“Antes de se converter en bandexa vivente para sushi, a muller é adestrada para permanecer deitada durante horas sen mover un músculo. Ademais, debe ser quen de tolerar a exposición prologada á comida fría. O vello corporal, incluido o púbico, debe estar totalmente depilado. Antes de servir a comida, a muller debe tomar un baño usando un xabón especial sen aroma, terminado con auga fría para baixar un pouco a temperatura do corpo. “
Acabades de ler un texto traducido da Wikipedia, pero hai unha ampla información na rede, se alguén está interesad@. Tamén moitos vídeos en Youtube con só teclear o nome do ritual que, por certo, tamén podemos solicitar en algúns restaurantes fóra de Xapón, ao parecer.
Trátase da tradición xaponesa do Nyotaimori. Non é unha práctica estendida pero pódese acceder a este tipo de delicatessen en certos restaurantes pagando sumas astronómicas. Supostamente, ademais do evidente pracer estético, con este orixinal método conséguese que a temperatura do sushi sexa totalmente perfecta. E a muller prato? Preguntarédesvos. Por favor, que mentalidade tan ríxida e puritana tedes. Non hai un pracer maior para ela que a total submisión, a perfecta atención ao cliente manifestada nunha inmobilidade absoluta durante o tempo que dure a degustación na que vai quedando progresivamente espida salvo un pequeno pano que apenas lle cobre a pube rasurada. Obrigada tamén é a absoluta ausencia de xestos e reaccións ante o que se di ou se comenta.
Sen palabras estamos.