Tuesday 12 April 2011

ENCONTROS PLAMBE 2011

Xa é difícil organizar unhas xornadas de formación que cumpran cunhas  expectativas de rigor e utilidade para un grupo de persoas máis que numeroso.  Facelo de forma ininterrompida como fai a Asesoría das Bibliotecas Escolares Galegas ano tras ano é case imposible. Non negamos que a formación a distancia poida ter a súas vantaxes e hai exemplos que acreditan un custo menor e unha calidade aceptable pero nada pode substituir á necesidade de compartir experiencias e ver de cando en vez a outros compañeiros e compañeiras que fan nos seus centros un traballo inmenso moitas veces nunha soidade a miúdo difícil de soportar. Agradecemos o recoñecemento verbal da Administración pero esperamos que se traduza en estruturas organizativas que o expliciten porque, doutro xeito terminaremos por convencernos de que para os nosos gobernantes as bibliotecas escolares galegas son un adorno máis ou menos presentable pero sen ningún peso á hora de prever a organización dos centros e a correspondente dotación de persoal.  A primeira ollada é imposible negar que aumentan exponencialmente os centros integrados no PLAMBE. Con todo a quen levamos nesta irrepetible aventura desde os seus inicios, apénanos ver xa demasiados abandonos por cansazo, desánimo ou esgotamento. Haberá que estar alertas. Hai moitas formas sutís, non por iso menos efectivas, de facer que unha iniciativa dunha potencia dificilmente igualable, esmoreza e  se desvirtúe  lenta pero inexorablemente.

Ao buscar unha crónica do evento non dubidamos nin un momento en recorrer á nosa compañeira Loly Lago seguros de que no seu Segrel atopariamos o relato máis fiel do que alí sucedeu. Como sempre cumpriu e superou as nosas expectativas.

Aquí a tedes:

Onte, e como xa ven sendo habitual nestas xuntanzas dos centros que formamos parte de PLAMBE, a labor da Asesoría de Bibes Galegas foi excelente. Excelente pola organización, (xefas, fantástica esa comida no campeiro...!!), @s magnífoc@s poñentes, -como sempre tamén nestas ocasións, tiñamos "o corasón partío " nas sesións simultáneas, así que decidimos ir ao obradoiro de Kiko da Silva no que xurdiu o que pode ser o Proxecto do vindeiro curso- (a cabesiña, que non para....!) o ambiente que se crea entre os asistentes, as reunións dos grupos de zona... todo sen excepción perfecto!! Parabéns Cristina e Pilar polo voso bo facer!!

Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".
E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?
Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos". Do extraordinaria que foi para el a descuberta da escrita. Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...
Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías de vello da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.
A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa
Fundación...
Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino
"
Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".
Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.
Grazas Don Xosé!!

Ligazóns do artigo vía Asesoría
Programa dos Encontros clicando no cartel.
Todo sobre estes Encontros, no
espazo Moodle no que se pode entrar como convidado.

As imaxes teñen a mesma fonte: O Segrel do Penedo

plambe2011

 

4 comments:

A Biblioteca do Colmeiro said...

Suscribo as vosas palabras.
Saúdos dende Silleda.

Anonymous said...

http://prezi.com/u46rbbcv_51m/lois-pereiro/

Dept.Biblioteca said...

Compatimos a vosa chamada de atención, estaremos alerta ante o desánimo. Polo de agora bo traballo.
saúdos desde POIO, Anxos.

MESTURAS said...

Grazas aos tres. Que sorte que andedes por aí

Related Posts with Thumbnails