Algo está a pasar nos ambientes pop rioplatenses: unha boa plétora de creativos artistas traballan nas dúas beiras do río tanguero tendo por obxectivo unha libre reelaboración da música popular. Dende o funk marciano de Martín Buscaglia até a canción intimista de Dani Umpi, todos eles escriben con efervescente singularidade. O músico que nos visita non é unha excepción. Curtido nos corsés do rock clásico, Pablo Dacal deixou a súa primeira banda, os Killer Burritos, aló polos anos 90 para, a seguir, defender un proxecto bizarro, vizoso e sorprendente: La Orquesta de Salón. Na súa música intuímos dende os ecos dun reivindicable Spineta até o sentimento bohemio do cabaret alemán da década dos vinte, sen nos esquecer da animada saudade do xenial Brassens. Cadencia popular, tendencia polifónica nos arranxos e moita sabedoría literaria: Pablo Dacal vén de editar o seu segundo disco, La era del sonido (Galileo MC, 2009), e visitará Galiza para presentalo. Acompañarao un dos seus colaboradores: o coruñés Xoel López.
Datas Previstas:
Xoves 1 de Outubro: La casa de arriba. Vigo.
Venres 2 de Outubro: Sá Karma. Pontevedra.
Sábado 3 de Outubro: O Flotante. A Coruña.
Luns 5 de Outubro: FNAC. A Coruña.
Ella ya está en la playa, con Xoel López.
2 comments:
Aquí seguimos Lois. Botámosche de menos coma sempre. Haberá que volver a facer algo, digo eu.
Bicos e sorte para este curso tan...non sei. As túas colaboracións todo un agasallo que seguimos esperando. Grazas e bicos
charo
Ola Charo
Dende aquí tamén se bota de menos esa estupenda biblioteca e os seus habitantes habituais, non vaias crer. E si, algo haberá que facer, perde coidado.
A ver se me esmero e fago máis entradas que o ano pasado... teño que recoñecer que me deixei levar pola preguiza.
Bicos.
Post a Comment