Sunday, 23 January 2011

Había: con h, con b e til no i

Dende Mesturas temos o privilexio de publicar a carta completa que Elena Vázquez Sarandeses, alumna do noso centro, mandou ao Diario de Pontevedra para denunciar as graves irregularidades detectadas na redacción en galego das probas para os premios extraordinarios da ESO.

A súa valentía e lucidez extraordinarias son só merito seu.

A nós quédanos a inmensa sorte de tela no centro.

Parabéns Elena.

Es un exemplo marabilloso para tod@s nós.

Había: con h, con b e til no i

O día trinta de novembro celebráronse os premios extraordinarios da ESO, exame no que participan todos aqueles alumnos cunha media de máis de 9 nesta etapa. O exame consta de seis partes onde matemáticas, ciencias sociais e unha materia optativa, presentan un dobre formato no que por unha cara do folio o exame está escrito en galego e na outra está en castelán. Despois de ter feito o exame, tan só teño unha dúbida na miña cabeza, non é que desde que somos ben cativos nos ensinaron a non cometer faltas de ortografía? Non era que escribir incorrectamente denotaba non só un certo grao de incultura senón tamén de despreocupación? Ao comezar a ler os exames de matemáticas, historia e física e química, a ortografía brillaba pola súa ausencia. Estas faltas, como puiden comprobar ao tornar o papel, só se producían na versión en galego e non, non eran erratas, non era cousa de letras descolocadas senón que a penetración de palabras en castelán repetíase ao longo dos exercicios. O curioso é que ao outro lado do papel todo estaba correctamente escrito. Que pasa entón co galego? Pretendo deixar a un lado as ideas políticas, a polémica da supremecía dun idioma ou doutro, esquezámonos das imposicións e novas leis, na miña opinión anticulturais, e voltemos a aquelas clases de lingua, lembrémonos da monótona voz da nosa mestra, daquela musiquiña incesante que repetía unha e outra vez todas esas normas. Lembran? A miña intención é criticar a despreocupación do órgano que redactou o exame e que a Consellería de Educación se esquecese todas esas leccións que vimos de lembrar. Pois ben, isto indignoume e irritoume. Non só pola falta de atención da Consellería de Educación senón que non podo asimilar que os textos non estean perfectamente revisados e corrixidos xa que o nivel de importancia e seriedade é enorme. Como é que unha consellería pode permitirse a impresión de centos de exames sen que a pulcritude, a escrupulosidade e a limpeza gobernen nos textos de ditas probas? Cometíase a introdución da conxunción y, letra que nin existe no idioma, así como o cambio de artigos, aparecía una no lugar de unha e la no de a, omitíase a contración de con máis unha, no canto de país desenvolvido e subdesenvolvido, infiltrábase desenvolto e subdesenvolto. Ler aquel exame resultaba semellante a ler something como this, é dicir, the inclusión of outras words which veñen from outro language. Pode que sexa algo esaxerado, que si, que somos bilingües e entendemos perfectamente pero iso non fai que poidamos marxinar á seriedade. O peor é que isto non remataba aquí, xa non só foi cousa desa arrepiante inxección de vocábulos foráneos senón que, lendo a versión da terra, non fun quen de entender un dos problemas de matemáticas. A cousa falaba dun foguete que despegaba e había que representar unha gráfica coa altura á que chegaba. Ao final, dicía: “dende o eixe do chan é x”. Con todo o que dicía antes e o pouco que viña despois, non puiden comprender o que esa frase viña a dicirme polo que tornei o papel para comprobar se é que o meu pavor polas matemáticas facía que non entendese de que ía o problema ou, como ben supuxen, era cousa da redacción. En castelán dicía: “donde el eje del suelo es x”. Obviamente, hai unha moi clara diferenza entre dende e onde. Coido que como estudante galega que son, teño todo o meu dereito a poder ler, entender e facer un problema de matemáticas no meu idioma sen ter que darlle a volta ao exame. Resúltame frustrante este abandono do idioma, é un desprestixio cara á lingua e cara a todas esas persoas que se esforzan por defender o seu uso correcto, desde os máis galeguistas até os que non o son e, sinxelamente, saben que cometer faltas ortográficas implica ineptitude e incompetencia.

Aínda non podo proxectar a idea de como puido ocorrer tal cousa, deume a impresión de que o exame foi feito e revisado por completos ignorantes e, se se me permite, por uns túzaros agrestes que non coidan algo tan fermoso, singular e propio como o é unha lingua. Seica foi iso o que pasou...

Galicia Hoxe
País
Galicia Confidencial

10 comments:

Anonymous said...

Completamente dacordo. Só unha puntualización: ademais de unha falla de respecto polos galego-falantes, é un desprestixio para unha Consellería que ten a obriga de escribir con total pulcritude en ambas as dúas linguas. Como, se non, poder dicir logo que o noso alumnado escribe mal?
Noraboa, Elena, pola túa cordura.
Frianciño

Beni said...

Moitas grazas, Elena, pola túa valente denuncia.

olga said...

Alégrome de que os adolescentes tamén se escandalicen e ousen dicilo en voz alta. Ás veces paréceme que ninguén escoita estas tropelías.
Estou farta de tanto desprezo que nos encamiña á desaparición do idioma. Vexo morres verbas cada dia.
Os meus parabens a Elena, ós seus pais e ós seus profes.

Biblioteca said...

Premio extraordinario de sensatez e de valentía para Elena.
Noraboa e grazas por defender o que é noso.

Biblioteca Brea Segade
Taragoña

Chispa said...

É como os típicos contos de... ¿Sabes cal é o colmo da redación nunha proba para os premios extraordinarios da ESO? Que quen escriba a proba cometa faltas de ortografía.
O malo é que non é un conto típico, é unha típica realidade.
Se non vos importa, publicarémolo no blog de normalización. Parabéns para Elena.
Apertas desde a Biblio Xoán Farias.

O Segrel do Penedo said...

Os nosos parabéns a Elena por ese extraordinario exemplo de compromiso e valentía.
Por suposto, parabéns tamén a ese profesorado que está a formar cidadáns críticos e responsables.
Apertas dende Fene

ogalego.eu said...

Para que logo moitos maiores digan que a xente nova non pensa nin protesta. Elena é un exemplo que que hai futuro nos mozos e mozas galegos.
Beizóns, Elena.

charo said...

Non son da mesma opinión que ogalego.eu. Penso que cada vez hai máis xente maior e por desgraza máis xente nova que vai ao seu por egoismo ou por non ter ganas de complicacións. O máis doado e calar e deixar que as cousas vaian soas e así van as cousas, así imos nós. Por iso é que as persoas coma ti son impagables e imprescindibles.
Tes todo o meu respecto e admiración moza.

Nito said...

Grazas, a túa denuncia da folgos a aqueles que intentamos salvar da queima a nosa lingua. É abrainte a desidea que domina nestes "Políticos de pataco", non senten nen padecen, a cuestión para eles é ter cheo o papo

Niño da Curuxa said...

Eu tamén so podo dicir grazas, un grazas moi grande.

Related Posts with Thumbnails