Sunday, 24 October 2010

Friol

A rapaciña que comeza esta reportaxe da TVE deberá andar polos 40 anos, non hai tanto tempo, aínda que non o pareza polas imaxes. Que cambiou nestes anos? podemos preguntarnos. Desde logo que hoxe non haberá tantos autobuses ás portas do grupo escolar, a poboación escolar baixou espectacularmente. E non todo foi para mellor, non hai máis que ver os comedores escolares tan ben organizados e abastecidos -logo desmantelados na era fraguiana e este curso con protestas de pais lugueses pedindo comedores-. A rapaciña que se encarga da casa e fala coma unha muller, a avoa que canta unha cantiga de berce en castelán diante das cámaras, a vida en galego fronte a toda a escola en castelán... tantas cousas que viviu a xente galega da aldea ata hai case nada... que pronto esquecemos as cousas! Por iso está tan ben este vídeo, para refrescarnos a memoria.

Atopamos o video en Friol, algo máis que pan e queixo.

Thursday, 21 October 2010

Pequenos universos.

The Nikon International Small World Photomicrography Competition acaba de facer pública a súa relación de traballos premiados para esta última convocatoria. Unha vez máis admiramos eses fascinantes mundos diminutos que, probablemente, xamais sexamos quen de percibir no noso ir e vir de todos os días. A que non vos imaxinades a quen retratan estas fotografías?. Saberédelo se pasades o cursor por encima delas.

Se queredes máis, encontraredes unha ampla escolma en The Big Picture

 

cristal de neve
alga marina
fibra de agata pulida

Savants

O chamado sindrome do savant ou savantismo é un trastorno , ao parecer, estrechamente relacionado co autismo. As persoas afectadas por esta síndrome teñen un extraordinario desenvolvemento de determinadas habilidades que, poderiamos dicir, conforman unha especie de sistema pechado, un código propio e independente da linguaxe, como as matemáticas, a pintura ou a música.

Non están moi claras as súas caus
as nin as súas características, do mesmo xeito que tampouco o están outros temas asociados a estes trastornos como as dificultades para avaliar o rendemento intelectual dos suxeitos autistas. Hai investigadores que defenden a idea de que os baixos resultados destas persoas ao pasar determinados tests de intelixencia débense simplemente a que non comprenden o que se espera deles, non son capaces de decodificar correctamente as preguntas ou instrucións por sinxelas que estas sexan. Isto explicaría, en parte, que os individuos afectados de savantismo teñan especialmente desenvolvidas as habilidades correspondentes a catro grandes áreas, en certo modo independentes da linguaxe. 
Confirmamos esta información en Wikipedia, onde efectivamente aparecen estas destrezas divididas nos mesmos catro grandes grupos:

• Arte (música, pintura e escultura): Caracterízanse por ser grandes intérpretes musicais, especialmente ao piano, pintores e escultores. Adoitan ter habilidades innatas para comprender e interpretar a música.
• Cálculo de datas: Algúns savant poden memorizar calendarios enteiros e recordar datos referentes a cada un deses días.
• Cálculo matemático: Capacidade para a realización de complexos cálculos matemáticos mentalmente, de forma instantánea e con gran precisión, por exemplo o cálculo de números primos ou a realización de divisións con 100 decimales.
• Habilidades mecánicas e espaciais: Capacidade para medir distancias case exactas sen a axuda de instrumentos, construción de detalladas maquetas, memorización de mapas e direccións...

Desgraciadamente, como ocorre co resto de persoas afectadas de autismo, é un trastorno que, ata o día de hoxe, ten o seu lado escuro: os inmensos escollos para relacionarse coa contorna e as enormes deficiencias nos procesos comunicativos fan que estas persoas teñan serias dificultades en levar vidas autónomas e son, a miúdo, disfuncionais e dependentes.

Os varóns savant superan seis veces en número ás mulleres.

Wednesday, 20 October 2010

Stephen Wiltshire. Síndrome do savant

Stephen Wiltshire é un artista británico. Ten autismo.
Se tedes ocasión de ver un vídeo do seu traballo quedaredes moi sorprendidos. Só con con mirar un lugar unha vez, é quen de plasmalo con todo luxo de detalles. Normalmente, percorre grandes cidades como Roma, Tokio, Hong Kong, Madrid … a bordo dun helicóptero e despois dun paseo relativamente curto, duns 30 minutos, é quen de lembrar e logo debuxar toda a cidade nun lenzo de 10 metros sen utilizar fotografías da mesma. A exactitude dos debuxos é impresionante.

Stephen, que tardou anos en aprender a falar un mínimo de palabras para poder comunicarse a nivel básico está diagnosticado co chamado síndrome do savant, peculiaridade dunha escasísima incidencia na poboación mundial (calcúlanse uns 100 individuos aproximadamente) que adoita estar relacionada con persoas afectadas de autismo.  Mañá contarémosvos algúns feitos que vos sorprenderán. De momento podedes botar unha ollada a este vídeo de Stephen. Se facedes clic nas imaxes podédelas ver ampliadas. Aquí tedes a ligazón a súa galería

Monday, 18 October 2010

María y yo

Incorporamos  a biblioteca do centro o libro “María y yo” de Miguel Gallardo. Trátase dun cómic en primeira persoa que fala do amor incondicional dun pai -o autor de cómic Miguel Gallardo- cara á súa filla María, unha nena autista.
Citamos do epílogo do libro:
”Moitos pais de nenos autistas sofren a escasa sensibilidade do mundo cara aos seus fillos. A nosa contorna cada vez é máis acelerada, máis ruidosa e impersonal. Cada vez menos apta para persoas cun exceso de sensibilidade ou que sencillamente teñen problemas e necesitan unha mínima xenerosidade. Este libro plasma caras de asombro, desgusto, rexeitamento cando María sofre e expresa o seu malestar en gritos, pellizcos ou medo. Caras que recoñecerán os pais que teñen fillos chamados diferentes e que senten esas miradas como ráfagas cravadas nos seus fillos ou neles mesmos. A ignorancia pode chegar a ser moi inxusta”.
Amaia Hervas Zúñiga
Directora da Unidade de Psiquiatría infnto-xuvenil do Hospital Mutua de Terrassa
.

O cómic ven de ser trasladado ao cine da man de Félix Fernández de Castro.
Aqui tedes unha curta realizada polo proprio Gallardo para a Fundación Orange.
Tamén un trailer do documental

Monday, 4 October 2010

As boas ideas e a súa orixe

Deberiamos ser quen de organizar as nosas escolas e institutos como espazos que fomentan a creatividade e a innovación e de conectalos a outras persoas e grupos que tratan de conseguir estes mesmos obxectivos.
Primeiro, con todo, deberiamos estar certos de que son estas algunhas das capacidades que queremos que o noso alumnado adquira durante os anos que pasan connosco ou, polo menos, propoñer algúns obxectivos que vaian máis aló das receitas para os exames de cada avaliación.
Son estas algunhas das ideas suxeridas en Where Good Ideas Come From.( “As boas ideas e a súa orixe” ) de Steven Johnson.
Paga a pena empregar algúns minutos en ver esta interesante animación.
Ouvimos falar deste autor en Assorted Stuff
Ver en Mozilla. En Explorer non funciona a ventana emerxente.
Se preferides Explorer

 

Related Posts with Thumbnails