e incluso algunha delas (como Sophie Germain) para conseguilo tivo que se facer pasar por home.Pero queda moito, moitísimo camiño por andar, aínda na actualidade estamos moi atrasados en canto á cantidade de mulleres matemáticas investigadoras. Iso si, hoxe en día existen máis mulleres que homes que estudan esta carreira.Recordo a seguinte anécdota sobre Einstein: Paul Erdös presentáballe a Peter Lax, dicindo: "Dr. Einstein, preséntolle a este talentoso matemático húngaro". Einstein replicou: "¿Por qué ten que mencionar vostede o de húngaro?". Quizais algún día poidamos prescindir dese engadido da nacionalidade. Quizais algún día poidamos prescindir do engadido do sexo. Quizais algún tan só importe o talento e o traballo. Ogallá."
Queremos reproducir aquí o comentario de CADOI ao post de onte. CADOI é un brillante matemático recén saído da facultade, por iso valoramos tanto a súa opinión. Por iso e pòrque sabemos que tamén ten interese noutras moitas cousas... Ao fío disto, cantas veces nos preguntamos se vale para algo o que estudamos. Vale para algo a lectura? Valen para algo as matemáticas se xa temos móbiles con calculadora e computadoras que o fan todo? Para que estudar tanta matemática se con aprender a usar estes aparellos xa chega? Pero o certo é que as metemáticas están en todo... e senón vexan esta bitácora que nos recomenda CADOI: É francamente interesante

Saturday, 3 November 2007

Mulleres matemáticas


As mulleres aparecen na historia das matemáticas xa na antigüidade, e desenvolven hoxe unha actividade matemática maior que nunca. Por que, entón, non se citan mulleres matemáticas anteriores ao século XX? As razóns son un conxunto de barreiras sociais e culturais impostas, entre as que poderiamos citar, entre outras, as actitudes negativas que dubidaban das súas capacidades para a ciencia (por poñer algúns exemplos o filósofo Kant chegaba a dicir que era tan posible que unha muller tivese barba como que sentise preocupación pola xeometría; o matemático De Morgan consideraba as mulleres débiles e sen preparación física para actividades científicas),


Podedes imaxinar que chegaron a aparecer datos médicos que sinalaban que unha muller que pensase demasiado podía sufrir desviacións do sangue desde o aparello reproductor cara ao cerebro?.

O papel social que lle veu sempre imposto (criar fillos, cociñar, coser, coidar da familia...), fixo imposible que unha muller pensase sequera en iniciar o arduo e difícil camiño de chegar a tomar contacto con matemáticas superiores; ata logo da 1ª guerra mundial, era normal que a muller non puidese acceder a postos universitarios...
Podedes botar unha ollada a este vídeo que nos chega vía o blog Iguales en las 3000

Friday, 2 November 2007

Panocomic



Todo un descubrimento para a fin de semana. Podemos ser testemuñas do monólogo dun mozo namorado de Rio de Janeiro, malia todas as súas miserias e traxedias cotiás, mentres espera os seus amigos e contempla como cae a noite sobre a cidade desde a fiestra do seu apartamento. Cómic debuxado por Özi nunha soa viñeta coa orixinalidade de compoñer unha panorámica moi efectiva que se vai facendo visible a vontade do visitante. Unha idea excelente. Paga a pena unha visita.
via El País

O blog de alguén do Sánchez


."Manter un animal para comelo non está ben, aínda que troquémo-la súa carne na nosa propia carne; pero manter con agarimo un animal para levalo dispois á feira, paréceme unha mostra da ruindade humán. Un día de feira! Diñeiro, xuramentos falsos, meter burro por cabalo, comidas con pimento, pan reseso, viño cativo, tabernas acuguladas....A leda bullanga das feiras é tan mintireira como son as carantoñas do antroido, pois debaixo da ledicia hai tristura nos que venden e medo nos que mercan. O día de feira todos van de raposos e ninguén leva o corazón no peito, porque todos coidan que a xente de ben perde diñeiro nos tratos"...


Así empeza a primeira entrada de Enchente, o blog de alguén deste centro. Empezas forte con esta primeira entrada tan ben escrita. A partires de agora xa tes algúns lectores máis...

Wednesday, 31 October 2007

Non fixeron falta TICS

.
.
Seica os antigos celtas celebraban a festa do Samaín. Despedíase o ano e esa noite abríase a fiestra entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Facíanse fogueiras e poñíanse candeas dentro dun nabo ou dun calacú. Os irlandeses levaron a tradición aos Estados Unidos e de alí nós volve a festa do Halloween. Por aquí pasaron os romanos e despois a cristianización da festa pero algo quedou: o 1 é o día de Todos os Santos e o 2 o día dos defuntos. O 1 fanse en moitos lugares os magostos, coa castaña de protagonista; en Pontevedra hoxe na Praza da Verdura traballarase con calacús. E as ánimas dos defuntos son protagonistas da Santa Compaña e de moitos contos e lendas.
.
.
.
.
Por iso hoxe o alumnado de 1º ESO A/C apagou as luces e acendeu unha vela na clase de lingua galega... para entre todos contar os contos e as lendas que escoitaron dos seus pais e máis que nada dos avós e avoas, agradecéndolles que non deixasen perder as nosas tradicións. Seica hoxe moitos deles van xuntar coa familia e amigos a contar contos de medo. Boa celebración!

Tuesday, 30 October 2007

Un Plan Lector diferente

Para botar unha ollada cando as cousas non van todo o ben que quixésemos....

Monday, 29 October 2007

Senegal fast food

Un dos mellores temas dos cantantes de Mali, Amadou e Mariam, máis a inconfundible impronta de Manu Chao neste Senegal Fast Food. Fala de falsos paraisos, de expectativas, de visados, do que se deixa atrás cando decides montar nun cajuco e empezar outra vida. O malo é cando, en lugar de comezar, remata. Un video ben feito.

"il est maintenant, 5 heures zéro huit minutes"
C'est au Manhattan fast food Dakar Sénégal cinéma le Paris demain je serais parti
La gare Dakar Bamako mon p'tit y'a pas de problème
Tout vas bien aujourd'hui je me marie
J'ai confiance amour solo gao l'Algérie Tunisie Italie
Y'a pas de problème, j'aime au Manhattan fast food Dakar Sénégal cinéma le Paris
ascenceur pour le ghetto Il est minuit à Tokyo, il est cinq heures au Mali
Quelle heure est-il au paradis.Il est minuit à Tokyo, il est cinq heures au Mali
Quelle heure est-il au paradis
C'est au Manhattan fast food Dakar Sénégal,
la grand-mère à l'hopital dans tête tout vas bien Cairek, moi ici, toi là-bas, le visa au consulat Numéro 39, y'attends y'attends à l'étal civil déjà l'an 2000, déjà 2000 ans
Au Manhattan fast food Dakar Sénégal cinéma le Paris (cinéma le paris)....

Nesta ligazón a letra enteira e a tradución

Wednesday, 24 October 2007

Titoría para previr a homofobia nun IES de Madrid

O instituto Duque de Rivas de Madrid é pioneiro na organización dunha titoría para previr a homofobia na comunidade escolar. Nunha entrevista con Joaquín Álvarez, profesor que ten o gran mérito de promover esta interesante iniciativa, fálase de obxectivos tan de sentido común como:

Implementar adecuadamente unha educación sexual, que poña o acento non só na profilaxe, senón tamén na importancia dos afectos, sexan do tipo que sexan.


Falar sobre diversidade afectivo-sexual en todas as etapas do currículo. Traballar a igualdade entre homes e mulleres.
Combater o sexismo e a homofobia.
Explicar a beleza e a grandeza da diversidade. Traballar a Cultura da Non Violencia.

Mostrar referentes positivos de homosexuais e transexuais que contribuíron co seu traballo, ao longo da historia da humanidade, ao desenvolvemento cultural e científico.
.
Facilitar ao profesorado GLBT (gays, lesbianas, Bisexuais, transexuais) mostrarse como tal ante os demais, con respecto exquisito cara ao seu feito diferencial. Escoitar e atender ao alumnado GLBT, que demanden unha atención específica.
Estender as actividades formativas aos proxenitores do alumnado, facilitándolles a realización de cursos e talleres sobre resolución de conflitos con adolescentes, intelixencia emocional, e de orientación afectivo-sexual.

E tamén di:

"A homofobia é unha realidade nas aulas. O insulto que con maior frecuencia se repite en calquera centro educativo, é un epíteto ben coñecido. Hai distintos tipos de homofobia: Ás veces maniféstase dun modo violento, noutras ocasións, de xeito soterrado. O feito de que se siga sen visibilizar a realidade GLBT nos institutos e colexios españois é indicativo de que as sexualidades minoritarias seguen estando estigmatizadas. Moitos mozos e mozas sofren en silencio acoso por orientación sexual e non atopan nin no ámbito educativo nin no ámbito familiar, apoios para saír desa situación. Os dereitos humanos, séguense vulnerando, aquí e agora, en contornos que proclaman como idearios "o desenvolvemento integral do individuo", co silencio cómplice dos compañeiros? de pupitre e o que é máis grave, de responsables (?) educativos, que prefiren mirar para outro lado cada vez que se producen actos homófobos... ". (Fuente Pisando Fuerte)

Esta é a ligazón ao blog da titoría, onde proporcionan referentes positivos da homosexualidade e facilitan un correo para pórse en contacto cos responsables. Nesta ligazón hai unha interesante relación de recursos que proporciona este blog. Aquí podedes descargar o cómic que aparece na ilustración, e nesta ligazón pódese descargar unha unidade didáctica con máis información sobre o tema: películas, literatura, publicacións....en breve ambos documentos estarán a dispor de toda a comunidade escolar. Polo momento, aparte de "Homosexualidade e familia", que xa mencionamos nun post anterior, adquirimos recentemente estas dúas obras "Jim en el espejo" e "Sandra ama a Meike". Seguiremos informando.



Só resta felicitar aos responsables desta importante e, sobre todo, necesaria iniciativa.

Tuesday, 23 October 2007

Obradoiro de narrativa


AGRADECEMENTO Á ANPA DO NOSO INSTITUTO
Desde a Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura queremos manifestar o noso agradecemento á O Verxel, a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do centro por levar adiante o II Obradoiro de Narrativa. Aproveitamos a experiencia do ano pasado e tentaremos mellorar neste curso. Por iso estivo hoxe no centro o escritor Manuel Lourenzo, que tan grata lembranza deixou no alumnado do curso 06-07, e quedamos con el en que o martes 13 de novembro ás 10´40 o alumnado de Literatura galega do século XX e algúns "elixidos" máis ... na Biblioteca... comezarán o traballo de aprender a narrar con xeito.

Monday, 22 October 2007

GRAZAS

Máis de 1000 persoas no Pazo de Congresos en Santiago de Compostela que cambiaron un fin de semana de tempo marabilloso por falar, escoitar, compartir experiencias acerca do papel que desexamos poidan chegar a desempeñar as Bibliotecas Escolares de Galicia nestes confusos tempos en que os docentes temos tantas e tan diversas responsabilidades. Unha organización inmellorable grazas unha vez máis a Cristina Novoa e Pilar Sampedro, ás persoas responsables deste proxecto que xa é imparable. Moitas expectativas, moita ilusión, algunha cea inesquecible e unha chea de amigos cos que é un privilexio compartir tantas cousas.

De todos e todas vós aprendemos cada día. O equipo da biblioteca do IES Sánchez Cantón quere darvos publicamente as grazas. Aquí podedes ver o ambiente, a incrible cantidade de xente disposta a seguir adiante e, de paso, facer unha visita a A Nosa Biblioteca, un blog excelente e amigo.

Thursday, 18 October 2007

Traducir, Traicionar?

Unha breve nota con respecto á obra de Romeo e Xulieta que puidemos ver onte no teatro principal. Sabemos que a linguaxe utilizada polos amigos de Romeo e Xulieta, criados na versión orixinal, causou lóxica sorpresa pola súa crueza e alusións sexuais totalmente explícitas.
Ás veces os tradutores tómanse licenzas que fan que as obras de escritores moi celebrados, como é o caso de William Shakespeare, queden bastante desvirtuadas nalgún dos seus aspectos. Romeo e Xulieta sempre foi considerada polos grandes estudosos do xenial dramaturgo inglés como unha obra menor, que carecía da relevancia doutras traxedias máis celebradas como Othello , Macbeth, o King Lear...aínda así sempre gozou de gran popularidade entre o público e quedou como prototipo do amor desditado fronte ao destino cruel. Shakespeare estableceu unha clara diferenza entre a linguaxe dos criados, vulgar e cheo de expresións, por así dicilo, da rúa, e a linguaxe poetica, chea de cultismos e refinadas metáforas dos protagonistas principais. Na versión orixinal Mercuccio por exemplo é deliberadamente soez, con alusións explícitas a termos obscenos e cunha forte carga sexual. Dependendo do período en que a obra foi traducida, estas expresións fixéronse máis "aceptables" ou simplemente suprimíronse. Só en épocas relativamente recentes puidemos ter acceso a traducións máis fieis que refllicten e respectan na súa integridade o texto orixinal. Xulgade por vós mesmos.
Traducción de Ángel Luis Pujante, Premio Nacional de Traducción pola súa versión de The Tempest. 1998.
BENVOLIO: Ven, que se ha escondido entre estos árboles, / en alianza con la noche melancólica. / Ciego es su amor, y lo oscuro, su lugar.
MERCUCIO: Si el amor es ciego, no puede atinar. / Romeo está sentado al pie de una higuera / deseando que su amada fuese el fruto / que las mozas, entre risas, llaman higo. / ¡Ah, Romeo, si ella fuese, ah, si fuese / un higo abierto y tú una pera! / Romeo, buenas noches. Me voy a mi camita, / que dormir al raso me da frío.

Traducción do mesmo texto de Ramón Menéndez Pidal, publicada no ano 1967, en pleno periodo franquista.
BENVOLIO: Sígueme; se habrá escondido en esas ramas para pasar la noche. El amor es ciego, busca tinieblas.
MERCUCIO: Si fuera ciego, erraría siempre sus tiros. Buenas noches, Romeo.
Pois agora resulta que a versión que vimos onte axústase bastante ao orixinal e o gran Shakespeare tamén sabe ser vulgar e irreverente e iso, en determinadas épocas, non era presentable. Como é pouco probable que adquiramos de repente o don de linguas e poidamos ler a todos os autores que nos interesan en versión orixinal, dependemos do bo oficio dos tradutores, que, ás veces, poden caer na tentación de recrear a obra á súa vontade. Esperemos que xa non sexa certo aquilo de traduttore, traditore .
Podedes ver El traductor-Autor, de Luisa Pastor Martínez, o ensaio que consultamos para este post, se queredes máis información. Moi interesante.


Wednesday, 17 October 2007

Romeo e Xulieta

.

O amor e a traxedia nunha das obras teatrais máis coñecidas: Romeo e Xulieta. O enfrontamento entre familias e entre pandas de mozos, o destino que todo o dirixe. A obra de Shakespeare posta por Eduardo Alonso diante dos ollos da xente nova: música, vestiario, escenografía do máis actual con botellón incluído. Rapaces e rapazas de 4ª ESO B tiveron a oportunidade de ocuparen unha butaca no Teatro Principal para ver e escoitar a un grupo de actores novos encabezados pola experimentada Luma Gómez. Conseguiría Teatro do Noroeste con esta versión facer atractivo o teatro para a xente nova? Conseguiría achegar un clásico da literatura universal á sensibilidade do noso alumnado?

Na biblioteca temos a versión orixinal en inglés e en español... e na rede hai moita informac
ión

Tuesday, 16 October 2007

Cancións do mundo

Hoxe queremos recomendar a excelente colección Un Libro, un CD, Ed Kókinos que ofrece tres repertorios de cancións populares infantís en tres preciosos volumes ilustrados, con texto bilingüe, acompañados por un CD no que se recollen unha trintena de cancións.
Os seus títulos: Á sombra da oliveira (adicada ao Magreb e con textos en árabe e español), Cancioneiro infantil do papagaio . (cancións de Brasil e Portugal, en portugués/español) e Cancións infantís e nanas do baobab (adicada á África negra e con textos en español e nunha decena de linguas africanas). A profesora de música está encantada e pensando en todas a cousas que poderá facer con eles.


Ao final do libro todos os textos das cancións están comentados, explicando os seus referentes culturais, Por exemplo: ulah xaulah .

"Esta canción de berce de refinadísima melodía cántase dun xeito semellante á música árabe andaluza. O arrolo da nai, xunto coas palabras amorosas e repetitivas en forma de ladaíña, envolven ao neno en caricias..."

Monday, 15 October 2007

Pensando en rede

Aproveitamos este partido de fútbol tan especial para anunciar a inauguración de dous novos blogs de traballo do Departamento de Filosofía. Pode accederse desde Biblogteka, onde xa contabamos cos do Departamento de Lingua e Literatura Galega. Os novos blogs un para 2º Bac e outro para 1º bac, proporán moitas e diversas actividades: debates baseados en fragmentos tomados das obras de lectura recomendadas para este curso, comentarios a vídeos, temas de actualidade. Teñen moi boa pinta e iso que están recén estreados. O Departamento de Francés tamén anda moi animado, e desde o equipo de Biblioteca pronto reactivaremos o blog Cociña Cooltural para que forme parte, entre outras cousas, do proxecto interdisciplinar de 1º ESO, que ten como tema a alimentación. Xa vos avisaremos, a ver que pasa... Por certo, tamén estreamos Tabolerio no instituto para todos e todas aqueles que teñades algo que dicir.

Friday, 12 October 2007

Sinestesia: Cores que saben, sons que berran

Cando tiña tres anos, a Vladimir Nabokov regaláronlle un xoguete consistente nuns cubos de madeira de diferentes cores, cada un dos cales levaba pintada unha letra. Ao ver o cubo vermello, correspondente á letra A, o futuro autor de 'Lolita' reaccionou enfadado e díxolle á súa nai: «O A non é vermello, é azul». A súa queixa non foi un arrebato de precocidade poética; A súa discrepancia coas cores do xogo procedía dunha percepción meramente física: para el, os sons representados pola letras non só chegaban ao oído, senón que tamén eran portadores de cromatismo; isto é, entraban polos ollos.
O ocorrido a Nabokov era un fenómeno que sofren -ou habería que dicir «gozan»- cinco de cada 10.000 persoas: a sinestesia. Dáse cando os suxeitos, ao recibir a información pola canle dun dos cinco sentidos, experimentan reaccións propias doutro: é dicir, «mesturan sensacións», uns cheiran melodías, outros oen cores ou saborean números. Na maioría de casos non se trata de percepcións transitorias, froito de estados de alucinación ou sobreexcitación, senón sensacións claras e permanentes. Os neurólogos que estudaron o fenómeno non acaban de pórse de acordo na súa orixe. Para uns, débese ao comportamento de determinado tipo de conexións entre células cerebrais. Outros dan máis importancia a factores hereditarios, hipótese avalada pola frecuente existencia de varios sinestésicos nunha mesma familia. A nai do propio Nabokov, por exemplo, vía formas e cores ao escoitar música; e Dimitri, o fillo do escritor, tamén tiña impresións similares.
O interese da sinestesia como peculiaridade neurolóxica combínase co seu indiscutible valor como forza creativa. Eran sinestésicos o compositor Rimsky Korsakof como tamén o foi o pintor Vassily Kandinsky. Un paciente describía ao seu terapeuta os sons agudos da seguinte forma: «Vese algo como fogos artificiais vermellos e rosados; a tira de cor resulta áspera e desagradable; teñen un sabor horrible, como o do cogombro en conserva; podería un ferirse a man con iso».
Kandinsky consideraba aos sinestésicos uns seres envexables situados «na vangarda espiritual da humanidade». Quizais non estivese equivocado.

Moi interesante e documentada esta ligazón para os que queirades saber máis.

Thursday, 11 October 2007

Isto de facer a compra está cambiando

Unha empresa estadounidense encargou a Microsoft que deseñase unha nova aplicación para incorporar a uns mini-computadores para os carriños do súper. O “super-carriño” é quen de dirixir ao consumidor aos seus lugares favoritos do supermercado, xa que por medio dunha “tarxeta de fidelidade” vai saber o que acostuma mercar, a frecuencia da compra, que cantidades consome e mesmo os problemas de saúde do cliente e a súa familia.

Evidentemente esta información resúltalle de moita utilidade á cadea comercial que tamén se aproveita do invento para dar a coñecer ofertas, e publicitar certos produtos, ou sexa dirixir a nosa compra.

De cara ao consumidor dise que nun futuro, lendo o código de barras, poderá dar información sobre os compoñentes nutritivos dun alimento, país de orixe, envasado etc.

Haberá que estar pendente deste asunto porque vai ter máis repercusións do que pode parecer nunha primeira ollada, aínda que os medios de comunicación dan a noticia coma quen ofrece un caramelo.

En relación co tema da compra publicouse recentemente o libro Supermercados, non grazas que axuda a reflexionar sobre a forma en que compramos na actualidade e as consecuencias que isto ten. Está á vosa disposición na biblioteca.

Wednesday, 10 October 2007

Disidentes (so tired of you America)


Queremos poñer ao voso dispor a última obra de Naomi Klein A doutrina do Shock. Obra documentadísima na que ofrece as súas conclusións tras numerosas entrevistas e investigacións levadas a cabo nos últimos catro años. A súa principal conclusión é que o neoliberalismo salvaxe vai a miúdo da man de políticas gobernamentais afíns e pode chegar a utilizar desastres de todo tipo, naturais ou terroristas, como combustible da súa voracidade nos momentos en que as poboacións se senten máis indefensas.
A súa tese é que do mesmo xeito que tras un duro interrogatorio os prisioneiros quedan en situación de desorientación e vulnerabilidade extremas e dispostos a colaborar, igualmente as poboacións aterrorizadas estarían dispostas a seguir a aqueles individuos que aseguran ser os únicos apropiados para salvalas. Serían estes os mellores momentos para modelar as sociedades segundo os seus intereses. Temos o libro do trinque, recén traducido e adquirido, o aspecto é impresionante pola extensísima bibliografía e documentación. Moi interesante, provocador e sen dúbida polémico, como tamén o foi No Logo
, o anterior traballo desta activista canadense . A teoría de Klein sobre como avanzou o capitalismo global ata a súa agresiva fase actual impactou a Alfonso Cuarón, o director do inquedante filme Fillos dos Homes. Cuarón realizou unha chamativa curta de seis minutos, presentada no festival de Venecia e que ten gran forza visual, na que Naomi Klein resume a súa teoría. Paga moito a pena vela .


Este libro salvarache a vida é a última novela de A.M. Homes, unha escritora estadounidense que algúns se empeñan en cualificar de "bad girl" por ir ao centro dos asuntos perturbadores da condición humana en Estados Unidos e que outros consideran unha desas elixidas que transcende os adxectivos. Nela cóntanos a vida de Richard Novak, un millonario que non precisa traballar e vive nunha ultramoderna casa de Los Ángeles e que só mantén contacto coa súa asistenta, a nutricionista, a masaxista e a adestradora persoal. Pero de súpeto un par de sucesos illados devolverana á sociedade, á familia, á realidade tan peculiar desa cidade coa atmosfera evasada ao vacio de Hollywood na que Novak iniciará a súa peculiar singradura cara a unha nova vida. A novela, poboada por personaxes de carne e óso nuns ambientes tan cribles como absurdos, mestura o realismo máis cru coas aventuras máis estrambóticas. Este libro salvarache a vida é, unha vez máis, unha acertada aposta de Anagrama que entretén, emociona e divirte grazas á feroz e aceda pluma da súa autora.
.
E por último un dos nosos máis recentes e mellores desubrimentos musicais: Rufus Wainwright. Todo un personaxe coas características para converterse nun ídolo musical á antiga usanza: novo, atractivo, cunha vida intensa e tortuosa... e cunha voz indescritible e chea de matices. Wainwright é totalmente ecléctico e impredicible. Seguro que o oiríades sen decatarvos en numerosas bandas sonoras, como en Shrek onde canta o famoso Hallelujah de Leonard Cohen, ou en algúns dos temas de Brokeback Mountain, pero interésanos esta magnífica I'm going to a town que hoxe nos vén moi ben para este post. Nela evidénciase a suxestiva voz deste intérprete tan especial, que ten unha solidísima formación musical e se descolga con versos que máis ou menos veñen a dicir ..que canso estou de tí América... como te aproveitaches do amor que tanta xente che tiña...pensas que non te condenarás precisamente tí, que presumes de facer todo ben , tí que cubriches de sangue o corpo de Cristo?... Agora voume resarcir polo que nos contan no Sunday Times e nas cancións infantís e que son só mentiras.... Teatral, excesivo e orixinal este Mr Wainwright, encántanos a súa balada. Haberá que seguirlle a pista.

Monday, 8 October 2007

Durmir nos cibercafés


O equipo de En Portada da TVE 2 visitou, nunha interesante reportaxe, os cibercafés de Tokio onde pasan a noite un número crecente de persoas, moitas delas mozos e mozas que teñen contratos de traballo que non lles permiten acceder a unha vivenda.
Estes cambios na supostamente próspera sociedade xaponesa cun dos máis altos niveis de vida do mundo, son consecuencia da introdución en Xapón da economía neoliberal que levou á aplicación de medidas que chocan coas características do modelo empresarial xaponés. A reportaxe de En Portada explica como a tradicional economía de Xapón, moi protexida polo estado, vive agora unha transición cara ao modelo liberal no que as empresas privadas teñen un maior protagonismo e liberdade de acción.
Moitos xaponeses están tamén enoxados pola deriva nacionalista e belicosa que tomou ultimamente a facción ultra conservadora do Partido Democrático Liberal. Este partido que goberna o país dende o final da segunda Guerra Mundial, quere potenciar as forzas armadas, e sancionou a máis de 400 mestres por negarse a cantar o himno nacional nas escolas públicas, algo que o goberno fixo obrigatorio.
Os centos de cibercafés que se reparten por Tokyo ofrecen tarifas nocturnas especiais por 1.500 yens (uns dez euros), inferiores ás das pensións máis baratas da capital. Neses tipos de establecementos, cunhas instalacións sempre dunha limpeza inmaculada, o usuario dispón dun pequeno cubículo privado cun cómodo sofá reclinable, televisión e un ordenador de mesa con conexión a Internet, no que tamén se poden ver películas e xogar cos videoxogos.

Ademais, moitos destes centros dispoñen de coleccións de DVD e de cómics manga, baños comúns, máquinas dispensadoras de bebidas e comida para os seus usuarios e ata sillón para masaxes. Algúns destes negocios, conscientes das necesidades dos novos 'refuxiados de Internet' -como se lles coñece en Xapón-, chegan a vender roupa interior para que poidan cambiarse.
Aquí podedes ver o aspecto destas pequenas habitacións totalmente equipadas, abertas as 24 horas e que contan cada día con máis demanda para pernoctar. Que vos parece?. Que horror!

Saturday, 6 October 2007

A Voar

Insistindo na idea de todo o tempo que temos de máis...

Related Posts with Thumbnails