Monday, 11 May 2009

Dicionario de escritores de Deza

Mágoa non poder ter asistido á presentación do Dicionario de escritores de Deza da nosa querida amiga Gracia Santorum no museo Ramón María Aller Ulloa de Lalín. O libro está editado por Fervenza e fai un percorrido polos creadores literarios da comarca desde a Idade Media. Que ledicia ver na reportaxe do acto a tanta boa xente reunida en torno a ela nun día tan especial por tantas e tantas razóns. Parabéns Gracia. Había moita máis xente con vós da que aparece nas fotos.

Así de ben fala e así de guapa aparece na entrevista da Voz de Galicia

Aínda que non debía ser eu quen escribise disto, por motivos evidentes, e por non estar Anxo para estes labores, tentarei ser o máis obxectiva posible para falar de algo que, claro está, me atinxe demasiado directamente. Sei que estades agardando pola crónica, pero graciarealizala asepticamente vai ser un traballo arduo.
Este venres, día 8, celebrouse o acto de presentación do recén editado "Dicionario de Escritores de Deza", da miña autoría. Creo que non me equivoco se a palabra que utilizo para definilo é "emotividade". Emotivo pola cantidade de xente que me arroupou, emotivo pol@s amig@s que alí se deron cita (ata plambeir@s!!!), emotivo pola presenza de Anxo a pesar de todo, emotivo polos meus pais, tan maiorciños eles, emotivo polas palabras de Mario, emotivo polo alumnado e ex-alumnado, emotivo pola música... Ao final, as bágoas agochadas fixeron acto de presenza, non podían faltar, convidadas de pedra. Quizais demasiado emotividade para a presentación dun libro, non si?
Tres partes tiña en mente cando abordei o meu "discurso": agradecemento, o proceso de elaboración do libro, e a lectura. Sabía, ademais, que pretendía que este día fose totalmente diferente, de aí a presenza de Diego Rojo co seu laúde, e a sorpresa pactada con Celsiño para que viñese a contarnos un conto. E nestes dous puntos creo que acertamos sen discusión: Diego puxo un signo de distinción coa súa música e Celsiño uns risos máis que necesarios para limpar as bágoas dos meus pais. Teño que destacar un momento: a aperta da miña nai no medio do acto; o meu amigo Marcos comentoume despois que se emocionara tanto que lle daba vergoña que lle visen as bágoas, pero puido comprobar que non era o único.
Gustaríame destacar, por suposto, as palabras do meu benquerido prologuista Mario Pereira. Abraioume na presentación, porque non só falou do libro, senón que asegurou humildemente que a súa presenza debíase tan só ao meu cariño, un cariño fundado no noso común amor polos libros, pola lectura, polas bibliotecas escolares. Falou de escritos futuros, e ata nomeou este blogue compartido con amor con Anxo. Un luxo telo ao meu carón.
Grazas a tod@s por compartir comigo este día tan especial.

Algúns dende a distancia, incluso.”

Se queredes fotos

1 comment:

Ronsel said...

Vés de me sacar as cores. E mira que non é doado!!!
Moitas grazas. Sabes que te botei de menos. Moito.
Unha aperta chea de emoción.

Related Posts with Thumbnails