Unha delicia este “O gran libro dos medos do rato pequeno” a nova entrega de Patasdepeixe, coma sempre coidadosamente elixida. Esta vez a autora seleccionada para a súa adaptación á nosa lingua é a ilustradora británica Emily Gravett. Tras unha acértadísima tradución-recreación, xa temos diante esta auténtica obra de arte que combina unha gran variedade de materiais como debuxos en branco e negro, collage, páxinas rasgadas, páxinas con papel furado polos propios ratos medorentos... cada páxina é unha aventura e o libro en realidade é un minicontenedor de inesgotables sorpresas.
Ademais, todas estas bromas visuais e verbais baixo a aparencia dunha orixinal mestura de noticias e anuncios, están combinadas dunha forma tan intelixente que poden ser perfectamente accesibles tamén para nenos que aínda non saben ler.
O atractivo do libro compleméntase co suxestivo do tema: o medo, as fobias. Esta circunstancia e a forma en que está tratada fano moi atractivo para un amplo rango de idade. Cada páxina está dedicada a unha fobia, algunhas reais, inventadas outras. Nin sequera esqueceron o detalle de deixar espazos en branco para que o afortunado posuidor poida anotar os seus particulares terrores.
Aproveitamos tamén para recomendar “ Coidado extraterrestres” a divertida tradución da obra de Benoît Jacques
En resumidas contas, outro acerto máis. Felicidades Patasdepeixe. Que saibades que valoramos o voso esforzo e profesionalidade. Tamén o voso excelente bo gusto.
1 comment:
Moitas grazas, Mesturas
Fainos moita ilusión que gocedes cos nosos/vosos libros.
Un saúdo!
Post a Comment