Os actos centrais de recuperación da memoria histórica deste ano completaronse o pasado fin de semana en San Simón coa celebración das xornadas "Mulleres con memoria. Exilios femininos". Tratouse a realidade das mulleres que tiveron que deixar a súa terra e as charlas enmarcáronse na liña de traballo "Mulleres e memoria", coa que a Consellaría de Cultura e Deporte leva a cabo diversas accións e actividades para ampliar os coñecementos existentes sobre o papel das mulleres galegas na loita durante a Guerra Civil, na resistencia no tempo da Posguerra e na súa vida fóra do país ao longo do tempo de exilio. Nas xornadas, coordenadas pola catedrática da Universidade de Santiago Aurora Marco, desenvolveronse unha serie de coloquios e conferencias a cargo dalgunhas das protagonistas do exilio, como Joaquina Dorado, Carmen Tagüeña, Dora Carcaño, Mariví Villaverde e Mª Teresa Alvajar; mulleres que tiveron que fuxir a lugares como Francia, Iugoslavia, Cuba e Arxentina. Tamén participaron a investigadora Antonina Rodrigo, especialista no papel das mulleres na II República, e a filla de exiliados Silvia Mestre. As xornadas pecháronse coa actuación das violinistas Laura e Mariña Quintillán, pertencentes a unha familia que sufriu o exilio e a represión.
fonte: Web da Consellería de Cultura e Deporte
No comments:
Post a Comment