Wednesday 9 June 2010

Adeus á libraría Michelena

Se a alguén de Pontevedra de toda a vida lle din que vai desaparecer a Peregrina, ou a Ferraría ou o Lérez non o podería crer. Pois así estamos  porque a Libraría Michelena vai pechar xa. Para moitos e moitas era máis que unha libraría onde mercar ou encargar libros. Era un espazo de referencia, un lugar ao que tiñamos que acudir frecuentemente para falar, para mirar, para deixarnos aconsellar, para ver amigos, para tocar as novidades. Antes dunha viaxe había que pasar por alí para mirar cal era a mellor guía e cal novela estaba ben para levar. Tamén cando había que agasallar con libros, dicías idade e gustos do destinatario e xa che poñían na man varias posibilidades. Xa non digamos se tiñas meniños, ala, a Michelena para que sentasen alí na entrada (porque os libros infantís estaban na entrada como ten que ser) e se deixasen levar polos mundos da fantasía. Coa cidade que temos os pontevedreses para pasear, ir de terrazas, mercar… pasabas polos arredores e entrabas en Michelena: a ver que acto cultural había, que libro saíra ou mesmo que era de fulanito que hai que non o vías. Para todo había resposta. Calquera libro que pediras tomaban nota nunha libreta e milagrosamente aparecería en poucos días. E mesmo se tiñas tempo e te atrevías podías adentrarte polo longo corredor e descubrir mundos de libros ata chegar á fiestra que dá a Curros Enríquez. E moitas cousas máis.

O vaso derradeiro estaba cheo de despedidas (Manuel Antonio)

Será a crise? Será o libro dixital? Será o desprezo da cultura? Que será o que acabou coa libraría Michelena levándose un anaquiño de cada un de nós? Desde Mesturas convidamos os amigos e amigas a que manifesten as súas sensacións ante esta perda indicando o lugar desde onde nos mandan as condolencias. Graciñas

michelena

Fotogafía tomada hoxe

27 comments:

Isabel Vázquez / Moaña said...

Dende que me enterei que pecha a Librería Michelena teño un bó disgusto.Eu,ainda que xa non vivo ali, son de
Pontevedra, e recordo cando a abriro. Sendo estudiante, a cantidade de tempo que teño
disfrutado ali perdida entre os libros! Nesa época na maioría das librerías tiñan os libros detrás do mostrador. A Michelena foi a primeira
libraría na que vin un pequeno rincón para as tertulias. Ata entón solo sabía
desas librarías pola prensa. Lembro o seu escaparate cando o afundimento do Prestiga, cheo de
carteis de Nunca Mais. Sempre se significaron polo seu compromiso con Pontevedra e con
Galicia.
Sintoo verdadeiramente.

Isabel Vázquez/Moaña.

Charo Sánchez-Gabriel. Pontevedra said...

Cando cheguei a Pontevedra, hai xa anos, unha das cousas que máis chamou a miña atención foi a libraría Michelena. Para os que a coñecedes non é preciso facer ningunha descripción dese lugar tan especial e único. Unha
libraría das de verdade, das de fondo, das de tertulias, das de libreiros con moitísima personalidade e compromiso. Aínda non o podemos crer, pero pecha. Xa ten os andeis medio baleiros, xa non chegan nin chegarán máis novidades. Hoxe dixéronme que hai xente que entra, bica ao dono o aos empregados e chora. É que estamos de dó en Pontevedra. A libraría Michelena non foi quen de superar estes tempos tan duros. Unha pequena gran traxedia.

olga said...

Vémonos en Michelena!
Isa era a nosa frase ó chegar a Pontevedra.
Desde o outro extremo do mapa (Malpica) achegabamonos a Pontevedra, a Michelena, para VER, ULIR, CONVERSAR, ATOPAR, COÑECER...DISFRUTAR!!!
A primeira libraría da nosa filla. A dos agasallos, a dos descubrimentos.
Michelena pertenece xa ó noso imaxinario. E quedará sempre no noso corazón.
Onde iremos agora?

Humberto said...

Hai negocios que se superan a se mesmos e acadan un status moi difícil de conseguir,refírome ao de patrimonio da cidade. A nova do peche da libraría Michelena atrévome a cualificala de perda de patrimonio cultural. Non é un negocio máis. Alguén imaxina Pontevedra sen a cafetería Carabela ou Santiago sen o Derby? Ese status é o que acadou esta libraría. Un referente, un lugar moi singular. A súa desaparición simboliza o esmorecemento dunhas formas e unha atención que compiten mal nunha sociedade consumista, uniformizadora de gustos e ideas, politicamente correcta e con presas cara a ningunha parte. Curiosamente morre cando semella o principio do fin desa economía desbocada, neoliberal e especuladora. Ao mellor o decrecemento ao que imos necesitará unha nova Michelena para que serva de auténtica morada a moitos libros que gardan ideas e historias non aptas para calquera libraría. Que a lembranza da vella Michelena dea luz a unha nova Michelena onde queira que se poña.

Beni said...

Nunca pensei que chegaría o momento de despedirnos dun dos nosos referentes culturais, unha libraría que estivo conmigo na adolescencia, na época de estudante en Santiago, onde eu me achegaba a mercar aos clásicos grecolatinos, onde anos máis tarde mercaba os libros para os fillos, porque alí estaban ao tanto. Unha perda dun cachiño da nosa identidade cultural que se vai por culpa dos de sempre, dos que tal vez nunca mercaron un libro persoalmente.

Ronsel said...

Non podo falar da libraría Michelena como clienta. Podo falar do que significa o peche dunha libraría aquí e agora, da mágoa que producen os andeis baleiros, o po facéndose eco de palabras que ninguén quixo comprar para paladear. A tristura que envolve o espírito cando se fala da crise, da crise do espírito sempre anterior á crise do chiringuito. Que un negocio deba pechar sempre é triste. Que peche unha libraría é unha derrota para a humanidade.
Outra máis.

ogalego.eu said...

Pois péchanos a maior fábrica de soños da cidade. Na foto de Mesturas vemos un neno sentado nunha caixa de libros lendo un conto o día 9 de xuño ás 6 da tarde, está alleo ao mundo, soñando. Cada libro é un mundo e toda esa xentiña de nós (Cunqueiro) da imaxinación e do saber terá que mudarse porque xa non ten cabida na rúa Michelena. E atrás deles iremos Vitoria e Anxo porque sen libros non nos afacemos.

Marián said...

Cando algo se vai ao garete nas nosas vidas sentimos que un anaco de nós mesmos se esfuma, temos entón que iniciar un proceso de reconstrución para non quedar escorados ou á deriva. Imaxino que quen estivo tantas horas da súa vida mantendo Librería Michelena terá bastante que reconstruír e moitas persoas teremos que empuxar a carretilla para intentar levantar de novo todo o que se vén abaixo coa desaparición desta librería. ¡Querémosvos! ¡Ánimo Che!

Anonymous said...

María. Ourense. Que pena, a veces paso por Pontevedra y siempre me doy una vuelta por la librería.

Mario said...

Librería Michelena, Xuño de 1980.
Entro por primeira vez e compro "La consagración de la primavera". A ver quen me tusía! Aquel verán en Pontevedra foi Michelena, o Museo e Carpentier. Non os tiven moito mellores.

Paramio said...

Confieso que me horroriza ir de compras, pero también confieso que el único lugar donde no me entero del paso del tiempo es en las librerías. También confieso que cuando voy de viaje, a parte de llevar los libros conmigo, TENGO que ir a una librería del lugar en el estoy y llevarme, por lo menos, de recuerdo un libro, en el que anoto siempre la fecha y el lugar en el que lo escogí e, incluso, añado alguna que otra anotación, si es el caso.
Obviamente, cuando he ido a Pontevedra, entraba en Michelena, mi librería de referencia en esta ciudad. Y ¿ahora me dices que cierra? Nooooooo¡¡¡¡

aurora said...

Coñecín esta librería cando con 18 anos fun estudar maxisterio a Pontevedra. O que máis me gustaba daquela, e comentabao na casa, lémbroo perfectamente, era que alí "o libreiro sabía de libros...",e ademais sempre atopabas o que buscabas ou atopabas algo que non ías buscando. Nunha época da vida en que non podía gastar moito en libros... lembro ir algunha tarde simplemente a pasar un rato.Grazas pois aos libreiros e libreiras en xeral, que tanto contribúen ao fomento da lectura e a cultura. Desaparecerá a librería Michelena pero o seu labor permanece en todos os que a coñecimos.

mariluz said...

Vénme á cabeza "A caverna" de Saramago e o rexeitamento do centro comercial por parte do protagonista. A min pásame o mesmo: gústame ler e mercar os libros nas librerías de sempre, nas que o libreiro che dá liberdade para escoller mais tamén axuda e orienta na busca. Fronte ás grandes superficies que mesturan os libros co peixe, a roupa e as motoserras busco as tendas de sempre que miman o cliente e Michelena é así. Mágoa que teña que pechar!

mónica said...

Vaia merda de país! Supoño que en tempo de crise a opción educativa debería ser transmitir algo de esperanza, pero non podo evitalo...Ultimamente todas as novas inducen ao desalento. Só nos faltaba isto, arrasar cos referentes culturais...E xa está.

"Rexurdiremos como ave Fénix" dixo o libreiro. Percuraremosvos. Ánimo e mil grazas, Michelena.

Iago said...

Lembro cando tan só era un meniño e ía da man dos meus pais a Michelena. Chegabas e vías un corredor enorme que a medida que o percorrías aparecían recunchos nos que era imposible facer que a miña imaxinación non voara, o mostrador, esa pequena trampiña no chan enfronte das guías de viaxe, as escaleiras que dan á parte de arriba, a oficina e finalmente, e a miña preferida, a "parte de atrás". A cor da luz, os sons da xente falando, mesmo o olor facía dela unha estancia especial. Todo parecía sacado dunha novela.

Entristéceme moito que xa non poidamos gozar dela e sobre todo do grupo de persoas que fixeron que durante tantos anos Michelena fose a libraría de todos e para todos. Moitas grazas!

Ímosvos botar moito de menos!

Ata sempre Michelena!

Rosa Portela said...

Ás veces identificamos cousas e recordos con cheiros, Michelena non era só unha libraría, era das que ao entrar percibías aroma a libro antigo, a libreiro e a historia, mesturado en perfecta harmonía co novo e o técnico. Isto só é posible se quen a rexentan teñen unha mente o suficientemente ampla como para que todo teña o seu espazo, espazo no que haxa cabida a esa conciliación que define a cultura.
Grazas polo que achegastes a esta cidade, nela quedará o seu recordo, o seu cheiro?.. en definitiva, o cheiro da cultura e o progreso, que novamente co peche desta libraría levouse unha cambadela e sigo sen ter claro cal é a causa.
Grazas

Fina Casalderrey said...

Como diría Manuel María, teño un salouco que me enche todo o peito dende hai días. A palabra Michelena para min significa, por riba doutras connotacións,
LIBRERÍA, librería con libreiros que, coma o señor Coreander saben cal é o libro que precisas, mesmo sen o saberes ti. Eu teño ido alí, desorientada, cal Bastián Baltasar Bux, e, grazas a eses intrépidos corsarios dun dos oficios máis fermosos, saír co libro que precisaba para remendar urxentemente a miña ignorancia nun determinado tema. Pero é que ademais... a
Michelena... Uf!! Aí deixei eu o meu primeiro orixinal"Mutacións Xenéticas"
para que o recollese quen logo foi o meu primeiro editor. Por iso un día...
ata lles aparecín alí cunha empanada!, por me alimentaren o espírito, eu quixenlles alimentar o corpo.
Estes días a miña capacidade non da para máis, pero sei que, en breve, volverei sobre o tema, non por lles mandar unha aperta de gratitude a todos eles, que tamén, senón porque o preciso eu como un pataleo, un desafogo.
Que mágoa que os gobernos só se preocupen de "rescatar" bancos, verdade?
Un bico moi forte
Fina

Margariña Valderrama said...

Hai uns días alguén me comentou que pechaba a libreria Michelena. ¡Non o podía crer! Ata que unha voz amiga mo confirmou. A pesar de ir hoxe alí e ver cos meus propios ollos o que está pasando, sigo sen creelo. É como se alguén da familia estivera a piques de deixar de ser. Cantas visitas a este espazo cheo de riqueza, cantas palabras amables do Che, cantos consellos sobre un libro. As miñas fillas, María e Marga, atoparon alí o que lles facía soñar e tamén formarse. Despois foron os meus netos que, levados por mín, acostumbraronse a ir á Michelena con toda a frecuencia que podían. Primeiro foi Carmen, depois Pablo, Gonzalo, que cando viñan de Madrid era a súa visita obrigada, despois Sergio buscando sempre libros de piratas e fantasía... Para eles era unha festa ir a remexer nos libros para mercar un, que sempre acababan sendo dous ou se cadra tres.
Sigo sen crelo. E imos deixar que isto suceda.
Coa Michelena vanse moitas inquedanzas, moitas conversas, moita ledicia.
Grazas pola vosa dedicación, o voso servizo, a vosa amistade, o voso humor, ás veces corrosivo, e a sempre amable sonrisa do Che. vosa dedicación e do voso servizo.

Alexandre said...

Resulta paradoxal o feito de querer despedir unha libraría e non achar verbas para facelo. Vouno tentar do mellor xeito posible.

Poderíase falar, e de seguro falouse e seguirá a falarse, do que Michelena supuxo para a nosa cidade. Como di a introducción de Mesturas, Michelena é unha icona máis de Pontevedra. Pero non é iso o que me amola máis do seu peche. Para min supón unha perda a nivel persoal. Para min Che Dios, ese guerrilleiro e demiurgo dos libros, é un membro da miña familia e Michelena a súa casa. Ir mercar libros aló non era unha mera transacción; supuña ir visitar a alguén a quen quero e saúdalo e falar con el. Iso ten tanto valor para min, que o peche de Michelena síntoo como propio.

Che, grazas. O teu traballo é agora parte da memoria colectiva. Os que estivemos aló, levamos un anaquiño da túa libraría con nós.

marola e fillos said...

O que din a miña nai, a nosa avoa, é ben certo. Escribo no meu nome e dos meus fillos, carmen e sergio. Ogallá volte dalgunha outra forma a Michelena. Bicos pra todos eles.

Un lector said...

Boeno, eu tamen quero decir que votarei de menos esa libreria

Manuel García said...

Quero unirme ós que botarán de menos a Librería Michelena. Dame moita pena pasar por diante do escaparate e pensar que vai pechar pronto. Levo comprado alí moitos libros para os rapaces

Maria said...

Levo anos achando em falta a Michelena, porque só a desfrutei um ano, o que trabalhei em Pontevedra; mesmo assi, existia a possibilidade/realidade do reencontro, agora é impossível.
Nom será possível renaceres, Michelena?

Dionisio Pereira said...

Como non gosto do paseo concibido como unha mercadoría máis, as miñas visitas a Pontevedra ficaban reducidas ata hoxe a cinco motivacións: as burocráticas, "malgré moi"; as sanitarias, a cada máis frecuentes pola idade e polo mal servizo no rural; as alimenticias, porque é o primeiro mercado de peixe que atopo a man; as estéticas, porque aínda queda (e por pouco tempo) un barbeiro que sabe facer un corte sen importarlle modas ou pintas, e.....a darme unha volta polo corredor interminable de Michelena para mergullarme no seu fondo de "novidades perpetuas", no que sempre atopo algo que alegra o día, máis tamén para retomar unha paisaxe emocional que anime a desolada desmemoria consumista que o capitalismo, por toda parte, impón.
Agora, pecha e todos e todas xa a botamos en falla, mesmo antes de que os andeis queden valeiros....Ché, Vargas, ¿só queda resignarse?

cajas y cajones said...

Michelena segue a ser e seguirá sendo a librería que guíe os meus ollos e as miñas mans cada vez que me achego a calquera librariá, levo anos tendoa lonxe, pero cada vez que me achego a unha libraría sego buscando os libros do mesmo xeito que os buscaba nela, ali están na orden que teñen que estar o al menos na orden coa que crecín. Non hai en Madrid unha libraría coma ela! e agora tampouco poderei recuperalo gosto de remexer e pasar as horas no escalón do fondo... non primeiro foi na porta; ali cada sábado me agardaban novas páxinas: Cuando Hitler robó el conejo Rosa, todo Roald Dahl (esas páxinas polas que pasei e hoxe pasan sobriños e fillos... )e todas as páxinas que ali chegaron e dali sairon conmigo.
Seguirei sentindo cada vez que me achegue a unha libraría que estou no meu/noso mundo Michelena.

Anonymous said...

Dende Lugo vemos con verdadeira magoa como van desaparecendo faros que aínda aluman,como cada vez as Papelerías "comen" todo o que poden,como os nenos non teñen nin o máis mínimo interese en ver libros,telos nas súas maos....só queren compralos,e se lles cae unha lambonada,mellor,Porque,non nos enganemos,os libros hoxe mércanse nos centros comerciais.
Solidaridade cos traballadores e coa xente de Pontevedra,sempre boa anfitriona.

Lola

Anxo said...

Nun moi bo comentario Xurxo Ayán tamén se laia do peche da Libraría: http://galiciaconfidencial.com/nova/6024.html

Related Posts with Thumbnails